Cruceiro
Un cruceiro é un monumento relixioso constituído por unha cruz de pedra elevada sobre unha columna, habitualmente con unha ou varias imaxes, asentada sobre unha plataforma e situado, normalmente, en lugares públicos, principalmente encrucilladas, beiras de camiños, adros de igrexas etc., lugares nos que ás veces existían xa cultos pagáns á natureza (teoría xa proposta por Murguía e mantida por case tódolos autores.[Cómpre referencia])
O cruceiro é un dos monumentos máis fortemente enraizado na terra e na cultura galegas, intimamente vencellado á paisaxe rural galega[1] Xorde nos máis inesperados recunchos e constitúese en obxecto de respecto e devoción populares. Hoxe séguense a esculpir e plantar en prazas, xardíns e propiedades particulares pero xa cun obxectivo decorativo nada máis.
O cruceiro tamén é característico doutras rexións do mundo con fortes raíces católicas, por exemplo Irlanda en Europa onde se chaman high cross as que son de moita influencia celta e que existen desde o século VII. Tamén aparecen cruceiros semellantes aos galegos e portugueses en amplas zonas de Francia (especialmente na Bretaña), Alemaña e Gran Bretaña.
Non se coñece o número dos existentes en Galicia, e a distribución por provincias é desigual, observándose unha maior abundancia nas provincias da Coruña e Pontevedra e sendo máis escasos en Lugo e Ourense.[2] Clodio González Pérez di que pasan dos 10.000, entre cruces e cruceiros.[3] A Universidade da Coruña, que está realizando desde 1993 un inventario concello a concello, estima o número en "polo menos 12.000".[4] Como exemplo, hai catalogados "case 140 cruceiros, cruces e petos" no Porriño,[5], 118 en Rianxo [6] "algo máis de 300" en Vilalba,[4] máis de 250 na comarca de Pontevedra.[7]. Segundo o inventario que realizou Yves Castel en 1980, a Bretaña francesa contaría cuns 9.000.
Clasificación
[editar | editar a fonte]A efectos dunha máis sinxela análise, cómpre diferenciar na denominación común de cruceiro as seguintes tipoloxías:
- as cruces, sen máis elementos figurativos, nas que o brazo vertical da cruz chega ata o chan, sen diferenciarse como fuste. En puridade, estes elementos non serían cruceiros.
- os cruceiros propiamente ditos, cos elementos que se describirán a seguir.
- os cruceiro de capela, de capeliña ou cruceiros de loreto, nos cales o capitel está substituído por unha furna ou capeliña en pedra con unha imaxe no seu interior. Este tipo de cruceiros agrúpanse case todos na península do Barbanza, concentrándose ó longo das beiras das rías de Arousa e Noia.
Mención á parte merecen os petos de ánimas, outra mostra da escultura relixiosa pero de características propias.
Outras estruturas relacionadas son os calvarios e os viacrucis. Os calvarios son conxuntos de tres cruceiros nos que se representa a Cristo na central e ós dous ladróns nas cruces laterais. Poden adoptar unha forma simplificada na que se levanta un cruceiro central e dúas cruces a ámbolos lados ou, aínda máis, son tres cruces das que destaca a central polo seu maior tamaño. Polo seu merecemento, cómpren destacar os calvarios de Santa María, de Castro Barbudo (Ponte Caldelas)[8], o de San Martiño (en Bueu), o de Beade ou o de Bieite (Leiro)[9], moito máis simple.
Os viacrucis son conxuntos de catorce cruces sinalando un camiño chamado Vía dolorosa ou Vía sacra. Adoitan ser cruces de maior ou menor tamaño que rematan nun cruceiro ó final do camiño (mesmo un calvario, como o de Sorribas, en Rois). Mesmo así, pódese destacar o calvario do Casal, en Estacas (Cuntis), formado por catorce cruceiros completos.
Orixe
[editar | editar a fonte]Xa desde os principios do cristianismo se buscou unha sacralización dos lugares de culto pagán ou sospeitosos de ter tal culto. Con ese obxectivo colocáronse cruces sobre pedras con algunha simboloxía, sobre menhires ou pedras significativas. Así temos, en Pedrouzos (Castro Caldelas) un penedo natural, chamado Pena do Pendón, sobre o que se colocou unha cruz; ou o Penedo de Queiroás, en Allariz, sobre o que se levantou un cruceiro. Outro exemplo desta intención cristianizante é o cruceiro de Presqueira (Baños de Molgas), levantado sobre un petróglifo, ou o cruceiro chantado sobre a Pedra da serpe, en Gondomil (Corme, Ponteceso), posible ara dun antigo culto ofilátrico que terminou sendo sacralizado coa cruz.
Por outra banda, están as cruces colocadas sobre miliarios romanos, das que aínda quedan exemplos como o cruceiro de Foncuberta, en Maceda (Ourense).
En calquera caso, parece aceptarse unanimemente a teoría de Castelao de que os cruceiros son unha creación gótica.[10] A orixe dos cruceiros, tal como os entendemos hoxe, pode situarse na segunda metade do século XIV[11] ou xa no século XV. O seu maior desenvolvemento produciuse no século XVIII, se ben non foron realmente valorados e estudados ata ben entrado o século XX, a partir dos exhaustivos traballos de Castelao sobre as cruces de pedra en Galicia e na Bretaña (publicados como As cruces de pedra na Galiza e As cruces de pedra na Bretaña).[12]
Castelao defendía a tese de que os cruceiros foron introducidos en Galicia por influencia das viaxes de San Vicente de Ferrer,[13] que estivo por terras galegas en 1412 e trouxo o modelo das cruces de termo levantinas. Tamén viaxou pola Bretaña francesa en 1419, onde morreu, o que lle permite explicar a semellanza entre os cruceiros galegos e bretóns, esa semellanza podería deberse á influencia que exerceu o Camiño de Santiago, que permitiu que os peregrinos bretóns trouxeran e levaran estilos e iconografía.
