Xulio Formoso
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 14 de xullo de 1949 Vigo, España |
Morte | 6 de novembro de 2018 (69 anos) Madrid, España |
Causa da morte | cancro infarto agudo de miocardio |
Educación | Universidade Central de Venezuela |
Actividade | |
Ocupación | cantautor, enxeñeiro, artista visual, músico, compositor, escritor |
Descrito pola fonte | Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada |
Xulio Formoso, nado en Vigo o 14 de xullo de 1949 e finado en Madrid o 6 de novembro de 2018,[1] foi un cantautor galego-venezolano que practicou a canción de corte social. A pesar de ter feito temas en galego, a maior parte da súa traxectoria desenvolveuse en Latinoamérica, sinaladamente en Venezuela. Ademais de compositor e músico, Formoso era enxeñeiro civil graduado pola Universidade de Santa María de Caracas e enxeñeiro de sistemas da UTSA en San Antonio de Texas.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo do xornalista Julio Formoso, estudou o bacharelato en Vigo e en Bueu. Para reencontrarse co seu pai, exiliado desde principios da década dos 50, trasladouse xunto coa súa familia a Venezuela no ano 1965, país que xa non abandonará máis que en breves estadías. O seu debut na música produciuse co LP recompilatorio Galicia canta no ano 1970, producido en Caracas coa participación, entre outros, de Farruco Sesto Novás e Celso Emilio Ferreiro. A pesar de compartir o traballo con outros cantautores galegos, o seu protagonismo no mesmo foi especial, xa que se lle adicou toda cara B do disco, con seis temas. O LP considérase o seu primeiro traballo, e tamén será o único integramente en galego, lingua que pasou logo a un lugar secundario en prol do español.
No ano 1971 entrou no grupo teatral Rajatabla, para o que compuxo distintos traballos musicais, como Tu país está feliz (1971) unha obra do brasileiro Antonio Miranda e o musical Venezuela tuya (1972) do Luis Britto Garcia. No mesmo 1972, e con letras de Farruco Sesto Novás, saca o seu primeiro traballo persoal, titulado Xulio Formoso. No ano seguinte viaxa por toda Latinoamérica, feito que lle inspira o disco Chipi Manahuac, con influencias andinas, pero no que aparecen tamén cancións con letra de Celso Emilio Ferreiro. Conseguiu saír de Chile pouco antes do golpe de estado de Augusto Pinochet, deixando inconclusa unha gravación inspirada na cultura chilena. Tamén creou a música para Jesucristo astronauta, outra obra de Antonio Miranda, que foi representada tamén por Rajatabla.
No 1974 fixo a súa primeira incursión na música infantil, participando da obra de María Elena Walsh El elefante volador. Ese mesmo ano grava o disco La canción que va conmigo, título inspirado por un verso de Celso Emilio Ferreiro, do que tamén aparecen poemas musicados. A politización da súa música intensificouse: foi expulsado da República Dominicana despois dun recital nunha cadea e máis adiante integrouse na campaña do Partido Socialista Venezolano, na que colabora como músico.
En 1975 aparece o seu traballo Guillén el del son entero, inspirado na obra do poeta Nicolás Guillén e de influencia cubana. Tamén participa como músico e actor na obra El séptimo ángel, de Ernesto Cardenal, e nun programa para a televisión venezolana baseado en Celso Emilio Ferreiro e o seu poemario Longa noite de pedra. No 1976 publica Levántate Rosalía, inspirado na obra do poeta Aquiles Nazoa. No 1977 serán dous traballos os que vexan a luz: Soles y centauros, ambientado na conquista de México por Hernán Cortés, e Chile, fuego y poesía, un traballo en honor da resistencia antifascista chilena.
No ano 1979 aparece Amantes de ningún lugar, en colaboración con Farruco Sesto Novás, o seu último traballo desta primeira etapa. Nese mesmo ano pasa a cursar a carreira de Enxeñería Civil na Universidade de Caracas, abandonando progresivamente a súa actividade musical. No 2002 gravou o CD dobre en vivo En el J.B. Plaza e en xuño de 2007 foi nomeado Presidente da Fundación Centro Nacional do Disco (CENDIS) polo goberno de Venezuela.[2] Un dos primeiros discos gravados por esta institución foi Anda suelto el animal (Box) (2008), produto da colaboración entre Formoso e Farruco Sesto.
