Metátese
Denomínase metátese ao metaplasmo fonolóxico (ou fonético) que consiste no cambio de lugar de fonemas (ou sons) dentro da palabra, atraídos ou repelidos por outros.
Tipos
[editar | editar a fonte]Distínguense os seguintes tipos de metáteses:
- Segundo o número de sons implicados:
- metátese recíproca: Cando dous sons intercambian o seu lugar (parabola > palabra).
- metátese sinxela ou simple: Se só un o son cambia de posto no seo da palabra (integrar > entregar, crepare > quebrar).
- Segundo a distancia entre as posicións inicial e final:
- metátese de contacto: Os sons que metatizan están contiguos (Area > *aria > aira > eira).
- metátese a distancia: Oposto do anterior (ruga > engurra).
Metáteses no galego
[editar | editar a fonte]O fonema máis susceptible de padecer metátese en galego é o da consoante vibrante, que no desprazamento pode pasar de múltiple [r] a simple [ɾ], ou viceversa.
O verbo entregar provén de INTEGRĀRE. Igualmente, de íntegro (palabra da cal deriva enteiro), proceden entrego e antergo, adxectivos aplicados a unha persoa adulta, no sentido de que ten desenvolvidas as súas capacidades físicas e psíquicas. Antergo foi trocando o matiz de plenitude polo de idade avanzada, achegándose semánticamente a ancián e modernamente vense empregando con bastante frecuencia como sinónimo de devanceiro, quizais por paronomasia coa palabra antigo[1].
A preposición sobre procede do latino SUPER, que tamén deu en galego a forma sen metátese sobor, non normativa.
A palabra prebe, sinónima de mollo ou salsa de calquera tipo, provén de PIPER (pemento; en catalán pebre), pois orixinalmente designaba como sinécdoque o líquido dos guisos, nos que o pemento é un ingrediente fundamental.
Perto é unha variante dialectal moi espallada do adverbio preto[2], e é a forma exclusiva do portugués. Ao igual que aperta e apertar é resultado da metátase no latino APPRETTARE < APPECTORĀRE. Outro caso de metátese de contacto é britar[3], un verbo antigo que deu birtar e o moderno birta[4], substantivo que mantén a noción de 'romper'.
No campo léxico da fauna hai metátese en aiga (< aguia), caranguexo (cang(a)rexo < cancer+exo) e melro (< merlo). Pola súa banda, crocodilo (< CROCODĪLUS) dise cocodrilo en castelán, cocodril en catalán e occitano, coccodrillo en italiano e cocodrillu en sardo; e morcego (< MUR CAECULŪS) en castelán é murciélago.
Vulgarismos
[editar | editar a fonte]O topónimo Proba é a realización metatética da forma parella Pobra; ambas son derivados regresivos do verbo *pobrar (poboar), do latino POPULĀRE. É o mesmo proceso que se deu no vulgarismo probe < pobre < PAUPER, tamén con sonorización da consoante oclusiva.
As metáteses son frecuentes no galego popularizante en que escribiron os autores do Rexurdimento. Son reflexo da fala real naquela altura, e non diferencialismos deliberados, termos como frol ou cadavre. Algúns deles mantiveron a súa vixencia en canto non se consolidou a lingua estándar (cicais < quizais) e outros perduran na actualidade con distintos graos de corrección segundo o dicionario consultado, como chata[5] (tacha < TACCA) ou treba (tebra < TE(NE)BRA), que, grafado con uve, é a forma estándar en portugués e que en galego deu orixe a trebón e treboada.
Outras formas mantéñense na fala dialectal con significados específicos, como freba (de febra), que designa a carne do lombo do porco que se consome fresca, pouco logo de feita a mata.
Antroponimia popular
[editar | editar a fonte]A metátese é característica dalgúns nomes anosados ou familiares como Madanela (de Madalena < Magdalena), Ádega (de Águeda), Outelo (de Eleuterio), Trega (< Tegra < Tecla), Trocado (< Torcuato < Torquatus) ou Calros (por Carlos).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Antergo en RAG". Arquivado dende o orixinal o 22 de maio de 2019. Consultado o 23 de marzo de 2021.
- ↑ "Galego Correcto: Perto e Preto" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 29 de novembro de 2020. Consultado o 2021-03-23.
- ↑ "Universo Cantigas". www.universocantigas.gal. Consultado o 2021-03-23.
- ↑ "birta". DIGALEGO. Consultado o 2021-03-23.
- ↑ "chata". DIGALEGO. Consultado o 2021-03-23.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Vexa a entrada do Galizionario acerca de metátese |