A primeira referencia documentada dos cruceiros está nun documento de 1215, conservado no Archivo da Catedral de Lugo, no que se menciona un cruceiro como referencia topográfica.[14] O cruceiro máis antigo que se conserva é o de Melide, do século XIV[15]. Realmente, só se conserva a cruz, sobre unha columna moderna, do que Castelao deduce que, en orixe, os nosos cruceiros eran só cruces de pedra que se trasladaban dun lugar a outro ata asentarse nalgún momento sobre unha pedra ou sobre un pedestal. Da mesma época son tamén os cruceiros (realmente, cruces) das Ribeiras do Sor (en Mañón) e o de Neda.
Do século XVI datan algúns dos cruceiros galegos, como os da Virxe dos Remedios (en Muros, 1586), o de Fondo da Vila (Padrón, 1587), pero será entre os séculos XVII (cruceiro de Ferreiros (O Pino, 1622); do Campanario (Vilagarcía de Arousa 1683); ou de Ansemil (Silleda 1698), entre outros moitos) a XVIII cando se produce a expansión dos cruceiros por toda Galicia e adquiren cada vez máis carácter de obxecto de culto popular.
A imaxinería barroca propia da época vai engadindo novos elementos ás figuras talladas e aumentando o dramatismo da escena representada, sobre todo segundo imos entrando no século XIX, coa representación da Virxe con Xesús morto no seu colo ou ben ela soa, cunha espada ou varios puñais cravados no peito. Deste estilo son, por exemplo, as obras de Manuel González Perdiz (autor dos cruceiros de Padrenda, Cenlle, Goiás de Lalín etc.), André Castaño Castro ou de Xosé Cerviño García (autor do do Hío, en Cangas).
Evolución
[editar | editar a fonte]No concilio de Trento (1545-1563) acórdase, entre outras cousas, que existe un purgatorio no que as almas deben redimirse dos seus pecados antes de poder ascender ó ceo. Tamén se acepta, no que agora nos interesa, que os familiares e amigos vivos do defunto poden interceder polo seu perdón mediante penitencias e obras piadosas. Deste xeito comezan a construírse cruceiros pagados por persoas que buscaban gañar indulxencias para si mesmo ou para as súas persoas queridas. Así queda ben reflectido nun cruceiro de Fornelos de Montes que un tal José Benito Correa Alemparte mandou facer "por perdón de Dios y para los herederos de mi hija María, muerta de mala muerte".
Igualmente, os cregos das ordes mendicantes, especialmente franciscanos e dominicos, estenden nas súas prédicas a idea do purgatorio e incitan ós veciños a custear a construción de cruceiros, entre outras formas de facer esmolas. Pero tamén ergueron cruceiros buscando a protección divina contra as epidemias de peste que periodicamente decimaban Europa e Galicia: a modo de exemplo, en Allariz colocáronse cruceiros en 1579 diante de cada igrexa parroquial, aínda que hoxe só se conserva na súa localización orixinal o da igrexa de Santa María de Vilanova, na parroquia de Allariz.[16]
Vexamos outros exemplos:
- DEVOTOS A / MIGOS ES / TAMOS AR / DIENDO EN / TRE LLAMAS / VIBAS DE PE / NOSO FVEGO / CON BVES / TRA LIMOS / NA SE ALI / VIA EL SFR / MENTO (Cruceiro de Estribela, Lourizán, Pontevedra).
- MANDAZER / ESTA CRVZ / AÑO DE 1719 /// FRANO OS / SNO / ORACIN / PIAS ANIM (Cruceiro de Barcia de Mera, Covelo).
- ESTE CRUCERO HIZO / A SU COSTA DE O. Mo. Rz. / RUEGUEN A DIOS PR / LAS ANI / MAS (Cruceiro de Salcidos, A Guarda).
- MANDO HAZER / I PINTAR VN DEVOTO / AÑO DE 1732 / PIDE VN AVEMARA / POR LAS ANIMAS DE PVR / GATORIO (Cristo de Torroso, Mos)
- RVEGEN A DYOS P / OR QUEN HIZO EST / A OBRA AÑO DE DCI (Cruceiro do Calvario, en Sárdoma, Vigo).
Castelao recolle así esta intención expiatoria dos cruceiros:
Onde hai un cruceiro houbo sempre un pecado e cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo baixar un perdón do Ceo, polo arrepentimento de quen o pagou e polo gran sentimento de quen o fixoCastelao: "Reparáchedes nos nosos cruceiros?", en Cousas, primeiro libro (1926). Publicada anteriormente en Nós nº 17, 1.03.1923.
Estrutura
[editar | editar a fonte]Estruturalmente, os cruceiros son esculturas en pedra de granito, coa cruz (a parte superior) esculpida normalmente nunha soa peza, aínda que os hai con imaxes engadidas á cruz. De altura variable, adoitan ter entre 3 e 5 metros da base ó cumio da cruz.[17] Moitos estiveron policromados nun principio[18] e hoxe en día poden verse restos de policromía en moitos deles e, nalgún caso, a pintura renóvase ata a actualidade.[19]
Salvo excepcións, os cruceiros están constituídos por unha única cruz, pero hai casos nos que atopamos grupos de tres cruces. Son os calvarios, nos que habitualmente só está tallada a cruz central e, ás veces, nin esta.
