Culturgal
Culturgal | |
---|---|
Tipo | Feira |
Data de fundación | 2007 |
En | Pontevedra |
País | Galicia |
42°26′08″N 8°38′14″O / 42.435555555556, -8.6372222222222 | |
Na rede | |
https://v2.culturgal.com | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Culturgal ou Cultur.gal é a Feira das Industrias Culturais de Galicia, celebrada desde 2007 na cidade de Pontevedra. Naceu co obxectivo de promover, apoiar e reforzar a acción cultural que se desenvolve en Galicia[1] e, tamén, remarcar o valor social e económico desa acción cultural.
Organizadores
[editar | editar a fonte]A Feira das Industrias Culturais está organizada pola asociación sen ánimo de lucro do mesmo nome, presidida por Manuel Bragado e constituída en 2010. Forman parte de Culturgal as asociacións profesionais: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi). A Feira conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través de AGADIC (Axencia Galega de Industrias Culturais), da Secretaría Xeral de Política Lingüística e do Concello de Pontevedra.
No 2010 entra a formar parte do proxecto NóComún até 2013. Este colectivo de profesionais da comunicación e da cultura organizou dúas das edicións: a de 2011 e a de 2012.[2]
Edicións
[editar | editar a fonte]Culturgal 2007
[editar | editar a fonte]A Asociación Galega de Editores puxo en marcha no Pazo da Cultura de Pontevedra a Culturgal, Feira do Libro e da Industria Cultural, desde o 10 ao 13 de maio co obxectivo de compartir cos asistentes a oferta cultural producida en Galicia desde a perspectiva de todos os sectores implicados na industria cultural: autores, tradutores, deseñadores, técnicos culturais, bibliotecarios, ilustradores e debuxantes, produtores, guionistas, fotógrafos...
Durante os catro días de duración da feira proxectáronse 40 películas, celebráronse 15 actos onde os autores asinaron os seus libros, 15 concertos, cinco exposicións, igual número de talleres e outras tantas mesas redondas, ademais da presentación de oito discos.[3]
Culturgal 2008
[editar | editar a fonte]Neste ano pasouse a celebrar a Culturgal do 4 ao 7 de decembro no Palacio de Exposicións e Congresos (Palexco) da Coruña debido a problemas económicos e de espazo. Esta segunda edición pretendeu incrementar a presenza de público profesional e a participación deste en todos os ámbitos culturais. Ao mesmo tempo, a feira serviu para analizar o sector e o estado actual das empresas de produción en encontros entre expertos e profesionais. Culturgal acolleu as II Xornadas das Industrias Musicais de Galiza e a Xornada Profesional sobre o Libro de Edición. Finalmente, presentouse oficialmente a Asociación Profesionais de Xestores Culturais de Galiza.
Culturgal 2010
[editar | editar a fonte]“Se é cultura está no Culturgal 2010”, así se presentou a terceira edición que tivo lugar en Pontevedra os días 26, 27 e 28 de novembro. A Feira pretendeu ser unha ferramenta para a promoción da lingua a través da dirección xeral de Política Lingüística así como para o intercambio de experiencias en diferentes disciplinas con países lusófonos, como mostra a actuación de Deolinda, de Érika Machado e de Kiko Klaus.
Culturgal 2011
[editar | editar a fonte]A seguinte abarcou os días 2, 3 e 4 de decembro en Pontevedra co emblema “A Casa da Cultura Galega”. Contaba cunhas 24 actuacións musicais en directo, máis de 20 obras de teatro, máis de 30 actividades relacionadas co mundo do libro, e diversas presentacións de proxectos tecnolóxicos.
Alén disto, mostrou como novidades a Tenda de Culturgal, as “Noites do Culturgal”, programación nocturna que se desenvolveu en espazos singulares da cidade de Pontevedra e no Teatro Principal, e o Off Culturgal (sesión de presentacións en formato Pecha Kucha: 20 imaxes, cada unha das cales ten unha duración de 20 segundos onde se presentarán as propostas de novos creadores galegos no ámbito do deseño, a arquitectura, a gastronomía ou a fotografía).
