Wikipedia:Edita con afouteza
Esta páxina é un ensaio, non se trata dunha política ou guía oficial. Contén recomendacións ou opinións dun ou máis usuarios da Wikipedia. Algúns ensaios representan normas e usos amplamente aceptados pola comunidade, mentres que outros só representan puntos de vista minoritarios. Os ensaios teñen unha función orientativa e informativa, mais en ningún caso normativa. |
A Wikipedia anima a todas as persoas que a consultan a que teñan afouteza e se lancen a completar a enciclopedia. As wikis, como a nosa Galipedia, desenvólvense máis rapidamente cando todo o mundo axuda a arranxar problemas, corrixir a ortografía, engadir información, redactar axeitadamente etc. Sería fabuloso que todo o mundo se lanzase e axudase a facer da Wikipedia unha enciclopedia mellor. Cantas veces liches un artigo e pensaches «por que esta páxina non está corrixida ou se amplía»? A Wikipedia non só che permite crear, revisar e modificar artigos: agardamos que o fagas. Isto require que todo o mundo actúe cunha certa responsabilidade, pero funciona. Xa o verás! Naturalmente, outras persoas modificarán o que escribas aquí. Non o tomes a mal! Como todas as persoas que xa colaboramos, só desexamos que sexa a mellor enciclopedia posible.
Igualmente, cando vexas un problema nunha páxina de conversa, non te resignes a ser unha simple espectadora. Lánzate, opina e axuda a resolvelo!
Lanzarse á piscina
[editar a fonte]Aínda que a audacia das persoas colaboradoras é un dos activos da Wikipedia, tamén é importante que teñan sentido común e non editen de forma temeraria. Calquera cambio que fagas e non saíse ben pode ser revertido, xeralmente sen problemas. Procúrase non desmoralizar as persoas editoras con cambios revertidos ou modificados substancialmente. Pero hai algúns cambios significativos que poden permanecer moito tempo e que poden ser máis difíciles de arranxar se xorde a necesidade. Se dubidas, simplemente pide axuda sen medo.
Posiblemente é máis fácil decatarse de que algo non está ben, máis ca saber exactamente o que estaría ben. Non é un requisito que todo o mundo se lance. Despois de todo, comentar que nun artigo hai algo incorrecto pode ser o primeiro paso para arranxalo. Amais, é certo que os problemas seguramente se arranxarán, e probablemente de forma máis rápida, se alguén é afoutado abondo como para intentar facelo por si mesmo.
Como se adoita dicir, lánzate... pero asegúrate de que a piscina ten auga!
Páxinas que non son artigos
[editar a fonte]Aínda que animamos aos editores a que sexan atrevidos á hora de modificar artigos, ás veces é necesaria unha certa precaución cando se trata doutros tipos de páxinas que non son artigos. Este tipo de páxinas identifícanse polo prefixo de espazo de nomes. Por exemplo, esta mesma páxina, Wikipedia:Edita con afouteza, ten o prefixo «Wikipedia:»; se se chamase simplemente Edita con afouteza (sen prefixo) sería un artigo.
Poden aparecer problemas por diferentes motivos usando o espazo de nomes fóra do principal dos artigos. Cómpre saber cales son eses posibles problemas para decidir ata que punto te atreves a lanzarte.
Espazo Wikipedia
[editar a fonte]A precaución de «non lanzarse temerariamente á piscina» cómpre tela en conta cando se trata de políticas e normas da Wikipedia, onde os puntos importantes poden estar expresados dun xeito determinado que reflexa o consenso acadado, en ocasións logo de moito traballo, e que non pode ser obviado por aquelas persoas que descoñecen o fondo da cuestión. Nestes casos adoita ser preferible propor antes os cambios substanciais para discutilos. Por suposto, sempre é recomendable arranxar de inmediato os erros de ortografía e gramática, así como mellorar os puntos que non sexan claves e non desvirtúan o significado.
É unha boa práctica explicar os cambios nas páxinas de conversa do espazo Wikipedia. Se non hai obxeccións, quedará constancia do motivo dos cambios como referencia posterior sen necesidade de andar a repetir os argumentos.
Espazo Modelo
[editar a fonte]Lanzarse a facer cambios en modelos pode ter consecuencias de grande alcance. Isto débese a que os cambios nun modelo poden afectar a un gran número de páxinas cunha soa modificación; amais algúns modelos forman parte de sistemas extensos e uniformes de modelos, como as táboas ou os borradores. Por outra banda, os modelos poden ter un código fonte complexo que se pode romper facilmente con cambios non probados (aínda que afortunadamente se poden recuperar cunha simple reversión).
Por estes motivos, moitos modelos amplamente utilizados poden estar protexidos de forma indefinida para non modificalos. Antes de modificar un modelo, pensa en propor os cambios na páxina de conversa correspondente, e se é o caso, anuncialo no Wikiproxecto correspondente.
Espazo Categoría
[editar a fonte]Crear categorías novas ou reorganizar a estrutura de categorías pode supor cambiar moitas páxinas. Considera as directrices sobre categorización, e sobrecategorización, e se o que estás a facer se podería considerar controvertido (especialmente se afecta a persoas vivas), entón propón antes os cambios.
Espazo Ficheiro
[editar a fonte]Atrévete a incluír información na descrición dunha imaxe existente. E ten en conta que os ficheiros novos deben subirse con nomes novos en vez de cargar unha nova versión sobre unha imaxe vella para evitar confusións.
Espazo Usuario
[editar a fonte]En xeral, non está recomendado modificar a páxina de usuario doutra persoa ou os comentarios deixados nas páxinas de conversa (agás os propios, pero, mesmo así, con prudencia). Desfacer os vandalismos sempre é oportuno, tamén nas páxinas de usuario. Os usuarios e usuarias afectadas xa vos farán saber se consideran oportunos os teus cambios e se deches ou non información correcta.
Espazo Portal
[editar a fonte]Para cambios de deseño, bótalle un ollo á sección seguinte. Fíxate en que o esquema de cores utilizadas en portais pode non ser necesariamente arbitrario. Por exemplo, un portal relacionado cun país pode utilizar as cores da bandeira propia. É unha boa práctica propor antes os cambios de deseño na páxina de discusión.
Cambios de deseño
[editar a fonte]Cómpre ter coidado antes de facer cambios importantes no deseño de certas páxinas que non son artigos. É mellor probar antes os cambios (na páxina de probas do teu espazo de usuario ou nunha subpáxina da páxina en cuestión), e discutir o cambio proposto con outros editores antes de levalo a cabo. Cando diferentes usuarios editan o deseño destas páxinas, os diferentes planos poden estar en conflito e a páxina pode empeorar máis ca mellorar.
Isto pasa especialmente en páxinas altamente visitadas, como as ligadas desde as caixas de navegación á esquerda da pantalla. Adoitan usar formatos complicados para transmitir a súa información e poden requirir certo esforzo para facelos cómodos de usar ás persoas usuarias. Amais algunhas páxinas pertencen a coleccións cun formato pensado para ser uniforme. Non se deberían facer cambios non consensuados no deseño destes tipos de páxinas. Os exemplos inclúen a Páxina Principal (que nalgún caso se protexe de forma permanente), o Portal da comunidade ou o grupo que consta de Portal:Contidos e as súas subpáxinas. Isto non se aplica a artigos ou portais normais.
Como exemplos poden citarse a Portada (que está permanentemente protexida), o Portal da comunidade, a páxina de artigos de calidade, a páxina de actualidade ou a Portada. Non é o caso de artigos ou portais enciclopédicos.