Corpúsculo de Krause
Os corpúsculos de Krause son termorreceoptores de forma bulbosa encapsulados da pel, que se pensa son os encargados de rexistrar a sensación de frío. A sensibilidade é variable segundo a rexión da pel que se considere. Porén, a súa función na actualidade non está definida con claridade.[1]
Son corpúsculos táctiles localizados no nivel profundo do hipoderma da pel, parecidos aos corpúsculos de Pacini, pero máis pequenos (50 micrómetros) e simplificados. Encóntranse no tecido submucoso da boca, o nariz, ollos, xenitais etc. dos cales hai uns 260.000 estendidos por todo o corpo.
Reciben este nome polo seu descubridor o anatomista alemán Wilhelm Krause (1833-1910).[2]
Estrutura
[editar | editar a fonte]Son pequenos corpos cilíndricos ou ovais, consistentes nunha cápsula formada por unha expansión do tecido conectivo, e conteñen unha parte central semifluída na cal o axón termina nunha extremidaded bulbosa ou nunha masa enroloada plexiforme.
Localización
[editar | editar a fonte]Estes bulbos terminais atópanse na conxuntiva do ollo humano (onde son esferoidais, pero son cilíndricos na maioría dos animais), nas membranas mucosas dos beizos e a lingua, e no epineuro dos troncos nerviosos.
Corpos bulbosos parecidos atópanse no pene e clítoris, onde reciben o nome de corpúsculos xenitais. Estes corpos teñen forma do froito da moreira, e conteñen septos de tecido conectivo formando de dúas a seis masas.
Nas membranas sinoviais de certas articulacións, como as dos dedos, existen bulbos similares ovais, que se denominan terminacións bulbosas articulares.