Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                

Calendario hebreo

O calendario hebreo (הלוח העברי) ou calendario xudaico é o calendario anual usado no xudaísmo. Determina as datas das festas xudías, os textos da Torá apropiados para a lectura pública, os Iahrdseits (a data para conmemorar a morte dun familiar), e os salmos diarios específicos que algúns len normalmente. Téñense usado dúas formas do calendario: unha forma baseada na observación usada antes da destrución do segundo templo no ano 70 e baseado nas testemuñas que observaban as fases da lúa, e un a partir dunha norma que describiu Maimónides no 1178 d.C., que foi adoptado durante unha transición dende o ano 70 ata o 1178.

A forma "moderna" é o chamado calendario lunisolar, semellante ao calendario chinés, que mide os meses segundo os ciclos lunares e os anos tendo en conta os ciclos solares, distinto do calendario islámico puramente lunar e do calendario gregoriano case enteiramente solar. Pola diferenza de 11 días entre doce meses lunares e un ano solar, o calendario repítese nun ciclo de 19 anos de 235 meses lunares, cun mes lunar extra cada dous ou tres anos, cun total de sete veces cada dezanove anos. Como o calendario hebreo foi desenvolvido na zona sueste do mar Mediterráneo, as referencias ás estacións reflicten os tempos e o clima do hemisferio norte.

Historia

editar

Período bíblico

editar
 
Mosaico dun zodíaco na sinagoga de Beit Alpha, Israel, do século VI.
 
Detalle dun calendario hebraico medieval, que lles lembraba aos xudeus que a rama de palmeira (Lulav), a ramiña de mirto, as pólas do salgueiro e o limón (etrog) tiñan que ser levados á sinagoga durante a festa do Sucot, preto das vacacións de outono.

Os xudeus levan usando un calendario lunisolar dende tempos bíblicos. O primeiro mandamento do pobo xudeu como nación foi o de determinar a Nova Lúa. O principio do capítulo 12 do Éxodo di "Este mes (Nisán) é o primeiro dos meses.". É máis frecuente na Biblia que os nomes dos meses aparezan en número máis que en nome e só catro nomes de meses de antes do éxodo aparecen na Tanagh (a Biblia hebrea): Aviv (o primeiro; literalmente "primavera", pero orixinalmente puido significar a madurez da cebada), Dsiv (o segundo; literalmente "luz"), Etanim (o sétimo; literalmente "forte" en plural, quizais referido ás fortes choivas), e Bul (o oitavo), todos son nomes cananeos, polo menos dous son fenicios (Canaán do norte). É posible que nun principio todos fosen identificables por números xudaicos ou por nomes estranxeiros cananeos ou fenicios, pero non aparecen outros nomes na Biblia.

Máis aínda, debido a que os anos solares non poden ser divididos usando meses lunares, débese engadir un mes intercalado para previr que os ciclos se afasten da primavera, aínda que non hai mención directa na Biblia. Hai pistas que din que o primeiro mes (Nissan) comezou sempre coa madurez da cebada; segundo algunhas tradicións, en caso de que a cebada estivese verde aínda, un segundo último mes sería engadido. Soamente despois foi posible o establecemento dunha regra, o Adar I de hoxe.

Exilio en Babilonia

editar

Durante o exilio babilónico, xusto despois do 586 a.C., os xudeus adoptaron nomes babilónicos para os meses, e algunhas seitas, como os esenios, usaron un calendario solar durante os dous últimos séculos antes de Cristo. O calendario babilónico foi descendente directo do calendario sumerio.

Nomes e duración dos meses

editar
nomes hebraicos dos meses cos seus análogos babilónicos
Número Nome en hebreo Duración Nome en babilonio Notas
1 Nisán / Nissan 30 días Nisanu chamado Aviv no Tanakh
2 Iiar 29 días Aiaru chamado Ziv no Tanakh
3 Siván 30 días Simanu
4 Tamuz 29 días Du`uzu
5 Ab 30 días Abu
6 Elul 29 días Ululu
7 Tishrei 30 días Tashritu chamado Eitanim no Tanagh
8 Queshván 29 ou 30 días Araghsamna tamén escrito heshván ou marheshván (heshván acedo); chamado Bul no Tanagh
9 Quislev 30 ou 29 días Quislimu escrito Kislev ou Chislev en inglés
10 Tevet 29 días Tebetu
11 Shevat 30 días Shabatu
12 Adar I 30 días Adaru Só nos anos bisestos
13 Adar / Adar II 29 días Adaru

Durante os anos bisestos Adar I (ou Adar Alef — "primeiro Adar") hai un mes extra, de 30 días. Adar II (ou Adar Bet — "segundo Adar") que é o "auténtico" Adar, e ten 29 días, como é normal. Por exemplo, un ano bisesto, a festa do Purim é en Adar II, non en Adar I.