A expresión simplificada do cruceiro é a cruz de pedra, soa, sen máis nada, pero resultan moito máis habituais os cruceiros máis elaborados. A tipoloxía dos cruceiros galegos é moi variada, segundo os recursos económicos da persoa que encargara a súa construción, pero basicamente consta dos seguintes elementos:
- O basamento ou plataforma é unha estrutura de un ou máis chanzos, habitualmente tres pero ás veces moitos máis; a miúdo desigual para adaptarse á pendente do terreo. Esta plataforma adoita ser cuadrangular pero tamén as hai octogonais, hexagonais, triangulares[20] e mesmo circulares[21].
- Hainos tamén -moi poucos- sen base ningunha, chantados directamente no chan ou sobre unha rocha natural.[22]
- O pedestal ou base (tamén, dado), peza normalmente cuadrangular, cúbica, coas arestas biseladas. As caras poden ser lisas ou con algunha inscrición, na cara frontal, inscrición que permite coñecer a data na que se erixiu e o motivo, co nome de quen o encargou (e rara vez, o nome do autor); moitas veces, a inscrición consiste nunha petición de oracións ou esmolas a quen pase por diante.
- Hai bases moi elaboradas, con caveiras[23], ósos, serpes e outros elementos decorativos e figurativos.
- Hai tamén un tipo particular que presenta un retablo ou peto de ánimas no pedestal que serve de base ó fuste (por exemplo, nun cruceiro da Revolta, en Sanxenxo; ou no medio da Ponte da Ramallosa).
- O fuste: columna de sección cuadrangular (con ou sen as arestas matadas), octogonal ou cilíndrica; en ocasións é cuadrangular na parte inferior e octogonal na superior, e tamén pode ser torsionada.[24] ou nodosa, a modo de tronco de árbore. Pode ter a superficie lisa, estriada ou acanalada, e non mostrar adorno ningún, pero é máis habitual que estea decorada con motivos diversos que representan os instrumentos da Paixón de Cristo (esqueira, martelo, tenaces, hisopo, o galo da negación de San Pedro etc.) ou o pecado orixinal (Adán e Eva, caveira, serpe). En ocasións, tamén presenta outras figuras denominadas santiños, imaxes de santos que responden á devoción do lugar ou dos doadores.
- Outros nomes comúns do fuste son os de vara, varal ou esteo.
- O capitel, de complexa e variada composición, imitando os estilos arquitectónicos clásico, románico ou gótico, con volutas, follas, caveiras, anxos, santos etc. En ocasións, o capitel é unha esfera que simboliza o mundo.
- A cruz é o elemento máis significativo do cruceiro, cun Cristo crucificado (só, coa Virxe, con anxos) na súa cara anterior, a orientada ó camiño principal, e a imaxe da Virxe ou dalgún santo na súa cara posterior. Hai cruceiros especialmente decorados, como os do Hío, en Cangas, ou o Cruceiro do Home Santo, en Compostela, pero tamén os hai nos que a cruz carece de calquera imaxe.[25] Este feito permite diferenciar os cruceiros de crucifixo, cando teñen a imaxe de Xesús crucificado, dos cruceiros de cruz, cando a cruz non acolle imaxe ningunha.[26]
- A cruz, como o fuste, pode ser de sección redonda, cuadrangular (con ou sen as arestas matadas), octogonal. Nalgún caso, imita o tronco dunha árbore. Os extremos dos brazos da cruz tamén poden ser moi simples, sen remate, ou máis ou menos complicados (bifurcados, florenzados, con follas, medallas ou outros adornos).
- Unha variante moi reducida está constituída polos chamados cruceiros de imaxe, que son aqueles nos que a cruz está substituída por unha imaxe. A modo de exemplo pódense citar o de Pontecesures, no que se representa a imaxe de Santiago no alto do fuste, ou un no Rosal, no que se trata da Virxe peregrina.
- O pousadoiro, unha mesa situada xunto á base do cruceiro. Este elemento só está presente nos cruceiros situados nun camiño sacramental ou nos camiños ó cemiterio, e servía para que a comitiva fúnebre puidera pousar o cadaleito e rezar un responso polo morto. Nalgunha ocasión utilízase tamén como altar para celebrar misas ó aire libre, o que é máis común nos cruceiros bretóns.
Na mesa de pedra qu’está arrentes do cruceiro pousaron onte, pra botarlle o responso, o corpo morto d’un rapaz que veu do servicio. Na mesma mesa sentouse, oxe pol-a tardiña, un estudante de crego, pra cabilar na moza do pano roxo que lle roubou a vocación.Castelao: Sen título, en Nós nº 6, 20.08.1921; tamén co título "O cruceiro", en Alma Gallega 1922, 35.
Ocasionalmente, tamén poden atoparse cruceiros con distintos elementos de función decorativa ou piadosa. Algúns cruceiros están protexidos por un baldaquino, unha estrutura a modo de pérgola, cunha cúpula sostida por catro columnas, de pedra ou metálica, baixo a que están a cuberto do sol e a chuvia. A modo de exemplo pódense citar o do cemiterio de Santa María a Nova, en Noia; o baldaquino do cruceiro de Xende (A Lama) ou o da Santísima Trindade, en Baiona.
