Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Darwinismo

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Charles Darwin en 1880, aos 71 anos (dous anos antes da súa morte). A repercusión da teoría da evolución por selección natural aparecida en 1859 coa publicación de On the Origin of Species xa era unha realidade que revolucionara numerosos campos da ciencia.

O darwinismo[1] é o termo co que se describen as ideas de Charles Darwin, especialmente en relación á evolución biolóxica por selección natural.

O darwinismo, tal como se entende hoxe, non é sinónimo de evolucionismo, xa que este último é anterior a Charles Darwin: as teorías darwinistas son evolucionistas, pero a súa contribución clave é o concepto de selección natural considerado determinante para explicar a causa da evolución,[2] e que no seu posterior desenvolvemento, con numerosas achegas e correccións, permitirá a formulación da teoría da evolución actual ou síntese evolutiva moderna. Por tanto, estritamente falando, é igualmente equivocado usar o termo «darwinismo» para referirse á actual teoría da evolución, xa que esta non se reduce só ás ideas postuladas por Charles Darwin. Os nomes que se lle deu á teoría da evolución moderna despois do darwinismo foron neodarwinismo e síntese evolutiva moderna ou recentemente síntese evolutiva moderna ampliada.

O termo darwinismo foi acuñado polo biólogo inglés Thomas Henry Huxley en abril de 1860.[3] Usouse inicialmente para describir conceptos evolutivos en xeral, incluíndo os conceptos iniciais publicados polo filósofo inglés Herbert Spencer. Moitos dos propoñentes do darwinismo naquela época, incluíndo Huxley, tiñan algunhas reservas sobre o significado da selección natural, e o propio Darwin deu en determinada época certo creto ao lamarckismo. O estrito neodarwinismo do biólogo evolutivo alemán August Weismann foi gañando partidarios a finais do século XIX. Durante o período de 1880 a 1920, que ás veces se denomina "a eclipse do darwinismo", os científicos propuxeron varios mecanismos evolutivos alternativos que finalmente se probou que eran insostibles. O desenvolvemento da síntese evolutiva moderna entre as décadas de 1930 e 1950, incorporou á selección natural a xenética de poboacións e a xenética mendeliana, e fixo revivir o darwinismo nunha forma actualizada.[4] Deste modo o darwinismo converteuse nun termo inapropiado para a moderna teoría evolutiva, debido a esta incorporación de moitas ideas e coñecementos descoñecidos anteriormente.[5][6]

Nos Estados Unidos, os creacionistas a miúdo usan o termo "darwinismo" como un termo pexorativo ligándoo a crenzas como o materialismo científico e ateísmo, pero en Europa o termo non ten connotacións negativas, e úsase como unha forma abreviada de refereirse á teoría da evolución por selección natural, aínda que se usen tamén os termos novos (síntese evolutiva moderna).[5]

Historia do darwinismo

[editar | editar a fonte]
T. H. Huxley, o máis importante polemista a favor do darwinismo durante a época vitoriana.

En realidade, o termo darwinismo xa se usou antes de Charles Darwin, xa que o seu antepasado Eramus Darwin no século XVIII publicara traballos sobre evolución que foron denominados "darwinismo". Pero o termo non se fixo famoso ata que Charles Darwin escribiu en 1859 o seu libro On the Origin of Species e en 1860 Thomas Henry Huxley o utilizou para referirse a ese traballo na súa Westminster Review.[7]

"Darwinismo" axiña se empezou a usar para referirse a unha ampla gama de filosofías evolutivas tanto sobre bioloxía coma sobre a sociedade. Un dos enfoques máis famosos que se fixo do termo foi o que se resume na frase de 1864 de Herbert Spencer "supervivencia dos máis fortes", que despois se faría emblemática do darwinismo. En realidade a comprensión particular de Spencer da evolución (como a expresou en 1857, antes da publicación de On the origin of Species de Darwin) era máis similar á de Jean-Baptiste Lamarck que á de Darwin. O que se chama hoxe "darwinismo social" foi, no seu día, sinónimo de darwinismo, e consiste na aplicación dos principios darwinistas da "loita pola supervivencia" á sociedade, xeralmente para apoiar unha axenda política antifilantrópica.