Era do Segundo Templo

editar

En tempos do Segundo Templo, o principio de cada mes lunar era avisado por dúas testemuñas que vixiaban a saída da nova lúa. O patriarca Gamaliel II (c. 100) comparou estas contas cos debuxos das fases da lúa. Segundo a tradición, estas observacións foron feitas contra os cálculos da principal corte xudía, o Sanedrín. Se un segundo Adar era preciso ou non dependía da condición dos camiños que usaban as familias xudías para o Pésagh, do número de años que debían ser sacrificados no templo e das espigas de cebada necesario para os primeiros froitos.

Unha vez decidido, o principio de cada mes era anunciado primeiro a outras comunidades con sinais de lume, mais dende que os samaritanos e unha facción dos saduceos comezou a acender falsos lumes, enviábase un mensaxeiro ou shaliagh. A imposibilidade de avisar a comunidades fóra de Israel ata un día despois levou a comunidades a celebrar festas de dous días no canto dun, tendo así un segundo día de diáspora xudía pola incerteza de se ese mes tiña 29 ou 30 días.

Dende os tempos dos amoraim (séculos III a V), os cálculos incrementáronse, como os de Samuel o astrónomo, quen afirmou durante a primeira metade do século III que o ano tiña 365 días, e segundo os "calculadores do calendario" ao redor de 300. Jose, un amora que viviu durante a segunda metade do século IV, afirmou que o Purim, día 14 do mes de Adar, non podía ser nin sábado nin luns, de non ser que o 10 do mes de Tishri (Iom Quipur) caese en venres ou en domingo. Isto indica un número fixo de días en todos os meses dende Adar ata Elul, implicando tamén que o mes extra xa era o segundo Adar engadido ante o Adar normal.

Era romana

editar

As guerras entre os xudeus e os romanos dos anos 66–73, 115–117, e 132–135 causaron unha grande disrupción na vida xudía, afectando tamén ao calendario. Durante os séculos III e IV, fontes cristiás describen o uso de ciclos lunisolares de oito, dezanove e de oitenta e catro anos, todos ligados aos calendarios civís usados por diferentes comunidades da diáspora, quen foron illados do Levante e do seu calendario oficial. Algúns asignaron festividades xudías aous días do calendario solar, pero outros usaron epacta para especificar cantos días antes das datas importantes do calendario solar comezaban os meses lunares.

Calendario xudeu alexandrino

editar

O cómputo cristián de Etiopía (usado para calcular a Pascua) describe detalladamente o calendario que debeu de ser usado polos xudeus de Alexandría preto da fin do século III. Estes xudeus formaron unha comunidade relativamente nova nas secuelas da aniquilación (por asasinato ou escravización) de todos os xudeus por orde do emperador Traxano a finais da guerra de Quitos dos anos 115–117. O seu calendario usaba as mesmas epactas in ciclos de dezanove anos que chegaron a ser canónicas no cómputo da Pascua usado por case todos os cristiáns medievais, xa sexa no occidente latino ou no oriente bizantino. Só aquelas igrexas máis aló das fronteiras do Imperio de Oriente cambiaban unha epacta cada dezanove anos, causando que catro Pascuas en 532 anos fosen diferentes.

Período de transición

editar

O período entre os anos 70 e 1178 foi unha transición entre as dúas formas, coa adopción gradual das regras características da forma moderna. excepto polo número moderno de ano, as regras acadaron a súa forma definitiva ao redor do ano 820 ou, non se sabe moi ben cando, antes do ano 920. O calendario moderno non se pode usar para calcular datas bíblicas porque as datas da nova lúa poden estar equivocadas por ata catro días e os meses poden estar cunha descompensación de ata catro meses de diferenza. As últimas contas para a intercalación irregular (engadido de meses extra) foi realizada en tres anos sucesivos a principios do segundo século, segundo o Talmud.

