Tareixa, condesa de Portugal
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2017.) |
Tareixa Afónsez[1], nada cara ao 1080 e finada o 1 de novembro de 1130, foi a primeira condesa de Portucale. Entre o 1095/1096 e o 1112 exerceu o goberno do condado á par do seu marido, Henrique de Borgoña, desde a morte deste en 1112 até 1128 gobernou o condado en solitario. O fillo de ambos, Afonso Henriques, converteríase no primeiro rei de Portugal.
Nome orixinal | (pt) Teresa de Leão (es) Teresa de León (gl) Tareixa Afónsez |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | c. 1080 Póvoa de Lanhoso, Portugal |
Morte | 11 de novembro de 1130 (49/50 anos) Galicia, España |
Lugar de sepultura | Catedral de Braga |
Condesa de Portucale | |
1095 – 24 de xuño de 1128 (Gregoriano) (deposición) ← Henrique de Borgoña – Afonso I de Portugal → Xunto con: Henrique de Borgoña | |
Actividade | |
Ocupación | política |
Outro | |
Título | Raíña (1116 (Gregoriano)–1128 (Gregoriano)) |
Familia | Dinastía Ximena |
Cónxuxe | Henrique de Borgoña (1093 (Gregoriano)–) |
Parella | Fernán Pérez de Traba |
Fillos | Tareixa de Borgoña () Henrique de Borgoña Urraca Henriques () Henrique de Borgoña Sancha de Portugal () Henrique de Borgoña Afonso I de Portugal () Henrique de Borgoña Tareixa Fernández de Traba () Fernán Pérez de TrabaSancha González |
Pais | Afonso VI de León e Jimena Muñiz |
Irmáns | Sancho Afónsez Elvira de Castela Elvira de León, raíña de Sicilia Orraca de León |
Traxectoria
editarAscendencia e infancia
editarTareixa foi a segunda filla do rei Afonso VI de León. Tanto ela como a súa irmá Elvira eran fillas ilexítimas, nacidas da relación entre o rei e a aristócrata berciana Ximena Muñiz. Descoñécese o lugar e a data do seu nacemento, aínda que este debeu producirse entre 1078 (cando Afonso enviuvou da súa primeira muller) e 1080 (en que Afonso casou con Constanza de Borgoña).
Non existe documentación que probe onde se criou Tareixa, aínda que é de supoñer que residiría na corte de León xunto do seu pai, acompañándoo ás veces nos seus desprazamentos. Así mesmo, é de supoñer que tamén visitaría con frecuencia as posesións no Bierzo da familia da súa nai.[2]
Casamento e goberno
editarTareixa foi prometida por decisión paterna con Henrique de Borgoña. O matrimonio celebrouse nunha data anterior a finais de 1095, data do primeiro documento en que aparecen mencionados como esposos.[3]
Henrique, nacido arredor do 1069, pertencía á familia dos duques de Borgoña. Aparece documentado por primeira vez na Península contra o 1086, acompañando ao seu irmán Eudes, duque de Borgoña. Formaba parte dunha expedición de cabaleiros borgoñóns que participou na conquista de Tudela baixo o patrocinio da súa tía, a raíña Constanza.[4]
Como dote, o rei entregou aos esposos o condado de Portugal, que na altura se consideraba parte do Reino de Galicia. Desde finais do reinado de Fernando I, pai de Afonso VI, o condado abranguía as terras entre o río Miño e o Vouga. A principios da década dos noventa, Afonso VI conseguiu estender estes dominios ao río Texo. O rei confiou o goberno destas terras a Raimundo de Borgoña e Urraca, a súa primeira filla lexítima. Non se sabe a razón de que Afonso decidise retirarlles o goberno do condado. A historiografía portuguesa insiste no pobre desempeño militar de Raimundo, que non foi capaz a asegurar o dominio de prazas como Lisboa ou Santarém.[5] Outros historiadores, porén, encontran outros motivos como que Afonso temía a ameaza que Raimundo supuña para o seu poder ou a complexa relación entre a monarquía e as elites locais propia da sociedade feudal.[6]
Do matrimonio naceron cinco fillos: Urraca, Sancho, Tareixa, Henrique e Afonso. Henrique morreu moi novo, antes de 1110. Afonso, nacido no 1109, remataría por se converter no primeiro rei de Portugal.[7]
Os eixos básicos da política do matrimonio no condado poden resumirse en cinco aspectos:[8]
- Fomento da poboación urbana, coa concesión de numerosas cartas forais, como as de Guimarães e Constantim de Panoias, concedidas polo matrimonio ao pouco de chegaren ao poder.
