Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Toscana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaToscana
Imaxe

Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 43°21′N 11°01′L / 43.35, 11.02
PaísItalia Editar o valor en Wikidata
CapitalFlorencia Editar o valor en Wikidata
Contén a división administrativa
Poboación
Poboación3.729.641 (2019) Editar o valor en Wikidata (162,25 hab./km²)
Lingua usadalingua italiana Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Superficie22.987,04 km² Editar o valor en Wikidata
Altitude279 m Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Organización política
Órgano executivoGovernment of Tuscany (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
• President of Tuscany (en) Traducir Editar o valor en WikidataEugenio Giani (pt) Traducir (2020–) Editar o valor en Wikidata
Órgano lexislativoRegional Council of Tuscany (en) Traducir Circunscrición: 10, (Escano: 41) Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Fuso horario
ISO 3166-2IT-52 Editar o valor en Wikidata
Código NUTSITI1 Editar o valor en Wikidata
Identificador ISTAT09 Editar o valor en Wikidata
Outro
Irmandado con

Páxina webregione.toscana.it Editar o valor en Wikidata
BNE: XX129035

Toscana[1] é unha rexión do centro da Italia con 3,6 millóns de habitantes, con capital en Florencia. Ten límites ao norte coa Emilia-Romaña, ao noroeste coa Liguria, ao leste coas Marcas e a Umbría, ao oeste co mar da Liguria e o mar Tirreno.

A rexión, bañada polo mar Lígur na parte centro-setentrional e polo mar Tirreno na parte meridional, caracterízase por un litoral continental duns 230 km. O arquipélago toscano está constituído por 7 illas principais e algunhas illas minoritarias, moitas das cales son simples escollos aflorados, facendo un total de 167.

Toscana ademais é coñecida polas súas paisaxes e o seu legado artístico. Seis localidades da Toscana están declaradas Patrimonio da Humanidade pola UNESCO: O centro histórico de Florencia en 1982, o centro histórico de Siena en 1995, a Praza da Catedral de Pisa en 1987, o centro histórico de San Gimignano en 1990, o centro histórico de Pienza en 1996 e o Val d'Orcia en 2004.

Xeografía

[editar | editar a fonte]
Outeiros da Toscana
Illa de Elba

Aproximadamente e de forma triangular, entre a parte norte do Mar Tirreno e os Apeninos centrais, a Toscana ten unha superficie de aproximadamente 22.993 quilómetros cadrados, rodeados e atravesados por grandes cadeas montañosas e con poucas chairas. A rexión ten un relevo que está dominada por outeiros.

Considerando que as montañas cobren o 25% da superficie total, o que supón ao redor de 5.770 quilómetros cadrados, e as chairas o 8,4%, case todas coincidentes co val do río Arno, é dicir, ao redor de 1.930 quilómetros cadrados, podemos dicir que os outeiros constitúen as dúas terceiras partes (66,5%) da superficie total da rexión, abarcando 15.292 quilómetros cadrados.

O clima, é bastante suave nas zonas costeiras e máis duro e chuvioso no interior do país, con considerables flutuacións de temperatura entre o inverno e o verán.[2]

Na costa da Toscana podemos atopar as illas de Elba, Capraia, Pianosa, Montecristo e Gorgona na Provincia de Livorno e Giglio na de Grosseto.

A quimera de Arezzo, do 400 a.C.
Florencia, capital da Toscana

Culturas dos Apeninos e de Villanova

[editar | editar a fonte]

A historia pre-etrusca da zona, a finais das idades do Bronce e do Ferro, é paralela á dos primeiros gregos. A área da Toscana estaba habitada polos pobos da chamada cultura dos Apeninos, a finais dos anos segundo milenio antes de Cristo (ao redor dos anos 1.350 e 1.150 a.C.), que tiñan relacións comerciais coas civilizacións Minoica e Micénica do mar Exeo. Tras isto, chegou a coñecida coma cultura de Villanova (do 1.100 ao 700 a.C.) habitou a rexión e o resto do que sería a Etruria, ao longo de xefaturas. Máis tarde serían desenvolvidas cidades Cidades-Estado nos últimos anos desta cultura, antes da "orientalización" e da civilización Etrusca.

Os Etruscos

[editar | editar a fonte]

Os etruscos foron a primeira gran civilización desta rexión. Foron o suficientemente importantes como para estabelecer unha infraestrutura de transportes, poñer en práctica a agricultura e a minería e producir arte vibrante. Esta civilización medrou enchendo a área entre os ríos Arno e Tíber dende o século VIII a.C., alcanzando o seu punto máximo durante os séculos VII e VI a.C., finalmente sucumbindo ante Roma, ficando mergullada dentro da cultura o mundo romano.