Evidencias da adopción das regras modernas

editar

A tradición popular, dita por primeira vez por Hai Gaon (†1038), mantén que o calendario continuo moderno era antigamente un segredo coñecido só por uns sabios, o "comité do calendario" e que o patriarca Hilel II revelou no ano 359 debido á persecución cristiá. Nese ano, o sabio Hilel II perfeccionou os cálculos e métodos coñecidos, e estabeleceu os mecanismos de embolismo do ano utilizados até o día de hoxe, que foron corroborados polas últimas e máis modernas observacións astronómicas. Os devanditos cálculos xa eran coñecidos desde centos de anos atrás, pero até aqueles tempos preferíanse os métodos empíricos para estabelecer o comezo do mes -dúas testemuñas que tiñan que testemuñar ante o gran Sanedrín que viran o nacente da Lúa- e o comezo da primavera, en base á maduración dos cereais sementados e á chegada do equinoccio de primavera (o 20 de marzo no hemisferio norte), que é a data en que o día e a noite teñen a mesma duración; mentres que o almanaque era utilizado en caso de impedimentos, como días nubrados.

 
Flavio Valerio Constantino, chamado Constantino I o Grande (272 - 337). Mosaico bizantino, igrexa de Santa Sofía, Istambul (antes, Constantinopla, na súa honra)

Crese que a razón pola cal publicou Hilel II o calendario hebreo tal como se utiliza desde os seus tempos até os nosos días provén dunha das decisións tomadas polo Cristianismo no primeiro Concilio de Nicea, celebrado o ano 325, a instancias do emperador Constantino I o Grande. Segundo a tradición cristiá, Xesús de Nazaret foi crucificado o Venres Santo, coincidente co venres da Pascua xudía. O Concilio decidiu desvincularse do xudaísmo tamén neste aspecto, e prescindir da necesidade de pescudar ano tras ano, a data exacta da Pascua xudía. Para ese efecto, estipulouse que o primeiro día da Pascua cristiá, o Domingo de Ramos, se celebre o primeiro domingo logo da lúa chea, inmediatamente logo do equinoccio de primavera. Cabe destacar que ao independizar o calendario litúrxico cristián do hebreo, perdeu o primeiro a flexibilidade e o equilibrio que caracterizan a este último, o que terminou causando, co correr dos séculos, o traspaso da Pascua cristiá para o inverno, desfase que houbo de ser corrixido ao cabo dun milenio polo papa Gregorio XIII, por medio do seu calendario gregoriano.

De todos os xeitos, a decisión de Nicea espertou o temor entre os xudeus da época, que os cristiáns lles prohibisen anunciar os comezos de mes e os embolismos de cada ano, indispensables para o normal discorrer da vida xudía; e de aí a necesidade dun calendario preestablecido de antemán e aceptado por todas as diásporas do pobo xudeu. Aínda así, o Talmud, que non chegou á súa forma final ata máis ou menos o ano 500, non menciona o calendario continuo nin nada tan mundano como os ciclos de dezanove anos ou a duración dos meses, aínda que fala das características dos calendarios anteriores.

Aínda máis, as datas xudaicas dos tempos post-Talmud (especificamente nos anos 506 e 776) son imposibles coas regras modernas e tamén toda evidencia do desenvolvemento de regras aritméticas do calendario moderno en Babilonia nos tempos dos Gueonim (séculos VII e VIII), coa maioría das regras modernas ao redor do ano 820, segundo o astrónomo musulmán Muḥammad ibn Mūsā al-Ghuārizmī. Unha diferenza notable era a data da época (o punto de referencia fixado no ano 1), que nese tempo era un ano despois da época do calendario moderno.

Controversia acerca da Pascua do 4682 Anno Mundi

editar

As regras babilonias requirían o atraso do primeiro día de Tishri cando a lúa nova aparecía tras o mediodía.

En 921, Aarón ben Meir, unha persoa descoñecida doutro modo, intentou o retorno da autoridade para o calendario de volta a Israel afirmando que o primeiro día de Tishri debía ser o día da nova lúa agás se a lúa ocorría máis de 642 partes (35 veces dous terzos de minuto, onde cada "parte" é 1/1080 de hora, 1/18 de minuto ou tres terzos de segundo) tras o mediodía, cando debía ser atrasado un ou dous días. Podía estar afirmando que o calendario debería ir acorde coa hora de Xerusalén no canto da de Babilonia. A hora local do meridiano de Babilonia suponse que ía 642 partes máis tarde que o calendario de Xerusalén.

Unha explicación alternativa para as 642 partes é que se a Creación ocorría en outono, para coincidir coa observación de Rosh Hashaná (que marca o cambio do ano no calendario), a data calculada para a nova lúa durante os seis días da Creación era o venres ás 14 horas exactamente (contando dende o día anterior comezando ás 6 da tarde). Aínda así, se a Creación en realidade ocorría seis meses antes, na estación da primavera, a nova lúa tería ocorrido ás nove e 642 partes do mércores. Ben Meir puido crer, igual que outros estudosos xudeus antes ca el, que a creación sucedeu en primavera e que as regras do calendario foron axustadas 642 partes para encaixar na data do outono.

