Tartaruga
Quelonios ou Tartarugas Testudines vel Chelonia Rango fósil: Triásico tardío – Actualidade[1] | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Testudo hermanni | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Subordes | |||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||
As tartarugas[3] ou quelonios[4] constitúen unha unha orde de réptiles caracterizados por teren un tronco ancho e curto e unha coiraza, cuncha ou envoltura que protexe os órganos internos do seu corpo, e que está formada por dúas capas —a superior (espaldar) e a inferior (peto ou plastrón), unidas por unha ponte— de ósos planos e que posúe orificios para a saída, por diante, da cabeza e as patas anteriores e, por detrás, das patas posteriores e a cola. Carecen de dentes pero teñen un peteiro córneo para colleren e esmagaren os alimentos.[5]
As tartarugas inclúen especies existentes (vivas) e extintas. Os seus primeiros membros coñecidos datan do Xurásico Medio.[1] Son un dos grupos de réptiles máis antigos, máis do que as serpes ou os crocodilianos.
Son ectotermos (normalmente chamados de sangue frío), o que significa que a súa temperatura interna varía segundo o ambiente. Porén, debido á súa alta taxa metabólica, as tartarugas mariñas de coiro teñen unha temperatura corporal que é sensibelmente superior á da auga circundante. As tartarugas clasifícanse como amniotas, xunto con outros réptiles, aves e mamíferos. Como todos os amniotas, as tartarugas respiran aire e non poñen os seus ovos baixo a auga, aínda que moitas especies viven dentro ou arredor da auga.
Características
[editar | editar a fonte]Coiraza e esqueleto
[editar | editar a fonte]A coiraza ou cuncha é parte máis típica do corpo dunha tartaruga, e ten tanto ósos do esqueleto interno como outros planos e anchos que se orixinan na pel e acaban por soldarse aos primeiros. A parte externa da cuncha, que pode ser continua ou non, está revestida de placas, córneas case sempre, pero hai un pequeno número de especies que están cubertos de pel branda e dura (como, por exemplo, a tartaruga de coiro). A forma e número destas placas serve para a clasificación sistemática das especies desta orde.
A cobertura das tartarugas está formada por dúas partes: unha superior chamada espaldar ou escudo e outra inferior chamada plastrón ou peto, que poden estar soldadas entre si ou unidas por certos ligamentos elásticos que lle pode dar algo de mobilidade. O espaldar ten 5 series lonxitudinais de placas óseas: unha serie media que vai polas vértebras, dúas placas costais, as máis anchas, e dúas series marxinais. O peto ten catro pares de placas simétricas que levan os nomes de epipeto, epiplastrón, plastrón, xifiplastrón, e unha única placa impar chamada endoplastrón.
O esqueleto da cabeza, ademais de ter interese para a clasificación sistemática, ten características propias como, por exemplo, non ter nunca fosas temporais, carecer de forame interparietal e que o cóndilo occipital aparece trilobulado. Carece de dentes, e no seu lugar aparece unha capa córnea a modo de bico ou peteiro con bordos afiados que serven para cortar os alimentos.
O colo, a cabeza e as patas permanecen sempre fóra do escudo (como nas tartarugas mariñas) ou ben poden retraerse total ou parcialmente dentro del.
Extremidades
[editar | editar a fonte]As extremidades están provistas de cinco uñas, aínda que hai grandes diferenzas entre as distintas especies. As tartarugas mariñas teñen as extremidades anteriores máis longas e fortes que as posteriores, e teñen forma de aleta. As extremidades das tartarugas de auga doce non teñen nunca forma de aleta, pero si posúen fortes uñas e unha membrana interdixital. Nas tartarugas terrestres os dedos das mans e dos pés son moi curtos, con uñas robustas rematadas en punta.
Aparello dixestivo
[editar | editar a fonte]O aparello dixestivo destes animais ten certas particularidades: carece de dentes, a lingua é branda e non protráctil, o esófago ten moitas papilas revestidas de formacións córneas rematadas en punta, e coa punta dirixida cara a atrás. O estómago é sinxelo e o intestino ten pouca lonxitude e pode ter cego ou non. Desemboca nunha cloaca ampla, que abre ao exterior a través dunha fenda circular na que verten os seus produtos tanto o aparello excretor como o xenital.
