Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Filipe Luís

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaFilipe Luís

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(pt) Filipe Luís Kasmirski Editar o valor en Wikidata
9 de agosto de 1985 Editar o valor en Wikidata (39 anos)
Jaraguá do Sul, Brasil Editar o valor en Wikidata
Altura182 cm Editar o valor en Wikidata
Peso77 kg Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfutbolista, adestrador de fútbol Editar o valor en Wikidata
Período de actividade2003 Editar o valor en Wikidata - 2023 Editar o valor en Wikidata
Nacionalidade deportivaBrasil Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
LigaPremier League Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoLateral Editar o valor en Wikidata
Número deportivo3 Editar o valor en Wikidata
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
2003–2004 Figueirense Futebol Clube 49(4)
2004–2005 cesión AFC Ajax 0(0)
2005–2006 cesión   Real Madrid Castilla 37(0)
2006–2008 cesión   Deportivo da Coruña 61(2)
2008–2010   Deportivo da Coruña 76(6)
2010–2014   Atlético de Madrid 180(5)
2014–2015   Chelsea F.C. 15(1)
2015–2019   Atlético de Madrid 153(7)
2019–2023   Clube de Regatas do Flamengo 176(4)
  Selección nacional Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
2004–2005   Brasil sub-20 16(2)
2009–2019   Brasil 44(2)
  Adestrador Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
2024– Clube de Regatas do Flamengo (categorias de base) (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Participou en
2019Copa América de 2019
2018Mundial de Fútbol Rusia 2018 Editar o valor en Wikidata

Twitter: filipeluis Instagram: filipeluis FIFA: 217161 UEFA: 95813 Editar o valor en Wikidata

Filipe Luís Kasmirski, nado en Jaraguá do Sul (Santa Catarina) o 9 de agosto de 1985, é un exfutbolista brasileiro que xogaba como lateral esquerdo. Dende 2024 é o adestrador do Flamengo. Desenvolveu a maior parte da súa carreira no fútbol europeo, comezando a destacar no Deportivo da Coruña, co que disputou 137 partidos en catro anos. A continuación pasou ao Atlético de Madrid, no que militou durante os seguintes nove anos, cun intervalo dunha tempada na que xogou no Chelsea (gañando a Premier League e a EFL Cup).

Viviu a época máis gloriosa da historia do Atlético, co que gañou sete títulos, entre eles unha liga, unha Copa do Rei e dúas Europa League. Disputou ademais dúas finais da Liga de Campións ante o Real Madrid, nas tempadas 2013/14 e 2015/16, sendo titular en ambas. Xogou un total de 333 partidos co Atlético, converténdose nunha das lendas do club. En 2019 volveu ao Brasil para xogar no Flamengo, onde tivo un triunfante final da súa carreira deportiva, conquistando 10 títulos en tres anos e medio, incluíndo dous Campionatos Brasileiros, dous Campionatos Cariocas e dúas Copas Libertadores.

Entre 2009 e 2019 foi 44 veces internacional coa selección brasileira, coa que gañou a Copa Confederacións 2013 e a Copa América de 2019, ademais de disputar o Mundial de 2018 en Rusia.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Naceu o 9 de agosto de 1985 en Jaraguá do Sul, nunha familia de orixes europeas, sendo fillo de Moisés Kasmirski (con raíces italianas e polacas) e Sueli Stinghen (de raíces italianas e austríacas).[1] Seu avó paterno Ignácio Kasmirski naceu no Brasil, sendo descendente de polacos procedentes de Kalisz, que se instalaran no municipio brasileiro de Massaranduba, no estado de Santa Catarina, onde se estableceu unha importante comunidade polaca a finais do século XIX.[2][3]

Comezou a xogar ao fútbol sala no ADJ Jaraguá da súa cidade natal, onde destacou ata os 14 anos ás ordes do adestrador Manoel Fernando Dalpasquale, máis coñecido como Maneca, chegando á selección catarinense sub-15.[4] A continuación pasou ao fútbol herba, ingresando nas categorías inferiores do Figueirense de Florianópolis, onde xogou como centrocampista ofensivo.[4]

