Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                

Olaría azul e branca

(Redirección desde «Cerámica branca e azul»)

A olaría azul e branca, ou cerámica azul e branca, (en chinés : 青花; pinyin : qīng-huā; lit. "Flores / patróns azuis") abrangue unha gran variedade de cerámica e porcelana brancas, decoradas baixo o esmalte cun pigmento azul, normalmente óxido de cobalto. A decoración adoitaba ser aplicada á man, orixinalmente pintanda con pincel, máis modernamente mediante esténcil, impresión por transferencia e outros métodos. O pigmento de cobalto é dos poucos que pode soportar as altas temperaturas de cocción requiridas, o que explica en parte a súa popularidade duradeira. Outras cores requirían decoración sobre o esmalte, pero entón é necesaria unha segunda cocción a unha temperatura inferior para seren fixadas.

Cerámica da dinastía Ming, século XV
Vaso holandés de delftware en estilo xaponés c. 1680

Crese que a orixe deste estilo estivo no Iraq, cando os artesáns de Basora procuraron imitar o gres chinés importado, coa súa propia cerámica branca esmaltada, engadindo veladuras azuis. Atopáronse pezas azuis e brancas que datan do século IX, correspondentes ao califato abasí, pouco despois da apertura da ruta marítima directa de Iraq á China.[1][2]

Máis tarde, na China, refinouse e empregouse a maior escala un estilo de decoración baseado en formas sinuosas de plantas distribuídas polo obxecto. Esta decoración foi moi usada na porcelana chinesa do século XIV, despois de que o pigmento de cobalto para o azul comezase a ser importado de Persia. Inspirou imitacións na cerámica islámica e xaponesa, e no século XVIII na europea, esmaltada con estaño, unha técnica coñecida como delftware. Seguen producíndose cerámicas azuis e brancas nesas tradicións, a maioría copiando estilos anteriores.

Orixe e desenvolvemento

editar

Os antigos mesopotámicos desenvolveron primeiro os revestimentos azuis para imitar o lapislázuli, que era unha pedra moi prezada. Máis tarde, un revestimento de azul cobalto popularizouse na cerámica islámica durante o califato abbasí.

 
Esmalte islámico, producido en Iraq no século IX. A inscrición árabe significa "felicidade" (escrita dúas veces).[3]

Azul e branco das dinastías Tang e Song

editar

As primeiras pezas azuis e brancas chinesas foran producidas no século VII na provincia de Henan durante a dinastía Tang, aínda que só se descubriron fragmentos.[4] O azul e branco do período Tang é máis raro que o da dinastía Sung e era descoñecido antes de 1985.[5] As pezas do período Tang son de arxila cunha capa branca verdosa, non de porcelana, e utilizan pigmentos de azul cobalto.

As únicas tres pezas completas de «azul e branco Tang» recuperáronse en 1998, do Belitung, un veleiro árabe afundido no ano 830 en Indonesia, con 63.000 pezas de ouro, prata e cerámica de varios tipos.[6]

Século XIV

editar

O desenvolvemento da porcelana clásica azul e branca denominada porcelana de Jingdezhen data do comezo do período Ming, pero os investigadores cren que estas pezas comezaron a ser feitas ao redor de 1320 e desenvolvéronse plenamente a mediados do século XIV, como demostra a colección da Fundación Percival David de Arte Chinesa con data de 1351.[7]

 
Vaso producido entre 1271-1368, durante a dinastía Yuan, Jingdezhen, descuberto en escavacións na provincia de Jiangxi.

A principios do século XIV, a produción en masa de porcelana fina comezou en Jingdezhen, ás veces chamada Capital da porcelana de China. Este desenvolvemento debeuse á combinación de técnicas chinesas e comercio islámico. A nova cerámica foi posible grazas á importación de cobalto desde Persia (chamado Huihui qing, 回回 青, "azul islámico"), combinado coa calidade branca translúcida da porcelana chinesa. O azul cobalto considerábase un recurso precioso, que valía aproximadamente o dobre do ouro. Os motivos tamén estaban inspirados en decoracións islámicas. Unha gran parte destas cerámicas azuis e brancas enviábanse despois aos mercados do Suroeste asiático.

