Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                

Sirenios

(Redirección desde «Sirenia»)
Sirenios
Sirenia

Rango fósil: eocenoactualidade

Manatí do Caribe (Trichechus manatus)
aleitando á súa cría
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Superclase: Tetrapoda
Clase: Mammalia
Infraclase: Placentalia (= Eutheria)
Superorde: Afrotheria
Orde: Sirenia
Illiger, 1811
Familias

A dos sirenios[1] (Sirenia) é unha orde de mamíferos afroterios, acuáticos, herbívoros, que conta con tan só con catro especies viventes. Os elefantes son os seus parentes máis achegados.

Xunto cos cetáceos e os pinnípedes, os sirenios son o terceiro grupo de mamíferos acuáticos. Como os membros do primeiro destes grupos, os sirenios son os únicos mamíferos adaptados completamente á vida na auga, pero, a diferenza deles, habitan sempre en augas costeiras, a miúdo pouco profundas (ou en augas doces), onde pastan. Superficialmente parecidos aos pinnípedes, non gardan, porén, parentesco evolutivo con eles, diferenciándose, entre outras cousas, polo tipo de alimentación (os pinnípedes son carnívoros, mentres que os sirenios son fitófagos, e porque os seus membros non lles permiten desprazarse por terra, polo que nunca abandonan a auga, nin sequera para parir.

Son animais grandes e pesados, e de movementos lentos. Viven en augas tropicais, nas costas, en estuarios e incluso nos ríos. Son famosos pola súa docilidade, e por iso foron presas fáciles para a caza, para aproveitar a súa pel e a súa carne, o que os levou ao bordo da extinción. Actualmente son animais protexidos.

O nome dos sirenios vén do grego antigo Σειρήνες, Seirḗnes, que significa "sereas".[2] O nome ven do feito que supostamente se asemellan a sereas cando están aleitando as crías. Crese que os avistamentos de sirenios poderían explicar a orixe do mito das mulleres-peixe. Por algunha razón, a maioría das antigas civilizacións que estaban en contacto cos sirenios dábanlles nomes e epítetos femininos; en Exipto tiñan o nome de "fermosa doncela do mar"; en Kenya, "raíña do mar"; en Indonesia recibían o nome de "princesa dugongo" e na conca do Amazonas coñécense como "peixe-muller".[3]

O dugongo, único membro viventa da súa familia, recibe o seu nome da palabra tagala dugong, que é un préstamo do malaio duyung. Ambos os dous queren dicir "señora do mar".[4] Por outra banda manatí é unha palabra de orixe taíno que significa "peito", en referencia ás mamas que teñen as femias destes animais a carón das axilas.

Catacterísticas

editar
 
Este grupo de tres manatís do Caribe foi fotografado mentres se alimentaban.

Os sirenios, manatís e dugongos, teñen un corpo macizo, pero fusiforme. A pel é grosa e coriácea. As extremidades anteriores teñen forma de aleta, e as posteriores desapareceron e, para axudar na natación, desenvolveron unha cola (aleta caudal) plana e horizontal.

Poden permanecer baixo a auga durante vinte minutos, pastando plantas acuáticas, antes de emerxer á superficie para respiraren.

Viven en augas pouco profundas, o que os defende dos depredadores (como os tiburóns) que non se aventuran nestas augas. O seu único perigo represéntao o home, que antigamente cazaban estes animais pola súa carne, e tamén para aproveitar a graxa e a pel. Hoxe en día tamén están ameazados pola contaminación} do seu hábitat e polas feridas inflixidas polas hélices dos barcos.

O dugongo, a diferenza dos manatís, ten a cola falciforme, e vive nas augas costeiras do océano Índico e do Pacífico occidental, mentres que os manatís, que viven principalmente ao longo da costa leste de América Central e Suramérica, teñen a cola arredondada, o labio superior fendido no medio e o corpo cuberto con pelos dispersos.

