Central térmica solar
Unha central térmica solar ou termosolar é unha instalación industrial na cal a partir do quentamento dun fluído mediante radiación solar, e o seu uso nun ciclo termodinámico convencional se produce a potencia necesaria para mover un alternador para xerar electricidade como nunha central térmica clásica.
Características
[editar | editar a fonte]Construtivamente, é necesario concentrar a radiación solar para que se poidan atinxir temperaturas elevadas, de 300 °C ata 1000 °C, e obter así un rendemento aceptable no ciclo termodinámico, que non se podería obter con temperaturas máis baixas. A captación e concentración dos raios solares fanse por medio de espellos con orientación automática que apuntan a unha torre central onde se quenta o fluído, ou con mecanismos máis pequenos de xeometría parabólica. O conxunto da superficie reflectante e o seu dispositivo de orientación denomínase helióstato.
Os fluídos e ciclos termodinámicos escollidos nas configuracións experimentais que se ensaiaron, así como os motores que implican, son variados, e van dende o ciclo Rankine (centrais nucleares, térmicas de carbón) ata o ciclo Brayton (centrais de gas natural) pasando por moitas outras variedades como o motor de Stirling, sendo as máis utilizadas as que combinan a enerxía termosolar co gas natural.
Na actualidade a tecnoloxía estase instalando na central PS 10 por Abengoa en colaboración co CIEMAT en Sanlúcar (Sevilla) de 24,2 GWh e Andasol I e Andasol II por Gamesa e Cobra (filial de ACS) nos Llanos de La Calahorra, preto de Guadix, de 50 MWh cada unha, ademais de noutros lugares como Boulder City preto de Las Vegas en Nevada, que ten 64 MWh de potencia.