Aparello circulatorio
[editar | editar a fonte]O aparello circulatorio é de tipo reptiliano, non sendo distinto do da maioría dos membros da clase dos réptiles.
Aparello respiratorio
[editar | editar a fonte]O aparello respiratorio presenta características propias deste grupo. Os pulmóns teñen unha estrutura moito máis complexa que nos outros réptiles e a mecánica respiratoria tamén é distinta á dos outros tetrápodos pulmonados. A caixa torácica é completamente inmóbil e a entrada e saída de aire realízase grazas aos movementos en pistón do colo e as extremidades dianteiras. Inflúe tamén o aparello hioide e a farinxe, a cal ten capacidade de dilatarse. Nas especies acuáticas, a respiración realízase a través dos pulmóns e da cloaca, especialmente de dous sacos laterais desta.
Aparellos excretor e reprodutor
[editar | editar a fonte]O aparello excretor non ten tampouco características moi distintas do resto da clase dos réptiles. O aparello reprodutor masculino, a diferenza doutros réptiles, posúe un sinxelo pene. O aparello reprodutor feminino ten un grande ovario que produce ovos grandes, con moito vitelo e unha casca ás veces calcárea e ríxida e outras branda e apergamiñada.
Sistema nervioso
[editar | editar a fonte]O sistema nervioso tamén segue a pauta da maioría dos réptiles e non posúe características especialmente diferentes. Entre os sentidos predominan a vista, o olfacto e o sentido do tacto.
O oído non parece moi agudo nestes animais. Carece de conduto auditivo externo e nalgunhas especies hai unha membrana timpánica visíbel a ambos os dous lados da cabeza; noutras está cuberta de pel e é invisíbel.
Os ollos non son moi grandes, e teñen a pupila circular e unha esclerótica con moitas placas óseas que semellan un diafragma. Ten tres pálpebras: unha superior, outra inferior e a terceira móvese verticalmente (membrana nictitante).
Modo de vida
[editar | editar a fonte]Segundo as distintas especies, as tartarugas poden vivir fóra ou dentro da auga, algunhas indistintamente, e caracterízanse por ter unha dura cuncha que lle serve de defensa ante os depredadores, posto que de non tela e pola súa gran lentitude serían moi vulnerábeis. O grupo ten cerca de 300 especies e ocupa hábitats moi diversificados como océanos, ríos zonas secas ou bosques intertropicais húmidos.
Reprodución
[editar | editar a fonte]As tartarugas reprodúcense por medio de ovos, que ás veces teñen forma esférica e outras elipsoidal. As femias soterran os ovos, en area ou terra branda, a unha certa profundidade para que os depredadores non poidan alcanzalos. Hai especies que poñen poucos ovos e outras, en cambio, poñen un número moi elevado (máis de cen). A incubación é longa, e baséase na calor ambiental. Neste sentido é interesante o que acontece coas tartarugas mariñas, xa que na época de reprodución se achegan durante a noite a unha praia areosa e alí deixan a posta nun burato que elas mesmas escavan. Cando as pequenas tartarugas nacen teñen que chegar rápido á auga, sendo este uns dos momentos máis perigosos da súa vida, por seren febles e, loxicamente, atopárense expostas a moitos depredadores.