Todo o que dicía era rexeitado por Saadiá Gaón. Só unhas poucas comunidades xudías aceptaron a opinión de ben Meir e incluso eles pronto cambiaron de idea. Contas sobre a controversia mostran que as regras do calendario moderno (agás as da época) estaban en uso antes de 921.

No ano 1000, o cronista musulmán al-Biruni tamén describiu todas as regras modernas e especificou as tres épocas diferentes usadas por varias comunidades xudaicas diferenciándose por un, dous ou tres anos na época moderna. Finalmente, en 1178 Maimónides describiu todas as regras modernas, incluíndo o ano moderno da época.

Cando comeza o ano?

editar

Segundo o Mishná (Rosh Hashaná 1:1), hai catro días que marcan o comezo do ano, con propostas diferentes:

  • Os meses están numerados dende o Nisán, reflectindo o comezo do Éxodo 12:2, "Este mes será para vos o comezo dos meses", e Nisán marca o comezo do ano para propósitos civís.
  • O día máis comunmente chamado de "Aninovo" está marcado no primeiro día de Tishri, cando o número de ano aumenta en 1 e se celebra o festival de aninovo Rosh Hashaná .Tamén marca o novo ano para certas leis agrícolas.
  • O mes de Elul comeza o ano para diversas cuestións relacionadas cos animais.
  • Tu Bishvat ("o 15 de shevat (ט"ו בשבט),") marca comezo do ano para as árbores.

Podería haber un eco de controversia no Talmud porque a resposta á pregunta de se o mundo fora creado en Tishri ou en Nisan, é en Tishri.

Calendario moderno

editar
 
O "Calendario da comunidade xudía alemá" para o ano 5591 (1831), que incluía "todas as festividades, xaxúns e pregarias, así como as feiras dos estados de Brandeburgo e Silesia" - Berlín, 1831

O calendario hebreo comeza coa Xénese do mundo, que aconteceu o día luns 7 de setembro do ano 3760 a.C. -segundo a tradición xudía-, data equivalente ao 1 do mes de Tishrei do ano 1. Deste xeito, o ano gregoriano de 2005 equivale ao ano hebreo de 5765. Para converter un ano do calendario gregoriano ao seu correspondente hebreo, basta con sumar ou restar a cifra de 3760 (2005 + 3760 = 5765); ou ben, sumar as tres últimas cifras do ano hebreo, 1240 (765 + 1240 = 2005).

Época

editar

A época do moderno calendario hebreo é 1 de Tishri AM 1 (AM = anno mundi = no ano do mundo), que en calendario xuliano proléptico é luns, 7 de outubro, 3761 a.C., a data tabular equivalente (mesmo período de luz solar). Esta data é ao redor dun ano antes da data tradicional da Creación o 25 de Elul AM 1. (Unha opinión minoritaria pon a Creación o 25 de Adar AM 1, seis meses antes, ou seis meses despois da época moderna). Así, engadindo 3760 a calquera ano do calendario xuliano ou gregoriano despois do 1 d.C. amosará o ano hebreo que coincide con ese ano no calendario tradicional europeo, rematando ese outono. (Engade 3761 para os que anos comecen en outono). Debido ao pouco descompasados que están os dous sistemas, isto será así por outros 20.000 anos.

A data tradicional hebrea para a destrución do primeiro Templo (3338 AM) difire da moderna data científica, que é normalmente expresada usando o calendario gregoriano (586 d.C.). A data científica ten en conta indicios do calendario babilonio antigo e das súas observacións astronómicas. Nestes casos, a diferenza entre o ano hebreo tradicional e a data científica no calendario gregoriano é o resultado dun desacordo sobre cando ocorreu o feito —e non simplemente ás diferenzas entre os calendarios.

Medida dos meses

editar

O mes hebreo está ligado a unha medición excelente do tempo medio no que a lúa fai unha conxunción lunar. Os anos lunares teñen preto de 354 días, mentres que os solares 365, así que un mes lunar extra é engadido cada dous ou tres anos segundo un ciclo de 19 anos de 235 meses lunares (12 meses normais cada ano máis 7 extra ou embolísmicos cada 19 anos). A lonxitude normal do ano é do 365.2468 días, 7 minutos máis longo que o ano solar tropical de 365.2422 anos. Aproximadamente cada 216 anos, eses minutos son engadidos e o ano fixado moderno é un día máis lento que o ano medio. Como o ano gregoriano ten de media 365.2425 días, o ano medio hebreo é un día máis lento cada 231 anos gregorianos. Durante o último século varios estudosos xudeus suxeriron que os rabinos de Xerusalén debían considerar a modificación desta regra para evitar ese efecto.

