Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Estados Pontificios

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Estados Papais»)
Modelo:Xeografía políticaEstados Pontificios
Patrimonium Sancti Petri (la) Editar o valor en Wikidata
Imaxe

HimnoMarcia trionfale (en) Traducir (1857-1870) Editar o valor en Wikidata

Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 41°54′00″N 12°29′15″L / 41.9, 12.4875
CapitalRoma Editar o valor en Wikidata
Poboación
Lingua oficiallingua latina Editar o valor en Wikidata
RelixiónIgrexa católica Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Superficie41.407 km² Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
Precedido por
FundadorEstevo II Editar o valor en Wikidata
Creación754 Editar o valor en Wikidata
Disolución1870 Editar o valor en Wikidata
Sucedido porCidade do Vaticano, Trasimène (en) Traducir e República Romana (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Evento clave
Promissio Carisiaca
20 de setembro de 1870Tomada de Roma (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Organización política
Forma de gobernomonarquía electiva
absolute theocratic monarchy (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
MoedaRoman scudo (en) Traducir Editar o valor en Wikidata

Os Estados Pontificios ou Estados da Igrexa estiveron formados por un conglomerado de territorios basicamente centroitalianos que se mantiveron como un estado independente entre os anos 752 e 1870 baixo a directa autoridade civil dos papas, e cuxa capital foi Roma.

Desde que se instituíu a sé episcopal de Roma, os fieis, e en maior medida os emperadores cristiáns, foron doando á Igrexa romana cuantiosos bens territoriais, algúns deles constitutivos de importantes extensións de terreo. Estas posesións, máis outras de carácter inmóbel, viñeron a integrar o que se coñeceu como Patrimonio de San Pedro, e estiveron diseminadas por toda Italia e incluso fóra dela. A súa administración, aínda que non converteu inicialmente aos papas en xefes de Estado, conferiulles non obstante auténticas prerrogativas civís e políticas recoñecidas pola Pragmática Sanción de 554 promulgada polo emperador Xustiniano I (unha vez que, trala conquista de Belisario, Roma volvía a estar baixo a soberanía dos emperadores, tras o interregno hérulo e ostrogodo), entre outras a de posuír unha forza militar que chegou a constituír un respectábel exército posto en acción en múltiples ocasións, en non poucas baixo o mando do propio pontífice-caudillo. Doutra banda, moitos dos papas procedían das clases dominantes romanas e exerceron simultaneamente o cargo episcopal e o de gobernante civil da Cidade Eterna. Tal foi o caso de Gregorio I Magno (590604), home afeito no desempeño de funcións políticas pois ostentara anteriormente o cargo de prefecto da propia cidade (prefectus Urbis) e pertencía a unha familia de patricios romanos.

Creación dos Estados Pontificios

[editar | editar a fonte]
A formación dos Estados Pontificios.
A doazón de Pipino o Breve polo Tratado de Quierzy, ao Papa Estevo II, no ano 756.

Carlos Martel, no 741, dividiu o territorio franco en dúas partes, unha para Carlomán e outra para Pipino (os seus dous fillos).

Carlomán abdicou no 747 para converterse en monxe. Catro anos despois, Pipino (coñecido como o Breve pola súa curta estatura), confinou nun mosteiro ao último descendente de Clodoveo, o mozo Khilderico III; e foi proclamado pola nobreza rei dos francos, e converteuse no fundador da dinastía Carolinxia.

Pipino non só foi rei por elección, senón que ademais recibiu a bendición da Igrexa. Obtivo do papa Zacarías un mandato, segundo o cal, quen detentaba o poder, podía asumir o título de rei pola graza de Deus, unxido como David no Antigo Testamento.

A partir de aí producíronse novas conexións entre o Papado e a monarquía carolinxia.

A primeira foi:
Roma viuse ameazada polos longobardos, cuxo exército cercou a cidade mentres o papa Estevo III[1] solicitaba inutilmente axuda ao emperador de Bizancio. Denegado o auxilio bizantino, o papa pediu a Pipino unha intervención urxente. O rei franco realizou dúas incursións en Italia, forzou aos longobardos a abandonaren o asedio de Roma e obrigounos a devolver as súas conquistas. Finalizado o conflito, os territorios situados na Romaña e As Marcas non foron restituídos ao control de Bizancio, senón que foron conferidos ao papa —doazón de Pipino, no ano 756—, como lexítimo representante do poder imperial. Este tratado destrúe aos longobardos, e pola súa vez permitiu a constitución do Estado Pontificio independente de todo poder temporal e base do futuro poder da Igrexa.