-
Santa María a Nova, Noia
-
Xende, A Lama
-
Baiona
-
Cristo dos Cachos, no Porriño
Outro elemento que foi común nos cruceiros foi o farol co que se iluminaba a cruz, tal como pode verse en gravados e pinturas antigas nos que apareza algún cruceiro.[27] Estes farois, ó seren metálicos, remataban oxidándose e caendo, ou ben foron eliminados porque danaban a pedra do cruceiro. Un caso típico deste elemento decorativo era o que, por partida dobre, iluminaba o cruceiro dos Cabaleiros ou da Vitoria, en Mos, que foi restaurado e perdeu a súa policromía e os farois que tiña a ámbolos lados da cruz.[28]
Tamén hai cruceiros que se rodean dunha cadea ou dun enreixado, a modo de protección ou delimitación. Non cabe pensar que deste xeito se protexe o monumento nin resulta crible que o construtor do cruceiro quixera illalo dos veciños, polo que hai que consideralo un elemento moderno e simplemente decorativo.
Iconografía
[editar | editar a fonte]As imaxes representadas nos cruceiros galegos son moi variadas pero podemos agrupalas nas seguintes tipoloxías:
- Xesús crucificado: a figura de Xesús na cruz é a imaxe máis característica, con variantes na expresión, na colocación de pés e mans, nos detalles anatómicos, na roupa que o cobre (pano de pureza, máis ou menos complicado) etc. Como excepción, no cruceiro de Melide represéntase a Xesús sedente amosando as mans, aínda que no anverso aparece crucificado.
- Moitas veces se esculpe un anxo ou ó mesmo San Francisco que recollen nun cáliz o sangue que verte a ferida do costado. O motivo obedece á identificación do sangue de Cristo co sacramento da Eucaristía.
- Unha variante pouco frecuente é a representación do Desencravo ou descendemento, momento no que a Virxe e San Xoán observan a Xosé de Arimatea que baixa a Xesús da cruz, unha vez rematada a crucifixión. Exemplos desta iconografía pódense ver nos cruceiros de Eiroa (en Barro, concello de Noia), da Escusa (en Ribadumia) ou, como máis sonado, no cruceiro do Hío (en Cangas, Pontevedra).
- Ferramentas da Paixón: trátase das ferramentas utilizadas na crucifixión de Cristo ou obxectos relacionados coa Paixón: o látego, a coroa de espiñas, os cravos, o martelo e as tenaces[29], a lanza, o cáliz no que se recolleu o sangue, a esqueira do desencravo etc. Nalgún caso aparece un galo que representa as tres negacións de San Pedro.
- Habitualmente, a cruz está coroada cunha cartela coa inscrición INRI que, en moitos casos, estaba pintada e desapareceu co paso do tempo.
- A Virxe: aparece case sempre no reverso da cruz pero nos cruceiros de estilo gótico tamén pode estar ó pé da cruz, con Xoán o Evanxelista.
- A Virxe está representada en situacións moi diferentes: como Virxe-nai, co fillo no colo, ou como Virxe Dolorosa, co corazón atravesado por un ou varios puñais (tradicionalmente sete, lembrando os sete momentos máis dolorosos da súa vida [30]). Hai cruceiros que mostran o corazón fóra do peito da Virxe.
- Outras advocacións da Virxe que podemos ver nos cruceiros galegos son a Virxe da Soidade (cos dedos cruzados sobre o peito), a Inmaculada Concepción (en actitude orante e sobre anxos ou sobre os cornos da lúa), a Virxe do Socorro (co neno en brazos e golpeando ó demo cun garrote, ós seus pés), a Asunción (entre dous anxos que a coroan), a Virxe do Carme, a Peregrina, a Virxe do Leite (dando o peito ó fillo) etc.
- Castelao recolleu unha ampla mostra das Virxes -Piedades- esculpidas nos cruceiros galegos en diferentes actitudes e advocacións [3].
- O Espírito Santo está representado en contadas ocasións, na figura dunha pomba, como por exemplo no cruceiro gótico de Pazos, ou nun de Vilalonga (Sanxenxo)
- Santos e santas: a figura de Xoán o Evanxelista é común nos cruceiros góticos, situado ó pé da cruz, á esquerda (coa Virxe á dereita da cruz). Podémolo ver no cruceiro do Home Santo, en Santiago, no cruceiro de Neda e no cruceiro do Hío.
- Outros santos representados nos cruceiros son San Francisco[31] (cruceiro da praza de Fonseca, en Pontevedra ou o do Ponte Nafonso, hoxe en Noia); Santiago, San Pedro, San Xoán Bautista, Santa Lucía, Santo Agostiño etc. Moitas veces trátase da imaxe dun frade.
- Normalmente, estas imaxes de santos están esculpidas no fuste, apoiadas en pequenas peañas. Os efectos da erosión e, moi probablemente, da acción humana foron borrando as liñas das imaxes facéndoas irrecoñecibles na maioría dos casos. Tamén resulta frecuente observar cómo foron obxecto de vandalismos e hoxe aparecen decapitadas.
- Anxos: son frecuentes as cabezas de anxos, arcanxos e querubíns ós pés da Virxe ou nas catro esquinas do capitel. Máis raros son os anxos de corpo enteiro, e entre estes merece ser mencionado o do cruceiro da Ascensión, en Entenza (Salceda de Caselas), representado fronte a Xesús co cáliz nas mans para recoller o seu sangue.
- O Demo: a figura do demo non é frecuente e, cando existe, adoita tomar a forma dunha serpe ou dun mostro; o demo pode estar tamén representado en forma de lagarto ou píntega, animal este segundo tipicamente pezoñento na imaxinación popular galega. Podémolo ver ós pés da Virxe, trala cruz, ou tamén no capitel, no fuste ou no pedestal, como unha serpe esculpida nun lateral ou enrolada no fuste.[32] Cómpre citar o caso do calvario de Bueu, no que o demo aparece no capitel do ladrón malo, coa lingua de fóra e burlándose do espectador.