Os Romanos

[editar | editar a fonte]

Pouco despois da absorción de Etruria, Roma estableceu as cidades de Lucca, Pisa, Siena e Florencia, dotando á zona coas novas tecnoloxías e o desenvolvemento, garantindo a paz. Estes desenvolvementos inclúen as ampliacións das estradas existentes, a introdución de acuedutos e redes de sumidoiros, e a construción de moitos edificios, tanto públicos como privados. Máis tarde a civilización romana no oeste derrubouse, no século V, e a rexión ficou en mans dos godos e outros pobos. No século VI, os longobardos chegaron designado a Lucca coma capital do seu Ducado de Tuscia.

Idade Media

[editar | editar a fonte]

Os peregrinos que viaxaban ao longo da Vía Francigena, entre Roma e Francia, trouxeron a riqueza e o desenvolvemento durante o período medieval. A alimentación e a vivenda requirida por estes viaxeiros, fomentou o crecemento das comunidades ao redor das igrexas e das tabernas.

Máis tarde o conflito entre os Güelfos e Gibelinos, faccións que apoiaban ao Papado e ao Sacro Imperio Romano no centro e o norte de Italia durante os séculos XII e XIII, dividiu ao pobo toscano. Estes dous factores deron lugar a varias poderosas e ricas comunas medievais na Toscana: Arezzo, Florencia, Lucca, Pisa e Siena. O equilibrio entre estes concellos garantiuse polos activos que se posuían: Pisa un porto, Siena a banca, e Lucca a banca e a seda. Con todo, no renacemento, Florencia converteuse na capital cultural da Toscana.

O Renacemento

[editar | editar a fonte]

A Toscana está considerada o berce do movemento renacentista. O seu patrimonio artístico inclúe arquitectura, pintura e escultura, recollidas en decenas de museos nas vilas e cidades de toda a rexión. Quizais o máis coñecido son a Galería dos Uffizi, a Accademia e o Bargello en Florencia. A Toscana foi berce ademais de grandes persoeiros da historia da humanidade como Dante Alighieri (o pai da lingua italiana), Leonardo da Vinci, Miguelanxo, Galileo Galilei ou Botticelli.

Época Moderna

[editar | editar a fonte]

No século XV, os Medici, que gobernaron Florencia, anexionaron tódalas terras ao redor da cidade para crear a moderna Toscana. A Guerra de Sucesión Polaca no ano 1730 significou a transferencia da Toscana dos Médici a Francisco, duque de Lorena e emperador do Sacro Imperio Romano. Coa disolución do Sacro Imperio Romano por Napoleón, a rexión foi herdada polo Imperio de Austria como sucesor do antigo Imperio. Nas Guerras da Independencia italiana, na década de 1850, a Toscana pasou a formar parte do novo Estado unificado de Italia.

Economía

[editar | editar a fonte]
A Torre de Pisa, importante núcleo turístico

O subsolo da Toscana é relativamente rico en recursos minerais, destacando o ferro, o cobre, o mercurio, as minas de lignito, o famoso soffioni (fumarolas) e as minas de mármore da Versilia. Aínda que cada vez menos tamén a agricultura segue contribuíndo á economía da rexión. No interior destacan os cultivos de cereais, patacas, olivas e uvas (para os famosos viños do Chianti). Ademais nos pantanos agora prodúcense hortalizas, arroz, tabaco, remolacha e xirasol.

Con respecto ao sector industrial predomina a minería, debido á abundancia de recursos subterráneos. Tamén son destacables as industrias de téxtiles, produtos químicos e farmacéuticos, a metalurxia e o aceiro, vidro e cerámica, moda e sectores de imprentas e publicacións. Áreas máis pequenas especializadas na manufactura e a artesanía atópanse no interior do país: o coiro e o calzado na zona sur-oeste da provincia de Florencia, a cerámica e a industria téxtil na zona de Prato, ciclomotores e motocicletas en Pontedera, así como o tratamento da madeira para a fabricación de mobles de madeira na zona de Cascina. A industria pesada (minería, o aceiro e a enxeñaría mecánica) concéntranse ao longo da franxa costeira (zonas de Livorno e Pisa), onde tamén existen importantes industrias químicas. Tamén na costa prodúcese o mármore (zona de Carrara) e a industria papeleira (zona de Lucca).