Clasificación
[editar | editar a fonte]Taxonomía
[editar | editar a fonte]Suborde Proganochelydia (extinta)
- Familia Proganochelydae (extinta)
Suborde Paracryptodira (extinta)
Suborde Cryptodira
- Familia Chelydridae
- Familia Meiolaniidae (extinta)
- Superfamilia Chelonioidea (Tartarugas mariñas)
- Familia Protostegidae (extinta)
- Familia Thalassemyidae (extinta)
- Familia Toxochelyidae (extinta)
- Familia Cheloniidae
- Familia Dermochelyidae
- Superfamilia Kinosternoidea
- Familia Dermatemydidae (Tartarugas de río)
- Familia Kinosternidae
- Familia Platysternidae
- Superfamilia Testudinoidea
- Familia Haichemydidae (extinta)
- Familia Lindholmemydidae (extinta)
- Familia Sinochelyidae (extinta)
- Familia Emydidae
- Familia Geoemydidae
- Familia Testudinidae
- Superfamilia Trionychoidea
- Familia Adocidae (extinta)
- Familia Carettochelyidae
- Familia Trionychidae
Suborde Pleurodira
- Familia Araripemydidae (extinta)
- Familia Proterochersidae (extinta)
- Familia Chelidae
- Superfamilia Pelomedusoidea
- Familia Bothremydidae (extinta)
- Familia Pelomedusidae
- Familia Podocnemididae
Algunhas especies coñecidas
[editar | editar a fonte]- Terrestres
- Tartaruga de terra arxentina (Geochelone chilensis).
- Tartaruga de terra rusa (Testudo horsfieldi)
- Tartaruga moura (Testudo graeca)
- Tartaruga mediterránea (Testudo hermanni)
- Tartaruga xigante de Aldabra (Geochelone gigantea), á que pertence Adwaita, a tartaruga máis lonxeva coñecida.
- De auga
- Sapoconcho común (Emys orbicularis). Tamén se lle chama tartaruga (de auga) e sapoconcho pintado.
- Sapoconcho riscado (Mauremys leprosa). Tamén ten o nome de sapoconcho leproso. En castelán chámanse galápagos.
- Sapoconcho americano (Trachemys scripta).
- Sapoconcho da Florida (Trachemys scripta elegans)
- Mariñas
- Tartaruga de coiro (Dermochelys coriacea)
- Tartaruga mariña común (Caretta caretta)
- Tartaruga mariña verde (Chelonia mydas)
- Tartaruga mariña carei (Eretmochelys imbricata)
- Tartaruga mariña olivácea (Lepidochelys olivacea)
- Tartaruga mariña pequena (Lepidochelys kempii)
En Galiza
[editar | editar a fonte]Especies descritas en Galiza
[editar | editar a fonte]En Galiza son autóctonas das costas próximas e das augas interiores as seguintes especies:[6]
- Caretta caretta
- Chelonia mydas
- Dermochelys coriacea
- Emys orbicularis
- Eretmochelys imbricata
- Lepidochelys kempii
- Mauremys leprosa
Tartarugas de auga doce
[editar | editar a fonte]Citáronse en Galiza dúas especies de tartarugas dulciacuícolas ou sapoconchos, aínda que se dubida da autenticidade dunha delas. Son réptiles moi escasos e ameazados, raros de ver en Galiza, que viven sempre preto da auga, xeralmente de lagoas ou ríos de curso lento con abundante vexetación acuática. A diferenza das tartarugas terrestres son carnívoras, alimentándose de animais acuáticos e preas (corpos de animais mortos en descomposición):[7]
- Sapoconcho común ou tartaruga de auga (Emys orbicularis)
- Sapoconcho riscado ou sapoconcho leproso (Mauremys leprosa = Mauremys capsica leprosa).
Tartarugas de terra
[editar | editar a fonte]As tartarugas de terra foron obxecto dun intensísimo comercio que levou case á extinción á maior parte das poboacións salvaxes mediterráneas destas especies. As dúas especies autóctonas da Península Ibérica e as illas Beleares, a tartaruga grega ou moura (Testudo graeca) e a tartaruga mediterránea (Testudo hermanni) gozan dese 1973 de protección oficial en España, que prohibe a súa captura, tráfico e comercio, pero isto non impediu que seguise a venda e, até hai moi poucos anos case non había en Galiza ningunha horta ou xardín, e mesmo as terrazas das casas, que non tivesen a súa tartaruga. Estas especies, moi termófilas e propias de zonas secas, como corresponde á súa orixe mediterránea, sobreviven mal en Galicia, a pesar da súa proverbial lonxevidade, polo que agora se ven moi poucas.[8]
Cando as dúas especies ibéricas comezaron a escasear no mercado, máis pola case extinción dos espécimes salvaxes que pola eficacia das medidas protectoras, as tendas especializadas en mascotas comezaron a importar especies exóticas, entre elas:[9]
- Tartaruga de terra rusa (Testudo horsfieldi), orixinaria de Afganistán, Irán, norte de Paquistán e sur da antiga Unión Soviética, ao norte do mar Caspio.