- Adán e Eva e o Pecado Orixinal: co barroco faise común a inclusión das figuras de Adán e Eva nos cruceiros, no momento da tentación (que se representa coa serpe ofrecendo a mazá a Eva ou esta collendo a mazá da árbore) ou da expulsión do paraíso (con Adán e Eva conscientes do seu estado nu, avergonzados e expulsados por un anxo cunha espada de lume; hai veces nas que se representa a Adán levando a man á gorxa, como atragoado cun cacho de mazá).
- Como as figuras de Adán e Eva adoitan estar a media altura do fuste, hai autores que ven unha representación da árbore da vida ou árbore do paraíso, por debaixo deles, e da árbore da resurrección, entre eles e a cruz.
- A morte: aparece simbolizada cunha caveira (de onde lle vén o nome de calvario que tamén reciben estas esculturas, e particularmente o pedestal), por veces completada con dous ósos cruzados debaixo. Representa que a resurrección de Xesús vence a morte do pecado, pero tamén pode interpretarse como a caveira de Adán, pois a tradición di que a cruz de Xesucristo se levantou sobre o mesmo lugar onde soterraron a Adán.
- Outras figuras: ocasionalmente, nos cruceiros aparecen tamén figuras non relixiosas. Así temos os casos do cruceiro de Mourente (Pontevedra), no que un garda civil custodia a cruz, ou o Cruceiro do Cristo dos Aflixidos, en Santiago de Covelo (Covelo, Pontevedra), con catro grandes figuras que simbolizan a Agricultura, a Industria, as Artes e a Xustiza.
- No cruceiro de Fervenzas (Aranga, A Coruña), o doador do cruceiro figura axeonllado e rezando ós pés do Cristo, entre a Virxe e San Xoán.
Escultores
[editar | editar a fonte]A maior parte dos cruceiros galegos son anónimos, non quedando constancia dos canteiros que os fixeron (tamén chamados santeiros). Resulta máis habitual saber o nome de quen os encargou (o que abona a teoría de que a súa intención fose a de conseguir oracións para salvar as súas almas) e a data na que foron erguidos, porque no pedestal do cruceiro adoita constar inscrito. A seguinte relación, incompleta, recolle os nomes dalgúns dos santeiros coñecidos, xunto ós cruceiros que fixeron e a data. Nos máis recentes indícanse as datas de nacemento e morte.
- Xoán de Santiago (Fondo de Vila, 1587; Beiro (Cordeiro, Valga)).
- Xoán de Vilasó (Teaño, Boiro, 1589).
- Xoán Fernández (Berdoias, Vimianzo, 1616).
- Xoán de Bouzas Beiro (Pego, Meilide, Cerdedo, 1651).
- Xacinto Gómez (Os Ánxeles, Brión, 1765; Cea, Vilagarcía de Arousa, 1797).
- Xosé Bieito de Castro (Folgoso, Cerdedo-Cotobade, 1786).
- Esteban Gómez (Tioira, Maceda, Ourense, 1769).
- Felipe de Sa (finais do XVIII).
- José Ferreiro (natural de Noia, comezos do XX).
- José Couto (Ponteareas).
- Andrés Castaño Fernández (o Vello Santeiro de Chave, 1825-1914).
- Manuel González Perdiz (1833-1905), autor dos cruceiros de Padrenda, Cenlle, Goiás de Lalín etc.
- Xosé Cerviño García (1843-1922), autor de, entre outros, o cruceiro do Hío. Tamén coñecido como Mestre Cerviño ou Pepe da Pena.
- Ignacio Cerviño Quinteiro (1820-1905).
- Andrés Castaño Castro (o Novo Santeiro de Chave, 1881-1961).
- Xosé Ferreiro Quireza (finais do XIX), autor do cruceiro de Aciveiro.
- Manuel Fandiño Camiña (s. XX), autor do cruceiro de Baltar (Vilalonga, Sanxenxo), antes en Vilar.[33].
Os modernos canteiros seguen esculpindo cruceiros e en numerosos lugares, sobre todo chalés e xardíns e prazas públicas, podemos velos acabados de facer, con mellor ou peor fortuna. Escultores de sona, como Francisco Asorey ou Antonio Faílde, tamén seguiron este estilo.[34]
-
Cambados (Francisco Pazos)
-
Baltar, Vilalonga (Sanxenxo) (Manuel Fandiño)
-
Detalle dun cruceiro á venda en Cambados
Patrimonio a conservar
[editar | editar a fonte]Os cruceiros son unha mostra clara do patrimonio histórico, artístico, cultural e etnográfico que cómpre conservar. Non obstante, o estado de conservación dos cruceiros galegos, como todo o resto do patrimonio galego, é moi irregular. Hainos perfectamente conservados, protexidos, coñecidos e respectados, pero só gozan desta situación os máis sobranceiros. Moito máis común é unha situación de protección teórica, establecida por lei, que non foi quen de evitar un innúmero de casos de destrución (accidental ou provocada) e de espolios, tanto de imaxes como do cruceiro completo. Tamén resulta desgraciadamente frecuente a presenza nas inmediacións do cruceiro de cables eléctricos, postes de luz, sinais de tráfico, contedores de lixo, marquesiñas de autobús etc.