A semana no calendario hebreo

editar

O calendario hebreo non soamente combina o ano solar e o mes lunar, senón que ambos os ciclos complementados han de convivir exitosamente tamén con outro dos legados do calendario dos xudeus ao resto do mundo: o ciclo semanal de sete días.

Os días da semana hebrea baséanse nos seis días da Creación, segundo relata o primeiro capítulo do libro da Xénese, sendo o seu nome o mesmo que lles adxudica a Biblia, que son simplemente os nomes dos números ordinais en hebreo, do primeiro ao sexto -denominación que se conserva no idioma portugués, salvo o domingo; pero que se perdeu na maioría das linguas occidentais, que adoptaron nomes de deidades pagás para os días da semana- e no sétimo día, no que Deus descansou do seu labor (Xénese 2:1-3): o Shabat, do hebreo, shabbat, descanso; nome que foi adoptado por unha boa parte das linguas (castelán sábado, francés samedi, italiano sábato, portugués sábado, catalán dissabte, alemán Samstag, polaco sobota, grego sávvato, árabe asSabt, indonesio sabtu, romanés sâmbt). Así pois, e baseándose no relato bíblico, comeza a semana hebrea o día domingo ("yom rishón", "o día primeiro"), e non o luns como no mundo cristián, e culmina o sábado, o día consagrado ao descanso.

O ciclo hebdomadario, e moi especialmente a santidade da festividade do Sábado -que se considera a máis sagrada das celebracións xudías, superada tan só polo Yom Kipur ou Día do Perdón, precisamente denominado tamén "Sábado de Sábados"- impón outra serie de axustes ao calendario hebreo, que debe de adaptarse ás necesidades derivadas do Sábado en primeiro lugar, e logo doutras festas e ritos xudeus.

Deste xeito, proponse o calendario hebreo impedir que certas celebracións se superpoñan ou ata se contradigan entre si. O primeiro caso sería a gran inconveniencia que carrexaría o coincidir o Sábado, no que se prohibe cociñar, e inmediatamente logo ou antes del, o Yom Kipur, no que os fregueses observan un ríxido xexún. Xa no terreo das contradicións, non sería de recibo que o último día da Festa das Cabanas (Sucot), un de cuxos preceptos é axitar vigorosamente as pólas de aravá ou salgueiro, caese en Sábado, en que esta actividade está expresamente prohibida, por ser unha das 39 actividades prohibidas o sétimo e último día de cada semana (Mishná, Tratado do Shabat, 7:2).

Este difícil pero fundamental equilibrio, obtense mediante cálculos que prescriben en cal dos días da semana poderá caer o primeiro día do ano xudeu (segundo a usanza dos nosos días), que é tamén o primeiro día da festividade de Rosh Hashaná, o Ano Novo xudeu. Así, as regras do calendario hebreo estipulan que, en ningún caso, poderá o primeiro día de Rosh Hashaná e do ano -o primeiro día do mes de Tishrei- caer un domingo, ou un mércores, ou un venres.

Para compensar o desfase que a imposición desta regra pode comportar no delicado equilibrio do calendario; e unha vez culminado o mes de Tishrei, durante o cal se suceden as principais festas xudías, e especialmente aquelas que carrexan os problemas que o almanaque debe resolver (Rosh Hashaná, Yom Kipur, Sucot), vólvese a balancear o calendario, agregando un, dous ou tres días nos dous meses subseguintes a Tishrei: os meses de Jeshván e Kislev.

Modelo para os anos do calendario

editar

Hai exactamente 14 modelos que o calendario hebreo pode usar. Cada un destes é chamado "Queviiá", (correspondente en hebreo para "unha configuración" ou "algo establecido"), e distínguese polo día da semana para o Rosh Haxanah dese ano particular e para a lonxitude dese ano en particular.

  • O ano ghaserá ("deficiente" ou "incompleto") é de 353 ou 383 días porque un día quítase do mes de Kislev. A letra hebrea ח "ghet", e a letra para o día da semana denota este modelo.
  • Un ano quesidrá ("regular" ou "en orde") é de 354 ou 384 días. A letra hebrea כ "caf", e a letra para o día da semana denota este modelo.
  • Un ano shlemá ("abundante" ou "completo") ten 355 ou 385 días porque un día é engadido au mes de Heshván. A letra hebrea ש "shin", e a letra para o día da semana denota este modelo.