A porcelana azul e branca chinesa cocíase unha vez. Despois de secar o corpo de porcelana, decorábase co fino pigmento mesturado con auga aplicado cun pincel, cubríase cun revestimento transparente e enfornábase a alta temperatura. A partir do século XVI comezáronse a desenvolver fontes locais de azul cobalto, aínda que o persa seguía sendo o máis caro. A produción de cerámica branca e azul alcanzou o cumio da súa excelencia técnica durante o reinado do emperador Kangxi da dinastía Qing e continuou a fabricarse en Jingdezhen ata os nosos días. A porcelana azul e branca fabricada en Jingdezhen probablemente.

A produción en grandes cantidades da porcelana azul e branca na China comezou na primeira metade do século XVII, cando gradualmente substituíu a tradición centenaria da porcelana branca azulada do sur, normalmente sen pintar, ou Qingbai, así como a porcelana Ding do norte. A mellor, que destacou rapidamente como produción principal, foi a Jingdezhen, na provincia de Jiangxi. Xa existía unha considerable tradición de cerámica chinesa pintada, representada naquel momento principalmente pola popular vaixela de gres Cizhou, pero non foi utilizada pola corte. Por primeira vez en séculos, o novo azul e branco atraeu os gobernantes mongois da China.

A partir do século XIII, tamén comezaron a aparecer deseños chineses como grúidos, dragóns e flores de loto nas producións cerámicas do Próximo Oriente, especialmente en Siria e Exipto.

A produción en masa de porcelana fina, translúcida, azul e branca comezou a principios do século XIV en Jingdezhen, ás veces chamada capital de porcelana da China. Este desenvolvemento debeuse á combinación de técnicas chinesas e comercio islámico.[8] A nova mercadoría foi posible grazas á exportación de cobalto por Persia (chamada huihui qing, "azul islámico"), combinada coa calidade branca translúcida da porcelana chinesa, derivada do caolín. O azul cobalto considerábase unha mercancía preciosa, cun valor de aproximadamente dúas veces maior que o ouro. Os motivos tamén estaban inspirados en decoracións islámicas. Unha gran parte destas pezas azuis e brancas foron enviadas aos mercados do suroeste asiático a través de comerciantes musulmáns con sede en Guangzhou.

Século XV

editar
 
Recipiente producido entre 1426–1435, dinastía Ming, emperador Xuande.

Desde a dinastía Ming en 1368, a porcelana azul e branca foi evitada durante un tempo pola Corte, especialmente durante os períodos dos emperadores Hongwu e Yongle, que pensaban que eran de inspiración "demasiado estranxeira".[8] Non obstante, a porcelana branca e azul volveu a ter protagonismo co emperador Zhu Zhanji. Nese século leváronse a cabo unha serie de experimentos combinando o azul con outras cores, ambos os esmaltes baixo e sobre o esmalte. Inicialmente, os vermellos de cobre e ferro eran os máis comúns, pero eran moito máis difíciles de queimar que o azul cobalto e houbo unha taxa de perda moi alta durante a queima, na que un gris opaco substituía ás veces o vermello desexado. Estas experiencias continuaron durante os séculos seguintes, coas doucai e wucai combinando o azul baixo o vidrado e outras cores sobre o vidrado.

A principios do século XV, a Corea tamén comezou a producir porcelana azul e branca, cunha decoración influenciada polos estilos chineses. Máis tarde, tamén comezou a producir gres azul e branco. Os vasos, normalmente con ombros anchos, as formas preferidas na Corea, permitían pinturas máis expansivas. Os dragóns e as ramas floridas eran os temas máis comúns.

Século XVI

editar
 
Xerra con inscricións en persa producida entre 1506-1521, dinastía Ming, emperador Zhengde.

Algunhas cerámicas azuis e brancas do século XVI caracterizáronse por influencias islámicas, como a cerámica do emperador Zhengde (1506-1521), ás veces con inscricións en persa e árabe, debido á influencia dos eunucos musulmáns que traballaron na corte.

A finais do século desenvolveuse con Europa un gran comercio de porcelana chinesa para exportar e desenvolveu o chamado estilo de porcelana kraak. Segundo os estándares chineses, un estilo de calidade bastante baixo pero adornado, normalmente en azul e branco, que se fixo moi popular en Europa, e pódese ver en moitas pinturas da Idade de Ouro holandesa do século seguinte; pronto foi amplamente imitado localmente.

