Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Lura

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para o buque oceanográfico homónimo, véxase B/O Lura.
Lura
Loligo vulgaris
Clasificación científica
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
(sen clasif.) Bilateria
Filo: Mollusca
Clase: Cephalopoda
Subclase: Coleoidea
Superorde: Decapodiformes
Orde: Teuthida
Suborde: Myopsina
Familia: Loliginidae
Xénero: Loligo
Especie: L. vulgaris
Nome binomial
Loligo vulgaris
Lamarck, 1798
Luras no Aquarium Finisterrae da Coruña.
Luras cociñadas á romana.

A lura[1] (Loligo vulgaris), tamén chamada lula nalgunhas partes de Galicia,[2] e tamén lura común,[3][4] é, para moitos autores, un molusco cefalópodo coleoideo da superorde dos decapodiformes, orde dos téutidos e familia dos lolixínidos.[5] Porén, outros autores sitúana na orde dos miópsidos.[6]

Características

[editar | editar a fonte]

A lura é mariña e carnívora e se caracteriza por posuír unha cabeza diferenciada, simetría bilateral e dez tentáculos con ventosas, oito curtos para a captura do alimento (tamén chamados brazos), e outros dous longos con función reprodutiva.

A lura ten cromatóforos na súa pel, ou sexa, células que permiten cambios de cor dependendo do ambiente en que se encontran, o que caracteriza a súa capacidade mimetizante. Sendo un coleoideo, ten unha cuncha interna chamada pluma, debido á súa forma similar ás plumas das aves. A lura móvese por medio de retropropulsión, exectando grandes cantidades de auga almacenada na cavidade paleal, a través dun sifón de gran mobilidade e capacidade de direccionamento da auga. Por esta razón, e debido a súa forma altamente hidrodinámica, é un forte rival dos peixes no que se refire á habilidade de natación e manobrabilidade.

Na boca, a lura presenta unha lingua dura, chamada rádula, de constitución quitinosa, que lle permite triturar alimentos e que é a característica común a todos os moluscos, excepto os bivalvos e os aplacóforos.

A lura respira por dúas galas ou branquias, e ten un sistema circulatorio no que o sangue é bombeado por un corazón principal e dous subsidiarios.

É un animal exclusivamente carnívoro, alimentándose de peixes e de invertebrados, que capturan cos brazos.

A maioría das luras non alcanzan máis de 60 cm de lonxitude.

Pesca deportiva da lura

[editar | editar a fonte]

A forma mais habitual de pescar a lura na pesca deportiva realízase de noite cunha liña habitualmente sen cana, empregando un engado artificial, chamado poteira por ser usado tamén para a pesca comercial da pota, de menor calidade culinaria. A poteira é un aparello que consta dun chumbo vernizado cunha luz química e arrodeado de anzois. A técnica de pesca consiste en pendurar a poteira da embarcación por medio da liña, e facela vibrar tirando da liña para arriba e abaixo con movementos curtos e rápidos. A vibración e a luz conseguen enganar a lura, que confunde a poteira cun pequeno peixe, ao que tenta comer.

Gastronomía

[editar | editar a fonte]

As luras son obxecto dunha grande apreciación comercial polos seus usos gastronómicos. Son populares non só na gastronomía galega senón en moitas cociñas do mundo mediterráneo (España, Portugal, Italia, Grecia e Turquía).

Non só o seu corpo é comestible, tamén os brazos e a tinta. De feito, só o bico e a pluma non se comen. Son unha boa fonte de zinc, manganeso, cobre, selenio, vitamina B12 e riboflavina.

Adóitanse preparar guisadas, grelladas, na súa tinta ou fritidas en aneis á romana.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Abbott, N. Joan e Roddy Williamson, Linda Maddock (1995): Cephalopod Neurobiology. Oxford University Press. ISBN 0-19-854790-0.
  • Brusca, R. C. & Brusca, G. J. (2005): Invertebrados, 2ª ed. Madrid: McGraw-Hill Interamericana de España. ISBN 0-87893-097-3.
  • D'Ancona, Humberto (1972): "Moluscos" en Tratado de zoología. Tomo II. Zoología especial. Barcelona: Editorial Labor, S. A., pp. 729–763.
  • Felley, J., Vecchione, M., Roper, C. F. E., Sweeney, M. & Christensen, T. (2001-2003): Current Classification of Recent Cephalopoda. National Museum of Natural History: Department of Systematic Biology: Invertebrate Zoology: Cephalopods
  • Frings, H. e Frings, M. (1975): Conceptos de Zoología. Madrid: Editorial Alhambra. ISBN 84-205-0505-6.
  • Grassé, P.-P., E. A. Poisson e O. Tuzet (1976): Invertebrados. (En Grassé, P.-P., Zoología, vol. 1). Barcelona: Toray-Masson. ISBN 84-311-0200-4.
  • Hanlon, Roger T. & John B. Messenger (1996): Cephalopod Behaviour. Cambridge University Press. ISBN 0-521-42083-0.
  • Hickman, C. P., W. C. Ober e C. W. Garrison (2006): Principios integrales de zoología, 13ª ed. Madrid: McGraw-Hill Interamericana. ISBN 84-481-4528-3.
  • Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
  • Meglitsch, P. A. (1986): Zoología de invertebrados, 2ª ed. Madrid: Ed. Pirámide. ISBN 84-368-0316-7.
  • Nixon, Marion & John Z. Young (2003): The brains and lives of Cephalopods. Oxford University Press. ISBN 0-19-852761-6.
  • Ramonell, Rosa (1985): Guía de los mariscos de Galicia. Vigo: Galaxia. ISBN 84-7154-506-3.
  • Rolán, Emilio e Otero-Schmitt, Jorge (1996): Guía dos moluscos de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 978-84-8288-072-3.
  • Remane, Adolf, Volker Storch & Ulrich Welsch (1980): Zoología sistemática. "Cephalopoda (Cefalópodos)". Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-282-0608-2, pp. 160–169.
  • Stevens, Martin & Sami Merilaita (2011): Animal camouflage: mechanisms and function. Cambridge University Press. ISBN 0-521-19911-5.
  • VV. AA. (1968): "Moluscos" en: Enciclopedia Salvat de las ciencias. Tomo 4. Animales invertebrados. Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones, pp. 248–293.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]