Discografía
[editar | editar a fonte]Álbums
[editar | editar a fonte]- Galicia Canta (Pobovox, 1970)
- Tu país está feliz (Souvenir, 1971)
- Xulio Formoso (Souvenir LP-1383, 1971)[3]
- Chipi Manahuac (Londres LPLS-77947, 1973)
- Jesucristo Astronauta (Palacio LPS-2064, 1973)
- La canción que va conmigo (Londres - LPS-88169, 1974)
- Guillén el del son entero (Polydor 30.164, 1975)
- Levántate Rosalía (Londres - LPS-002, 1976)[4]
- Fuego y poesía (Polydor - 825 451-2, 1977)[5]
- Soles y centauros (Londres LPS - 001, 1977)[6]
- Amantes de ningún lugar (Agua Mansa - LPS 001, 1978)[7]
- Primeras canciones (Polydor 632 416-3, 1978)
- En el J.B. Plaza (Independiente, 2002)[8]
- Cantata a Bolívar (CENDIS [9], 2004)[10]
- Anda suelto el animal (box) (CENDIS, 2008)[11]
- Anda suelto el animal (selección) (CENDIS, 2008)[12]
Artista plástico e escritor
[editar | editar a fonte]En outubro de 2008 fixo a exposición Objetos dispersos na Galería Red de Arte, de Caracas,[13][14] con debuxos e pinturas de gran formato encadrado dentro do movemento artístico de pop art.
Desde 2007 colaborou como columnista e articulista en diversas publicacións culturais.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Morre Xulio Formoso, o galego venezolano de Voces Ceibes". Sermos Galiza. 7 de novembro de 2018. Arquivado dende o orixinal o 23 de xaneiro de 2019. Consultado o 7 de novembro de 2018.
- ↑ Xulio Formoso designado presidente del Centro Nacional del Disco. Ministerio del Poder Popular para la Comunicación e Información de la República Bolivariana De Venezuela.
- ↑ "Xulio Formoso (disco)". La Venciclopedia: Venezuela de la A a la Z (en castelán).
- ↑ "Levántate Rosalía". La Venciclopedia: Venezuela de la A a la Z (en castelán).
- ↑ "Xulio Formoso (disco)". La Venciclopedia : Venezuela de la A a la Z (en castelán).Venciclopedia: Discos de Xulio Formoso. "Fuego y poesía"
- ↑ "Soles y Centauros". La Venciclopedia : Venezuela de la A a la Z (en castelán).
- ↑ "Amantes de ningún lugar". La Venciclopedia: Venezuela de la A a la Z (en castelán).
- ↑ "En el J.B. Plaza". La Venciclopedia: Venezuela de la A a la Z (en castelán).
- ↑ Página oficial del Centro Nacional del Disco (CENDIS)” Arquivado 28 de abril de 2011 en Wayback Machine.
- ↑ "Cantata a Bolivar". La Venciclopedia: Venezuela de la A a la Z (en castelán).
- ↑ "Anda suelto el animal (Box)". La Venciclopedia: Venezuela de la A a la Z (en castelán).
- ↑ "Anda suelto el animal (selección)". La Venciclopedia: Venezuela de la A a la Z (en castelán).
- ↑ Exposición individual en Caracas[Ligazón morta]. Ministerio del Poder Popular para la Cultura. 3 de outubro de 2008.
- ↑ Xulio Formoso y su estrategia Pop Art[Ligazón morta]. Fundación Red de Arte. 2009.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Xulio Formoso |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Formoso, Xulio". Dicionario biográfico de Galicia 2. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 109.
- Formoso, Xulio (2005). Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- Francisco R. Pastoriza (10/11/2018). "En el adiós a Xulio Formoso". Faro de Vigo. El Sábado (en castelán) (1.093). p. 1.