Pero os Estados da Igrexa non se orixinan ata o pontificado de Estevo III, contra 752. A titoría do imperio Bizantino sobre Roma e a súa sede pontificia estaba declinando desde principios do século VIII.

O distanciamento respecto ao imperio de Oriente fíxose cada vez máis patente e profundo con visos de auténtica ruptura, como cando o papa Constantino, enfrontándose ao emperador Filípico Bardanes, ao que acusou de herexe, chegou a dirixir as súas armas contra o exarca bizantino. Naquel clima de tensión, sendo de temer a ofensiva do longobardo Aistolfo contra Roma tras terse apoderado este de Rávena, o papa Estevo acode, en demanda de socorro, aos francos. O seu rei, Pipino o Breve, préstallo mediante o Tratado de Quierzy. A intervención dos francos calmou a Astolfo, quen aceptou traspasar Rávena á República Romana. Pero retirados aqueles, o rei longobardo incumpriu o seu compromiso e, por riba, puxo sitio a Roma. Nova chamada do papa ao recente protector franco e nova acción deste no seu auxilio. Sometidos, por fin, os longobardos coa intervención de Pipino, este fixo entrega ao papa do antigo exarcado de Rávena (Rávena, Ferrara, Boloña…), da Pentápole (bispados de Rímini, Pesaro, Fano, Senigallia e Ancona) e da rexión de Roma, conferindo ao sumo pontífice o dominio temporal dun estado que, con algunhas variacións xeográficas, había de perdurar durante máis de once séculos, ata 1870. Porén, nun intento de extraer maior proveito político, Estevo III exhibiu un apócrifo documento convenientemente falsificado pola propia Curia romana, e supostamente achado tres anos antes, que deu logo en chamarse «Doazón de Constantino». Segundo este simulado protocolo (de cuxa falsidade hoxe non existe ningunha dúbida, pois xa quedou demostrada no século XV), Constantino I o Grande cedería ao papa Silvestre I, para si e os seus sucesores, non xa o palacio de Latrán, o que en efecto fixo, senón a posesión de toda Italia e a dignidade imperial. Pipino non caeu na trampa da ambición papal.

Porén, o perigo longobardo non quedara definitivamente conxurado polas accións militares de Pipino o Breve. O rei Desiderio invadiu os Estados Pontificios e aínda a mesma Roma. Hadrián I, papa naquel tempo (774), invocou de novo neste transo aos francos para que lle dispensasen a súa protección e, como anos atrás fixera o seu pai, acudiu agora Carlomagno en axuda da Santa Sé. O resultado foi a restitución dos bens da Igrexa e a promesa, non cumprida, de anexión doutros territorios. En todo caso, a maior parte da Italia central quedou constituída nun estado independente baixo o goberno dos papas. En agradecemento, o papa coroou a Carlomagno como emperador de Occidente no ano 800.

O período medieval

[editar | editar a fonte]

Desaparecido o Imperio Carolinxio, o autoproclamado rei de Italia, Berengario II, ameazou as posesións eclesiásticas. O papa Xoán XII requiriu o amparo de Odón o Grande, quen dobregou ao atacante e entrou triunfante en Roma. Alí, na Basílica de San Pedro, o papa restableceu a dignidade imperial, coroando a Odón como emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico o 2 de febreiro de 962,[2] mentres que Odón, pola súa banda, ratificou a potestade da Igrexa sobre os Estados Pontificios mediante o «Privilegium Othonis».

A Italia meridional nunca formou parte dos Estados Pontificios, pero si estivo suxeita a vasalaxe destes durante o período de dominación normanda. En 1059, mediante o concordato de Melfi, dimanado do concilio celebrado nesta cidade, o papa Nicolao II outorgaba a Ricardo de Aversa a investidura do principado de Capua, e a Roberto Guiscardo a do ducado de Apulia e de Calabria, así como, para un futuro, do señorío de Sicilia. Como contrapartida á unción papal con que se viron dignificados, comprometíanse estas a prestar vasalaxe ao sumo pontífice en todo momento. Roberto Guiscardo mostrouse imparábel nas súas conquistas e en poucos anos ocupou toda Sicilia e tomando aos musulmás Palermo e Mesina, e aos bizantinos directamente Bari e Brindisi, e baixo a súa soberanía teórica Amalfi e Salerno. Cando en 1080 Gregorio VII precisou o auxilio militar do normando outorgoulle o seu apostólico beneplácito ás conquistas a cambio dunha formal declaración de vasalaxe para a Santa Sé sobre todos os territorios gañados.

