Fliscorno
Fliscorno | |
---|---|
Información | |
Clasificación | vento metal |
Tesitura | |
Instrumentos relacionados | Trompeta, corneta, trompeta baixa, saxhorno, flumpet |
Músicos notables |
O fliscorno é un instrumento de vento, pertencente á familia dos instrumentos de vento metal ou metais dentro da familia dos bugles (tamén chamados figles, bügelhorn, flügelhorn ou saxhornos), fabricado en aliaxe de metal (normalmente latón). Garda gran similitude coa trompeta.
O son prodúcese grazas á vibración dos beizos do intérprete na parte denominada boquilla a partir da columna do aire (fluxo do aire). O fliscorno comunmente está afinado en Si bemol.
O músico que toca o fliscorno chámase fliscornista.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]Fliscorno procede do alemán Flügelhorn, literalmente corno de ala. Unha etimoloxía posible é que o instrumento foi usado sobre o campo de batalla para convocar as ás (flancos) dun exército na batalla[1].
Mecanismo
[editar | editar a fonte]O mecanismo do fliscorno consta dun tubo de menos de 1 cm de diámetro e de aproximadamente 1,35 m de lonxitude, enrolado sobre si mesmo. O son, prodúcese grazas á vibración dos beizos na boquilla, a cal é similar á da trompeta pero cun tudel máis corto e o granillo (grosor interior da boquilla) máis ancho, feito que lle proporciona un son máis doce e escuro que a trompeta (a menor profundidade do granillo prodúcense sons máis brillantes ou agudos, a maior profundidade do granillo prodúcense sons sons máis doces). O corpo do fliscorno ten unha forma cónica e remata nunha campá duns 20 cm de diámetro.
O fliscorno ten un sistema de válvulas (pistóns ou cilindros) que lle permite cambiar a serie de harmónicos que se desexa facer soar. Polo xeral, conta con tres válvulas e emprega o mesmo sistema de dixitación que outros instrumentos de vento metal. Así, pódense realizar unhas determinadas notas sen pulsar ningunha válvula e conseguir as restantes coas series de harmónicos que aparecen coa combinación das súas tres válvulas. As posicións das notas do fliscorno son exactamente iguais que as da trompeta, aínda que o son do fliscorno é mais doce e menos brillante que o son desta.
No pasado, fabricábanse fliscornos cun número de materiais improbables, incluíndo a madeira, a arxila e a cerámica. Tamén se fabricaban completamente de latón, bronce, prata e níquel. O fliscorno moderno está fabricado comunmente de latón e ás veces é galvanizado con prata, níquel, ouro o cobre[2].
A afinación sólese ver afectada (como en todos os instrumentos de vento metal) pola temperatura ambiental, por tanto é necesario quentar o instrumento con exercicios suaves. Para afinar correctamente o fliscorno é necesario axustar o tudel ata conseguir a afinación desexada.
Musicalidade e execución
[editar | editar a fonte]O ton do fliscorno é máis grave e emite un son máis suave e redondo que o da trompeta ou a corneta. Ten un nivel de axilidade similar ó da trompeta, aínda que no rexistro alto é máis difícil de controlar.
Normalmente non se usa de maneira agresiva ou brillante como a trompeta e a corneta (aínda que pode darse o caso). Tende máis cara a un papel máis suave e reflexivo.Os seus principais ámbitos de aplicación atópanse no jazz e nas bandas de vento metal, aínda que en ocasións é usado no ámbito orquestral.
Un notable exemplo deste último é a Novena Sinfonía do inglés Ralph Vaughan Williams (1872-1958). O fliscorno comunmente está afinado en Si bemol, é dicir, dous semitóns por baixo da afinación real. Durante máis dun século foi empregado como solista nas bandas europeas de toda índole, especialmente nas militares. A versatilidade básica ou rango do fliscorno é de dúas oitavas e media, desde o fa# 3 (sobre o do central do piano) ata o do6 (dúas oitavas máis agudo que o do central), aínda que este rango pode aumentar dependendo do músico.
Historia
[editar | editar a fonte]Este instrumento forma parte da familia dos bugles (tamén chamados figles, bügelhorn, flügelhorn ou saxhornos). En 1811, o inglés Joseph Halliday patentou un bugle chamado Royak Kent bugle. En 1832, o muniqués Michael Saurle (pai) patentou en Baviera un bugle de chaves (Flügelhorn cromático).[3]
Así e todo, outros historiadores din que o fliscorno xurdiu do belga Adolphe Sax quen en 1845 patentou o saxhorno, unha especie de bugle con chaves. Nas súas orixes era o instrumento encargado de dirixir as cacerías dos aristócratas alemáns, aínda que pouco despois comezouse a empregar no ámbito militar. Dende Alemaña comezou a se estender polo resto de Europa a países como Francia e Inglaterra.
Dada a súa tardía aparición, é un instrumento que non se atopa nas orquestras sinfónicas. O fliscorno foi utilizado por algúns compositores, como o ruso Igor Stravinskii e o italiano Ottorino Respighi nalgunha das súas obras orquestrais. A bibliografía de concertos para fliscorno é case nula: practicamente non existen concertos para este instrumento, aínda que calquera concerto para trompeta da época romántica pódese tocar con este instrumento
Fliscornistas famosos
[editar | editar a fonte]- Chet Baker
- Lester Bowie
- Miles Davis
- Art Farmer
- Maynard Ferguson
- Tony Guerrero
- Tom Harrell
- Freddie Hubbard
- Chuck Mangione
- Hugh Masekela
- Jimmy Owens
- Woody Shaw
- Clark Terry
- Kenny Wheeler
Obras para fliscorno
[editar | editar a fonte]- Pinos de Roma (1924), de Ottorino Respighi.
- Threni (1958), de Igor Stravinskii.
- Novena sinfonía (1956-1957), de Ralph Vaughan Williams.
- Aparece en diferentes arranxos musicais das cancións pop dos anos 60 de Burt Bucharach.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Dictionary. com" (en inglés). Consultado o 20 de novembro de 2007.
- ↑ "The History of the Fluegelhorn" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 14 de outubro de 2007. Consultado o 20 de novembro de 2007.
- ↑ O primeiro fliscorno foi alemán, no inglés.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Fliscorno |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Dudgeon, Ralph T.; Franz X. Streitwieser (2004). Edition Bochinsky, ed. The Fluegelhorn. ISBN 3-932275-83-7.
- The New Grove Dictionary of Music and Musicians, segunda edición (2001). Stanley Sadie and John Tyrrell (Londres), ed. Flugelhorn.
- The New Grove Dictionary of Jazz, segunda edición (2002). Barry Kernfeld (Londres), ed. Flugelhorn.