Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Literatura

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Libros antigos do Colexio Merton da Universidade de Oxford.

A literatura[1] é a arte de escribir. Segundo aparece no Dicionario de Autoridades de 1734,[2] a literatura é "o coñecemento e ciencias das letras". En xeral, pódese entender como literatura calquera tipo de texto. Mesmo hai quen defende que se pode incluír calquera tipo de traballo baseado en símbolos, como a banda deseñada, as imaxes ou a escultura. Porén, considérase polo xeral que a literatura só son os textos escritos dunha certa calidade e de certos xéneros, excluíndo a banda deseñada, a novela romántica ou a de "policías", por exemplo. Os temas son moi variados.

Considérase un xénero literario cada unha das manifestacións formais das obras literarias segundo unha clasificación que ten en conta a estrutura e o contido. Dende Platón e Aristóteles até case o século XIX, foron estabelecidos como básicos tres xéneros, que partían da imitación e da descrición da natureza. Da primeira xorde o xénero dramático (traxedia, drama, comedia), da segunda o lírico (poesía) e da súa fusión, a épica.[3]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Etimoloxicamente, a verba deriva da palabra latina litteratura, sendo o sentido orixinal da mesma Arte de escribir e de ler, coñecemento de todo o que foi escrito, e é esta a tradución da expresión grega γραμματικ`η τeχνη.[4] Porén, o concepto de literatura é máis amplo, xa que se pode considerar a literatura como o conxunto de obras literarias dun pobo (literatura galega), dunha época (literatura romántica) ou dun xénero (literatura épica).[5]

Etimoloxicamente, tamén deriva da palabra latina littera, que quere dicir 'letras'.

A literatura

[editar | editar a fonte]
O Libro dos Ritos ((en chinés)), un antigo texto chinés. Algunhas definicións da literatura levaron a incluír todos os traballos escritos.

Ata o século XVII, o que actualmente denominamos «literatura» designábase como poesía ou elocuencia. Durante o Século de Ouro español, por poesía entendíase calquera invención literaria, pertencente a calquera xénero e non necesariamente en verso, entendéndose por tal tres tipos fundamentais de "poesía / literatura": a lírica (propia do canto, en verso), a épica (propia da narración, en verso longo ou prosa) e a dramática (en diálogo).[6] A comezos do século XVIII comezouse a empregar a palabra «literatura» para referirse a un conxunto de actividades que utilizaban a escritura como medio de expresión. A mediados da mesma centuria, Lessing publica Briefe die neueste Literatur betreffend, onde se utiliza «literatura» para referirse a un conxunto de obras literarias. A finais do século XVIII, o significado do termo «literatura» especialízase, restrinxíndose ás obras literarias de recoñecida calidade estética. Este concepto pódese atopar na obra de Marmontel, Eléments de littérature (1787), e na obra de Madame de Staël, Da literatura considerada en relación coas institucións sociais.

En Inglaterra, no século XVIII, a palabra «literatura» non se refería soamente aos escritos de carácter creativo e imaxinativo, senón abarcaba o conxunto de escritos producidos polas clases instruídas: cabían nela desde a filosofía aos ensaios, pasando polas cartas e a poesía. Tratábase dunha sociedade na que a novela tiña mala reputación, e cuestionábase se debía pertencer á literatura. Por iso Eagleton suxire que os criterios para definir o corpus literario na Inglaterra do século XVIII eran ideolóxicos, circunscritos aos valores e aos gustos dunha clase instruída. Non se admitían as baladas rueiras nin os romances, nin as obras dramáticas. Nas últimas décadas do século XVIII apareceu unha nova demarcación do discurso da sociedade inglesa. Eagleton cóntanos que xorde a palabra «poesía» como un produto da creatividade humana en oposición á ideoloxía utilitaria do inicio da era industrial. Tal definición atopámola na obra A Defence of poetry (1821) de Shelley. Na Inglaterra do Romanticismo, o termo «literato» era sinónimo de «visionario» ou «creativo». Pero non deixaba de ter tinguiduras ideolóxicas, como no caso de Blake e Shelley, para quen se transformou en ideario político, cuxa misión era transformar a sociedade mediante os valores que encarnaban na arte. En canto aos escritos en prosa, non tiñan a forza ou o arraigamento da poesía; a sociedade considerábaos como unha produción vulgar carente de inspiración.

A literatura defínese pola súa literariedade

[editar | editar a fonte]
Don Quixote e Sancho Panza, personaxes de Don Quixote da Mancha.