Ao final do pontificado de Inocencio II, sobre 1143, coincidindo co movemento reivindicativo municipal que se estendía por todas as cidades de Italia, o Senado romano fíxose con boa parte do poder civil dos papas. O sucesor de Inocencio, Lucio II intentou restablecer polas armas a orde anterior e atacou o Capitolio á fronte dun exército, pero o Senado lle causou unha severa derrota. Arnaldo de Brescia púxose á fronte da revolución popular e senatorial romana. Baixo o seu liderado pediuse que o papa depuxese todo poder temporal, e que el mesmo e o resto do clero entregasen as súas posesións territoriais. Roma apartouse da obediencia civil ao papa e declarouse nova república. Frederico Barbarroxa devolveu ao papa Hadrián IV o goberno dos Estados Pontificios cando, desexando ser coroado emperador en Roma de mans do pontífice, entrou en 1155 na cidade cun potente exército e apresou e executou a Arnaldo de Brescia. Non obstante, foi o propio Frederico quen, en beneficio dunha política expansionista que aspiraba ao control de toda Italia, puxo anos despois aos papas en grave risco de perder as súas posesións.

Inocencio III deu un impulso decisivo á consolidación e engrandecemento dos Estados Pontificios. Someteu definitivamente ao estamento municipal romano e privou de poderes ao senado da urbe. Recuperou o pleno dominio daqueles territorios pertencentes ao patrimonio de San Pedro que o emperador entregara a mandatarios xermánicos, expulsando aos usurpadores da Romaña, do marquesado de Ancona, do ducado de Spoleto e das cidades de Asís e de Sora. Pola forza das armas precedida da excomuñón eclesiástica incautouse dos territorios en litixio que constituíran as posesións da condesa Matilde de Toscana e que, presumibelmente, foran legados como herdanza á Santa Sé, pero que permanecían en posesión de vasalos do emperador. Desta forma obtivo o recoñecemento por parte das cidades de Toscana da súa soberanía, e con iso o norte de Italia sacudía o dominio xermánico e caía baixo a órbita da autoridade pontificia. Ademais, como consecuencia da cruzada levada a termo contra os albixenses no Mediodía francés, lograra de Raimundo VI de Tolosa a cesión de sete castelos na rexión da Provenza, patrimonio que se incorporou ao da Igrexa e que logo, en 1274, sería trocado mediante acordo entre Gregorio X e o rei Filipe III o Atrevido polo condado de Venasque, rexión que comprende as terras que se estenden entre o Ródano, o Durance e o Monte Ventoux.

Os Estados Pontificios volveron a pasar por un difícil transo durante o imperio de Frederico II (1215-1251). Dono do reino das Dúas Sicilias e incorporadas ao imperio Lombardía e Toscana trala derrota da liga lombarda en 1239, Frederico propúxose anexionar igualmente o patrimonio de San Pedro para acaparar o dominio de toda Italia. Marchou sobre Roma, de onde se viu obrigado a fuxir o papa Gregorio IX, paseouse desafiante e sen oposición por toda Italia, nomeou gobernador do territorio peninsular ao seu fillo Enzio e el mesmo se erixiu en señor dos Estados Pontificios. O ano 1253, dous despois da morte do emperador, o papa Inocencio IV puido regresar a Roma desde o seu exilio francés e retomar o goberno da cidade e do resto dos dominios eclesiásticos.