Unha variante deste modelo de nomenclatura inclúe outra letra que especifica o día da semana para o primeiro día do Pésagh (Pascua) do ano.

Medida das horas

editar

Cada hora está dividida en 1080 ghalaquim ou partes. Unha parte é 31/3 segundos ou 1/18 de minuto. O devanceiro último do helec era un pequeno período de tempo babilónico chamado mazaroca de orxo, equivalente a 1/72 dun grao de tempo babilónico (1° de rotación celeste). En realidade, a mazaroca de orxo ou ela era o nome aplicado á máis pequena das unidades de Babilonia, tanto de lonxitude, de área, de volume, de peso, de ángulo, ou de tempo. Pero ao redor do século XII ese significado fora esquecido, causando que Maimónides especulase e dixese que había 1080 partes nunha hora porque ese número era divisible por todos do un ao dez salvo o sete. Pero o mesmo se pode dicir do 360. Os días da semana que comezan en domingo (día 1) continúan ata o sábado (día 7). Xa que algúns cálculos usan a división, o 0 significa sábado.

Mentres que o cálculo dos días, meses e anos estaba baseado en horas fixas iguais a 1/24 dun día, o comezo de cada día ghalaquic estaba baseado na hora local do solpor. A fin do Shabat e outras festividades xudías parten da anoitecida (Tseis Ghacocavim) que ocorre algo despois do solpor, normalmente de 42 a 72 minutos. Segundo Maimónides, a noite comeza cando tres estrelas de tamaño medio son visibles tras o solpor. No século XVII estas convertéranse en tres estrelas de segunda magnitude. A definición moderna é que comeza cando o centro do sol é 7° baixo o horizonte xeométrico (sen aire), máis tarde do crepúsculo civil dos 6°. O comezo do tempo diúrno para cada día está determinado pola alba e polo nacer do sol (non confundir os dous termos, o primeiro significa que comeza a haber luminosidade, o segundo que o sol aparece). A maioría dos tempos ghalaquic están baseados en combinacións deses catro tempos e varían de día en día ao longo do ano significativamente dependendo do lugar. as horas de luz normalmente se dividen en Shaos Dsemaniios ou horas Ghalaquic tomando o tempo entre o amencer (nacer do sol) e solpor ou entre a alba e o anoitecer divididas en 12 horas iguais. As horas máis temperás e tardías para os servizos xudeus, a última comida de Camets o día antes da Pascua e moitas outras regras están baseadas no Shaos Tsemaniios. Por conveniencia, o día que usa o Xaos Dsemaniios é normalmente acordado como se o solpor fose ás 6:00pm, o amencer ás 6:00am e cada hora igualo á convida. Aínda así, por exemplo, o mediodía ghalaquic pode ser despois da 1:00pm nalgunhas áreas durante os períodos de aforro de luz diúrna.

Medida dos "molads" (conxuncións lunares)

editar

O calendario baséase en conxuncións lunares chamadas "molads" que son cada 29 días, 12 horas e 793 partes exactamente. Na realidade as conxuncións varías dos molads ata en sete horas en cada dirección debido á falta de uniformidade na velocidade da lúa. Este valor para o intervalo entre molads (o mes sinódico) foi medido polos babilonios antes do ano 300 a.C. e foi adoptado polo astrónomo grego Hiparco e polo astrónomo alexandrino Tolomeo. A súa remarcable precisión foi acadada por primeira vez usando rexistros das eclipses lunares dende o século VIII ata o V a.C. . Medido nunha estritamente uniforme escala de tempo, como a proporcionada por un reloxo atómico, o mes sinódico estase gradualmente agrandando, pero xa que a rotación da terra estase a ralentizar aínda máis o mes sinódico é cada vez máis curto no seu ciclo día-noite. O valor 29-12-793 era case completamente correcto nos tempos de Hilel II e é agora uns 0.6 segundos demasiado longo cada mes. Aínda así é o valor máis correcto posible mentres que só se usen números enteiros para as partes. A pesar dese erro, é, por moito, máis preciso que o ano medio solar debido á igualdade 19 anos-235 meses descrita anteriormente — o erro total acumulado do 29-12-793 dende a medida en Babilonia ata o presente é de só cinco horas.