Culturgal 2012
[editar | editar a fonte]A quinta edición da Culturgal tivo lugar en Pontevedra do 30 de novembro ao 2 de decembro co lema "A Casa da Cultura é a túa casa, ti tes a chave". Contou coa participación de 70 entidades e 140 actividades (dez máis que no 2011). A principal novidade foi a programación familiar adicada especialmente aos máis pequenos.
Na programación en xeral destacaron as conversas con Ignacio Escolar, Xosé Monteagudo e Rexina Vega, o encontro co actor Luís Tosar e a lectura por parte de Manuel Rivas dun fragmento da súa última novela, As voces baixas. Tamén destacou unha presentación da obra completa e a Asociación de Roberto Vidal Bolaño co motivo da dedicación do Día das Letras Galegas á figura do dramaturgo en 2013.[4]
Culturgal 2013
[editar | editar a fonte]Co slogan “Ti contas no Culturgal” desenvolveuse durante o 29, 30 de novembro e o 1 de decembro en Pontevedra a sexta feira das Industrias Culturais.
No programa houbo presentacións de libros, discos, música ao vivo, novos formatos en audiovisual, produtos tecnolóxicos e actividades para público familiar. Incluíu un total de 151 actividades dentro da programación xeral, máis dúas exposicións permanentes que acolleu o recinto feiral do Pazo da Cultura. Amais a Feira abranguía a programación profesional, cun programa dirixido, por unha banda, ao profesorado, e por outra, a diferentes axentes que operan no sector cultural. O programa 2013 incorporou temáticas e iniciativas emerxentes no mundo cultural como o cooperativismo, os novos mecenados e formas de financiamento e as propostas saídas do ámbito rural.
Ademais, incorporáronse novidades como o stand mudable, que consistiu nun espazo compartido e polivalente. Asemade, lanzouse o Premio do Público coa finalidade, mediante votación popular a través da web da Culturgal, de recoñecer proxectos relevantes para a sociedade e relacionados coa cultura galega. Os finalistas do premio foron o Festival de Cans, a Asociación Punto.gal e o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, acadando este último o galardón. Por último, acondicionouse unha carpa exterior para a música ao vivo e tamén existiu a posibilidade de pagar unha entrada de tres euros por medio da compra dunha chapa.
Culturgal 2014
[editar | editar a fonte]A sétima edición da Culturgal desenvolveuse o 5, 6 e 7 de decembro baixo o lema “Constrúe Culturgal” con novidades como a incorporación da gastronomía, o establecemento dunha entrada de pago para o público xeral, un Espazo Bebés orientado a idade entre 0 e 3 anos e actividades relacionadas coa arte contemporánea. Ademais, na Culturgal 2014 ofreceuse a posibilidade de coñecer a Feira a través de visitas guiadas en lingua de sinais.
No Espazo Infantil desenvolvéronse actividades relacionadas coa música (O Gatuxo de Maxín Blanco), que terá maior presenza no Espazo Carpa, a arte (Un artista na escola) e, principalmente, coa literatura (Estación Nadal de Mamá Cabra), a que tamén contará cun espazo propio.
O Espazo Foro acolleu a presentación do .gal así como a gastronomía (Ao redor das cervexas artesanais), a moda, a literatura (encontro co autor e ilustrador da serie Formig4s) e a tecnoloxía.
No que respecta ao Espazo Bebés, resalta o teatro e a lectura. Finalmente, no resto de espazos (Área de Restauración, Salón de Actos, Auditorio do Pazo da Cultura e a Sala de exposicións) predominaron as actividades anteriores xunto con coloquios e presentacións de libros.