- Compromiso coa substitución da liturxia hispánica pola romana e coa restitución da condición de arquidiocese á Sé de Braga.
- Consolidación da nobreza local, que ocupou os primeiros chanzos do goberno condal e recibiu numerosos privilexios e dominios territoriais.
- Fortalecemento da fronteira sur do condado, asegurando a posición de Coímbra como cidade principal da área.
- Creación dunha curia (consello de nobres) e un aparato de goberno propio, liderado por un mordomo-mor (que tiña ao seu cargo todos os funcionarios reais) e un alférez-mor (que se ocupaba das cuestións militares).[9]
Todo isto non significou que o matrimonio se apartase da corte leonesa. Henrique e Tareixa permanecerían bastante tempo afastados do condado, pois figuran a miúdo entre as testemuñas dos diplomas emitidos pola chancelaria de Afonso. O seu goberno sobre o condado debíase a unha concesión persoal de Afonso, polo que o matrimonio tiña que asegurar a súa posición para cando se producise a morte do rei.
Afonso morreu o 1 de xullo de 1109, deixando como sucesora a súa filla Urraca. É posíbel que o matrimonio se opuxese á sucesión, o que explicaría que ambos os cónxuxes estivesen ausentes das súas exequias e que tampouco aparezan como testemuñas do primeiro documento que Urraca asina como raíña. Seguindo á Primeira Crónica de Sahagún, un dos documentos primarios máis relevantes sobre a época, Henrique dirixiuse a Borgoña pouco antes da morte do rei, para buscar apoios con que “toviese el reino de Espanna”.[10] Porén, tamén hai quen opina que a súa ausencia se puido deber á necesidade de defender a fronteira[11], pois está documentado que a finais de xullo o matrimonio estaba en Coímbra.
A finais de 1109 concretáronse as capitulacións matrimoniais entre Urraca e Afonso I de Aragón. O enlace tivo o apoio da burguesía do reino, especialmente forte nas cidades ao longo do Camiño de Santiago, pero atopou un rexeitamento xeneralizado entre a nobreza. Á luz da Historia Compostelá, outro texto fundamental para entender a política leonesa do período, parece que os condes de Portugal se posicionaron nun primeiro momento a favor do casamento. O seu apoio resultou decisivo para que o bando aragonés puidese vencer na batalla de Candespina (26 de outubro de 1110). Con todo, Henrique de Borgoña cambiouse de bando a pouco da batalla, o que permitiu sitiar Afonso no castelo de Peñafiel.[12]
Este é o contexto en que ha de entenderse un dos documentos máis controversos entre os asinados por Tareixa. Trátase do chamado Pacto da Amizade, subscrito entre a condesa e a raíña Urraca en novembro ou decembro de 1110. Ese acordo concede á condesa numerosas prazas no territorio leonés e castelán (Zamora, Salamanca, Ávila, Talavera...) en troques de protección militar. Non hai consenso sobre a veracidade do documento, pois só se coñece unha copia, conservada no Liber Fidei da catedral de Braga. Ademais, carece de mencións a Henrique de Borgoña. Sexa ou non un documento verídico, o pacto ilustra os obxectivos que perseguían Teresa e Henrique: tirar o máximo proveito da debilidade de Urraca.[13]
Viuvez e goberno en solitario
editarTrala morte de Henrique de Borgoña na primavera de 1112, a súa viúva asumiu o mando en solitario do condado. A súa política foi en boa medida unha continuación da que emprendera en conxunto co seu marido. Unha das súas principais preocupacións foi a defensa da fronteira sur. En 1116 e 1117 os almorábides asediaron Coímbra, ocupándose Tareixa de capitanear a defensa da praza.[14]
O de Coímbra sería o último grande asedio almorábide sobre unha cidade cristiá. A presión musulmá relaxouse a partir desta data. Tareixa puido entón centrarse no outro eixe da súa acción política: a de reforzar o seu poder no condado e intervir nos asuntos do reino de Galicia-León, aproveitándose da contestación ao poder de Urraca. En 1116 Tareixa aparece implicada no asedio a Urraca no castelo de Sobroso polos partidarios de Afonso Reimúndez.
A partir de 1117 a documentación emitida pola chancelaría de Tareixa comezou a usar para ela o título de raíña. O título revela que, nesa altura, Tareixa estaba moi segura do seu poder sobre o territorio de Portugal. Porén, a súa autoridade estivo sempre supeditada á monarquía leonesa, primeiro nas mans de Orraca e despois nas de Afonso VII.