En 2003 debutou co primeiro equipo do Figueirense e un ano despois recalou no fútbol europeo, sendo cedido ao Ajax de Ámsterdam. Alí xogou co equipo filial durante seis meses, sendo convocado en dúas ocasións por Danny Blind para o primeiro equipo, nun partido da Eredivisie e outro da Copa da UEFA, pero quedou no banco nos dous encontros.[5]

Real Madrid Castilla

[editar | editar a fonte]

O 18 de agosto do 2005 firmou polo Rentistas do Uruguai, club co que estaba asociado o seu representante, Juan Figer.[6][7] Inmediatamente foi cedido ao Real Madrid Castilla, co que disputou a tempada 2005/06 da Segunda División. Debutou na primeira xornada contra o Xerez, substituíndo na segunda parte ao ecuatoguineano Javier Balboa. Tras saír dende o banco nas primeiras xornadas, fíxose coa titularidade durante o segundo mes de competición, sendo un indiscutibles nos onces iniciais ata o final da tempada. Disputou un total de 37 partidos co filial branco, 32 deles como titular.

Deportivo da Coruña

[editar | editar a fonte]
Filipe Luís (arriba, segundo pola esquerda) no partido CSKA Moscova - Deportivo da Coruña da Copa da UEFA 2008/09.

No 2006 foi cedido outra vez polo Rentistas, esta vez ao Deportivo da Coruña, cunha opción de compra de 2,2 millóns de euros. Co club galego debutou na Primeira División, na segunda xornada da tempada 2006/07 diante do Mallorca en Son Moix, substituíndo nos minutos finais a Sergio. Na súa primeira campaña na Coruña, ás ordes de Caparrós e con Capdevila na mesma posición, non contou con demasiadas oportunidades, disputando un total de 26 partidos entre liga e Copa, só 16 deles como titular. Nos cuartos de final da Copa do Rei marcou o seu primeiro gol no país, diante do Valladolid.

Con todo, a súa cesión foi ampliada durante un ano máis coa mesma cláusula de compra e trala marcha de Capdevila ao Villarreal o brasileiro afianzouse como primeiro lateral esquerdo, converténdose nunha figura clave para o equipo de Lotina.[8] Completou a súa segunda campaña no Deportivo con 35 partidos, todos de titular excepto un, e marcou o seu primeiro gol en liga contra o Athletic Club en Riazor.

Filipe Luís xogando co Deportivo ante o Real Madrid en 2009.

O 10 de xuño do 2008 o Deportivo fixo efectiva a cláusula de compra e Filipe Luís firmou un contrato de cinco anos co club. Xogou 52 dos 54 partidos oficiais que o club coruñés disputou durante a tempada 2008/09, incluíndo liga, Copa do Rei, Copa Intertoto e Copa da UEFA, saíndo como titular en 51 deles. Xogou dende o inicio as 38 xornadas da Primeira División, rematou como o xogador de campo con máis minutos da competición e foi elixido pola UEFA mellor lateral esquerdo da liga.[8]

Continuou como titular toda a primeira volta da seguinte campaña e na segunda xornada contra o Málaga un espectacular gol seu, cun disparo dende fóra da área que superou a Munúa, deulle a vitoria ao equipo galego por 1-0.[9] A súa espectacular xeira interrompeuse bruscamente o 23 de xaneiro de 2010, nun partido que enfrontaba ao Deportivo co Athletic en Riazor (3-1). En dito encontro chocou co porteiro do equipo rival, Gorka Iraizoz, logo de marcar un gol, e sufriu unha fractura e luxación do nocello dereito na parte do peroné.[8] A grave lesión fixo que ingresase no quirófano con risco de amputación, sendo operado polo doutor Arriaza.[8][10] Con todo, acabou recuperándose antes do esperado e despois de só tres meses e medio de baixa, reapareceu nun partido ante o Mallorca, xogando os minutos finais e participando do gol da vitoria que anotou Riki (1-0).[11]

En xullo de 2010 anunciouse o seu traspaso ao Atlético de Madrid, nunha operación que roldou os 12 millóns de euros.[12][13] Nos seus catro anos no club galego, xogou un total de 137 partidos e marcou oito goles.