En busca da definición dos conceptos «literatura» e «literario», xurdiu a disciplina da teoría da literatura, que empeza por delimitar o seu obxecto de estudo: a literatura. Non hai unha definición unívoca do termo, xa que dependerá do crítico literario que a defina, como así tamén da época e do contexto que a define. Con todo, os primeiros estudosos que se preocuparon polo estudo desta disciplina son os chamados formalistas rusos.

A comezos do século XX, o formalismo ruso interésase polo fenómeno literario, e indaga sobre os trazos que definen e caracterizan devanditos textos literarios, é dicir, sobre a literariedade da obra. Roman Jakobson expón que a literatura, entendida como mensaxe literaria, ten particularidades de tal forma que a fan diferente doutros discursos; ese interese especial pola forma é o que Jakobson chama «función poética», pola que a atención do emisor recae sobre a forma da mensaxe (ou, o que é o mesmo, hai unha «vontade de estilo» ou de estilizar a linguaxe por parte do escritor). En efecto, hai determinadas producións lingüísticas cuxa función primordial é proporcionar pracer literario, un deleite de natureza estética, producido pola beleza, en relación co pensamento aristotélico. A linguaxe combinaría nos seus elementos máis simples dous tipos de elementos: redundancias, recorrencias ou repeticións rítmicas formais e de contido semántico, isto é, analoxías, por unha banda, e pola outra, desvíos da norma, para afastarse da linguaxe común, causar estrañeza, renovar: a chamada anomalía; dese modo impresiónase a imaxinación e a memoria e chámase a atención sobre a forma da mensaxe, a súa peculiar forma expresiva. De ambas as tendencias, a rítmica ou repetitiva é popularizante, e a segunda, pola contra de rumbo aristocratizante.

A linguaxe literaria sería un estilizado e cunha transcendencia particular, destinada á perdurabilidade; moi diferente das expresións da lingua de uso común, destinada ao seu consumo inmediato. A literatura, por outra banda, esixe por tradición un respaldo sustentable: O Enxeñoso Fidalgo Don Quixote da Mancha non podería escribirse se non existisen antes os libros de cabalarías.

Wolfgang Kayser, a mediados do século XX, expón cambiar o termo «Literatura» polo de Belles Lettres, diferenciándoas da fala e dos textos extraliterarios, no sentido de que os textos literario-poéticos son un conxunto estruturado de frases portadoras dun conxunto estruturado de significados, no que os significados se refiren a realidades independentes do que fala, creándose así obxectividade e unidade propias.

O termo literatura e os seus adxectivos

[editar | editar a fonte]
As Aventuras de Pinocho (1883) é unha obra canónica de literatura infantil e un dos libros de maior venda publicados.[n. 1]

Raúl H. Castagnino, no seu libro ¿Qué es la literatura?, indaga sobre o concepto e como se estende a realidades como a escritura, a historia, a didáctica, a oratoria e a crítica. Segundo Castagnino, a palabra literatura adquire ás veces o valor de nome colectivo cando denomina o conxunto de producións dunha nación, época ou corrente; ou ben é unha teoría ou unha reflexión sobre a obra literaria; ou é a suma de coñecementos adquiridos mediante o estudo das producións literarias. Outros conceptos, como o de Verlaine, apuntan á literatura como algo superfluo e acartonado, necesario para a creación estética pura. Posteriormente, Claude Mauriac propuxo o termo "aliteratura" en contraposición a «literatura» no sentido despectivo que lle daba Verlaine. Todas estas especificacións fan da literatura unha proposta que depende da perspectiva desde a que se enfoque. Así, Castagnino conclúe que os intentos de delimitar o significado de «literatura», máis que unha definición, constitúen unha suma de adxectivacións limitadoras e específicas.

Se se considera a literatura de acordo coa súa «extensión e o seu contido», a literatura podería ser universal, se abarca a obra de todos os tempos e lugares; se se limita ás obras literarias dunha nación en particular, é literatura nacional. As producións, xeralmente escritas, dun autor individual, que, por ter conciencia de autor, de creador dun texto literario, adoita asinar a súa obra, forman parte da literatura culta, mentres que as producións anónimas froito da colectividade e de transmisión oral, en ocasións recollidas posteriormente por escrito, conforman o corpus da literatura popular ou tradicional.

