Pasaporte
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Un pasaporte é un documento de identidade emitido por un goberno nacional no que este recoñece formalmente o portador coma nacional do Estado en particular e acredita o permiso ou autorización legal para saír ou ingresar no mesmo, polas fronteiras internacionais.
Os pasaportes están ligados ao dereito de protección legal no exterior e ao retorno do individuo ao seu país de orixe. O pasaporte xeralmente contén, para identificar o seu portador, algúns elementos comúns: fotografía, sinatura, data de nacemento, nacionalidade e algunhas veces outras informacións coherentes co seu propósito. Moitos países están desenvolvendo propiedades biométricas para os seus pasaportes para confirmar con precisión que a persoa que o presenta é o seu lexítimo propietario.
Historia
[editar | editar a fonte]Unha das primeiras referencias aos pasaportes foi feita no 450 a.C. por Neemias, un oficial ó servizo do rei Artaxerxes de Persia, que pediu permiso para ir a Xudá. O rei concedeullo e deulle unha carta destinada "aos gobernantes da provincia do outro lado do río" obrigando darlle seguridade, en canto estivese en terras estranxeiras.
A orixe do termo pasaporte é controvertida. Segundo algunhas fontes xurdiu en Francia durante o reinado de Lois XIV, onde o soberano fornecía aos seus favorecidos cartas requirindo o tránsito dos portadores polos portos, tales misivas eran chamadas "Passe Port" que literalmente significa pasar por un porto no idioma francés, no cal, a palabra para pasaporte é passeport. Outros afirman que o termo se orixinou na Idade Media cando documentos emitidos por autoridades locais pedían autorización para que os seus protexidos puidesen pasar polas portas dos muros das cidades. Tales documentos xeralmente contiñan unha lista de cidades entre as cales o seu portador podería circular. Independente da orixe do termo pasaporte, este mantivo o formato de carta por un longo período e na ausencia de fotografías para a identificación, algúns contiñan descricións físicas do portador. Os primeiros pasaportes con fotografía xurdiron no inicio do século XX.
Despois de cada unha das guerras mundiais, primeiramente a Sociedade de Nacións (conferencia internacional sobre pasaportes, formalidades aduaneiras e visados, 1920), e máis tarde a ONU xuntamente coa OACI, organismo internacional regulador da aviación civil, emitiron unha guía para estandarizar o formato e características inherentes aos pasaportes. Estas guías foron, en gran parte, as que orixinaron o formato actual dos pasaportes.
Recentemente está habendo un movemento para introducir nos pasaportes informacións biométricas para mellorar a seguridade de identificación. Eses novos elementos aínda son cuestionados pola dificultade de ser implantados actualmente, pois a tecnoloxía existente aínda non satisfai os requirimentos relacionados co seu uso común. Os Estados Unidos, por exemplo, adiaron por dúas veces a introdución da biometría nos documentos de viaxe debido a resultados insatisfactorios en probas realizadas.
Un pasaporte usualmente posúe unha inscrición (frecuentemente na contrportada) solicitando axuda para o portador do documento. O texto dun pasaporte de Israel, por exemplo, declara:
"The Minister of the Interior of the State of Israel hereby requests all those whom it may concern to allow the bearer of this passport to pass freely without let or hinderance an to afford him such assistance and protection as may be necessary." ("O ministro do interior do Estado de Israel, por medio deste, solicita a todos a quen poida interesar, permitir ao portador deste pasaporte pasar libremente sen molestias ou obstáculos e proverlle a asistencia e protección se fose preciso.")
Tipos
[editar | editar a fonte]Para a maior parte dos cidadáns son emitidos pasaportes comúns usados nas viaxes regulares.
Para o corpo diplomático emítese o pasaporte diplomático, que identifica os seus membros coma representantes diplomáticos do seu país natal. Así eles gozan de privilexios no país onde están a realizar o seu traballo, se o goberno local recoñece o portador do pasaporte como membro dunha misión diplomática.