Século XVII

editar

Os xaponeses foron os primeiros admiradores da porcelana branca e azul chinesa e, a pesar das dificultades para obter cobalto (que chegou de Irán a través da China), pronto produciron as súas propias pezas, normalmente en porcelana xaponesa, que comezou a producirse cara ao 1600. A técnica chamouse sometsuke (染 付). Gran parte desta produción recibiu o nome de porcelana Arita, pero algúns fornos, como a porcelana Hirado, de alta calidade, especializáronse só nesa técnica. Unha gran proporción de bens de arredor de 1660-1740 eran porcelanas xaponesas de exportación, principalmente a Europa. O forno máis exclusivo producía porcelana Nabeshima, para agasallos en vez de comercio. Outros fornos como os da porcelana Hasami e porcelana Tobe producían artigos máis populares.

 
Vaso de porcelana chinesa para a exportación, producido entre 1690-1700, dinastía Qing, emperador Kangxi.

Durante o século XVII, numerosas pezas azuis e brancas de porcelana chinesa para exportar foron producidas para o mercado europeo. O estilo porcelana de transición, principalmente en azul e branco, ampliou moito a gama de imaxes empregadas, con escenas da literatura, figuras e paisaxes, moitas veces procedentes de pinturas chinesas e ilustracións de libros impresos en xilografías. Os símbolos e escenas europeas convivían con escenas chinesas para estes obxectos. Na década de 1640, as rebelións na China e as guerras entre a dinastía Ming e os manchús danaron moitos fornos e ao redor dese ano, a porcelana holandesa delftware converteuse en competidora, empregando estilos claramente imitadores da decoración do leste asiático. Entre 1656 e 1684, a nova dinastía Qing interrompeu o comercio, pechando os seus portos. As exportacións chinesas case cesaron e foron necesarias outras fontes para atender a continua demanda de porcelana branca e azul de Eurasia. No Xapón, os refuxiados oleiros chineses puideron introducir técnicas refinadas de porcelana e esmalte, como a porcelana Arita.

A partir de 1658, a Compañía Holandesa das Indias Orientais procurou no Xapón porcelana branca e azul para vender en Europa. Inicialmente, a tecnoloxía xaponesa aínda non podía fornecer a calidade desexada polos holandeses, pero melloraron rapidamente os seus procesos e ampliaron a súa capacidade. De 1659 a 1740, os fornos de porcelana Arita foron capaces de exportar grandes cantidades de porcelana a Europa e Asia. Aos poucos, os fornos chineses recuperáronse e, para 1740, o primeiro período de exportación de porcelana xaponesa xa practicamente rematara.[9]

Século XVIII

editar

No século XVIII, a porcelana de exportación continuou producíndose para os mercados europeos, en parte como resultado do traballo de François Xavier d'Entrecolles, un sacerdote xesuíta francés, que levou a técnica de produción chinesa, coa axuda dunha igrexa católica na China.[10] Este sería un dos primeiros exemplos de espionaxe industrial, no que os detalles da fabricación de porcelana chinesa foron trasladados a Europa. As exportacións de porcelana chinesas pronto diminuíron considerablemente, especialmente ao final do reinado do emperador Qianlong.[11]

Aínda que se perfeccionou a decoración policromada en esmaltes sobre esmaltes, empregando pigmentos rosados e outras paletas, continuaron producíndose en Jingdezh produtos de alta calidade para a Corte e os mercados internos de elite.

A porcelana azul e branca na Europa

editar

Influencias iniciais

editar

A porcelana azul e branca chinesa copiouse en Europa a partir do século XVI, usando a técnica de faenzas azul e branca chamada alla porcelana. Pouco despois, os primeiros experimentos para reproducir as pezas chinesas fixéronse con porcelana Medici, na segunda metade do século. Estes primeiros traballos parecían mesturar influencias islámicas e chinesas.[12]

Imitacións chinesas directas

editar
 
Prato con decoración producida no patrón de Willow, con impresión de transferencia - século XIX

