Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Ciclo do Entroido

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
a, domingo fareleiro. b, domingo oleiro. c, xoves de compadres. d, domingo corredoiro. e, xoves de comadres. f, domingo de Entroido. g, luns de Entroido. h, martes de Entroido. i, mércores de cinza. l, domingo de piñata.

O ciclo do Entroido é o período de tempo relacionado coa festividade do entroido. Non ten datas fixas, ó depender da pascua e a coresma.

O martes de entroido adoita coincidir en febreiro ou nos primeiros días de marzo, pero as celebracións relacionadas poden comezar xa en xaneiro. É o que se coñece como ciclo do entroido e que ten nas diferentes vilas de Galiza distintas extensións. Polo xeral tomouse como referencia o entroido de Xinzo como o máis longo, se ben a súa distribución en cinco semanas é común a boa parte das comarcas centrais ourensás, como Maceda, ademais de na realidade non ser o ciclo máis longo pois este é en Laza onde o ciclo comeza segundo se dan as campadas o día de ano novo co primeiro folión. Tamén son en ocasións máis longos que o entroido de Xinzo o entroido de Verín e o entroido de Vilariño de Conso, segundo en que momento de febreiro ou marzo caia o entroido pois en Verín o ciclo dá comezo o día de San Antón (17 de xaneiro) e en Vilariño de Conso o ciclo dá comezo o día de Candelas (2 de febreiro).

Estas son, por orde, as súas principais datas en Galiza.

  • o domingo fareleiro. Os rapaces emporcallan a xente, sobre todo as rapazas e as mulleres, con farelo, borralla, betume e ferruxe dos potes.
  • o domingo oleiro. Os homes xogan a guindarse uns aos outros unhas olas de arxila sen que lles rompan (xogo da ola).
  • o xoves de compadres. Ten lugar unha simbólica guerra de sexos: as mozas fan bonecos ("compadres") e quéimanos loitando cos mozos, que para impedilo bótanlles ás mozas auga, borralla...
  • o domingo corredoiro os rapaces e mozos botan auga, ovos podres, borralla, lama e mesmo formigas á xente. Celébrase tamén a corrida do galo, onde os mozos teñen que tentar arrincarlle a cabeza á ave cun pau ou coas mans. O que consegue matar o galo lévao. Na versión infantil, soltábase o galo nun recinto e os rapaces corríano ata esgotalo. Logo faise unha gran comida co mellor da matanza.
  • o xoves de comadres. Ao xoves seguinte repítese o ritual do xoves de compadres pero o revés. Neste caso son as comadres, as mozas, as queimadas.
  • o domingo, o luns e mais o martes de entroido son os tres días grandes desta festividade, se ben conforme as distintas vilas pode ser máis importante o domingo, o luns (Laza) ou o martes. Neles fanse as grandes esmorgas, os desfiles de máscaras polas rúas ou polas corredoiras e os bailes de disfraces.
  • o mércores de cinza, cando se celebra o enterro da sardiña. Á noite sae a xente envolta nunha saba e levando botafumeiros feitos de lata nos que arden zapatos vellos, goma de pneumático e todo que cheire mal. Imitan a procesión de enterro dunha criatura, a sardiña, que representa a diversión e a felicidade. Noutras localidades prodúcese a queima do meco do entroido, cuns rituais semellantes. Éntrase na coresma, nos corenta días de xaxún en que os católicos teñen prohibido comer carne.
  • o domingo de piñata ten un carácter netamente urbano e moderno. A piñata é un xogo traído de Italia no século XVIII, e que consiste en romper cun pau, levando os ollos tapados, unha ola que pende dunha corda, chea de confetti, auga, fariña ou incluso cun pombo pollo.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]