Atlético de Madrid

[editar | editar a fonte]
Filipe Luís co Atlético de Madrid en setembro de 2013.

A súa chegada ao Atlético non puido comezar mellor, pois o 29 de agosto conseguiu o seu primeiro título ao impoñerse na Supercopa de Europa ao Inter de Milán, gañador da Liga de Campións, por dous goles a cero, se ben non participou en dito encontro.[14] O seu debut oficial non se produciu até a quinta xornada da liga 2010/11, cando saíu como titular ante o Real Zaragoza no estadio Vicente Calderón, dándolle a Diego Costa o pase do gol da vitoria (1-0).[15]

Foi titular en 30 dos 36 partidos que disputou durante a súa primeira campaña como atlético, na que tivo que loitar con Antonio López polo posto do lateral esquerdo, cifra que aumentou considerablemente na 2011/12, marcada pola chegada de Simeone ao banco. Durante esa tempada xogou un total de 53 partidos, 52 deles como titular, e disputou completa a final da Europa League ante o Athletic no Arena Națională de Bucarest, conquistando o título por 3-0. Foi o xogador do equipo con máis minutos entre tódalas competicións, contabilizando 4688 minutos.

Continuou como titular indiscutible no lateral esquerdo durante os seguintes anos e na tempada 2012/13 sumou dous novos títulos ao seu palmarés, ao gañar a Supercopa de Europa contra o Chelsea (4-1) e a Copa do Rei fronte ao Real Madrid (2-1). Na seguinte campaña contribuíu a que o Atlético gañase a súa primeira liga en 18 anos, superando en tres puntos a Barcelona e Real Madrid. Xogou 32 encontros durante a competición, todos como titular, e foi candidato ao premio ao mellor defensa da liga, xunto ao seu compañeiro João Miranda e a Sergio Ramos (saíndo vencedor este último).[16]

Ademais sumou outros 17 partidos no resto de competicións, incluída a final da Liga de Campións que o seu equipo perdeu en Lisboa ante o seu máximo rival, o Real Madrid, partido no que formou liña defensiva xunto a Juanfran, Miranda e Diego Godín. Durante dito encontro tivo que ser substituído por lesión no minuto 83, cando o seu equipo gañaba por 1-0. Tras ser substituído polo belga Toby Alderweireld, Sergio Ramos empatou o partido e o Real Madrid acabou vencendo na prórroga.[17]

Filipe Luís nunha acción co Chelsea fronte ao Maribor.

En xullo de 2014 anunciouse oficialmente o seu traspaso ao Chelsea inglés, que pagou por el uns 20 millóns de euros.[18] No equipo londiniense herdou o número 3 de Ashley Cole e debutou oficialmente nunha goleada por 3-6 contra o Everton en Goodison Park, correspondente á Premier League, substituíndo no minuto 83 a Eden Hazard. Marcou un único gol coa camiseta azul do equipo de Londres, nun encontro en Pride Park ante o Derby County, nos cuartos de final da EFL Cup.

O equipo de Mourinho gañou a liga e máis a EFL Cup e Filipe Luís acabou a campaña cun total de 25 partidos disputados entre tódalas competicións, despois de ter que pelexar con César Azpilicueta polo posto de lateral dereito.[19] A súa falta de adaptación ao Chelsea de Mourinho e os problemas de Simeone por encontrarlle un substituto no Atlético de Madrid, propiciou que ambos clubs volvesen negociar polo xogador..[20]

Regreso ao Atlético

[editar | editar a fonte]

En xullo de 2015, un ano despois da súa marcha, Filipe Luis regresou ao Atlético de Madrid, que pagou por el uns 16 millóns de euros.[21] De volta en Madrid recuperou a regularidade, converténdose de novo en titular indiscutible e nunha peza clave dunha das mellores defensas do mundo.[22] Na súa primeira tempada tralo regreso, acadou unha nova final da Liga de Campións, de novo ante o Real Madrid. Foi outra vez titular no encontro decisivo, celebrado en San Siro, formando unha defensa de catro con Juanfran, Savić e Godín, pero o seu equipo foi novamente derrotado, desta vez nunha quenda de penaltis.