A principios do século XVII, a porcelana chinesa azul e branca exportábase directamente a Europa. Nos séculos XVII e XVIII, foi moi apreciada en Europa e América e ás veces reforzada por finas xuntas de prata e ouro, como parte das coleccións de reis e príncipes. En Alemaña, a produción comezou en Meissen en 1707. Os primeiros produtos inspiráronse en porcelanas chinesas e outras porcelanas orientais. Un dos primeiros patróns foi a "cebola azul", aínda en produción en Meissen. [10]

A primeira fase da porcelana francesa, así como a primeira porcelana inglesa tamén estiveron influenciadas polo deseño chinés. Cando a produción de porcelana comezou en Worcester, case corenta anos despois de Meissen, a porcelana oriental azul e branca inspirou gran parte da decoración da época. As pezas pintadas a man e de impresión por transferencia fixéronse en Worcester e noutras fábricas inglesas cun estilo coñecido como chinoiserie, porcelana de Chelsea, porcelana Bow en Londres e a porcelana Lowestoft en Anglia Oriental fixeron un uso particularmente intenso do azul e do branco. Na década de 1770, o proceso utilizado pola Wedgwood en gres con óxido de cobalto, atopou un novo enfoque da cerámica branca e azul e segue sendo popular.

Moitas outras fábricas europeas seguiron o seu exemplo. En Delft, Países Baixos, moitas pezas de porcelana branca e azul, cos deseños chineses o mercado holandés, foron feitas en gran número ao longo do século XVII. O delftware azul e o branco foi amplamente copiado por fábricas doutros países europeos, incluída Inglaterra, onde se coñece como delftware inglés.

O patrón de Willow, que empregou a impresión por transferencia, xurdiu durante a década de 1780 en Inglaterra, creado por Thomas Minton e outros oleiros, que producían escenas paisaxísticas chinoiserie baseadas en cerámica orixinal chinesa. Incluíronse escenas con salgueiros, barcos, pavillóns e aves, que posteriormente foron incorporadas ao patrón Willow. Moitos traballos na norma Willow realizáronse a partir dese ano.[13][14] En 1793, Thomas Minton fundou unha fábrica de cerámica en Stoke-on-Trent, onde produciu moitas pezas pintadas e impresas por transferencia. A cerámica expandiuse e máis tarde converteuse en Mintons. 

Galería

editar
  1. Regina Krahl. "Tang Blue-and-White" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de decembro de 2015. Consultado o 15 de maio de 2021. 
  2. Barbara Ferguson (11/12/2004). "Iraq and China: Ceramics, Trade, and Innovation" (en inglés). 
  3. "Bowl Emulating Chinese Stoneware-9th century" (en inglés). 
  4. "A Landmark in the History of Chinese Ceramics: The Invention of Blue-and-white Porcelain in the Tang Dynasty (618–907 A.D.)" (en inglés). 30/12/2016. 
  5. Wood, Nigel (1999). Chinese Glazes: Their Origins, Chemistry, and Recreation. p. 280. ISBN 0812234766. 
  6. Michael Flecke. "A Ninth-Century Arab Shipwreck in Indonesia - The First Archaeological evidence of direct Trade with China" (PDF). p. 110. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de setembro de 2012. Consultado o 15 de maio de 2021. 
  7. Medley, 177
  8. 8,0 8,1 Finlay, p.158 e ss
  9. Ford & Impey, p. 126-127
  10. 10,0 10,1 Baghdiantz McCabe, Ina (2008) Orientalism in Early Modern France, ISBN 978-1-84520-374-0, Berg Publishing, Oxford, p.220 ss
  11. Cooke, John; Cooke, Diane; Rowe, William T; Brook, Timothy (2009). China's Last Empire: The Great Qing. p. 84. ISBN 9780674036123. 
  12. Luchs, Alison; Distelberger, Rudolf; Verdier, Philippe; Barbour, Daphne S.; Wilson, Timothy H.; Sturman, Shelley G.; Vandiver,Pamela B. (1993). Western Decorative Arts: Volume 1. p. 238. ISBN 9780674036123. 
  13. S.B. Williams, Antique Blue and White Spode, 3.ª edição, (Batsford, Londres - 1949), p. 129.
  14. G.A. Godden, 'The Willow Pattern', The Antique Collector xuño de 1972, pp. 148-50.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar