Zhan Guo Ce
Zhan Guo Ce (戰國策) | |
---|---|
Título orixinal | 戰國策 |
Autor/a | Anónimo |
Orixe | China |
Lingua | Chinés clásico |
Xénero(s) | ficción histórica |
Editorial | valor descoñecido |
Data de pub. | Século I a.C. |
[ editar datos en Wikidata ] |
Zhan Guo Ce ou As estratexias dos Reinos Combatentes (chinés tradicional: 戰國策; chinés simplificado: 战国策; pinyin: Zhàn Guó Cè; Wade-Giles: Chan4 Kuo2 Ts'e4), tamén coñecido como Os anais dos Reinos Combatentes, é un texto chinés antigo que contén anécdotas sobre estratexias militares e políticas empregadas durante os Reinos Combatentes (s. V-III a.C.).[1] É unha obra importante deste período, xa que describe as súas características socio-históricas, así como as estratexias e concepcións políticas da Escola da Diplomacia.
Historia
[editar | editar a fonte]Descoñécese con certeza a autoría do Zhan Guo Ce. En xeral, considérase que o libro non foi escrito por un único autor. É probable que fose composto por Su Qin (380-284 a.C.) e os seus colaboradores, antes de chegar ás mans de Liu Xiang (77-6 a.C.). A diferenza de moitos clásicos anteriores aos Qin, a súa autenticidade non foi posta en dúbida dende a dinastía Han do Oeste. O primeiro en considerar os textos como apócrifos foi o compilador da Siku Quanshu Zongmu Tiyao (四庫全書總目提要, "Bibliografía anotada dos Catro Tesouros", 1798), pero sen ofrecer ningunha xustificación. En 1931, Luo Genze argumentou que o libro fora composto por Kuai Tong. Porén, Zhang Xincheng refutaría esta idea posteriormente.[1]
Liu Xiang descubriu varias versións de textos da Escola da Diplomacia durante o seu traballo de editor e corrector das coleccións imperiais. Estas obras estaban en mal conservadas, con palabras e contidos ilexibles ou confusos. Liu Xiang editounas nun novo libro baixo o título Zhan Guo Ce.
Durante os séculos seguintes, perdéronse fragmentos importantes da obra. Zeng Gong, da dinastía Song, atopou algúns capítulos perdidos, editando a versión actual. No ano 1973, exhumáronse novos textos escritos en teas durante a escavación das tumbas de Mawangdui, preto da cidade de Changsha. Estaban redactados en escrita de selo e en escrita clerical. As transcricións realizáronse probablemente arredor do 195 a.C., pouco antes do seu enterramento.[1]
Contidos
[editar | editar a fonte]Zhan Guo Ce conta a historia dos Reinos Combatentes dende a conquista do clan Fan polos Zhi en 490 a.C. até o intento de asasinato de Qin Shihuang perpetrado por Gao Jianli en 221 a.C.
Os capítulos están constituídos por anécdotas que ilustran diversas estratexias e enganos empregados polos Reinos Combatentes. Dado que o obxectivo é fornecer información política xeral máis ca presentar toda a historia do período, non hai unha periodización anual como nos Chunqiu (春秋, "Anais de primaveras e outonos"). Porén, as historias están reunidas cronoloxicamente polos reinados durante os que sucederon.
O libro comprende unhas mil duascentas palabras, divididas en trinta e tres capítulos, cun total de catrocentas noventa e sete seccións.
Crítica literaria
[editar | editar a fonte]Os aspectos intelectuais da obra foron obxecto de controversia debido á súa énfase na fama e os beneficios, e a súa discrepancia coa ideoloxía confuciana. Neste sentido, parece esaxerar as contribucións históricas da Escola da Diplomacia.
Por outra banda, o libro non ten pretensións de adecuación histórica. Dende o século XII, críticos coma Chao Gongwu ou Gao Sisun debateron sobre a clasificación da obra como documentación histórica, e houbo intentos de categorizala noutros xéneros. En 1936, académicos coma Zhong Fengnian argumentaron que o libro consiste nun manual de estilo da Escola da Diplomacia.[1]
Traducións
[editar | editar a fonte]- Bonsall, B.S. (c. 1920). Records of the Warring States.
- Crump, J. (1970, 1996). Chan-Kuo Ts'e. Clarendon Press.
- Crump, J. (2022). Legends of the Warring States: Persuasions, Romances, and Stories from Chan-kuo Ts'e. University of Michigan Press.
- Hu, M. (2022). Oratory and Democracy in China: Four Dialogues from the Annals of the Warring States. Hermits United.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- 《戰國策》(Chinese Text Project)
- Records of the Warring States 戰國策 (tradución de B.S. Bonsall)