Xusto debaixo da pel os sirenios, como os cetáceos e s pinnípedes, teñen unha grosa capa subcutánea de tecido adiposo vascularizado que lles serve como illante. En efecto, a auga conduce a calor 25 veces mellor que o aire á mesma temperatura.[5] e, sobre todo, ten unha capacidade calorífica moito máis alta, o que favorece o arrefriamento dos animais de sangue quente.

Os elefantes son os parentes máis próximos dos sirenios, cos que comparten moitas características anatómicas.[6] [7]

Taxonomía

editar

A orde dos Sirenia foi creada en 1811 polo zoólogo alemán Johann Karl Wilhelm Illiger,[8] en referencia ás sereas das mitoloxía grega e escandinava (porén, cómpre recordar que navegantes tales como Cristovo Colón, pola contra, deron corpo á lenda das sereas das observacións dos manatís).

Sinónimos

editar

Ademais de polo nome que lle impuxo Illiger, a orde coñeceuse tamén polos sinónimos:[8]

  • Halobioidea Ameghino, 1889
  • Herbivorae Gray, 1821
  • Phycoceta Haeckel, 1866
  • Sirenoidea van Beneden, 1855
  • Sireniformes Kinman, 1994
  • Trichechiformes Hay, 1923

Filoxenia

editar

Os sirenios teñen antepasados terrestres comúns cos proboscídeos e, de feito son o seu grupo irmán.[9] O taxon que inclúe estes dous grupos (e outros dous grupos extintos) é o clado dos tetiterios (Tethytheria), así chamados porque evolucionaron ao redor do mar de Tetis. O monofiletismo dos tetiterios ten o soporte dunha serie de características morfolóxicas, como a falta de glándulas sudoríparas, que xa faltaban nos antepasados semiacuáticos dos elefantes e sirenios máis primitivos.

Así, en 1997, McKenna e Bell propuxeron para este grupo, nunha clasificación cladística, o rango de infraorde na suborde dos Tethytheria McKenna, 1975 da orde dos Uranotheria McKenna et Bell, 1997.[8]

A orde dos Sirenia colocouse entón no clado dos Paenungulata que, segundo os datos xenéticos moleculares, queda clasificado dentro da superorde dos afroterios, agrupado con outras dúas ordes de mamíferos vivos: os Proboscidea (elefantes) e os Hyracoidea (damáns), e con outras dúas ordes extintas, a dos Embrithopoda e a dos Desmostylia.

 
O elefante africano é un representante dos proboscídeos, os parentes máis achegados dos sirenios.

Estas son as relacións dentro deste grupo de mamíferos:[10]

Paenungulata 

 Hyracoidea

 Tethytheria 

 Proboscidea

 Sirenia

Clasificación

editar
 
Prorastomus é un xénero de sirenio que viviu durante o eoceno medio, hai uns 40 millóns de anos.
 
Halitherium, é un xénero extinto de sirenio que viviu no eoceno superior e no oligoceno inferior.
 
Esqueleto de Metaxytherium floridanum†, unha especie extinta de dugónguido.
 
Dugongo (Dugong dugon).

Dentro do grupo dos sirenios distínguense dúas familias extintas e dúas con especies viventes, cun xénero actual cada unha e numerosos xéneros extintos:[11]

Familia Prorastomidae

Familia Protosirenidae

Familia Dugongidae

Familia Trichechidae

Especies actuais

editar

Só sobreviven catro especies en dúas familias:[8]