Tareixa tratou de ampliar os seus dominios. Así por exemplo, actuou a miúdo na marxe esquerda do Miño, tentando colocar baixo o seu poder toda a diocese de Tui. Segundo a Historia Compostelá, esa sería a razón do ataque que sufriu en 1121 por parte de Urraca e Diego Xelmírez, sendo cercada no Castelo de Lanhoso tras sufrir unha derrota naval no Miño. Aínda que en posición de inferioridade, a condesa conseguiu negociar o Tratado de Lanhoso, polo cal conseguiu salvar o seu goberno do Condado Portucalense.[15]
Alianza coa casa de Traba
editarAínda que moi seguramente as relacións entre Tareixa e a casa de Traba eran xa estreitas con anterioridade, a presenza no condado portugués de dous dos fillos de Pedro Fróilaz, conde de Traba, non está confirmada documentalmente até 1121. Bermudo, que casaría coa filla máis vella de Tareixa, Urraca, ocupou cargos como a tenencia de Viseu, ao mínimo entre 1125 e 1128. Fernando, pola súa parte, será tenente de Coímbra, entre outras doazóns. Da relación entre Tareixa e Fernán Pérez de Traba nacerían catro fillos.
Esta relación alleou a Tareixa das principais casas nobiliarias portucalenses. A nobreza portuguesa sufría mal que os Traba e os seus achegados tomasen para si cargos tan relevantes como a defensa da fronteira fronte aos musulmáns. En opinión da historiografía portuguesa, Tareixa tiña "clara a sua vontade de restaurar o antigo reino da Galiza"[16], namentres a nobreza do condado optaba xa pola creación dun Portugal independente.
Desde 1121 desaparecen como testemuñas dos documentos de Tareixa algunhas das familias máis prominentes da nobreza portuguesa, como os membros da casa de Ribadouro ou os da casa da Maia. O enfrontamento entre os partidarios de Tareixa e a nobreza do condado, unida arredor do seu fillo Afonso Henriques, precipitáronse trala morte de Urraca en 1126. O fillo desta, Afonso VII tivo primeiro que asegurar a paz na fronteira aragonesa. Unha vez logrado este obxectivo, decidiuse a someter a nobreza galega e portuguesa. A finais de setembro de 1127, vitorioso en Galiza, o seu exército atravesou o Miño. Tareixa e Fernando fuxiron cara ao sur, refuxiándose en Viseu ou Coímbra, en tanto Afonso Henriques defendía con éxito Guimarães, acuartelado no castelo da cidade. O empeño de Afonso Henriques deulle aínda máis apoios. O 24 de xuño de 1128 enfrontáronse as tropas de Henrique e as da súa nai no Campo de São Mamede, coa vitoria de Henrique.
Ao que parece, Tareixa e Fernando abandonaron Portugal após a derrota.[17] Se ben Fernando viviría aínda vinte anos, sendo unha figura relevante da política leonesa, Tareixa morreu o 1 de novembro de 1130 retirada en Galiza.[18] Descoñécese o lugar exacto onde morreu, así como o lugar onde foi soterrada. Pénsase que puideron recibir unha primeira sepultura en Santa María de Montederramo (na altura baixo a advocación de San Xoán) para logo seren reclamados polo seu fillo, quen se encargaría de que os levasen xunto aos do seu pai, na Sé de Braga.[19]
Historiografía
editarA figura de Tareixa ten un gran valor para a historiografía portuguesa como nai de Afonso Henriques, que se converterá no primeiro rei de Portugal. Con todo, fronte á acción de Afonso, claramente decidida á creación dun estado propio ao sur do Miño, o goberno de Tareixa funcionou dentro do marco territorial da corte leonesa, o que ao cabo motivou a defección da alta nobreza de Portugal.
Tareixa, como a súa medio irmá Urraca ou a súa avoa Sancha, concitou a atención da historiografía polo seu interese no estudo da situación da muller nos inicios da sociedade feudal.
En liñas xerais, existe consenso en sinalar que as nobres desta época desempeñaban un papel que non se reducía á reprodución e transmisión da liñaxe. Como demostra o caso de Tareixa, podían ocupar perfectamente un papel de primeiro rango na escena política, sobre todo en ausencia dun varón que puidese reclamar un status igual ou superior.
Secasí, tamén resulta evidente que as mulleres estaban á sombra dos seus pais ou dos seus maridos. Mesmo os fillos podían ser unha ameaza para a súa independencia cando chegaban á maioría de idade. A condición feminina era un obstáculo engadido ás dificultades que enfrontaba a nobreza e a monarquía feudais para conservar a súa autoridade. O mero tratamento que reciben as mulleres poderosas nas fontes –esaxerando trazos de carácter como a debilidade ou o capricho– evidencia que o poder feminino era contemplado como unha solución pasaxeira e pouco desexábel.