Os pasaportes de servizo son emitidos para o persoal técnico e administrativo en misión diplomática, como unha embaixada ou consulado. Ese expediente ten menos inmunidades e privilexios comparados cos diplomáticos. Os seus detalles encóntranse descritos na Convención de Viena sobre relacións diplomáticas.
Algúns países emiten pasaportes oficiais a algúns dos seus servidores civís para viaxes con propósitos oficiais, algunhas veces intercambiados cos pasaportes de servizo. Dependendo dos acordos bilaterais entre as nacións envolveitas, os portadores dun pasaporte oficial deben ter un visado que o pasaporte común non precisaría, e noutros casos estes teñen garantía de entrada sen visado, onde aos detentores de pasaporte común lles é preciso. Como exemplo temos os cidadáns ucraínos portadores de pasaporte oficial (así coma os de pasaporte de servizo) que poden ir a Polonia e a Romanía sen visado.
Un pasaporte colectivo pode ser emitido, por exemplo, para unha viaxe escolar. Todos os cativos estarán cubertos polo mesmo documento durante toda a viaxe.
Documentos con función de pasaporte poden ser emitidos por países onde hai complexas leis de nacionalidade. No Reino Unido, resultado da súa herdanza colonial e constitución única, desenvolvéronse diferentes clases de cidadanía británica. Algúns pasaportes son simplemente documentos de viaxe, sen concesión de dereito domiciliar, en tanto outros indican o portador coma posuidor de pleno dereito de residencia no país. Xunto a iso está o feito de non seren todos os cidadáns británicos membros da Unión Europea, desa forma, estes teñen pasaportes sen os símbolos da UE.
Nun mesmo país poden existir múltiples réximes de pasaporte. O principal exemplo diso é a China, onde o modelo de "un país, dous sistemas" fixo que Hong Kong e Macau tivesen réximes propios de emisión de documentos de viaxe e fosen responsábeis, tamén, de implantar e controlar as políticas de control inmigratorio.
Algúns países introduciron pasaportes internos para regular o tránsito interno da súa poboación. Exemplos: o sistema da antiga Unión Soviética de pasaporte interno, actualmente vixente na Rusia, o "hukou" sistema de rexistro domiciliar usado na República Popular da China ou o caso de Corea do Norte.
Padróns
[editar | editar a fonte]Características técnicas
[editar | editar a fonte]Os pasaportes teñen un formato estándar. Comezan cunha portada que identifica o país emisor e despois cunha páxina tamén nomeando o país. Isto é xeralmente precedido de páxinas fornecendo informacións sobre o portador, ás que segue unha cantidade de páxinas numeradas en branco destinadas aos visados de entrada e saída. O país emisor dálles un número de serie.
Información coma nome, apelido, data de nacemento, nacionalidade etc, ata un pasado recente acostumaban ser mostradas no pasaporte apenas en forma de texto. Nos últimos anos os pasaportes emitidos por varios países volvéronse máis complexos.
Os pasaportes con banda óptica son estandarizados mundialmente polo padrón OACI. Posúen unha zona onde algunhas informacións anteriormente textuais están agora escritas nun código alfanumérico, para ser lido por unha lectora óptica. Isto habilita os oficiais de fronteira e outros axentes da lei para procesar tales pasaportes rapidamente no computador.
Os pasaportes biométricos con chips de información, inclúen informacións suplementarias sobre o portador nun formato dixital. Estes pasaportes foron introducidos na Australia, Europa, Xapón, Malaisia e nos Estados Unidos. Estes novos pasaportes foron introducidos primeiramente para previr a fraude de identidade. No futuro servirán tamén para o control da inmigración dos países. Nos pasaportes biométricos introdúcense habitualmente mapas da cara. Os seus datos (que consisten nas distancias chave do rostro) son capaces de identificar unha persoa apenas coa foto do pasaporte non habendo necesidade de ningunha outra información.
Linguas
[editar | editar a fonte]En 1920 a conferencia internacional para pasaportes, formalidades aduaneiras e visados estabeleceu que os pasaportes deberían ser confeccionados en francés e polo menos outro idioma. Hoxe, moitos países expiden pasaportes en inglés e a lingua oficial do estado emisor.