Os Estados Pontificios non podían subtraerse aos acontecementos que se estaban producindo na convulsa Italia de mediados do século XIV. Sen contar coa desvinculación dalgúns feudos tradicionais da corte romana, como Sicilia, en poder agora da Coroa de Aragón, ou o reino de Nápoles, baixo a autoridade da casa de Anjou, o propio estado pontificio estaba en descomposición. Así o poñían de manifesto casos como o de Giovanni di Vico, que se erixira en señor de Viterbo tras facerse cunha extensa zona territorial pertencente á papa; ou o da insubmisión en que se atopaba o ducado de Spoleto; ou o da fáctica independencia do marquesado de Ancona; ou o da privatización de Fermo levada a termo por Gentile de Mogliano e a de Camerino por Ridolfo de Varano; ou o da aberta rebeldía dos Malatesta; ou o de Francesco degli Ordelaffi, que se fixera cunha gran parte da Romaña; ou o de Montefeltro que gobernaba os distritos de Urbino e Cagli; ou o da cidade de Senigallia apartada da obediencia papal; ou o de Bernardino e Guido de Polenta, que se fixeran con Rávena e Cervia, respectivamente; ou o de Giovanni e Riniero Manfredi que fixeran o propio con Faenza; ou o de Giovanni d'Ollegio que mantiña baixo a súa posesión a cidade de Boloña. Era precisa unha actuación resolta e esmagadora contra todos aqueles rebeldes se se quería reunificar o patrimonio de San Pedro. Aproveitando a presenza en Aviñón do español Gil de Albornoz, arcebispo de Toledo e afeito militar, que participara coas hostes de Afonso XI de Castela na Batalla do Salado e no sitio de Alxeciras, Clemente VI elevoulle ao cardenalato e confioulle a misión de recrutar un exército. Dous anos despois (1353), entronizado xa Inocencio VI, portando unha bula pola que era nomeado legado papal plenipotenciario para os Estados Pontificios, aplicouse Gil de Albornoz á misión encomendada, conseguindo militarmente todos os seus obxectivos. Recuperou cantos territorios foran usurpados e dobregou aos altivos xefes da insubordinación italiana; os estados da Igrexa volvían, agrupados, á obediencia do papa. Albornoz tamén redactou e puxo en práctica o primeiro marco xurídico específico para os Estados Pontificios, as Constitutiones Aegidianae (as Constitucións Exidianas –por Exidio, isto é, por Gil) que seguiron en funcionamento ata os Pactos de Latrán (1929) que fundan a Cidade do Vaticano.

A época do Renacemento

[editar | editar a fonte]

Nos albores do século XVI, cando as nacións europeas conseguían unificarse e os seus monarcas asumían o poder absoluto das mesmas, non era a igrexa de Roma a única que advertía que a descomposición multiseñorial italiana e as pugnas entre os seus heteroxéneos e mal avidos estados eran caldo de cultivo para as intervencións de franceses, alemáns e españois, nin tampouco era a única que temía, doutra parte, que a implantación dun estado único nacional a privase dos dereitos gobernamentais sobre o seu propio territorio, o que, no caso da igrexa, supoñería a perda da súa xurisdición temporal. A cada príncipe italiano, e ao papa como outro máis dos xefes de estado, só lle satisfacía ser el o líder unificador de toda a península en torno aos seus dominios; pero a igrexa, polo seu talante ecuménico e a súa tradición teocrática universal, estaba en mellores condicións que os seus posíbeis competidores para levar a cabo aquela comisión. Con este ánimo de potenciais monarcas absolutos dunha Italia unida e centralista exerceron os papas renacentistas a súa xefatura de estado.

A singularidade de Alexandre VI (o papa Borgia) estriba en que concibía a organización papal como unha monarquía personalista e ansiaba a formación dun reino centroitaliano desvinculado da Santa Sé, cuxa deambulatorio descansase sobre o corpo dalgún dos seus fillos. Para tal efecto, decidiu subxugar aos tiranos locais, vasalos nominais de Roma pero que gobernaban ao seu antollo os seus respectivos feudos. Co seu fillo Xoán, duque de Gandia, á cabeza dos exércitos pontificios foron caendo os castelos de Cervetri, Anguillara, Isola e Trevignano, accións polas que o nomeou duque de Benevento e señor de Terracina e Pontecorvo. Cando Xoán morreu asasinado, o papa encomendou a capitanía dos seus exércitos a outro dos seus fillos: César Borgia. Coa axuda militar francesa, César tomaba en 1499 as cidades de Imola e Forlí gobernadas por Catarina Sforza, e logo a de Cesena. Máis tarde apoderouse de Rímini, gobernada por Pandolfo Malatesta e de Faenza, de Piombino e a súa anexa Illa de Elba, de Urbino, Camerino, Città di Castello, Perusa e Fermo, e por fin de Senigallia. De todo iso pasaba a ser dono o fillo do papa a quen este nomeara soberano da Romaña, As Marcas e a Umbría.