O prazo de reserva de stands para a Culturgal 2014 estivo aberto nun período de case cinco meses. Unha vez rematado o prazo, foron 64 os contratados e 68 as entidades expositoras que fixeron uso deles. A destacar a incorporación da artesanía na Feira con 8 expositores; relacionados co libro houbo 19, 13 vinculados ao teatro e ao ámbito infantil, 8 de audiovisual e tecnoloxía, 3 de música e 7 de carácter institucional.
Aspiraban ao Premio do Público deste ano o Cineuropa, Viñetas desde o Atlántico e Diario Cultural (dirixido pola poeta e xornalista Ana Romaní), sendo este último o gañador.
Finalmente, esta edición culminou coa publicación da memoria da Culturgal Feira das Industrias Culturais 2014. Un balance que recolle a metodoloxía de traballo da organización da Feira, as principais claves de acción, as novidades e, por suposto, as cifras da Culturgal. Números de gastos e ingresos que demostran como se vai incrementando o peso de novas vías de financiamento como a venda de entradas e o sponsoring.
Culturgal 2015
[editar | editar a fonte]Os stands e presentación de propostas para o programa oficial comezaron a presentarse desde finais da primavera, e completáronse as reservas dous meses antes do evento.[5]
A oitava edición do Culturgal tivo lugar o 4, 5 e 6 de decembro de 2015 en Pontevedra. Contou con expositores de editoriais, actuacións diversas e espazos de encontro con representantes do sector audiovisual galego.[6]
Culturgal 2016
[editar | editar a fonte]Nesta novena edición celebrouse unha gran variedade de presentacións de libros, música ao vivo con artistas galegos e unha ampla gama de exposicións artísticas.[7]
Tamén se celebrou unha serie de mesas redondas e conferencias que abordaron temas relevantes para o sector cultural, consolidando a feira como un punto de encontro importante para profesionais e público xeral.[7]
Ademais, houbo unha ampla oferta de actividades para nenos e nenas, incluíndo animacións, incluíndo as mascotas dos Bolechas, contacontos e talleres de manualidades, cun prezo de entrada de 2€ por día. Entre os expositores estiveron a CRTVG e diversos organismos públicos.[8][9]
Culturgal 2017
[editar | editar a fonte]A décima edición constou de stands e propostas de programación que foron reservados até outubro, e tivo lugar do 1 ao 3 de decembro. Incluíu informacións sobre novas tecnoloxías e dixitalización na cultura, e tivo un especial foco na arte contemporánea, incluíndo un espazo específico para iso, procurando que o evento se convertise tamén nun lugar de intercambio e compra-venda de obras artísticas.[10][11]
Culturgal 2018
[editar | editar a fonte]Centrouse na expansión do evento como referente non só de Pontevedra, senón de todo o país, a nivel artístico, cultural, literario, teatral etc. tanto na cantidade e procedencia das visitas, como na calidade da programación proposta. Para iso habilitáronse por primeira vez autobuses en varias cidades como Lugo, Ferrol, a Coruña e Santiago, e aínda que non se encheron, o balance foi moi positivo segundo os organizadores; Nos tres días do evento, durante a primeira fin de semana de decembro, ao redor de catorce mil cinconcentas persoas entraron no Pazo da Cultura de Pontevedra a gozar dunha programación que, entre actividades da feira e dos stands sumou case duascentas propostas", segundo Xosé Aldea.[12] Entre os actos programados estiveron o concerto de regreso de Carlos Núñez a Pontevedra, e a entrega do Premio Culturgal do Público á Fundación Rosalía de Castro.