Nos tempos de Charles Darwin non había unha ríxida definición do termo "darwinismo", e usábano tanto os partidarios coma os opoñentes da teoría biolóxica de Darwin para significar o que cada un quería nun amplo contexto. Estas ideas tiveron influencia internacional e Ernst Haeckel desenvolveu en Alemaña o seu Darwinismus, que en realidade non se parecía moito á teoría de Darwin e non estaba centrado na selección natural.[8]

Alfred Wallace no seu libro Darwinism (1889) usou o termo darwinismo puro, que propoñía unha "maior eficacia" da selección natural.[9][10] George Romanes denomiou esta teoría "wallacismo", indicando que, a diferenza de Darwin, esta posición avogaba por unha "teoría pura da selección natural con exclusión de calquera teoría suplementaria."[11][12] Romanes propoñía que inflúían tanto a selección natural coma a herdanza dos caracteres adquiridos.[13][14]

Para o biólogo evolutivo Ernst Mayr o termo «darwinismo» ten ao longo da historia e desde 1859 (ano de publicación da obra de Darwin On the Origin of Species) polo menos nove usos diferentes. Ao principio o darwinismo só significaba anticreacionismo.[15] Se alguén explicaba o cambio evolutivo acudindo a causas naturais e non divinas era tachado de «darwinista» (por exemplo, Thomas Henry Huxley e Charles Lyell).

O uso do termo variará conforme as diversas teorías e subteorías que contiñan os postulados que foron pouco a pouco sendo aceptados, para despois seren matizados, corrixidos e completados ata a formulación, na década de 1940 a 1950, da síntese evolutiva moderna. Desde entón pode dicirse que o paradigma darwinista resiste fronte aos ataques sufridos, e o reducionismo, a súa formulación básica está vixente e parece que pode durar: a evolución é o resultado da variación xenética e do seu ordenamento mediante a eliminación e a selección.[15]

Hoxe, xeralmente o termo darwinismo úsase de forma neutra dentro da comunidade científica para distinguir a teoría evolutiva antiga inicialmente proposta por Darwin da teoría evolutiva da síntese moderna, ás veces chamada "neodarwinismo". O darwinismo tamén o usan os historiadores para referirse ás teorías evolutivas dun determinado período. Por exemplo, o darwinismo pode usarse para referirse aos mecanismos propostos por Darwin de selección natural, en comparación con mecanismos máis recentes como a deriva xenética e o fluxo xénico incorporados á teoría. Tamén se usa para contrapoñer as teorías evolutivas de Darwin con outras teorías evolutivas anteriores como o lamarckismo.

Bases do darwinismo

[editar | editar a fonte]

As concepcións evolucionistas de Darwin constitúen un complexo sistema teórico, un conxunto de teorías relacionadas, máis que unha teoría singular. O núcleo desas concepcións segue conservando toda a súa validez, a pesar da súa natural insuficiencia e dalgún erro significativo, sobre todo na súa explicación da herdanza a través de panxénese. No darwinismo hai tres eixes teóricos que explican distintos aspectos da realidade biolóxica.

  • O transformismo, que é a noción de que as especies van cambiando as súas características ao longo do tempo dunha maneira fundamentalmente gradual. O que agora designa o termo evolucionismo foi sinalado durante moito tempo, ata ben entrado o século XX, como transformismo.
  • A noción de que as especies se diversifican, por adaptación a ambientes ou modos de vida diferenciados, ramificándose. O outro aspecto do mesmo fenómeno é que todas as especies están emparentadas, aínda que en graos distintos, e en último termo todas as especies teñen a súa orixe común nun remoto antepasado común único. Desta convición deriva a de que é obrigado intentar clasificar as especies polo seu parentesco (filoxenia), criterio que debe pasar por encima de calquera outro. Darwin desconfiaba de que este ideal fose alcanzable, aínda que o desenvolvemento recente da análise filoxenética con ferramentas xenéticas está aproximándose a iso.
  • A adaptación ao ambiente que motiva o cambio evolutivo, segundo fora xa proposto con anterioridade por outros autores, como Lamarck, debía ter o seu mecanismo na selección natural, concibida como o resultado de dous factores. Estes son, por un lado, a variabilidade natural hereditaria dos individuos dunha especie e, por outro, a taxa diferencial de éxito reprodutivo, dependente tamén da taxa de supervivencia, entre as distintas variantes xenéticas presentes na poboación.