- O cruceiro de San Tomé, en Cambados, do século XVII, quedou esnaquizado o 4 de outubro de 2007 por un camión que descargaba material nunha obra (La Voz de Galicia, 5.10.2007).
- Dous cruceiros en Carcacía (Padrón), un deles de 1719, foron derribados para anchear unha pista (La Voz de Galicia, 30.08.1987).
- Uns vándalos provocaron a caída da cruz do cruceiro da praza da Leña (Pontevedra) ó subirse nel, rompéndose en varios cachos (La Voz de Galicia, 16.07.1991).
- Un coche desfixo o cruceiro de Forzáns (Ponte Caldelas) ó manobrar no campo da festa (Diario de Pontevedra, 21.10.2022).
-
Cruceiro en Noalla (Sanxenxo) que foi chorreado cunha hidrolavadora, un método moi agresivo e prohibio para estes usos
-
Cruceiro da Xesteiriña (Adina, Sanxenxo), ben acompañado por contedores de lixo a escasos metros de distancia
-
Detalle do cruceiro da praza da Leña (Pontevedra), no que se ven as perdas de material tras ser derrubado en 1991
-
Cruceiro case oculto tralos sinais de tráfico (Campañó, Pontevedra)
-
Covas (Meaño)
-
Cruceiro do Carril (Vilagarcía de Arousa)
Os cruceiros forman parte do Patrimonio Cultural de Galicia dunha forma expresa xa desde 1963[35], que obrigaba ós propietarios a non realizar ningunha intervención neles sen autorización oficial, asimilaba o seu comercio ó das obras de arte e facía recaer nos concellos a responsabilidade de vixialos e conservalos.
Tódolos construídos con anterioridade a 1901 son bens de interese cultural.[36]
Creouse o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, pero este inventario aínda está sen facer polo que, por non saber, nin se sabe o número de cruceiros en Galicia e moito menos o seu estado de conservación. Moitos concellos teñen feito xa un inventario dos seus bens histórico-artísticos, sexa por necesidade de regulación dentro dos seus Plans de Ordenación Urbana, sexa por iniciativa municipal ou dalgún particular ou organización cultural local, pero tamén é certo que a experiencia demostra que moitos destes catálogos recollen cruceiros xa inexistentes ou son incompletos[37].
Desde 1993, a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, en colaboración coa Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, está realizando un inventario pormenorizado de tódolos cruceiros e petos de ánimas galegos, coa creación dunha ficha de cada exemplar co plano de situación, fotografías e debuxos, descrición, datos históricos e etnográficos, estado legal, estado de conservación etc. Xan Casabella, director deste proxecto de catalogación, explicaba a principios de 2007 que xa estaba feito o 80% do traballo [4].
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes de cruceiros.
Os cruceiros na cultura popular galega
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: O cruceiro na cultura popular galega.
Os cruceiros son moito máis que unha manifestación de arte relixiosa e máis que un fito xeográfico que marca un lugar ou un linde entre parroquias. Son sinais de identidade da aldea ou da parroquia, lugares de encontro e de referencia na vida diaria da xente da aldea. Ó redor dos cruceiros xurdiron ó longo dos séculos crenzas e supersticións, case sempre relacionadas coa morte de alguén -normalmente, violenta-, e buscouse neles protección contra a Santa Compaña[38]. Ó redor dos cruceiros naceron tamén tradicións, como o bautismo no ventre da nai, ritual profiláctico testemuñado nos cruceiros situados nas pontes, e diferentes rituais profilácticos contra enfermidades da xente e do gando.
Cruceiros nas outras artes
[editar | editar a fonte]Poida que sexa Castelao o artista plástico que máis veces en en situacións moi variadas utilizou a imaxe dos cruceiros nas súas láminas (cousas e debuxo similares pero tamén en lienzos de variado tamaño e mensaxe, que van desde o lamento desgarrador da muller que increpa ó Crucificado dicíndolle que "Queiman, rouban e asasinan no teu nome" (unha das láminas de Galicia mártir, á queixa resignada do vello labrego que se queixa ante Xesús porque "Non me fan xustiza (nunha lámina de Nós).
Noutros formatos, de estampas costumistas, tamén bota man do motivo do cruceiro. Destaquemos un dos tres grandes óleos sobre "Cegos" que pintou cara 1915 para o Balneario de Mondariz, que foron doados á Real Academia Galega e agora se expoñen no Museo de Pontevedra. No lateral esquerdo dun deles pinta un cruceiro típico, con caveiras nas esquinas do pedestal, as figuras de Adán e Eva no fuste tentadas pola serpe sobre as súas cabezas, e a cruz coas figuras de Cristo e a Virxe. Chama a atención a presenza na cruz de tres grupos de espigas de millo penduradas dos brazos da cruz e atadas ós pés do Cristo.
Pero, por suposto, non foi Castelao o único pintor ou escultor que introduciu o motivo do cruceiro nas súas obras. A que segue é unha escolma que non busca ser exhaustiva.
-
Alfredo Souto Cuero: Estribela (1900) (Colección Afundación)
-
Mosaico de Carlos Sobrino na Alameda de Pontevedra
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "A abundancia dos conservados no noso país convérteos nun elemento característico da paisaxe galega" (Xosé Ramón Mariño Ferro: Dicionario de etnografía e antropoloxía de Galiza, Nigratrea 2010, s. v. cruceiro).
- ↑ Na páxina web Cruceiros de Galicia publícase unha distribución sobre 2997 cruceiros galegos localizados en mapa. Segundo esta web, Pontevedra reúne o 60,2% e A Coruña o 26,6%; nas provincias de Lugo e Ourense só se rexistran pouco máis do 6,5% en cada unha delas [consultado o 5.09.2024].