O empeño do papa Xulio II (1503-1513) consistiu en devolver á Igrexa as posesións de que os Borgia se apropiaran. Nalgúns casos conseguiuno con facilidade; noutras pola forza das armas. Perusa e Boloña quedaron reintegradas nos Estados Pontificios desta maneira en 1506. Venecia ameazaba con competir co Vaticano polo dominio de Italia; para atallar este perigo, Xulio II formou a Liga de Cambrai coa intervención de Francia, España, o Sacro Imperio, Hungría, Savoia, Florencia e Mantua. Venecia non puido opoñer resistencia a tan potente inimigo e resultou derrotada na batalla de Agnadello en 1509, deixando ao papa sen rival. Coa axuda de España tratou logo de desembarazarse da presenza en chan italiano dos franceses, donos de Xénova e Milán. O conseguiu tras dura loita, pero o que nunca lograría é liberar a Italia do dominio español que perduraría intensa e prolongadamente, en especial durante os reinados de Carlos I e Filipe II, aínda que estes nunca acrecentaron as súas posesións a custa dos Estados Pontificios. Pola contra, Filipe II, se ben contra os seus desexos, non impediu que o papa Clemente VIII anexionase aos bens da Igrexa a cidade de Ferrara en 1597.

Movementos revolucionarios

[editar | editar a fonte]
Mapa de Italia en 1796, mostrando os Estado Pontificios antes das guerras Napoleónicas que cambiaron o mapa de Italia.

O condado Venesino e Aviñón pertencían aos Estados Pontificios, formando un enclave en chan francés. Estas posesións foron confiscadas durante a Revolución Francesa, sendo papa Pío VI (1775-1799).

A invasión napoleónica de Italia en 1797 non se detivo diante das portas de Roma: un ano despois as tropas francesas entraban na cidade. Unidos aos franceses, os revolucionarios italianos esixiron do papa a resignación da súa soberanía temporal. O 7 de marzo de 1798 declarouse a República Romana e o papa foi apresado e deportado a Francia. Napoleón Bonaparte quixo regularizar as relacións coa Igrexa, o que quedou plasmado no Concordato que Francia e a Santa Sé asinaron en 1801. O papa –érao entón Pío VII– regresou a Roma, de onde retornou a París para coroar emperador a Napoleón en 1804. Pero pronto o papa supuxo un estorbo nos plans do emperador, quen en 1809 se apoderou dos Estados Pontificios, incorporounos ao Imperio francés e retivo a Pío VII como prisioneiro en Savona. Tralas derrotas de Napoleón, o papa puido retomar as súas posesións en 1814, sendo recoñecida no Congreso de Viena de 1815 a pervivencia dos Estados Pontificios dentro da nova orde europea, aínda que cunha lixeira mingua territorial que foi parar a poder do Imperio Austríaco.

Os Estado Pontificios en 1806.

O espírito revolucionario francés estendeuse tamén por Italia. En 1831, o mesmo ano en que era nomeado papa Gregorio XVI, estoupou un levantamento en Módena, seguido doutro en Reggio e pouco despois en Boloña, onde se arriou a bandeira papal e se izou no seu lugar a tricolor. En cuestión de semanas todos os Estados Pontificios ardían na fogueira revolucionaria e proclamábase un goberno provisional. En torno á Marca creábase o «Estado das Provincias Unidas» da Italia central. Gregorio XVI non contaba con efectivos militares suficientes para conter un movemento daquelas proporcións; necesitou da axuda estranxeira, que nesta ocasión veulle de Austria. En febreiro de 1831 as tropas austríacas entraban en Boloña forzando a saída do «goberno provisional» que se refuxiou en Ancona; en dous meses a rebelión quedou de momento acorada. Con verdadeira urxencia déronse cita en Roma representantes de Austria, Rusia, Inglaterra, Francia e Prusia, as cinco grandes potencias do momento, para analizar a situación e elaborar un ditame sobre as reformas que ao seu xuízo era necesario introducir na administración dos Estados Pontificios. Non todas as suxestións realizadas en tal sentido foron aceptadas por Gregorio XVI, pero si as suficientes como para que os cambios en materia de xustiza, administración, finanzas e outras fosen palpábeis.