Segundo o «obxecto», a literatura será preceptiva se busca normas e principios xerais; «histórico-crítica» se o enfoque do seu estudo é xenealóxico; «comparada», se se atende simultaneamente ao exame de obras de diferentes autores, épocas, temáticas ou contextos históricos, xeográficos e culturais; «comprometida» se adopta posicións militantes fronte á sociedade ou o estado; «pura» se só proponse como un obxecto estético; «ancilar», se a súa finalidade non é o pracer estético senón que está ao servizo de intereses extraliterarios.

Segundo os «medios expresivos e procedementos», Castagnino propón que a literatura ten como formas de expresión o verso e a prosa e as súas realizacións maniféstanse en xéneros literarios universais, que se atopan, máis ou menos desenvolvidos, en calquera cultura; «lírico», «épico» e «dramático». Manifestacións líricas son aquelas que expresan sentimentos persoais; épicas, as que se constitúen en expresión dun sentimento colectivo manifestado mediante modos narrativos, e dramáticos, as que obxetivan os sentimentos e os problemas individuais comunicándose a través dun diálogo directo. A estes xéneros literarios clásicos habería que engadir ademais o didáctico.

O teórico Juan José Saer postula que a literatura é ficción; é dicir que todo o que lemos como literatura non ten referencia directa no mundo real.[7] O literario só existe en relación co texto no cal aparece. Pero a literatura, aínda que resulte paradoxal, é profundamente verdadeira: a súa autenticidade pasa por recoñecerse como ficción e falar do real desde alí. Saer afirma, ademais, «que a verdade non é necesariamente o contrario da ficción», e que cando optamos pola práctica da ficción non o facemos co propósito turbio de terxiversar a verdade. En canto á dependencia xerárquica entre verdade e ficción, segundo a cal a primeira posuiría unha positividade maior que a segunda, é, desde logo, no plano que nos interesa, «unha mera fantasía moral».

O fenómeno literario estivo sempre en constante evolución e transformación, de tal modo que o criterio de pertenza dunha obra á literatura pode variar ao longo da historia, segundo varía o concepto de «arte literaria».

Desde este punto de vista, a literatura é unha arte. Unha actividade de raíz artística que aproveita como medio a linguaxe, a palabra que se converte en viva por medio de escritos. Polo tanto, é unha actividade que non discrimina xénero, nin motivos, nin temáticas.

Barthes: a literatura como práctica de escritura

[editar | editar a fonte]

Para Barthes a literatura non é un corpus de obras, nin tampouco unha categoría intelectual, senón unha práctica de escritura. Como escritura ou como texto, a literatura atópase fóra do poder porque nela estase producindo un desprazamento da lingua, na cal producen efecto tres potencias: aloxamento de moitos saberes (mathesis), representación (mimese) e xogo dos signos (semiose).[8][9] Como a literatura é unha suma de saberes, cada saber ten un lugar indirecto que fai posible un diálogo co seu tempo. Como na ciencia, en cuxos intersticios traballa a literatura, sempre atrasada ou adiantada con respecto a ela: «A ciencia é vasta, a vida é sutil, e para corrixir esta distancia é que nos interesa a literatura».

Por outra banda, o saber que mobiliza a literatura non é completo nin final. A literatura só di que sabe de algo, é a gran argamasa da linguaxe, onde se reproduce a diversidade de sociolectos constituíndo unha linguaxe límite ou grao cero, logrando da literatura, do exercicio de escritura, unha reflexión infinita, un actuar de signos.

Tzvetan Todorov: Comezo dunha categorización moderna

[editar | editar a fonte]

É necesario estudar a literariedade e non a literatura, sinalou Tzvetan Todorov, ante a aparición da primeira tendencia moderna nos estudos literarios: chamado o formalismo ruso. Este grupo de intelectuais, redefiniu o obxecto de investigación, este non apuntaba a substituír o enfoque transcendente. En cambio, estudaríase, non a obra, senón as virtualidades do discurso literario que a fixeron posible. Desta forma, os estudos literarios poderían un día chegar a ser unha ciencia da literatura, algo ao que aspira a teoría literaria.

Sentido e interpretación: Para acceder ao discurso literario debemos aprendelo nas obras concretas. Como illar entón en campo de análise? Defínense entón dous aspectos: o sentido e a interpretación. O sentido é a posibilidade de entrar en correlación con outros elementos desa mesma obra e na súa totalidade. Por outra banda, a interpretación é diferente, segundo a personalidade do crítico e a súa posición ideolóxica, tamén varía de acordo á época e contexto de produción da obra, noutras palabras, o elemento é incluído nun sistema, que non é o da obra, senón do crítico-lector.

M. A. Garrido Gallardo: O termo “literatura”

[editar | editar a fonte]

No ronsel de Barthes e Todorov, Miguel Ángel Garrido Gallardo actualiza a definición do termo:[10] Arte da palabra por oposición ás outras artes (a pintura, a música etc.). Actualmente, é o seu sentido forte, que naceu a finais do século XVIII e conságrase na obra de Mme.[11] Arte da palabra por oposición aos usos funcionais da linguaxe. Corresponde ao deslinde entre os escritos de creación (“poesía” no sentido etimolóxico) e os outros escritos que reclaman un estatuto aparte como científicos. En sentido estrito, de obra de creación coa linguaxe, o termo literatura é a palabra dos séculos XIX e XX para significar a devandita realidade. Antes chamábase poesía. A súa continuación no mundo cíber do século XXI chámase ciberliteratura e xa non é literatura: ten unhas condicións comunicativas distintas. En todo caso, neste momento, a literatura segue sendo un fenómeno cultural moi importante, pois mantén en estado de vixilia os materiais da “poesía” e sobrevive e continúa, de xeito conxunto coa “ciberliteratura”, en estado de boa saúde.

Estética

[editar | editar a fonte]

Teoría literaria

[editar | editar a fonte]

Unha cuestión fundamental da teoría literaria é "que é a literatura?" - aínda que moitos teóricos e estudosos literarios contemporáneos cren, ou que "literatura" non se pode definir, ou que pode referirse a calquera uso da linguaxe.[12]

Ficción literaria

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: ficción.
Dante, Homero e Virxilio no fresco do Parnaso de Rafael (1511), figuras clave do canon occidental.

A ficción literaria é un termo utilizado para describir a ficción que explora calquera faceta da condición humana e pode involucrar comentarios sociais. A miúdo considérase que ten máis mérito artístico que a ficción de xénero, especialmente os tipos máis orientados ao comercio, pero isto foi cuestionado nos últimos anos, co estudo serio da ficción de xénero dentro das universidades.[13]

O seguinte, do galardoado autor británico William Boyd sobre o conto, podería aplicarse a toda a ficción en prosa:

[os contos] parecen responder a algo moi profundo na nosa natureza coma se, mentres dure a súa narración, creouse algo especial, houbésese extrapolado algunha esencia da nosa experiencia, fíxose algún sentido temporal da nosa viaxe común e turbulento cara á tumba e esquecemento.[14]

O mellor en literatura é recoñecido anualmente polo Premio Nobel de Literatura, que se outorga a un autor de calquera país que, en palabras da vontade do industrial sueco Alfred Nobel, produza "no campo da literatura a obra máis destacada nunha dirección ideal "(sueco orixinal: den som inom litteraturen har producerat det mest framstående verket i en idealisk riktning).[15][16]

Xéneros literarios

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Xénero literario.

Os xéneros literarios foron mudando segundo a época e a zona cultural. Tradicionalmente foron estabelecidos como básicos tres xéneros, que partían da imitación e da descrición da natureza. Da primeira xorde o xénero dramático (traxedia, drama, comedia), da segunda o lírico (poesía) e da fusión de ámbalas dúas, a épica. Benedetto Croce (1886-1952) representou o cambio de perspectiva: cada obra é unha visión do mundo, singular e individual; pertence a un xénero por aspectos externos. Hoxe admítese, en xeral, a división clásica, mais como expresión de tres actitudes fundamentais humanas e como unha axuda, co engadido de subdivisións, para a clasificación das obras.[3]

Segundo os medios expresivos e procedementos, Castagnino propón que a literatura ten como formas de expresión o verso e a prosa e as súas realizacións maniféstanse en xéneros literarios, universais, que se atopan máis ou menos desenvolvidos en calquera cultura: o lírico, o épico e o dramático. As manifestacións líricas son aquelas que expresan sentimentos persoais; as épicas constitúense en expresión dun sentimento colectivo manifestado mediante diferentes maneiras narrativas; e as dramáticas, as que amosan os sentimentos e os problemas individuais comunicando cun diálogo directo. A estes xéneros literarios clásicos habería que engadir, ademais, o xénero didáctico. O fenómeno literario estivo sempre en constante evolución e transformación, de tal maneira que o criterio de pertenza ou non dunha obra na literatura pode variar ó longo da historia, ó variar o concepto de "arte literaria".[17]

Polo tanto, a maioría de clasificacións tradicionais tamén atenden á forma da escrita (a literatura oral asimílase no xénero correspondente). O primeiro gran xénero é a poesía, que engloba todas as obras escritas en verso. Foi o primeiro tipo de literatura, xa que xustamente os recursos retóricos do verso a afastaban da linguaxe ordinaria. Por oposición, está a prosa, que recolle a linguaxe sen métrica, e o teatro, baixo a forma de diálogo que se representa para un público. O teatro ten dous subxéneros principais segundo o tema e o estilo da obra: a traxedia e a comedia (se é triste e elevado, ou se trata de facer rir).