- Tartaruga de terra arxentina (Geochelone chilensis), da Arxentina, Paraguai e sur de Bolivia (o nome específico chilensis é un erro do autor que a describiu, pero que se conserva pola regra da prioridade).
- Tartaruga de auga da Florida (Trachemys scripta), procedente de granxas norteamericanas onde se cría.
- Tartaruga caixa (Terrapene carolina), de procedencia norteamericana.
- Trionyx spiniferus, de cobertura branda, que se vende baixo o nome de "tartaruga chinesa" a pesar de que é de orixe americana.
Tartarugas mariñas
[editar | editar a fonte]Ás veces, extraviadas, son ocasionais visitantes das nosas augas varias especies de tartarugas mariñas:[10]
- Tartaruga de coiro (Dermochelys coriacea), único representante actual da familia dos dermoquelíidos (Dermochelyidae).
- Tartaruga mariña común (Caretta caretta).
- Tartaruga mariña carei (Eretmochelys imbricata).
- Tartaruga mariña verde (Chelonia mydas).
- Tartaruga mariña olivacea (Lepidochelys olivacea).
- Tartaruga mariña pequena (Lepidochelys kempii).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Joyce, Walter G. (2017): "A review of the fossil record of basal Mesozoic turtles" (PDF). Bulletin of the Peabody Museum of Natural History. 58 (1): 65–113. Consultado o 14 de maio de 2021.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Turtle Taxonomy Working Group (2017): Turtles of the World: Annotated Checklist and Atlas of Taxonomy, Synonymy, Distribution, and Conservation Status (PDF). Chelonian Research Monographs. 7 (8th ed.). pp. 1–292. ISBN 978-1-5323-5026-9.
- ↑ tartaruga no Dicionario da RAG.
- ↑ quelonios no Dicionario da RAG.
- ↑ Hutchinson, J. (1996): "Introduction to Testudines: The Turtles". University of California Museum of Paleontology.
- ↑ Asensi 2009, pp. 86-99.
- ↑ Galán (1993), p. 247.
- ↑ Galán (1993), p. 259.
- ↑ Galán (1993), pp. 259-266.
- ↑ Galán (1993), pp. 267-283.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Tartaruga |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Tartaruga |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Asensi Cabirta, Moisés (2009): Guía dos anfibios e réptiles de Galicia. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-9652-629-1.
- Ayres, C. e Cordero, A. (2002): "La situación de los galápagos en Galicia" en Quercus 201: 20-24.
- Ayres Fernández, C. & Cordero Rivera, A. (2001): "Sexual dimorphism and morphological differentiation in European pond turtle (Emys orbicularis) populations from northwestern Spain" en Chelonian Conservation and Biology 4: 100-106.
- Cordero, A. & Ayres, C. (2004): "A management plan for the European pond turtle (Emys orbicularis) populations of the river Louro basin (NW Spain)" en Biologia, 59/Suppl. 14, 161-171.
- Galán Regalado, P. e Fernández Arias, G. (1993): Anfibios e réptiles de Galicia. Vigo: Ed. Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-722-6.
- Galán, P. (1999): Conservación de la Herpetofauna Gallega. A Coruña: Universidade da Coruña. Servizo de publicacións. Monografía 72.
- Sociedade Galega de Historia Natural (1995): Atlas de Vertebrados de Galicia. Tomo I. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega / Sociedade Galega de Historia Natural. ISBN 84-87172-89-X.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Belonweb:Tortugas, fotos, acuaterrario, cuidados, enfermidades, foros, articulos...
- Infotortuga
- Projeto TAMAR
- UC Berkeley Museum of Paleontology
- Turtles of the World
- Chelonian studbook
- Biogeography and Phylogeny of the Chelonia
- Play a Turtle Mad Lib
- Lake Jackson Ecopassage
- Cantor's giant soft-shell turtle found in Mekong Delta