Culturgal 2019
[editar | editar a fonte]Combinou espectáculos en directo, lanzamentos de libros, debates sobre o futuro da cultura en Galicia, exposicións artísticas, teatro, concertos, incluíndo a actuación das Tanxugueiras, e o evento "Ciencia á Feira". O CSIC Galicia levou a Culturgal a VI Campaña de recollida de dentes do Ratiño Pérez do Grupo de Antropología Dental del Centro Nacional de Investigación sobre la Evolución Humana de Burgos, como parte dun proxecto de investigación para estudar a variabilidade dental da poboación, e incluíu os obradoiros “Dentes saudables”, en colaboración co Ciclo Superior de Hixiene Bucodental do IES Manuel Antonio de Vigo, e “Dentes e mandíbulas de animais mariños”.[13][14]
Culturgal 2020
[editar | editar a fonte]A edición nº 13 estivo marcada pola pandemia de COVID-19, como ocorreu con moitos outros eventos culturais ao redor do país e de todo o mundo. Durante este período, moitas institucións culturais e eventos tiveron que adaptarse á nova realidade, facendo cancelacións ou pospoñendo as súas actividades planificadas. O movemento cara a opcións dixitais foi unha tendencia xeral no sector cultural, e no Culturgal a maioría de actuacións puideron ser seguidas a través da páxina Cultur.gal e YouTube, incluíndo os concertos de Susana Seivane, Luar na Lubre etc.[15]
Culturgal 2021
[editar | editar a fonte]A décimo cuarta edición do Culturgal tivo lugar do 26 ao 28 de novembro baixo o lema "A cultura que toca". Aínda en pandemia, o evento de 2021 recuperou a presencialidade con medidas preventivas. O 80% das casetas foron reservadas durante o verán, e o evento foi realizado con 119 postos e máis de 100 actividades arredor da literatura, da música, do cinema, das artes escénicas, da infancia etc. O evento foi descrito como unha oportunidade para "reencontrarnos" e focouse en propostas relacionadas coa accesibilidade, igualdade de xénero e sustentabilidade.[16]
As actividades incluíron encontros profesionais, música en directo, exposicións e un enfoque especial nas artes escénicas e a literatura galega. Presentouse a xira da obra teatral Fariña e lanzouse Culturgal TV, unha canle para transmitir as actividades "tamén aos galegos da diáspora".[17]
Culturgal 2022
[editar | editar a fonte]Celebrada do 24 ao 27 de novembro, esta edición realizouse "desconfinada", coa maioría da poboación vacinada e coa maioría das restricións severas pola pandemia xa levantadas. Foi a primeira dirixida por Eva Alonso, e introduciu cambios na disposición dos espazos dentro do Recinto Feiral, ofrecendo áreas dedicadas tanto á venda directa como espazos para profesionais da industria. O evento contou cunha ampla gama de actividades e unha forte presenza do sector editorial galego. Ademais, celebrou unha exposición e un acto conmemorativo polo seu 15º aniversario baixo o lema "15 anos cos fíos da cultura".[18][19]
Culturgal 2023
[editar | editar a fonte]O Culturgal 2023 foi o primeiro sen ningún tipo de recomendación especial pola COVID-19, con cifras que se foron achegando ás de antes da pandemia, superando os 10.000 visitantes. O evento foi presentado en Vigo por Camilo Franco, novo director do Culturgal, e incluíu unha ampla gama de actividades que abrangueron música, literatura, artes escénicas e multimedia, incluíndo unha mostra videoxogos do MUVI, o Museo do Videoxogo de Cangas.[20] As actividades incluíron un Culturgal Expandido en Vigo, con actuacións musicais, entrevistas e recitais de poesía.[21]
Culturgal 2024
[editar | editar a fonte]A 17ª edición ten lugar do 29 de novembro ao 1 de decembro, con diversas inauguracións, presentacións literarias e audiovisuais da AGAPI, actividades da facultade de Belas Artes, sesións interactivas e debates como as transmisións de Twitch en galego, debuxo e música en directo, obradoiros de robótica e outros, para adultos e nenos, e promoción de novos talentos, entre outras.[2] Nos tres días do evento, pasaron polo Culturgal unhas 12.700 persoas.[22]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Culturgal". Arquivado dende o orixinal o 15 de abril de 2015. Consultado o 6 de abril de 2015.