En paralelo, mantense a chamada literatura oral, de tradición popular, composta de lendas, relatos, mitos, cancións e contos de fadas. A literatura infantil e a literatura xuvenil son divisións en función da idade dos destinatarios, mais manteñen todos os xéneros da literatura para adultos.

Atendendo ó tipo de texto, o xénero principal é a narrativa, que inclúe todas as obras que teñen como propósito principal explicar unha historia. Dentro deste xénero salientan a novela, o conto, a fábula e a epopea, entre outros. Os textos da lírica, pola contra, intentan transmitir emocións.

Se o texto non trata un tema de ficción senón unha reflexión sobre o mundo real, chámase ensaio. O sermón é unha variedade dirixida oralmente a un público. Dentro deste grupo, tamén se atopan os escritos dirixidos a consignar a vida dunha persoa ou feitos históricos, como a crónica, a biografía ou o diario persoal.

A banda deseñada é un xénero que mestura texto e ilustracións e pode tratar calquera tema. A trama acostuma a estar desglosada en viñetas, que fan a función de parágrafos. É un dos xéneros máis modernos na historia da literatura.

  1. ...é o libro en idiomna italiano máis traducido e, despois da Biblia, o máis lido... por Francelia Butler, Children's Literature, Yale University Press, 1972.
Referencias
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para literatura.
  2. Diccionario de autoridades, Real Academia Española, volums I-VI, 1a edición, publicada en 1726-1739. Edición facsímile, Editorial Gredos, 1963, tres volumes.
  3. 3,0 3,1 Enciclopèdia Catalana, SAU (ed.). "gènere literari". l'Enciclopèdia. Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2019. Consultado o 16 de agosto de 2010. 
  4. Enciclopèdia Catalana, SAU (ed.). "literatura". l'Enciclopèdia. Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2010. Consultado o 15 de agosto de 2010. 
  5. Enciclopèdia Catalana, SAU (ed.). "literatura". l'Enciclopèdia. Arquivado dende o orixinal o 06 de xullo de 2011. Consultado o 15 de agosto de 2010. 
  6. "10 Características del Siglo de Oro". 
  7. Saer, Juan José El concepto de ficción Arquivado 23 de xaneiro de 2024 en Wayback Machine..
  8. "17. NOUVELLE CRITIQUE II: ROLAND BARTHES". Consultado o 23 de xaneiro do 2024. 
  9. Barthes, Lección Inaugural, pp. 120-124.
  10. Garrido Gallardo, Miguel Ángel (30 de diciembre de 2009). "/Literatura/ Investigaciones sobre el campo entre poesía". Revista de literatura 71 (142): 379–406. ISSN 1988-4192. doi:10.3989/revliteratura.2009.v71.i142.87. Consultado o 24 de xaneiro do 2024. 
  11. De Staël, De la Littérature (1800). 2.
  12. Sullivan, Patrick (2002-01-01). ""Reception Moments," Modern Literary Theory, and the Teaching of Literature". Journal of Adolescent & Adult Literacy 45 (7): 568–577. JSTOR 40012241. 
  13. Matthew Schneider-Mayerson, "Popular Fiction Studies: The Advantages of a New Field". Studies in Popular Culture, Vol. 33, No. 1 (Fall 2010), pp. 21-3
  14. Boyd, William. "A short history of the short story" (en inglés). Consultado o 17 de maio do 2024. 
  15. "The Nobel Prize in Literature". nobelprize.org. Consultado o 17 de xullo do 2024. 
  16. John Sutherland (2007-10-13). "Ink and Spit". Guardian Unlimited Books (The Guardian). Consultado o 17 de xullo do 2024. 
  17. Castagnino, Raúl H. ¿Qué es la literatura?. La abstracción: Literatura, naturaleza y funciones de lo literario. Buenos Aires: Editorial Nova, 1992.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]