Ciclo metónico

editar

O ciclo de 19 anos ten 12 anos comúns e 7 anos bisestos. Hai 235 meses lunares en cada ciclo metónico. Isto da un total de 6939 días, 16 horas e 595 partes en cada ciclo. Debido ás variacións do calendario, un ciclo de 19 anos pode ter 6939, 6940, 6941, ou 6942 días de duración. Para comezar o mesmo día da semana, os días do ciclo deben ser divisibles por 7, pero ningún destes valores pode. Isto garda ao calendario hebreo de repetirse constantemente. O calendario repítese case cada 247 anos, excepto por un exceso de 50 minutos (905 partes). Así, o calendario na realidade só se repite cada 36,288 ciclos (cada 689,472 anos hebreos).

Os anos con 13 meses son o 3º, 6º, 8º, 11º, 14º, 17º e o 19º anos comezando na época do calendario moderno. Dividindo o número de anos por 19 e mirando ao resto saberás se o ano é bisesto (para o 19º ano, o resto é cero). Un ano bisesto hebreo é o que ten trece meses, un ano común ten doce. Unha regra mnemónica en hebreo é GUCHADZaT "גוחאדז"ט" (as letras hebreas guimel-vav-het-alef-dalet-dsaiin-tet, é dicir: 3, 6, 8, 1, 4, 7, 9. Ver numerais hebreos). Outra regra é que os intervalos da escala maior seguen o mesmo modelo que os anos bisestos hebreos: un paso enteiro corresponde a dous anos comúns entre anos bisestos consecutivos, e medio paso a un ano común entre dous anos bisestos.

O ano hebreo común ten 353, 354, ou 355 días, o ano bisesto 383, 384, ou 385.

Regras especiais para as festas

editar
 
Cumprindo co precepto de sacudir as ramas de aravá na festividade de Sucot

Aínda que un matemático simple calcularía 21 modelos para os anos do calendario, hai outras limitacións que significan que o Rosh Hashaná só pode ser os luns, os martes, os xoves ou os sábados (as "catro portas"), segundo a táboa da dereita:

Día Número de días
Luns 353 355 383 385
Martes 354     384
Xoves 354 355 383 385
Sábado 353 355 383 385

As medidas están descritas na sección nomes e duración dos meses.

Nos anos bisestos, un mes de trinta días chamado adar I é inserido inmediatamente despois do mes de shevat, e o adar normal de 29 días é chamado adar II. Isto asegura que os meses do calendario sempre caen nas mesmas estacións do ano solar e en particular que nisán é sempre en primavera. De se quesván ou quislev teñen 29 días, 30, ou un de cada, depende o número de días necesitados cada ano. Así, un ano bisesto ten 383½ days e por esta soa razón un ano bisesto pode necesitar ou 383 ou 384 días. Aínda así, precísase de axustes para asegurarse de que certos días sagrados e festividades caen ou non en certos días do ano seguinte. Por exemplo, o Iom Quipur, no cal non se pode traballar, non debe caer nunca en venres (véspera do Shabat), para evitar ter dous días consecutivos nos que non se debe facer traballo ningún. Por esta razón algo de flexibilidade tivo que ser incluída.

 
Celebración da Pascua xudía, Pésagh, na mesa do tradicional Séder

Os 265 días dende o primeiro día do mes de 29 días de adar (o décimo segundo mes ou o décimo terceiro, adar II, nos anos bisestos) ata o 29 de heshván forman un período fixado que ten todos os festivais especificados na Biblia, como a Pascua (15 de nisán), o Shavuot (6 de siván), o Rosh Hashaná (1 de tishri), o Iom Quipur (10 de tishri), o Sucot (15 de tishri), e o Shemini Atseret (22 de tishri).

O período festivo dende a Pascua ata o Shemini Atseret (inclusive) é de exactamente 185 días. O tempo dende o día tradicional do equinoccio de primavera ata o día tradicional do equinoccio de outono (inclusive) tamén ten 185 días. Isto causou especulacións sobre se a Pascua debía ser o 21 de marzo e o Shemini Atseret o 21 de setembro, os días tradicionais dos equinoccios. Como o día hebreo comeza co solpor, o ano hebreo comeza no (Rosh Hashaná) de outono, aínda que a non coincidencia dos anos solares e lunares finalmente o move a outra estación se o calendario moderno fixado non é movido á súa forma orixinal de ser xulgado polo Sanedrín (que require o Beit Hamicdash)