  • Os dugónguidos (Dugongidae) só inclúen unha especie vivente na actualidade, o dugongo (Dugong dugon). Até hai uns 250 anos había outra especie que hoxe en día está extinta, o Hydrodamalis gigas.
  • Os triquéquidos (Trichechidae) ou manatís agrupan tres especies nun único xénero, Trichechus. O manatí do Caribe (Trichechus manatus), o manatí amazónico (Trichechus inunguis) e o manatí africano (Trichechus senegalensis). Hai unha posíbel cuarta especie que habitaría nun afluente do río Aripuaná do Brasil, un manatí anano dunha lonxitude de aproximadamente 1,3 m,[12] pero non foi definida de maneira válida e a opinión científica dominante é que estes animais non son máis que exemplares xuvenís do manatí amazónico.[13]
  1. sirenios no dicionario da RAG.
  2. Sirenian International (ed.). "Sirenians". Arquivado dende o orixinal o 20-07-2012. Consultado o 28-08-2008. 
  3. Roberto Sozzani (ed.). "Dugong -Legends". Consultado o 24-07-2008. 
  4. Winger, Jennifer (2000): What's in a Name: Manatees and Dugongs Arquivado 30 de decembro de 2005 en Wayback Machine.. Smithsonian National Zoological Park. Consultado o 22-07-2007.
  5. Sara J. Iverson (2009): "Blubber", en W. F. Perrin, Bernd G. Würsig & J. G. M. Thewissen (eds.): Encyclopedia of Marine Mammals, 2nd ed. Londres: Academic Press. ISBN 978-0-12-373553-9.
  6. Encyclopædia Britannica (ed.). "tethytherian". Consultado o 24 de xullo de 2008. 
  7. Véxase o cladograma dos afroterios nesa páxina.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Shoshani, J. (2005): "Order Sirenia", pp. 92-94 en D. Wilson & D, Reeder, eds. Mammal species of the world: A taxonomic and geographic reference, Vol. 2, Ed 3. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-8221-0.
  9. "Are sirenians similar to dolphins and whales?". Arquivado dende o orixinal o 20 de xullo de 2012. Consultado o 26 de xullo de 2009. 
  10. Frédéric Delsuc, Jean-François Mauffrey, Emmanuel Douzery (xaneiro de 2003). "Une nouvelle classification des mammifères" (pdf). La Science (en francés) 303. Consultado o 27 de xullo de 2009. 
  11. "Mikko's Phylogeny Archive" (en inglés). Consultado o 26 de xullo de 2009. 
  12. Stern (25 de maio de 2005). "Biologe entdeckt Zwergseekuh". Consultado o 26 de xullo de 2009. 
  13. "Trials of a Primatologist". smithsonianmag.com. Arquivado dende o orixinal o 14 de outubro de 2009. Consultado o 15 de maio de 2008. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Berta, A.; J. Sumich & K. Kovacs (2005): Marine Mammals: Evolutionary Biology. Burlington, MA, USA: Academic Press.
  • Feldhamer, G.; L. Drickamer, S. Vessey, J. Merritt & C. Krajewski (2007): Mammalogy: Adaptation, Diversity, Ecology. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press.
  • Jefferson, T.; S. Leatherwood & M. Webber (1993): Marine mammals of the World. Roma: United Nations Environment Programme.
  • Jefferson, T.; M. Webber & R. Pitman (2008): Marine Mammals of the World: A Comprehensive Guide to their Identification. Londres: Academic Press.
  • Nowak, R. (2003): Walker’s Marine Mammals of the World. Baltimore, Maryland, USA: Johns Hopkins University Press.
  • Reeves, R.; B. Stewart, P. Clapham & J. Powell (2002): Sea Mammals of the World. Londres: A & C Black.
  • Reynolds, J. & D. Odell (1991): Manatees and Dugongs. Nova York, NY: Facts on File Inc.
  • Ridgway, S. & R. Harrison (1985): Handbook of Marine Mammals: Volume 3: The Sirenians and Baleen whales. Londres: Academic Press.
  • Self-Sullivan, C. (2006): "Evolution of the Sirenia".
  • Vaughan, T.; J. Ryan & N. Czaplewski (2011): Mammalogy. Sudbury, MA. USA: Jones and Bartlett Publishers.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar