Ciclo do Entroido
Suxeriuse que este artigo ou apartado sexa fusionado con "entroido" (conversa). Para realizar a fusión das páxinas segue estes pasos. |
O ciclo do Entroido é o período de tempo relacionado coa festividade do entroido. Non ten datas fixas, ó depender da pascua e a coresma.
O martes de entroido adoita coincidir en febreiro ou nos primeiros días de marzo, pero as celebracións relacionadas poden comezar xa en xaneiro. É o que se coñece como ciclo do entroido e que ten nas diferentes vilas de Galiza distintas extensións. Polo xeral tomouse como referencia o entroido de Xinzo como o máis longo, se ben a súa distribución en cinco semanas é común a boa parte das comarcas centrais ourensás, como Maceda, ademais de na realidade non ser o ciclo máis longo pois este é en Laza onde o ciclo comeza segundo se dan as campadas o día de ano novo co primeiro folión. Tamén son en ocasións máis longos que o entroido de Xinzo o entroido de Verín e o entroido de Vilariño de Conso, segundo en que momento de febreiro ou marzo caia o entroido pois en Verín o ciclo dá comezo o día de San Antón (17 de xaneiro) e en Vilariño de Conso o ciclo dá comezo o día de Candelas (2 de febreiro).
Estas son, por orde, as súas principais datas en Galiza.
- o domingo fareleiro. Os rapaces emporcallan a xente, sobre todo as rapazas e as mulleres, con farelo, borralla, betume e ferruxe dos potes.
- o domingo oleiro. Os homes xogan a guindarse uns aos outros unhas olas de arxila sen que lles rompan (xogo da ola).
- o xoves de compadres. Ten lugar unha simbólica guerra de sexos: as mozas fan bonecos ("compadres") e quéimanos loitando cos mozos, que para impedilo bótanlles ás mozas auga, borralla...
- o domingo corredoiro os rapaces e mozos botan auga, ovos podres, borralla, lama e mesmo formigas á xente. Celébrase tamén a corrida do galo, onde os mozos teñen que tentar arrincarlle a cabeza á ave cun pau ou coas mans. O que consegue matar o galo lévao. Na versión infantil, soltábase o galo nun recinto e os rapaces corríano ata esgotalo. Logo faise unha gran comida co mellor da matanza.
- o xoves de comadres. Ao xoves seguinte repítese o ritual do xoves de compadres pero o revés. Neste caso son as comadres, as mozas, as queimadas.
- o domingo, o luns e mais o martes de entroido son os tres días grandes desta festividade, se ben conforme as distintas vilas pode ser máis importante o domingo, o luns (Laza) ou o martes. Neles fanse as grandes esmorgas, os desfiles de máscaras polas rúas ou polas corredoiras e os bailes de disfraces.
- o mércores de cinza, cando se celebra o enterro da sardiña. Á noite sae a xente envolta nunha saba e levando botafumeiros feitos de folla de lata nos que arden zapatos vellos, goma de pneumático e todo que cheire mal. Imitan a procesión de enterro dunha criatura, a sardiña, que representa a diversión e a felicidade. Noutras localidades prodúcese a queima do meco do entroido, cuns rituais semellantes. Éntrase na coresma, nos corenta días de xaxún en que os católicos teñen prohibido comer carne.
- o domingo de piñata ten un carácter netamente urbano e moderno. A piñata é un xogo traído de Italia no século XVIII, e que consiste en romper cun pau, levando os ollos tapados, unha ola que pende dunha corda, chea de confetti, auga, fariña ou incluso cun pombo pollo.