- Bélxica permite aos seus nacionais optar por cal dos tres idiomas oficiais do país (neerlandés, francés ou alemán) prefiren que sexa o primeiro idioma que conste no seu pasaporte individual.
- A portada do pasaporte de Hungría, Utlével (en húngaro carta de estrada), está só en húngaro, pero na segunda páxina presenta o termo pasaporte nos idiomas húngaro e inglés. A páxina cos datos persoais do portador ofrece as informacións nos idiomas húngaro, inglés e francés e actualmente aínda conta cunha páxina adicional que contén explicacións complementarias en inglés, francés, chinés, ruso, español e árabe, sendo esa unha modificación recente no formato do documento.
- Os pasaportes emitidos polos estados membros da Unión Europea conteñen as informacións en todos os idiomas oficiais da Unión.
- Os pasaportes dos Estados Unidos, antes emitidos en francés e inglés, son agora producidos en inglés, francés e español. Esa modificación foi incorporada durante o segundo goberno de Bill Clinton polo feito de estar sendo aplicados tamén estes documentos a Porto Rico, territorio de lingua española.
- Os pasaportes soviéticos eran impresos só en ruso e francés, a pesar do feito de que a Unión Soviética fose un país de singular diversidade lingüística.
Formatos comúns
[editar | editar a fonte]Os estados membros da Unión Europea son, talvez, o exemplo mais coñecido de países que contan cun formato común a todos os seus pasaportes. Os pasaportes europeos dos cidadáns comúns son vermello borgoña, coas palabras Unión Europea escritas (na lingua ou linguas oficiais nacionais) na portada, abaixo do que está o nome oficial do país, e o escudo nacional. A palabra pasaporte nas respectivas lingua ou linguas encóntrase na parte inferior.
Na América Central os membros do CA-4, tratado que ten a Guatemala, O Salvador, Honduras, e Nicaragua coma membros, adoptaron o mesmo modelo de pasaporte, tamén chamado "Pasaporte da América Central". O proxecto ten súa estrutura baseada no documento xa utilizado por Nicaragua e O Salvador desde a década dos noventa, e converteuse no padrón definitivo do bloque a partir de xaneiro do ano de 2006. Os seus principais elementos son a súa portada azul mariño coas palabras "América Central" e o mapa do continente co territorio do país emisor destacado en dourado. Iso substitúe os selos dos diferentes países cun só elemento, o mapa. Na extremidade inferior figuran o nome do país emisor e o tipo do pasaporte. Presenta as súas informacións en español, francés e inglés. O novo pasaporte inclúe oitenta e nove medidas de seguranza, entre elas código de barras bidimensional, holografías e marcas de auga, sendo este pasaporte un dos máis seguros do mundo.
A Comunidade Caribeña (CARICOM) recentemente iniciou a emisión de pasaportes comúns, presentando o símbolo do CARICOM xuntamente aos selos e nomes oficiais dos estados membros mostrados no seu idioma oficial: inglés, neerlandés ou francés. O primeiro membro do bloque que emitiu o pasaporte do CARICOM foi Suriname, que foi seguido por San Vicente e as Granadinas, Güiana, Antiga e Barbuda e outros países.
A declaración adoptada en Cuzco, Perú, que resultou na Unión de Nacións Suramericanas, incluía un intento para o estabelecemento dun pasaporte común, mais iso parece ser algo aínda distante da súa concreción. Algúns membros dos bloques sub-rexionais coma o Mercosur e a Comunidade Andina de Nacións emiten pasaportes cos seus nomes e selo oficiais e mais o nome do grupo, por exemplo Paraguai e Ecuador. Os países da Comunidade Andina confeccionarán a partir de 2005 os seus pasaportes co nome do bloque rexional en español.
Restricións gobernamentais e casos especiais
[editar | editar a fonte]A maioría dos países recoñece os pasaportes de case todas as nacións, pero hai un número de excepcións. Xeralmente esas excepcións acontecen cando un país non recoñece un territorio coma estado soberano. Algúns países tamén declinan pasaportes que non ofrecen ao portador o dereito de vivir no país emisor.