- ↑ Gran Enciclopedia Galega, tomo 12, px. 236.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 La Voz de Galicia, 17.02.2007.
- ↑ Pérez Rego, David (2006): Catálogo de cruceiros, cruces e petos de ánimas do Porriño.
- ↑ Lois M. Blanco, La Voz de Galicia, 4.03.1993.
- ↑ La Voz de Galicia, 7.10.2006.
- ↑ "Imaxe do Calvario do cruceiro de Barbudo". Arquivado dende o orixinal o 24 de novembro de 2002. Consultado o 24 de novembro de 2002.
- ↑ "Calvario do cruceiro de Bieite". Arquivado dende o orixinal o 08 de decembro de 2003. Consultado o 08 de decembro de 2003.
- ↑ Teoría compartida por investigadores como Xosé Filgueira Valverde ou Xosé Carlos Valle Pérez.
- ↑ Filgueira Valverde menciona un cruceiro citado nun documento do arquivo da Catedral de Lugo, datado en 1215, pero é máis probable que se trate da referencia a un "castiñeiro" ou "carballo das cruces", que marcaban os lindes entre lugares ou parroquias, frecuentes na montaña luguesa ata hai pouco.
- ↑ Pero non se poden esquecer os precedentes de Bernardo Barreiro, quen publicou en 1888 La Cruz del Hombre Santo e en 1889 Monumentos populares: las cruces y los cruceros, textos nos que xa denunciaba o desinterese de intelectuais e gobernantes por estes monumentos.
- ↑ Teoría hoxe desacreditada, Xesús Alonso Montero Os escritores galegos ante a guerra civil española, 1936-1939. Galaxia, 2006, páxina 314.
- ↑ Mariño ferro, s. v. cruceiro.
- ↑ A imaxe da cruz deste cruceiro constitúe o emblema do Centro de Estudos Melidenses, con sede no Museo da Terra de Melide.
- ↑ panel informativo en Galiciapuebloapueblo [consultado o 5.08.2024].
- ↑ Tamén os hai moito máis pequenos, pero non é o habitual: O Cristo Pequeno, en Río Barba (O Vicedo), e a Cruz do Cano de Melchor, na mesma parroquia, miden pouco máis dun metro.
- ↑ Castelao afirmaba que todos foron policromados pero que a chuvia e o sol durante séculos terminaron por varrer a pintura. Risco discrepa desta tese insinuando que "cecáis sexa moito supoñer".
- ↑ Véxase, por exemplo, o cruceiro de Mourente, en Pontevedra, ou a Cruz de Xende (na Lama, Pontevedra).
- ↑ Como o cruceiro de Romelle, en Loroño, Zas.
- ↑ Como os de Bealo, en Boiro; ou o de Figueiró, en Tomiño.
- ↑ Como o cruceiro da Ponte Vella, en Catoira.
- ↑ De onde lle vén o nome de calvario que tamén recibe esta peza.
- ↑ Exemplos deste tipo de fuste en columna salomónica son os casos do cruceiro de Areas, en Adragonte (Paderne), ou o da ponte do (Burgo (Culleredo).
- ↑ Como, por exemplo, o cruceiro do cemiterio de Campañó, en Pontevedra.
- ↑ Na páxina web Cruceiros de Galicia publícase unha estatística sobre 2505 cruceiros galegos segundo a cal o 63,8% serían de crucifixo fronte a un 29,5% de cruz [consultado o 5.09.2024].
- ↑ En Meangos (Abegondo), o cruceiro que hai no adro da igrexa parroquial está iluminado por dúas farolas, exentas, a ámbolos lados.
- ↑ Poden verse aquí fotografías do estado anterior e do estado actual.
- ↑ Ver o cruceiro de Combarro, en Poio.
- ↑ A profecía de Simeón, a fuxida a Exipto, a perda do Neno no Templo, a rúa da Amargura, a Crucifixión, o Descendemento e o Enterro.
- ↑ Lémbrese que os frades franciscanos foron os principais difusores dos cruceiros.
- ↑ Desta imaxe vénlle o nome de Cruceiro do cobregón que recibe nalgúns sitios este tipo de cruceiros.
- ↑ Lorenzo Aspres, Alberta. Cruceiros de Sanxenxo. 2022. ISBN: 978-84-09-38408-2.
- ↑ De Faílde é o cruceiro do pazo de Vistalegre (Tui), labrado en 1957.
- ↑ Decreto 571/1963, de 14 de marzo, sobre protección de los escudos, emblemas, piedras heráldicas, rollos de justicia, cruces de término y piezas similares de interés histórico-artístico (BOE nº 77, de 30.03.1963) [1] Arquivado 09 de maio de 2008 en Wayback Machine..
- ↑
“ Artigo 92. Hórreos, cruceiros e petos de ánimas 1. Son bens de interese cultural e quedan sometidos ao réxime xurídico previsto para ese tipo de bens nesta lei, sen necesidade da tramitación previa do procedemento previsto no seu título I, os hórreos, os cruceiros e os petos de ánimas dos que existan evidencias que poidan confirmar a súa construción con anterioridade a 1901.
[…]
2. Os hórreos, cruceiros e petos de ánimas cuxa antigüidade non poida ser determinada ou que fosen construídos con posterioridade á data sinalada no número 1 poderán ser declarados de interese cultural ou catalogados cando se lles recoñeza un especial valor cultural, principalmente etnolóxico. — Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia
” - ↑ Esta discrepancia entre os datos oficiais e os reais pode exemplificarse no caso do concello de Vilalba: segundo o Inventario do Patrimonio Cultural de Galicia había 118 cruceiros [2]. O inventario que está a realizar a Universidade da Coruña contabilizaba a principios de 2007 "algo máis de 300" (La Voz de Galicia, 17.02.2007).