Interpretación caraíta

editar

Os caraítas usan anos solares e lunares, pero determinan cando engadir un ano bisesto observando a madurez da cebada (chamada abib) en Israel, máis que o calendario fixado do xudaísmo rabínico. Isto colócaos en sincronía coas Escrituras, a Torá, mentres que outros xudeus están normalmente un mes despois. (Durante moitos séculos, moitos karaítas, especialmente fóra de Israel, seguiron as regras de cálculo da lei oral (a Mishná e o Talmud) con outros xudeus por simplicidade. Aínda así, nos anos máis recentes a maioría dos karaítas elixiron volver ao sistema da Torá escrita)

Precisión

editar

A medida media do mes de acordo co calendario é correcta nunha fracción de segundo (aínda que meses individuais poden ser unhas horas maiores ou menores á media). Deste modo non haberá erros importantes por moito tempo. Aínda así, asumir que 19 anos tropicais equivalen a 235 meses é incorrecto, así que a medida media do ciclo de 19 anos é demasiado longa (comparada cos 19 anos tropicais) por 0'088 días ou por só 2 horas. Así, o calendario desacompásase de media con respecto ao ano tropical nun día cada 216 anos. Se a intención do calendario é que a Pascua caia na primeira lúa chea tras o equinoccio de primavera, isto seguirá sendo así na maioría dos casos, pero, no presente, tres días de cada 19 anos a Pascua é un mes máis tarde segundo este criterio (como en 2005). Claramente, este problema empeorará co tempo e se o calendario non é arranxado, a Pascua e os outros festivais serán desprazados un ciclo completo en 79'000 anos.

Como o ciclo de 19 anos (e todos os aspectos do calendario) está na lei xudía, só sería posible cambialo se se convoca o Sanedrín. É sabido tradicionalmente que isto pasará coa chegada do Mesías, que marcará o comezo da era da redención segundo di a tradición. Teoricamente, se a lei puidese ser modificada, unha solución sería poñer no lugar do ciclo de 19 anos, un ciclo de 334 anos e 4.131 fases lunares. Este ciclo ten un erro de só un día en 11.500 anos. Aínda así, isto sería imposible de poñer en práctica. Máis aínda, non se podería facer unha regra matemática fixa a perpetuidade porque a lonxitude dos meses e anos tropicais cambian lentamente. Outra posibilidade é a de calcular o tempo aproximado do equinoccio de primavera e ter un ano bisesto se e só se doutro xeito a Pascua tería lugar antes do equinoccio de primavera. Ideas similares úsanse no calendario chinés e nalgúns calendarios hindús.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • The Code of Maimonides (Mishneh Torah), Book Three, Treatise Eight: Sanctification of the New Moon. Traducido por Solomon Gandz. Yale Judaica Series Volume XI, Yale University Press, New Haven, Conn., 1956.
  • Ernest Wiesenberg. "Appendix: Addenda and Corrigenda to Treatise VIII". The Code of Maimonides (Mishneh Torah), Book Three: The Book of Seasons. Yale Judaica Series Volume XIV, Yale University Press, New Haven, Conn., 1961. pp. 557–602.
  • Samuel Poznanski. "Calendar (Jewish)". Encylopædia of Religion and Ethics, 1911.
  • F.H. Woods. "Calendar (Hebrew)", Encylopædia of Religion and Ethics, 1911.
  • Sherrard Beaumont Burnaby. Elements of the Jewish and Muhammadan Calendars. George Bell and Sons, Londres, 1901.
  • W.H. Feldman. Rabbinical Mathematics and Astronomy, 3ª edición, Sepher-Hermon Press, 1978.
  • Otto Neugebauer. Ethiopic astronomy and computus. Österreichische Akademie der Wissenschaften, philosophisch-historische klasse, sitzungsberichte 347. Viena, 1979.
  • Ari Belenkiy. "A Unique Feature of the Jewish Calendar — Dehiyot". Culture and Cosmos 6 (2002) 3-22.
  • Arthur Spier. The Comprehensive Hebrew Calendar. Feldheim, 1986.
  • L.A. Resnikoff. "Jewish calendar calculations", Scripta Mathematica 9 (1943) 191-195, 274-277.
  • Edward M. Reingold e Nachum Dershowitz. Calendrical Calculations: The Millennium Edition. Cambridge University Press; 2ª edición (2001). ISBN 0-521-77752-6
  • Bonnie Blackburn e Leofranc Holford-Strevens. The Oxford Companion to the Year: An Exploration of Calendar Customs and Time-reckoning. Oxford University Press; EE.UU., 2000. pp 723–730.

Ligazóns externas

editar

Conversores de datas

editar
Meses do calendario hebreo
Tishrei | Cheshvan | Kislev | Tevet | Shevat | Adar | Nisan | Iyar | Sivan | Tammuz | Ab | Elul