Por non consideraren unha autoridade como país soberano non se aceptan os seus pasaportes. Iso é unha política aplicada por moitos países, mais aínda así fanse algunhas concesións no caso por exemplo das persoas envolveitas en negociacións diplomáticas e daqueles que ofrecen axuda humanitaria. Dous exemplos de non recoñecemento dun pasaporte, son os de Hong Kong e Macau, rexións de administración especial da China.
En gran parte dos países os pasaportes pertencen ao estado e poden ser recollidos en calquera momento. Nalgúns países as autoridades poden declarar a retención dun pasaporte, aínda que tales casos deban ser analizados pola Xustiza.
Moitos países emiten só un pasaporte por persoa. Unha vez expirado, o aplicante precisa entregar o documento expirado ou sometelo á autoridade emisora para que este sexa invalidado. Un crecente número de países, incluíndo o Reino Unido e os Estados Unidos están permitindo aos seus cidadáns posuíren máis dun pasaporte por persoa. Iso debe ser útil para un individuo que viaxe frecuentemente a moitos países: un pasaporte é usado para obter visados en tanto a persoa pode viaxar para o exterior co outro pasaporte.
Algúns países impoñen requirimentos políticos e ideolóxicos ou prohibitivos para requirentes de pasaporte, emitindo visados de saída e pasaportes a quen os cumpra.
Rexións especiais da China: Macau e Hong Kong
[editar | editar a fonte]Sobre os auspicios das súas leis básicas, Hong Kong e Macau posúen a autoridade de emitir pasaportes, realizar acordos, abolir requirimentos de visado para outros países e exercer o control de inmigración de nacionais e estranxeiros. Os pasaportes emitidos polas respectivas administracións especiais declaran que o portador é cidadán chinés co dereito de domicilio na provincia emisora. O congreso nacional da China tamén delegou poderes a Hong Kong e Macau para administraren as leis de nacionalidade chinesas nos seus respectivos dominios.
A República Popular da China non recoñece a República da China como un estado soberano, considerando Taiwán (Formosa) unha parte de seu territorio. Pola súa parte a República da China baseada en Taiwán desde 1949 non renunciou á reivindicación da China Continental. A despeito do feito de presenza mutua de control de inmigración dos dous lados do estreito de Taiwán, ningunha das partes considera a travesía continente-illa coma unha viaxe internacional. Tanto a República Popular da China como a República da China nunca selan pasaportes emitidos do outro lado.
Un residente de Taiwán que entra na China continental usa un permiso especial emitido polas autoridades de seguranza do continente e xeralmente tramitan ese permiso en Hong Kong ou Macau. No porto de entrada en Taiwán, hai unha conspicua utilidade onde os residentes do continente deben someter os seus pasaportes e outros documentos emitidos na porción continental. Por outro lado residentes de Taiwán manteñen os seus documentos de identidade emitidos en Taiwán mentres estiveren no continente.
Mesmo os cidadáns de etnia chinesa en Hong Kong, que posúen pasaporte nacional británico ultramarino ou pasaporte de cidadán británico, moitos sobre os auspicios do programa instituído polo Reino Unido en 1990, son considerados pola República Popular da China coma nacionais seus e por iso non recoñecen eses pasaportes portados así como non recoñecen a dupla nacionalidade. Estas persoas usan o Permiso de Retorno para entrar na China desde a devolución.
Os residentes de Hong Kong non deben utilizar os seus pasaportes, nacional británico ultramarino e/ou da Administración Especial de Hong Kong para entraren en Taiwán. Xuntamente co documento precisan dun permiso especial de viaxe emitido polo órgano taiwanés de arranxos de inmigración para portadores de pasaporte británico provenientes de Hong Kong que visitan a República da China. Aqueles que van por primeira vez precisan conseguir a autorización antes do embarque, mais a partir da segunda entrada xa é posíbel conseguir a autorización despois da chegada, condición suxeita a algunhas restricións específicas.