- ↑ 2,0 2,1 "Culturgal A gran Feira das Industrias Culturais de Galicia". NóComún. Consultado o 6 de abril de 2015.
- ↑ "10.000 personas visitaron la feria Cultur.gal". El País (en castelán). Consultado o 6 de abril de 2015.
- ↑ "Culturgal 2012 presenta programación con 140 actividades diferentes". Berenguela. Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2015. Consultado o 6 de abril de 2015.
- ↑ "O Culturgal 2015 xa está completo a dous meses da celebración da feira". Pontevedra viva. 2015-10-09. Consultado o 2024-11-28.
- ↑ "Culturgal 2015 en imaxes". Culturgal 2015 en imaxes. Consultado o 2024-11-28.
- ↑ 7,0 7,1 "Culturgal 2016: Un escaparate da cultura galega". Consultado o 28 de novembro de 2024.
- ↑ "Visita a Culturgal 2016: Un espacio de diversión e cultura". Consultado o 28 de novembro de 2024.
- ↑ "Culturgal 2016: Unha festa da cultura galega". Consultado o 28 de novembro de 2024.
- ↑ "Un espazo de arte contemporánea, novidade para a décima edición do Culturgal". Pontevedra viva. 2017-06-20. Consultado o 2024-11-28.
- ↑ "Innovación e cultura dixital no Culturgal 2017". Consultado o 28 de novembro de 2024.
- ↑ Pontevedra, a l (2018-12-03). "Exitoso Culturgal con 14.500 visitantes". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2024-11-28.
- ↑ "CULTURGAL 2019". Mundo Escénico. Consultado o 2024-11-28.
- ↑ "Un Culturgal renovado toma Pontevedra". Consultado o 28 de novembro de 2024.
- ↑ "Evento: Culturgal 2020". www.cultura.gal. Consultado o 2024-11-28.
- ↑ "Culturgal 2021 xa ten reservados todos os seus stands". Pontevedra Viva. 8 de novembro de 2021.
- ↑ "Culturgal, a recuperación da esencia feiral". La Voz de Galicia. 2021-11-20. Consultado o 2024-11-28.
- ↑ "Culturgal 2022". www.cultura.gal. Consultado o 2024-11-28.
- ↑ EditorasGalegas (2022-09-28). "Culturgal: 15 anos cos fíos da cultura". Asociación Galega de EDITORAS. Consultado o 2024-11-28.
- ↑ "Culturgal cumpriu có obxectivo de recuperar o calor do público". La Voz de Galicia. 2023-12-04. Consultado o 2024-11-28.
- ↑ "Culturgal 2023 acogerá más de 200 actividades en una feria expansiva y con perspectiva de futuro". Pontevedra viva (en castelán). 2023-11-16. Consultado o 2024-11-28.
- ↑ "Unha gran pandeiretada pecha o Culturgal 2024, polo que pasaron 12.700 persoas". Praza Pública. 2024-12-01. Consultado o 2024-12-01.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Culturgal |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Culturgal.com
- "Culturgal. A gran Feira das Industrias Culturais de Galicia" en nocomun.com
- "Bota a andar o Culturgal con máis de 70 expositores e 150 actividades" Consellería de Cultura, 5/12/2014.
- "Culturgal 2012. Feira galega das industrias culturais" Arquivado 11 de febreiro de 2015 en Wayback Machine. en Don Gráfica
- "Pontevedra se queda sin Culturgal" 4/4/2008, Diario de Pontevedra
- Galería de imaxes da edición 2008 La Voz de Galicia
- Presentación oficial da AGPXC en Cultur.gal 2008" Arquivado 13 de abril de 2020 en Wayback Machine.
- "10.000 personas visitaron la feria Cultur.gal" 10/5/2007, El País (en castelán).
- "Culturgal 2012 presenta programación con 140 actividades diferentes" Arquivado 23 de setembro de 2015 en Wayback Machine. 14/11/2012 (en castelán)