Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Bidueiro branco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bidueiro branco

Betula pendula
Clasificación científica
Reino: Plantae
Subreino: Tracheobionta
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Subclase: Hamamelidae
Orde: Fagales
Familia: Betulaceae
Xénero: Betula
Subxénero: 'Betula'
Nome binomial
Betula pendula
Roth
Variedades

B. pendula var. oycoviensis

O bidueiro branco ou bidueiro péndulo (Betula pendula) (sin. B. verrucosa, Ehrh.) é unha árbore caducifolia do xénero Betula. É orixinaria de Eurasia.

Vista da árbore
Detalle das follas
Inflorescencia

Descrición

[editar | editar a fonte]

Ten un característico toro xeralmente delgado (aínda que ocasionalmente pode chegar até os 2 metros de diámetro), coa casca dun branco puro característico, que na base do toro escurece e amosa fendas coa idade. Os exemplares novos teñen a casca acastañada, coma a da cerdeira. O sistema radical é superficial e estendido. A copa é máis ou menos ovada, follosa, mais de pouca sombra, coas pólas case ergueitas. As franzas e os rebentos son glabros, con glándulas resinosas. Os gomos son agudos. A follas miden uns 6 cm, dos cales 1/3 é o pecíolo. Este é cilíndrico, o que o fai distinguilo do xénero Populus. Os nervios son rectilíneos, e chegan a acadar a marxe foliar (diferenza co chopo negro (Populus nigra)). Florea a finais do inverno, estando os amentos masculinos (candeas) xa formados polo outono. Estes son sentados e lampinos e miden uns 3–6 cm e aparecen en grupos de 2 ou 3. As flores masculinas aparecen 3 flores por cada bráctea, cada unha con dous estames de filamento bífido. As flores femininas aparecen en amentos solitarios de 1.5-3.5 cm que chegan a soportar 3 flores acalamídeas con estilos filiformes. O froito é unha sámara bialada, con ás máis largas que a propia noz; despréndense en grupos de 3 xunto a bráctea. Integran un acio cilíndrico bastante compacto que se va desintegrando co tempo. É unha especie de doada xerminación e diseminación.

Distribución

[editar | editar a fonte]

É a especie máis estendida en Europa, aínda que na parte meridional se atopa soamente nas zonas máis altas. Tamén se estende polo suroeste de Asia, de onde é orixinario. Encontrándose ademais moi presente nas montañas do norte de Turquía e do Cáucaso, así como no Canadá. En Galiza aparece nas montañas, sendo máis común no país o bidueiro pubescente

Hábitat e cultivo

[editar | editar a fonte]

Prefire solos acedos, húmidos e fértiles, atopándose a miúdo preto dos cursos de auga e en zonas despexadas. Medra bravo en rexións temperadas de Asia, encontrándose preferentemente en locais montañosos de até 2.700 m. Na Península Ibérica medra nos Pireneos, Sitema Central e Sistema Ibérico (Serranía de Cuenca), Montes de Toledo, Serra Bética e Penibética. Tamén se encontra espallado polo Rif africano. Non adoita superar moito máis dos 120 anos, medrando axiña ao principio. Agroma de esgallo semilígneo e de semente con facilidade.

Non atura as podas severas por mor ás grandes perdas de zume, sendo propenso a enfermar polas feridas.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Segundo a teoría máis aceptada, o seu nome galego (bidueiro) procedería do latín betūlla que á súa vez procedería da verba betu que era coma os celtas designaban o bidueiro. Porén, antes da aparición do papel, a casca do bidueiro usábase para escribir sobre ela, polo que hai quen pensa que o seu nome deriva do sánscrito bhurga, 'árbore en cuxa casca se escribe'. Outros opinan que procede de batuere, 'bater', polo uso que daban os pastores as varas que construían coas súas pólas.

Dada a flexibilidade e dureza das poliñas do bidueiro, foron utilizadas como instrumento de flaxelación; noutrora os profesores utilizábanas para impór dura disciplina nas aulas.

Propiedades

[editar | editar a fonte]

Mediante a destilación da súa casca obtense unha brea que se emprega para a elaboración de pomadas para as doenzas da pel. Coas súas follas elabóranse infusións con propiedades diuréticas.

Principios activos

[editar | editar a fonte]

Contén flavonoides (2-3%): hiperósido (0,8%), avicularina (0,5%), galactosil-3-miricetol, glicoronil-3-quercetol, quercitrósido. Aceite esencial (1%): monotropitósido (90%) que hidroliza en salicilato de metilo; triterpenos: ácido betulínico, betulinol. Sales potásicas (4%). Taninos, especialmente na casca (10%). Ácido ascórbico (5%). Outras fontes: follas ricas en aceite esencial (0,04%) o cal ten até un 25% de betulenol. Tanino (9%), saponinas (3%), ácido nicotínico (5%) e certas agliconas como a miricetina (chamada tamén miricitrina). O principal aromático é o ácido betulábico. Compoñente de interese na betulina (alcanfor de bidueiro), heterósido que se atopa especialmente nas follas novas. En menor cantidade hai glicósidos flavónicos: quercetol-3-galactósido (hiperósido) e miricetin-3-digalactósido (2%). A casca ten maior cantidade de taninos (10 ao 20%) e betulina (10 ao 14%). O aceite esencial contén cantidades importantes de salicilato de metilo e triacontano. Na casca atopouse un alcol triterpénico (betulinol). O alcatrán de bidueiro contén metilsalicilatos, hidrocarburos alifáticos e aromáticos e fenois (6%) coma o cresol, o xileno e mais o guaiacol.[1]