Chipre
[editar | editar a fonte]A República Turca do Norte de Chipre emite pasaportes, mais soamente Turquía recoñece este estado. Os pasaportes da República Turca do Norte de Chipre non son válidos para a entrada na República do Chipre. Até o ano de 2003, a República da Turquía non aceptaba pasaportes da República do Chipre por non recoñecer a lexitimidade de tal goberno, mais dende entón si o acepta.
A República do Chipre tamén recusa a entrada de detentores de pasaportes iugoslavos, "que presente un selo de renovación co nome Macedonia do Norte".
Israel
[editar | editar a fonte]Moitos países árabes non permiten a entrada de persoas con evidencias de estadías en Israel, ou a presenza de visados deste estado usados ou non nos seus pasaportes, posto que non recoñecen a existencia do estado de Israel. Para axudar os estranxeiros a desvencellárense destas restricións, o estado de Israel non sela os pasaportes na entrada ou sequera pide visados previos, facendo que fique difícil para os países que teñen estas restricións a identificación daqueles cidadáns que estiveran no país. Moitas destas nacións poden bloquear a entrada dun estranxeiro con pasaportes con selos de saída de cidades xordanas ou exipcias fronteirizas con Israel.
Os países de maioría musulmá que non aceptan pasaportes de Israel son:
- Afganistán, Alxeria, Bangladesh, Comores, Djibuti, Indonesia, Iraq, Irán, Kuwait, Líbano, Libia, Malaisia (excepto con autorización escrita do goberno malaio), Maldivas, Omán, Paquistán, Qatar, Arabia Saudita, Somalia, Sudán, Siria, Tunisia, Emiratos Árabes Unidos e o Iemen.
Os países musulmáns que aceptan pasaportes de Israel son:
- Bahrain, Exipto, Xordania, Mauritania, Marrocos, Turquía, e as antigas repúblicas soviéticas de maioría musulmá: Acerbaixán, Casaquistán, Kirguizistán, Taxiquistán, Turkmenistán e Uzbekistán
O único país que non acepta os pasaportes israelís e non se encontra no grupo de nacións musulmás ou árabes é Corea do Norte, que posúe unha alianza importante coa OLP.
Coreas
[editar | editar a fonte]A travesía da área sobre a administración da República da Corea, comunmente coñecida coma Corea do Sur, directamente para o norte, non é considerada unha viaxe internacional, de acordo co punto de vista do sur. A constitución da República de Corea considera o Norte como parte de seu territorio con administración independente.
O privilexio dun pasaporte na Corea do Norte é para poucos. Pertencer ao partido dos traballadores coreanos é un requisito esencial.
Paquistán
[editar | editar a fonte]O Paquistán impón un requirimento aos seus cidadáns musulmáns, cando estes van requirir un pasaporte, obrigándoos a concordar cunha declaración na que se autoproclaman musulmáns, recoñecen a Hazrat Muhammad coma o último dos profetas e denuncian a Mirza Ghulam Ahmad Qadliani coma un impostor e tamén consideran os seguidores dos grupos Lahori, Qadliani e Mirzai como non musulmáns.
Coa emisión dos novos pasaportes biométricos en 2005 (nos que a columna relixión sería eliminada), a declaración non sería necesaria, mais esa decisión foi recentemente[cando?] revertida polo goberno do Paquistán.
Arabia Saudita
[editar | editar a fonte]O goberno da Arabia Saudita como algúns outros gobernos non recoñece dupla nacionalidade para os seus cidadáns. Os cidadáns árabes que teñen a dupla cidadanía xeralmente mantéñeno oculto. Se un segundo pasaporte é descuberto, pode ser confiscado e o portador preso.
España e Xibraltar
[editar | editar a fonte]O goberno de España ten adoptado unha política de non aceptar pasaportes británicos emitidos en Xibraltar, baseado no feito de non considerar o goberno da rexión coma unha autoridade legalmente emisora de tales documentos.[Cómpre referencia] Consecuentemente algúns cidadáns de Xibraltar foron rexeitados na fronteira de España ao portaren estes documentos.[Cómpre referencia] Con todo, a palabra Xibraltar aparece baixo das palabras Reino Unido da Gran Bretaña e Irlanda do Norte, coma en pasaportes doutras colonias británicas.