- ↑ Porque a Santa Compaña, disque, foxe dos camiños nos que se levanta un cruceiro.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Cruceiro |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Arribas Arias, Fernando e José Manual Blanco Prado (1998). Cruceiros de Castro de Rei e Outeiro de Rei. Sada. Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-872-9.
- Arribas Arias, Fernando e José Manual Blanco Prado (1999). Cruceiros de Guitiriz. Sada. Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-916-4.
- Arribas Arias, Fernando e José Manual Blanco Prado (2000). Cruceiros de Begonte, Cospeito e Rábade. Sada. Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-997-0.
- Arribas Arias, Fernando, José Manual Blanco Prado e Mario Saavedra Pérez (2002). Cruceiros, cristos e cruces da Pastoriza. Sada. Ediciós do Castro. ISBN 84-8485-074-9.
- Arribas Arias, Fernando e José Manual Blanco Prado (2004). Cruceiros, cristos e cruces de Xermade. Sada. Ediciós do Castro. ISBN 84-8485-147-8.
- Arribas Arias, Fernando, José Manual Blanco Prado e Mario Saavedra Pérez (2007). Cruceiros, cristos, cruces e esmoleiros de Abadín. Ediciós do Castro. ISBN 978-84-8485-254-4.
- Burgoa Fernández, Juan José (2003). Los cruceros, el patrimonio etnográfico y el arte popular. Sada. Ediciós do Castro (en castelán). ISBN 84-8485-101-X.
- Burgoa Fernández, Juan José (2005). Cruces, cruceiros e petos do Camiños Portugués en Galicia. Vigo. AGCE. ISBN 84-87904-37-8.
- Castelao, Alfonso Daniel (1949): As cruces de pedra na Galiza. Ed. Nós, Buenos Aires.
- Castelao, Alfonso Daniel (1974): As cruces de pedra na Bretaña. Sant-iago na Bretaña. Ed. Castrelos, Vigo.
- FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA NÚÑEZ, Estanislao (1997): Cruces e cruceiros de ánimas de Galicia. Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía (AGCE), Vigo.
- Fernández de la Cigoña Núñez, Estanislao (2005). Cruces, cruceiros e petos de Redondela. Vigo. AGCE. ISBN 84-87904-35-1.
- Fernández de la Cigoña Núñez, Estanislao (2006). Cruces, cruceiros e petos do Concello de Salceda de Caselas. Vigo. AGCE. ISBN 84-87904-43-2.
- Fernández de la Cigoña Núñez, Estanislao (2007). Cruces, cruceiros e petos do Concello de Mondariz Balneario. Vigo. AGCE. ISBN 978-84-87904-55-4.
- Fernández de la Cigoña Núñez, Estanislao (2007). Cruces, cruceiros e petos do Concello de Poio. Vigo. AGCE. ISBN 978-84-87904-57-8.
- Fernández de la Cigoña Núñez, Estanislao (2007). Cruces, cruceiros e petos do Concello de Soutomaior. Vigo. AGCE. ISBN 978-84-87904-56-1.
- GONZÁLEZ PÉREZ, Clodio (2003): "Cruceiro". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada 12. pp. 236-244.
- GONZÁLEZ PÉREZ, Clodio (2003): Os cruceiros, Cadernos do Museo do Pobo Galego, Santiago de Compostela. ISBN 84-88508-32-8.
- GONZÁLEZ PÉREZ, Clodio (2014): "O cruceiro ou cruz do Home Santo (Santiago de Compostela): historia e lenda", Actas do V Congreso Galego de Cruceiros. ISBN 978-84-92867-15-8.
- IGLESIAS GRANDE, Cesáreo (2006): "Os cruceiros de Ourense", en Sementar (Revista Informativa para profesores de Relixión. Diocese de Ourense), xaneiro 2006 nº 13 [4].
- LORENZO ASPRES, Alberta (2022): "Cruceiros de Sanxenxo". ISBN: 978-84-09-38408-2.
- MARÍN MARTÍNEZ, Xoán R.; GONZÁLEZ PÉREZ, Clodio (2003): Cruces e cruceiros antigos de Vilagarcía de Arousa, Deputación Provincial - Museo do Pobo Galego.
- MARIÑO FERRO, Xosé Ramón e GONZÁLEZ REBOREDO, Xosé Manuel: Dicionario de etnografía e antropoloxía de Galiza, Nigratrea, Vigo 2010, s. v. cruceiro.
- PENAS BERMÚDEZ, Carme: As cruces de pedra no olvido
- Risco, Vicente (1962): "Etnografía: cultura espiritual", en OTERO PEDRAYO, Ramón (1962): Historia de Galiza. Ed. Nós, Bos Aires. Tomo I, 730-736.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Alfredo Eiras: "Cruceiros", na colección Debuxos de Galicia II[Ligazón morta]
- Cruceiros do Concello de Guitiriz
- Cruceiros de Sanxenxo
- Cruceiros, Cristos e cruces de Xermade
- Cruceiros, Cristos e Cruces da Pastoriza
- Catálogo de cruceiros da Terra Chá
- Cruceiros de Cospeito
- Simboloxía relixiosa do Porriño (cruceiros, cruces e petos de ánimas)
- Na terra dos cruceiros Televisión de Galicia, 24/8/2013.