Indicacións

[editar | editar a fonte]

Os flavonoides e os sales potásicos conférenlle unha acción como diurético, favorecendo a eliminación de auga, cloruros, urea e ácido úrico. O aceite esencial é analxésico, antiinflamatorio, antiséptico, antipirético e cicatrizante. Os taninos contidos na casca son responsábeis da acción adstrinxente (antidiarreico, hemostático local); o zume ten un efecto diurético e analxésico. Indicado para estados nos que se riquira un aumento da diurese: afeccións xenitourinarias (cistite, ureterite, uretrite, pielonefrite, oliguria, urolitíase), hiperazotemia, hiperuricemia, gota, hipertensión arterial, edemas, sobrepeso acompañado de retención de líquidos. Gripe, arrefriados, síndrome febril, cefaleas. Inflamacións osteoarticulares: artrite, artrose, bursite, tendinite, fibrosite, fibromialxias. En uso tópico: cicatrización de feridas, celulite, eccemas, psoríase, alopecia, vulvovaxinite, cervicite.[1]

Contraindicado con hipersensibilidade aos salicilatos. O uso de diuréticos en presenza de hipertensión ou de cardiopatías, só debe facerse por prescrición e baixo control médico, dada a posibilidade de descompensación tensional ou a potenciación do efecto dos cardiotónicos, pola posíbel eliminación urinaria de potasio. Polo seu contido en salicilatos, aínda que están presentes en escasa proporción na planta, aconséllase ter unha especial precaución á hora de prescribir extractos concentrados a pacientes con trombocitopenia, hemorraxias activas ou que estean seguindo tratamentos con hemostáticos ou anticoagulantes. Cómpre ter en conta o contido alcólico do extracto fluído, tintura e xarope durante a gravidez, a lactación, en pacientes con gastrite, úlceras gastroduodenais, síndrome do intestino irritábel, colite ulcerosa, hepatopatías, epilepsia, párkinson ou outras enfermidades neurolóxicas.[1]

Úsanse as follas, eventualmente a casca, gomos e zume. Infusión de follas: 40 g/l, infundir 10 minutos. Tres cuncas ao día. Cando conveña alcalinizar os ouriños, pódese engadir 1 g de bicarbonato sódico, cando a infusión estea a 40 °C. Decocción de casca ou gomos (febrífugo): 5 g/cunca, ferver 5 minutos, tres cuncas ao día, entre comidas. Zume fresco: 1 a 3 culleradas sopeiras (15 ml) ao día, diluído en infusión, auga ou zume de froitas. O alcatrán de bidueiro, que se obtén por quecemento da casca, é un líquido mesto e bituminoso de cor marrón anegrada e de cheiro intenso e balsámico.[1]

Outros usos

[editar | editar a fonte]

Da casca destílase un aceite (alcatrán de bidueiro) que se usa para curtir o coiro, que disque protexe do ataque de insectos. A maderia é branca, lene, doada de traballar.[1]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Betula pendula foi descrita por Albrecht Wilhelm Roth e publicado en Tentamen Florae Germanicae 1: 405. 1788.[2]

Etimoloxía

Betula: nome xenérico que deron os gregos ao bidueiro.

pendula: epíteto latino que significa "pendurado", "péndulo", "pénsil".[3]

Sinonimia
  • Betula alba
  • Betula verrucosa Ehrh.
  • Betula oxycoviensis Besser
  • Betula lobulata Kanitz
  • Betula gummifera Bertol.
  • Betula alba subsp. verrucosa (Ehrh.) Celak.
  • Betula aetnensis Raf.
  • Betula alba var. pendula (Roth) Cariot & St.-Lag.*[4]
  • Betula alba subsp. verrucosa (Ehrh.) Regel
  • Betula alba var. fontqueri (Rothm.) Maire & Weiller
  • Betula alba var. verrucosa (Ehrh.) Wallr.
  • Betula alba var. vulgaris Spach
  • Betula fontqueri Rothm.
  • Betula parvibracteata Peinado, G. Moreno & M. Velasco
  • Betula pendula subsp. fontqueri (Rothm.) G. Moreno & Peinado
  • Betula pendula Roth subsp. pendula Roth
  • Betula pendula var. fontqueri (Rothm.) G. Moreno & Peinado
  • Betula pendula var. meridionalis G. Moreno & Peinado
  • Betula pendula var. parvibracteata (Peinado, G. Moreno & M. Velasco) G. Moreno & Peinado
  • Betula pendula var. pendula Roth[5][6][7]
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Betula pendula". Plantas útiles: Linneo. Arquivado dende o orixinal o 01 de decembro de 2009. Consultado o 10 de novembro de 2009. 
  2. "Bidueiro branco". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 20 de decembro de 2012. 
  3. dn Epítetos Botánicos
  4. Sinónimos en Tela Botánica Arquivado 31 de outubro de 2013 en Wayback Machine.
  5. "Bidueiro branco". Real Xardín Botánico: Proyecto Anthos. Arquivado dende o orixinal o 27 de agosto de 2017. Consultado o 25 de novembro de 2009. 
  6. Bidueiro branco en PlantList consultado o 20 de decembro de 2012
  7. "Bidueiro branco". World Checklist of Selected Plant Families. Arquivado dende o orixinal o 22-10-2012. Consultado o 20-12-2012. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]