Andrónico II Paleólogo
Andrónico II Paleólogo (1260 - 13 de febreiro de 1332), emperador bizantino, foi o fillo máis vello de Miguel VIII Paleólogo, a quen sucedeu en 1282. Reinou ata 1328.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Durante o seu reinado, deixou que a frota, que o seu pai organizara, entrase en decadencia, e deste xeito ao imperio resultoulle máis difícil opoñerse ás demandas de tributo por parte das potencias rivais de Venecia e Xénova.
Na súa época, os turcos otománs baixo Osman I conquistaron case toda Bitinia. Para loitar contra eles, o emperador pediu axuda ao catalán Roger de Flor, capitán dun rexemento de mercenarios aragoneses e cataláns coñecidos como os Almogávares. Os turcos foron derrotados, pero Roger de Flor converteuse nun inimigo de talle similar para o poder imperial. Roger foi asasinado polo fillo de Andrónico e co-emperador (ao que a miúdo se coñece como Miguel IX, aínda que nunca reinou no seu propio nome) en 1305. Os almogávares, mercenarios de Roger de Flor (tamén coñecidos como a Gran Compañía Catalá ou, en catalán, a Companyia Catalá) declararon a guerra a Andrónico e, tras devastar Tracia e Macedonia, conquistaron o Ducado de Atenas e Tebas.
A partir de 1320, o emperador estivo en guerra co seu neto Andrónico. Abdicou en 1328 e morreu en 1332.
En 1274 casou con Ana de Hungría, filla do rei Estevo V, con quen tivo dous fillos:
- Miguel IX Paleólogo.
- Constantino.
Trala morte desta en 1281, Andrónico casou con Iolanda, filla de Guillerme IX de Montferrato, que tomou o nome de Irene e lle deu catro fillos:
- Xoán (h. 1286 - 1308).
- Teodoro I, marqués de Montferrato (1291 - 1338).
- Demetrio (morreu logo de 1343).
- Simonis (1294 - logo de 1336), que casou co rei de Serbia, Estevo II Uroš Milutin.
Tamén tivo, polo menos, dúas fillas ilexítimas:
- Irene, esposa de Xoán II, déspota de Tesalia.
- María, esposa de Tokhta ou Tojta, khan da Horda de Ouro.
Imperio Bizantino | ||
---|---|---|
Segue a: Miguel VIII Paleólogo |
Andrónico II Paleólogo | Precede a: Andrónico III Paleólogo |
Dinastía Paleólogo |