Malia iso, estes pequenos logros non foron suficientes para satisfacer as demandas dos exaltados revolucionarios. A finais dese mesmo ano de 1831 a rebelión propagábase outra vez polos estados da Igrexa. As tropas austríacas, cuxa presenza constituía unha garantía de estabilidade e orde, regresaran ás súas bases de orixe; foi preciso pedir de nova a súa intervención, cousa que levou a cabo solicitamente o xeneral Radetzky. Unidas as súas forzas ás do papa foi tarefa fácil tomar Cesena e Boloña, focos da protesta revolucionaria. Francia, pola súa banda, despregou algúns destacamentos en Italia e ocupou Ancona que foi desaloxada en 1838. Despois duns anos de calma a axitación revolucionaria fíxose notar en 1843 en Romaña e Umbría. En 1845 forzas sublevadas apoderáronse da cidade de Rímini. Puideron ser desaloxadas aínda que non reducidas, de xeito que, se ben abandonaron Rímini, levaron a revolución a Toscana.

Unificación Italiana e fin dos Estados Pontificios

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Unificación de Italia.
Pío IX.

Os aires revolucionarios que sopraban con forza por toda Italia derivaron en correntes impulsoras da unidade nacional. O rei sardo-piemontés Carlos Alberte asumiu as iniciativas en prol de tal unidade e declarou a guerra a Austria. O papa Pío IX, que fora entronizado en 1846, non quixo unirse á causa, actitude que non lle perdoou o pobo romano. Estoupou a rebelión e Pío IX tivo que fuxir de Roma en novembro de 1848. Aboliuse o poder temporal do papa e proclamouse a II República Romana. Organizouse un continxente militar achegado por diversas nacións católicas e o 12 de abril de 1850 o papa regresaba a Roma, abolida a efémera república. No verán de 1859 algunhas cidades da Romaña erguéronse contra a autoridade do papa e adoptaron a plebiscitaria resolución de anexionarse ao Piemonte, o que se levou a efecto en marzo de 1860. Ese mesmo ano, Vítor Manuel solicitou formalmente do papa a entrega da Umbría e das Marcas, o que Pío IX rexeitou facer. As tropas piemontesas enfrontáronse ás do papa, que resultaron derrotadas en Castelfidardo (18 de setembro) e en Ancona (30 de setembro). A igrexa viuse desposuída daquelas rexións que, en unión da de Toscana, de Parma e de Módena -estas por vontade propia expresada mediante plebiscitos-, se anexionaron ao crecente reino de Piemonte-Sardeña (novembro de 1860), que pasaba a denominarse reino de Italia do Norte. Os Estados Pontificios quedaban definitivamente desmembrados e reducidos á cidade de Roma e o seu contorno, onde o papa, baixo a protección das tropas francesas, seguiu polo momento exercendo a súa declinada autoridade civil.

En 1870 estoupou a Guerra Franco-prusiana e o emperador francés Napoleón III precisou dispoñer de todos os efectivos militares, incluídas as unidades de gornición en Roma. Italia foi aliada de Prusia nesta contenda, polo que contou co beneplácito do Chanceler de Alemaña Otto von Bismarck para actuar sen reparos contra as posesións do pontífice profrancés. Pío IX reuniu oito mil soldados nun desesperado intento de resistir, pero o insuficiente exército papal non puido conter ás divisións italianas que marcharon patrioticamente sobre Roma. O 20 de setembro de 1870 entraban na capital do flamante reino de Italia en cuxo palacio do Quirinal establecía o seu corte o rei Vítor Manuel II.

Desde o comezo do seu pontificado o papa Pío IX viuse envolto no vórtice histórico que significou o proceso de unificación de Italia. Esta implicaba necesariamente o fin dos Estados Pontificios, ao que Pio IX se opuxo tenazmente. O papa Pío IX autoproclamouse prisioneiro no Vaticano cando o reino papal en Roma acabou á forza, os Estados Papais uníronse ao resto de Italia para formar o novo Reino de Italia unificado baixo o rei Vítor Manuel II e a cidade converteuse na capital.

Tiveron que pasar 59 anos ata que, o 11 de febreiro de 1929, Pío XI e Benito Mussolini subscribisen os Pactos de Latrán, en virtude dos cales a igrexa recoñecía a Italia como estado soberano, e esta facía o propio coa Cidade do Vaticano, pequeno territorio independente de 44 hectáreas baixo xurisdición pontificia.

  1. A numeración deste papa é controvertida: hai quen defende que houbo un papa Estevo II distinto deste e que, polo tanto, este sería Estevo III (criterio que se seguiu na Galipedia), outros defenden que ese papa non debe contar, co que este sería Estevo II, ver o artigo Estevo II, papa.
  2. [1][Ligazón morta]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]