Xoán I Tzimisces
Nome orixinal | (el) Ιωάννης «Τσιμισκής» Κουρκούας |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | c. 925 (Gregoriano) Constantinopla, Turquía |
Morte | 10 de xaneiro de 976 (Gregoriano) (50/51 anos) Constantinopla, Turquía |
Causa da morte | doenza |
Lugar de sepultura | Constantinopla |
Emperador bizantino | |
11 de decembro de 969 – 10 de xaneiro de 976 ← Nicéforo II – Basilio II → | |
Actividade | |
Ocupación | gobernante |
Período de actividade | 969 - 976 |
Familia | |
Familia | Dinastia macedônica (pt) |
Cónxuxe | Teodora |
Fillos | Theophano Kourkouas |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Enciclopedia militar Sytin Meyers Konversations-Lexikon, 4ª edición (1885–1890) |
Xoán I Kourkouas, chamado Tzimisces (en grego: Ioannes "Tzimisces" Kourkouas, escrito Ιωάννης «Τζιμισκής» Κουρκούας), viviu c. 925 - 10 de xaneiro de 976 e foi emperador bizantino desde o 11 de decembro de 969 ata a súa morte.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nacera cara a 925; o seu pai era da familia Kourkouas e a súa nai dos Focas. Ambas eran distinguidas familias de Capadocia, de orixe posibelmente armenia, e contábanse entre as máis destacadas da emerxente aristocracia militar de Asia Menor. Varios dos seus membros serviran en altos cargos militares, entre eles o irmán da súa nai, Nicéforo Focas.
As fontes contemporáneas describen a Xoán como unha persoa de pouca estatura física pero forte, cos cabelos louros avermellados, barba e ollos azuis, que resultaba moi atractivo. Parece que entrou no exército sendo moi novo, primeiro baixo o mando do seu tío materno Nicéforo, o cal é considerado tamén o seu instrutor na arte da guerra. En parte debido ás súas conexións familiares e en parte grazas ás súas habilidades persoais, Xoán ascendeu con rapidez. Obtivo o mando político e militar da provincia de Armenia antes de cumprir os vinte e un anos.
Na época en que o Imperio estaba en guerra co seu veciño oriental, o califato abásida, Armenia era a fronteira entre ambas potencias, e Xoán logrou defender con éxito esta provincia. El coas súas tropas uníronse ao corpo principal do exército que loitaba contra o inimigo baixo o mando de Nicéforo Focas. Nicéforo significa "portador da vitoria", e este xustificou o seu nome cunha serie de vitorias que lle permitiron estender a fronteira cara ao leste coa toma dunhas 60 cidades fronteirizas, entre elas Alepo. Cara a 962, os abásidas pediron un tratado de paz favorábel aos bizantinos, que aseguraba as súas fronteiras durante varios anos. Xoán distinguiuse durante a guerra tanto en accións xunto ao seu tío como no mando dos seus propios corpos de exército. Era bastante popular entre as súas tropas, e gañouse a reputación de tomar a iniciativa no campo de batalla, logrando cambiar o curso dalgunhas batallas. Por todo iso, considerábaselle unha especie de heroe militar.
O 15 de marzo de 963, o emperador Romano II morreu inesperadamente á idade de vinte e seis anos. A causa da súa morte resulta dubidosa: tanto as fontes contemporáneas como os historiadores posteriores opinan que o novo emperador esgotou a súa saúde cos excesos da bebida e da súa vida sexual, mentres que outros sospeitan que a súa esposa, a emperatriz Teófano (c. 941 - logo de 976), o envelenou. Teófano xa entón se gañou unha reputación como muller intelixente e ambiciosa, posteriormente estenderíaa á súa falta de escrúpulos para conseguir os seus fins. Antes da súa morte, Romano coroara como coemperadores aos seus dous fillos: os futuros emperadores Basilio II e Constantino VIII. Pero entón, Basilio só tiña cinco anos e Constantino tres, e por iso non podían asumir os deberes propios dos seus títulos. Teófano, xa que logo, foi nomeada rexente.
Pero non se lle permitiu gobernar soa. Xosé Bringas, un eunuco e alto funcionario de palacio, que chegara a ser conselleiro principal de Romano, mantívose no seu posto. Segundo as fontes contemporáneas, Bringas pretendeu conservar nas súas mans o poder decisorio para os asuntos de importancia, no canto de que este recaese na xove emperatriz. Tamén tratou de facerse con parte do poder que estivera en mans de Nicéforo Focas: o vitorioso xeral fora aceptado como o xeneral en xefe do exército e mantiña intensas conexións coa aristocracia. Bringas temía que Nicéforo puidese reclamar o trono co dobre apoio do exército e da aristocracia. As intrigas de Bringas durante os meses que seguiron fixeron que Teófano e Nicéforo se aliasen na súa contra: sen que este o soubese, a emperatriz nai e o xeneral comezaran a negociar entre eles.
Tras apoiar ao seu tío materno para que este ascendese ao trono como Nicéforo II e para recuperar as provincias orientais do Imperio, Xoán perdeu o seu poder por mor dunha intriga, por iso aliouse con Teofania, a esposa de Nicéforo, para asasinalo.
Elixido gobernante no seu lugar, para xustificar a súa usurpación Xoán concentrou todas as súas forzas na loita contra os invasores estranxeiros do Imperio. Nunha serie de campañas contra a recentemente establecida potencia rusa de Kíiv (970-973), expulsou os inimigos de Tracia, atravesou o monte Haemus e asediou a fortaleza de Dorystolon no Danubio. Tras varias batallas derrotou aos rusos de tal modo que o consideraron señor dos búlgaros orientais.
Ademais reforzou a súa fronteira setentrional levándose a Tracia algunhas colonias de bogomilos sospeitosos de proximidade aos sarracenos do leste. En 974 volveuse contra o Imperio abásida e recuperou con facilidade algúns territorios do interior de Siria e un tramo medio do Éufrates.
Morreu repentinamente en 976, retornando da súa segunda campaña contra os sarracenos. O seu sobrenome parece derivarse do armenio tshemshkik, que significa "bota vermella".
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Xoán I Tzimisces |
Imperio Bizantino | ||
---|---|---|
Segue a: Nicéforo II |
Xoán I Tzimisces | Precede a: Basilio II |
Dinastía Macedonia |