Case sen excepción, cada pobo e cidade na Toscana ten unha gran beleza natural e arquitectónica. Debido a isto hai un fluxo continuo de visitantes durante todo o ano. Como resultado diso, o sector servizos e o turismo son moi importantes para a economía da rexión.

Demografía

[editar | editar a fonte]
Duomo de Florencia, cidade máis poboada da rexión

A densidade de poboación da Toscana, con 161 habitantes por km² en 2008, está por baixo da media nacional (198,8 habitantes por km²). Isto débese principalmente á baixa densidade de poboación das provincias de Arezzo, Siena e, sobre todo, Grosseto (con tan só 50 habitantes por km²). A maior densidade atópase na provincia de Prato (675 habitantes por km²), seguida polas provincias de Pistoia, Livorno, Lucca e Florencia, atopándose as máximas nas cidades de Florencia (máis de 3.500 por km²), Livorno, Prato, Viareggio, Forte dei Marmi e Montecatini Terme (todos cunha densidade de poboación de máis de 1.000 habitantes por km²). A distribución territorial da poboación está estreitamente vinculada ao desenvolvemento socio-cultural e, máis recentemente, económico e industrial da Toscana.

En consecuencia, as zonas menos poboadas son as zonas onde a actividade principal é a agricultura, a diferenza dos outros lares nos que, a pesar da presenza dunha serie de grandes complexos industriais, as principais actividades están relacionadas co turismo e os servizos asociados, xunto cunha plétora de pequenas empresas do coiro, vidro, papel e roupa.

A partir da década de 1980, a rexión atraeu a un intenso fluxo de inmigrantes, en particular da China. Tamén hai unha importante comunidade de residentes británicos e estadounidenses. A partir de 2008, o Instituto Nacional Italiano de Estatísticas (ISTAT) estima que 275.149 inmigrantes nacidos no estranxeiro viven na Toscana, o que equivale a 7,4% do total da poboación rexional. Na seguinte táboa pódese observar a evolución demográfica da Toscana.

Ano 1861 1871 1881 1901 1911 1921 1931 1951 1961 1971 1981 1991 2001
Poboación 1.920.000 2.124.000 2.187.000 2.503.000 2.670.000 2.810.000 2.914.000 3.159.000 3.286.000 3.473.000 3.581.000 3.530.000 3.498.000

Divisións administrativas

[editar | editar a fonte]

A Toscana conta con dez provincias:

Provincias da Toscana
Provincia Area (km²) Poboación Densidade
Provincia de Arezzo 3.232 345.547 106,9
Provincia de Florencia 3.514 983.073 279,8
Provincia de Grosseto 4.504 225.142 50,0
Provincia de Livorno 1.218 340.387 279,5
Provincia de Lucca 1.773 389.495 219,7
Provincia de Massa-Carrara 1.157 203.449 175,8
Provincia de Pisa 2.448 409.251 167,2
Provincia de Pistoia 965 289.886 300,4
Provincia de Prato 365 246.307 674,8
Provincia de Siena 3.281 268.706 81,9

Lugares de interese

[editar | editar a fonte]
Siena, Patrimonio da Humanidade

O patrimonio desta rexión engloba a arquitectura, a pintura e a escultura, obras expostas en ducias de museos como o dos Uffizi en Florencia e "in situ" mesmo en poboacións moi pequenas. A Toscana tamén é moi coñecida polos seus viños (os máis famosos os de Chianti, Morellino dei Scansano e Brunello dei Montalcino) e ten 120 reservas naturais.

Hai cidades pequenas como Arezzo, Lucca, Sansepolcro, Cortona ou Volterra que acentúan aínda máis o atractivo desta rexión, berce de personaxes como Dante Alighieri, Giovanni Boccaccio ou Sandro Botticelli, de Florencia; Miguelanxo, nacido en Caprese; Piero della Francesca, orixinario de Sansepolcro; Guido de Arezzo ou Francesco Petrarca, naturais de Arezzo; Giovanni da Verrazzano, orixinario de Volterra; Luca Signorelli e Pietro da Cortona naturais de Cortona; Galileo Galilei de Pisa ou Leonardo da Vinci.

Destinos turísticos de interese en Toscana son Florencia, Pisa, Lucca, Cortona, Maremma (na provincia de Grosseto), Crete Senesi e Siena. Aínda que é moi famosa polas súas vilas, a Toscana está actualmente promocionando o agroturismo.