Filipe Luís co Atlético de Madrid en 2018.

Na campaña 2016/17 foi aliñado por Simeone en 48 partidos, todos como titular, sendo o terceiro futbolista con máis minutos de xogo do equipo, só por detrás de Koke e Griezmann. O Atlético acabou terceiro na liga e acadou as semifinais tanto na Copa do Rei como na Liga de Campións, sendo eliminado por Barcelona e Real Madrid respectivamente.

Na tempada 2017/18 sufriu unha rotura de peroné nun choque contra Eder, xogador do Lokomotiv Moscova, nun partido da Europa League. Aínda que parecía que perdería toda o que restaba de tempada,[23] así como o Mundial de 2018, acabou por recuperarse en menos de dous meses,[24] e estivo no banco da final da Europa League que o seu equipo conquistou ante o Olympique de Marsella, sen chegar a saltar ao campo.[25]

Tres meses despois gañou unha nova Supercopa de Europa, no inicio da que foi a súa derradeira campaña en Madrid. O seu último gol como atlético anotouno o 27 de outubro de 2018, nunha vitoria en liga sobre a Real Sociedad, despois dunha destacada xogada individual e un disparo que superou a Miguel Ángel Moyá.[26] Foi subcampión de liga nas súas dúas últimas campañas en España, ambas por detrás do Barcelona.

Ao remate do seu contrato, deixou o Atlético con status de lenda do club, despois de oito tempadas, 333 partidos oficiais, 12 goles e 7 títulos.[27][28] Uns meses despois recibiu unha homenaxe por parte do Atlético, nun acto celebrado no Estadio Metropolitano ode foi obsequiado cunha placa conmemorativa.[29]

En xullo de 2019, despois de rematar o seu contrato co Atlético, puxo fin a unha etapa de 15 anos no fútbol europeo e regresou ao seu Brasil natal, onde fichou polo Flamengo.[30] Debutou co seu novo equipo o 4 de agosto, nun partido do Campionato Brasileiro ante o Bahia no Fonte Nova,[31] e fíxose de xeito inmediato coa titularidade no equipo de Jorge Jesus. En outubro, despois de golear ao Grêmio por 5-0 nas semifinais da Copa Libertadores, afirmou estar vivindo se cadra o momento máis especial da súa longa carreira.[32]

Un mes despois conquistou no Estadio Monumental de Lima o primeiro dos numerosos títulos que conseguiría co Mengão, a Copa Libertadores, tras derrotar na final ao River Plate por 2-1, con dous goles de Gabigol. Formou liña defensiva con Rafinha, Rodrigo Caio e Pablo Marí.[33] Só 23 horas despois gañou o seu segundo título, o Campionato Brasileiro, trala derrota do Palmeiras diante do Grêmio. Filipe Luís foi elixido no once ideal do campionato, xunto a oito dos seus compañeiros. A continuación disputou a Copa Mundial de Clubs, acadando a final ante o Liverpool, sendo a vitoria para o club inglés cunha solitaria diana do tamén brasileiro Firmino.[34]

Filipe Luís coa selección brasileira en 2014.

Na tempada 2020 sumou catro novos títulos, ao gañar sucesivamente a Supercopa do Brasil, a Recopa Suramericana, o Campionato Carioca e un novo Campionato Brasileiro. No estadio do Maracanã marcou o seu primeiro gol coa camiseta rubonegra, no derbi ante o Fluminense das semifinais do Carioca, e foi elixido no once ideal do torneo.[35] En 2021, xa co histórico exporteiro Rogério Ceni como adestrador, o Flamengo gañou de novo a Supercopa brasileira e o Carioca. O 19 de febreiro de 2022 gañou a Copa do Brasil tras vencer na final ao Corinthians, dez días antes de ser titular tamén na final da Copa Libertadores, conquistando o seu segundo título ante o Atlético Parananese cun gol de Gabigol (1-0).

