Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

As cruces de pedra na Galiza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As cruces de pedra na Galiza
Título orixinalAs cruces de pedra na Galiza e Las cruces de piedra en Galicia
Autor/aAlfonso Daniel Rodríguez Castelao
OrixeGaliza
LinguaGalego
Xénero(s)Ensaio
EditorialEditorial Nós
Data de pub.xaneiro de 1950
editar datos en Wikidata ]

As cruces de pedra na Galiza é un estudo feito por Castelao no que se describe a historia, significado e tipoloxía dos cruceiros galegos, así como doutras cruces de pedra.

Cruceiro de S. Roque de Melide, considerado o máis antigo de Galicia.

Evolución

[editar | editar a fonte]

Castelao comezou a recoller información sobre os cruceiros galegos a raíz do seu ingreso no Seminario de Estudos Galegos en 1924, no que se lle encomendou a Sección de Arte e Letras. Na introdución, o propio Castelao escribe que:

Entón, enfiei os ollos e o pensamento cara un aspecto da arte popular aínda non encetado por ninguén: os cruceiros galegos. Descubrín nos cruceiros un aspecto da nosa arte popular aínda non estimado como cousa importante. E velaí o que máis me importou.

A recollida de información prolongouse, fundamentalmente, desde 1924 a 1936. Tendo en conta que daquela Castelao vivía en Pontevedra non cabe estrañarse do predominio dos cruceiros desta cidade e as localidades máis próximas (Poio, Salcedo, Mourente, Marcón, Marín, Sanxenxo) e dos de Rianxo, Noia e arredores, por razóns de orixe.

Como preparación para a redacción do libro, Castelao realizou unha viaxe na primavera-verán de 1929 a Bretaña coa súa dona, coa finalidade de estuda-los cruceiros bretóns. Este estudo previo foi publicado polo Seminario de Estudos Galegos en maio de 1930, baixo o título d'As cruces de pedra na Bretaña. A razón non era outra que a convicción de Castelao da íntima relación entre as cruces do mundo celta (Galicia, Bretaña, Escocia e Irlanda) a consecuencia da afinidade cultural entre estes países.

Esta relación, e a necesidade dun estudo comparativo dos cruceiros presentes nos distintos países, queda ben expresada no limiar deste libro sobre as cruces na Bretaña:

"Dende fai bastantes anos veño recollendo materiales para un próisimo libro en col dos cruceiros galegos, cavilando sempre nun lonxano estudo comparativo das cruces de pedra dos Fisterres, que virá cando se coñezan ben por separado. Non se podería falar dos nosos cruceiros sen ter ter visitado primeiramente a Bretaña, e alá fun".

O 25 de xullo de 1934 leu este traballo como discurso de ingreso na Real Academia Galega[1], respondido por Antonio Villar Ponte. Con todo, seguiu pescudando no tema. Xa en 1936 debía esta-lo texto suficientemente elaborado a xulgar polo acordo tomado polo Seminario de Estudos Galegos de proceder á súa edición:

...editar el formidable estudio realizado por Castelao en torno a los cruceiros de Galicia. El Seminario no regateará sacrificio a fin de que la presentación corresponda, en lo posible, al valor del trabajo. (Filgueira Valverde)

Esta reunión foi a última que celebrou o Seminario. O Goberno franquista disolveu o organismo en 1936.

En 1940, Castelao publicou un artigo co título de "Los cruceros" na revista Galicia (Bos Aires). A presenza dos cruceiros é, ademais, abondosa na súa obra pictórica, tanto nos cadros coma nas Cousas da vida.

Cruceiro da Santísima Trindade de Baiona.[2]

Os colaboradores máis íntimos de Castelao nos últimos meses da súa vida, Rodolfo Prada, Xosé Núñez Búa e Luís Seoane, organizaron a edición do libro cando a súa enfermidade estaba xa moi avanzada. De feito, Castelao só chegou a ver e asinar os primeiros pregos do seu libro. En calquera caso, parecía estar disposto para o prelo desde había dous anos: a modo de epílogo, o libro inclúe un breve texto asinado o 20 de xullo de 1946 no que di que:

Poño fin a este libro nun intre azaroso da miña vida, nas vísporas de sair para Franza, a onde me leva un deber indecrinabel[3].

Estrutura

[editar | editar a fonte]
Calvario dos Vilares (Guitiriz).

O libro non só recolle e describe os cruceiros galegos, propiamente ditos, incluíndo dentro destes os petos de ánimas, os cruceiros de capeliña e os calvarios, senón que tamén contempla as cruces precristiás e as cristianizacións de pedras consideradas máxicas, de menhires, de camiños e encrucilladas ou de miliarios romanos. Tamén menciona e debuxa as cruces de pedra que xorden sobre as portas das casas labregas e dos hórreos do millo.

O libro está profusamente ilustrado con 73 figuras inseridas no texto, máis 73 láminas e 12 fotografías [4]. Inclúe tamén, en inglés, unha breve biografía de Castelao, escrita por Blanco Amor e traducida por G. Hennessy, así como un amplo resumo, tamén en inglés.

Edicións

[editar | editar a fonte]

O libro foi publicado postumamente, pola Editorial Nós, na imprenta López, de Buenos Aires, en xaneiro de 1950. En 1964 a Real Academia Galega editou o discurso de ingreso de Castelao como académico de número, lido en 1934[5]. A editorial madrileña Akal publicou unha edición facsímile en 1975 e, posteriormente, Galaxia outra en 1984.

O Museo de Pontevedra organizou no ano 2000 unha exposición conmemorativa d'As cruces de pedra na Galiza, na que presentaba os manuscritos, cheos das correccións que o autor foi introducindo ó longo dos anos [6], e as ilustracións orixinais. Carlos Valle, daquela director do Museo, explicaba que aínda que algunhas das teses de Castelao sobre a orixe e a expansión dos cruceiros poidan ser discutibles, cos coñecementos actuais, el e este libro conseguiron que intelectuais, homes da cultura etc., "pensaran nestas obras como monumentos, cando antes apenas estaban dignificadas".

  1. Castelao (1964). "As cruces de pedra na Galiza. Discurso lido no acto da súa recepción polo ilustrísimo señor don Alfonso D. Rodríguez Castelao e resposta do excelentísimo señor don Antonio Villar Ponte". Real Academia Galega. Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2020. Consultado o 12 de maio de 2021. 
  2. "Figura 56". Arquivado dende o orixinal o 13 de novembro de 2014. Consultado o 19 de xullo de 2010. 
  3. Refírese Castelao á súa inminente viaxe a París, para tomar posesión como ministro sen carteira no goberno republicano no exilio de José Giral, cargo que desempeñou ata a disolución deste, o 26.01.1947.
  4. En realidade, o número de cruceiros debuxados por Castelao -completos ou en detalle- é moi superior, tendo en conta que a maioría das figuras e láminas agrupa varios debuxos, ata 98 cruces nun caso.
  5. Rodríguez Castelao, A. D. (1964). As cruces de pedra na Galiza. Real Academia Galega. 
  6. Nalgún caso, con textos escritos durante a estancia de Castelao en San Francisco, en 1939.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]