Tonga
[editar | editar a fonte]Algúns países non aceptan o pasaporte tongano de persoa protexida, aínda que acepten o pasaporte emitido para os cidadáns tonganos.
Viaxes internacionais sen pasaporte
[editar | editar a fonte]Nalgunhas circunstancias, a viaxe entre países pode ser feita sen pasaporte. Estas inclúen:
Acordos recíprocos
[editar | editar a fonte]Algúns países teñen acordos recíprocos onde un visado non se fai necesario dentro de certas condicións coma por exemplo cando a visita é por turismo e por un tempo relativamente pequeno.
Poucos países teñen acordos de cruzamento de fronteira sen pasaportes (mais xeralmente con identificación). Exemplos inclúen:
- O Reino Unido e a República da Irlanda: Cidadáns do Reino Unido e da Irlanda non necesitan de pasaporte para viaxar polos dous países. Outros nacionais da Unión Europea deben mostrar a súa identidade nacional ou pasaporte. Todos os outros estranxeiros precisan un pasaporte con ou sen visado.
- Nas nación do CA-4: cidadáns da Guatemala, O Salvador, Honduras e Nicaragua non necesitan dun pasaporte para viaxar entre os catro países, mais é preciso un documento de identificación.
- Nos países do NAFTA: (os Estados Unidos, México e o Canadá) é preciso o pasaporte para entraren nos Estados Unidos. O goberno do Canadá respondeu a iso, declarando que en breve os cidadáns americanos van necesitar de pasaporte para entrar no Canadá. México xeralmente non pide o pasaporte para entrar no país, pero os cidadáns americanos precisan dun pasaporte para volver aos Estados Unidos.
- Líbano e Siria (requiren documento de identidade).
- India, Nepal e Bután (requiren documento de identidade).
- Croacia e Bosnia e Hercegovina (requiren documento de identidade).
- Italia, Eslovenia e Hungría admiten croatas só co documento de identidade croata.
- Rusia e algúns dos países que formaban parte da antiga Unión Soviética (requiren documento de identidade).
Moitos nacionais latinoamericanos poden viaxar dentro das súas respectivas áreas económicas rexionais apenas coas súas identidades oficiais. O MERCOSUR: o Brasil, a Arxentina, Paraguai, o Uruguai e Venezuela, a Comunidade Andina de Nacións: Bolivia, Perú, Ecuador, Colombia e Venezuela. Hai aínda casos nos que acordos bilaterais tamén garanten ese privilexio; algúns exemplos son os existentes entre o Chile e o Perú e o do Brasil e Chile. Hai unha intención de que isto se estenda a toda a América do Sur a través da nova Comunidade Suramericana de Nacións.
Unión Europea, Área Económica Europea e tratado de Schengen
[editar | editar a fonte]Os cidadáns da Área Económica Europea (Unión Europea máis Islandia, Liechtenstein, Noruega e Suíza), gozan do dereito de viaxar e traballar libremente en calquera país da Unión, salvo algunhas disposición transitorias que poidan restrinxir os dereitos dos cidadáns dos novos estados membros para traballar noutros países.
Alén diso, algúns países asinaron o tratado de Schengen onde non se estabelecen controis fronteirizos entre os membros, a menos que se apliquen condicións excepcionais. A maioría dos países da Unión Europea e Suíza asinaron o acordo.
Refuxiados e persoas sen estado
[editar | editar a fonte]As persoas sen estado, aquelas a quen ningún país garante un pasaporte ou cidadanía, xeralmente viaxan para o exterior con documentos de tránsito emitidos pola ONU de acordo cos termos da convención de 1951 referente ao status de refuxiados. Tales documentos son válidos no lugar do pasaporte para moitos gobernos.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Pasaporte |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Pasaporte en Ministerio del Interior de España Arquivado 07 de maio de 2021 en Wayback Machine.
- Departamento de Polícia Federal do Brasil
- Ministério da Administração Interna - Governos Civis Arquivado 25 de febreiro de 2007 en Wayback Machine.