Influencias na formulación das teorías de Darwin

[editar | editar a fonte]

As formulacións que Darwin fai das súas teorías foron influídas en gran medida por unha linguaxe aprendida de sociólogos ou politicólogos, como Thomas Malthus e Herbert Spencer. Como o propio Alfred Russel Wallace recoñeceu, a lectura de Malthus foi decisiva para a formulación da teoría da selección natural. As ideas malthusianas coñecíanse e discutíanse nos ambientes intelectuais da época. Conceptos como competencia, loita pola vida e sobrepoboación, que aparecen en An Essay on the Principle of Population de Thomas Malthus, serviron tanto a Alfred Russel Wallace coma a Darwin para dar forma ás súas teorías.

O darwinismo social

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Darwinismo social.

En pleno auxe da teoría da selección natural proposta por Charles Darwin, e tralas controversias iniciais, o concepto da selección natural e as relacións interespecíficas foron trasladadas ás relacións sociais; porén, non existe un método claro de aplicar esta teoría biolóxica ao funcionamento da sociedade humana, e, así, baixo o termo pexorativo de "darwinismo social" calificáronse ideoloxías, moitas veces contrapostas que, o mesmo podían defender o laissez faire que o socialismo de estado, o imperialismo ou a euxenesia a escala local. Moitas destas tendencias teñen pouco que ver coas ideas de Darwin quen, certamente, defendeu a euxenesia voluntaria no seu libro "The Descent of Man, and Selection in Relation to Sex"; pero non por imposición.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para darwinismo.
  2. Javier Sampedro: Deconstruyendo a Darwin (pág. 22). Crítica, 2002. ISBN 978-84-8432-910-7.
  3. Huxley, T.H. (April 1860). "ART. VIII.—Darwin on the Origin of Species". Westminster Review (Book review) (London: Baldwin, Cradock, and Joy) 17: 541–570. Consultado o 2008-06-19. What if the orbit of Darwinism should be a little too circular? 
  4. Bowler 2003, pp. 179, 222–225, 338–339, 347
  5. 5,0 5,1 Scott, Eugenie C.; Branch, Glenn (16 January 2009). "Don't Call it 'Darwinism'". Evolution: Education and Outreach (New York: Springer Science+Business Media) 2 (1): 90–94. ISSN 1936-6426. doi:10.1007/s12052-008-0111-2. 
  6. Judson, Olivia (15 July 2008). "Let's Get Rid of Darwinism". The New York Times (New York: The New York Times Company). ISSN 0362-4331. Arquivado dende o orixinal o 05 de novembro de 2017. Consultado o 2015-11-16. 
  7. Blinderman, Charles; Joyce, David. "Darwin's Bulldog". The Huxley File. Worcester, MA: Clark University. Consultado o 2008-06-29. 
  8. Schmitt S. (2009). Haeckel: A German Darwinian? Comptes Rendus Biologies: 332: 110-118.
  9. Wallace, Alfred Russel. (1889). Darwinism: An Exposition of the Theory of Natural Selection, with Some of Its Applications. Macmillan and Company.
  10. Heilbron, John L. (2003). The Oxford Companion to the History of Modern Science. OUP USA. p. 203. ISBN 978-0195112290
  11. Romanes, John George. (1906). "Darwin and After Darwin: An Exposition of the Darwinian Theory and a Discussion of Post-Darwinian Questions". Volume 2: Heredity and Utility. The Open Court Publishing Company. p. 12
  12. Costa, James T. (2014). Wallace, Darwin, and the Origin of Species. Harvard University Press. p. 274. ISBN 978-0674729698
  13. Bolles, R. C; Beecher, M. D. (1987). Evolution and Learning. Psychology Press. p. 45. ISBN 978-0898595420
  14. Elsdon-Baker, F. (2008). Spirited dispute: the secret split between Wallace and Romanes. Endeavour 32(2): 75-78
  15. 15,0 15,1 Ernst Mayr: Por qué es única la biología: consideraciones sobre la autonomía de una disciplina científica (páx. 153 e 167). José María Lebrón (tradutor). Buenos Aires: Katz, 2006. ISBN 978-84-609-8356-9.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Bibliografía antidarwinista

[editar | editar a fonte]
  • Monzón Martín, Bienvenido, y cinco teólogos sinodales anónimos: Refutación del darwinismo. Condena del discurso herético pronunciado en Granada por un catedrático de Historia Natural. [1872]. Edición de Juan José Antequera Luengo. Sevilla: Facediciones, 2010. Alegación do arcebispo de Granada contra o Dr. Rafael García Álvarez, quen leu o seu discurso a favor das leis evolucionistas de Darwin na apertura do curso 1872-1873 no Instituto de Segunda Ensinanza de Sevilla.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]