Notas
- ↑ Boullón Agrelo, Ana Isabel (coord.): Guía de nomes galegos A Coruña: Real Academia Galega.
- ↑ Amaral, Luís Carlos; Barroca, Mário Jorge (2020). "A descendência de Afonso VI de Leão e Castela: Urraca e Teresa". Teresa. A Condessa-Rainha (en portugués). Temas e Debates. pp. 52–74.
- ↑ Amaral, Luís Carlos; Barroca, Mário Jorge (2020). Teresa. A Condessa-Rainha. Temas e Debates. p. 67.
- ↑ Amaral, Luís Carlos; Barroca, Mário Jorge (2020). "A casa ducal de Borgonha: a ascendência de D. Raimundo". Teresa. A Condessa-Rainha. Temas e Debates. pp. 25–44.
- ↑ Ramos, Rui (2009). História de Portugal. A Esfera dos Livros.
- ↑ Pallares, María del Carmen; Portela, Ermelindo (2006). La reina Urraca. Nerea. p. 79.
- ↑ Amaral, Luís Carlos; Barroca, Mário Jorge (2020). Teresa, a Condessa-Rainha (en portugués). Temas e Debates. p. 67.
- ↑ Amaral, Luís Carlos; Barroca, Mário Jorge (2020). "O governo do Condado Portucalense até à morte do conde D. Henrique de Borgonha (1096-1112)". Teresa. A Condessa-Rainha (en portugués). Temas e Debates. pp. 124–168.
- ↑ Amaral, Luís Carlos; Barroca, Mário Jorge (2020). "A cúria portucalense". Teresa. A condessa-rainha. Temas e Debates. pp. 239–269.
- ↑ Pallares, María del Carmen; Portela, Ermelindo (2006). La reina Urraca. Nerea. pp. 85–86.
- ↑ Pallares, María del Carmen; Portela, Ermelindo (2006). La reina Urraca (en castelán). Nerea. p. 62.
- ↑ Pallares, María del Carmen; Portela, Ermelindo (2006). La reina Urraca. Nerea. pp. 70–72.
- ↑ Amaral, Luís Carlos; Barroca, Mário Jorge (2020). Teresa. A condessa-rainha. Temas e Debates. pp. 178–182.
- ↑ Mattoso, José (1993). História de Portugal (en portugués) 2. Estampa. pp. 49–50. ISBN 9789723309201.
- ↑ Pallares, María del Carmen; Portela, Ermelindo (2006). La reina Urraca. Nerea. pp. 84–91.
- ↑ Amaral, Luís Carlos; Barroca, Mário Jorge (2020). Teresa. A condessa-rainha. Temas e Debates. p. 221.
- ↑ Amaral, Luís Carlos; Barroca, Mário Jorge (2020). Teresa. A condessa-rainha. Temas e Debates. pp. 210–233.
- ↑ Amaral, Luís Carlos; Barroca, Mário Jorge (2020). Teresa. A condessa-rainha. Temas e Debates. p. 289.
- ↑ Amaral, Luís Carlos; Barroca, Mário Jorge (2020). "Epílogo. Morte e memória.". Teresa. A condessa-rainha. Temas e Debates. pp. 288–302.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- "Tareixa de Portugal". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Amaral, Luís Carlos; Barroca, Mário Jorge (2020). Teresa. A condessa-rainha (en portugués). Lisboa: Temas e Debates. ISBN 9789896446086.
- Pallares, María del Carmen; Portela Silva, Ermelindo (2006): La reina Urraca (en castelán). Nerea. ISBN 9788496431188.
- Ramos, Rui (coord.) (2009). "Capítulo 1: Do Condado Portucalense à monarquía portuguesa". História de Portugal (en portugués). Lisboa: A Esfera dos Livros. pp. 17–47. ISBN 9789896263669.
Tareixa, condesa de Portugal Dinastía Ximena Nacemento: 1080 Falecemento: 1 de novembro 1130
| ||
Outros títulos Nobiliarios | ||
---|---|---|
Precedido por Nuno II Mendes Último conde de Portucale
|
Condesa de Portugal 1096 – 1130 xunto con Henrique (1096- 1112) xunto con Afonso (1112 - 1139) |
Sucedido por Afonso Henriques |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Tareixa, condesa de Portugal |