En decembro de 2023 colgou as botas aos 38 anos de idade, despois de 176 partidos no Flamengo, co que conseguiu 10 títulos en tres anos e medio.[8]

Selección nacional

[editar | editar a fonte]

Foi 16 veces internacional coa selección sub-20, coa que disputou a Copa do Mundo da categoría en 2005, nos Países Baixos, obtendo o terceiro posto.[36] Foi convocado por primeira vez pola selección brasileira absoluta en 2009, mentres militaba no Deportivo da Coruña. Foi chamado polo seleccionador Dunga para substituír o lesionado Marcelo nun partido contra Estonia, aínda que non chegou a debutar aquel día.[37]

A súa estrea coa canarinha produciuse o 15 de outubro de 2009, ante Venezuela no Morenão de Campo Grande, no derradeiro encontro de clasificación para o Mundial de 2010. Non volveu ser convocado ata 2013, cando xogou varios partidos ás ordes de Scolari e formou parte do equipo na Copa Confederacións, proclamándose campión, aínda que sen ter minutos na competición. En 2015 disputou o seu primeiro gran torneo internacional, a Copa América de Chile, onde xogou completos tódolos encontros do Brasil, que quedou eliminado nos cuartos de final. O 17 de novembro de 2015, no Fonte Nova de Salvador, marcou o seu primeiro gol coa selección, na vitoria por 3-0 sobre o Perú.

Foi seleccionado por Tite para a disputa do Mundial de 2018 en Rusia e debutou no torneo na último partido da fase de grupos, a vitoria por 2-0 ante Serbia no Otkritie Arena de Moscova, onde substituíu nos primeiros minutos ao lesionado capitán Marcelo.[38] Cinco días despois, no Cosmos Arena de Samara, foi titular na vitoria por 2-0 sobre México, correspondente aos cuartos de final,[39] pero quedou no banco na seguinte eliminatoria, na que os brasileiros quedaron eliminados fronte a Bélxica.[40]

Na Copa América 2019, celebrada no seu país, Filipe Luis foi titular nos catro primeiros encontros, ata que se retirou con molestias nos cuartos de final ante Paraguai.[41] Non participou nas semifinais contra a Arxentina nin na final ante o Perú no Maracanã, onde o seu equipo se proclamou campión.[42] Foi o seu segundo título coa selección e o seu último torneo, pois non volveu vestir a camiseta brasileira. O balance dos seus 10 anos na canarinha foi de 44 partidos, 2 goles e 6 asistencias.

Como adestrador

[editar | editar a fonte]

Trala súa retirada como futbolista comezou a adestrar rapaces na canteira do Flamengo, labor que iniciou en marzo 2024 á fronte do equipo sub-17.[43] Pouco despois fíxose cargo do conxunto sub-20, co que conquistou en agosto dese ano a terceira edición da Copa Intercontinental sub-20, derrotando ao Olympiakos grego no estadio do Maracanã.[44]

En setembro de 2024 foi ascendido ao primeiro equipo do Flamengo para substituír no cargo de adestrador principal ao cesado Tite.[45]

Palmarés

[editar | editar a fonte]
Figueirense
Atlético de Madrid
Chelsea
Flamengo
Selección brasileira
  1. "Filipe Luis: "Me encanta ir al cementerio y rezar a mi familia"". As (en castelán). 5 de xuño de 2013. Consultado o 6 de decembro de 2023. 
  2. "Flamengo lembra do avô de Filipe Luís em despedida: “O piá de vocês realizou nosso sonho”" (en portugués). 3 de decembro de 2023. Consultado o 6 de decembro de 2023. 
  3. KASMIRSKI. HISTORIA DE FILIPE LUIS (YouTube) (en polaco). 4 de decembro de 2019. 
  4. 4,0 4,1 Mota, Cahê (15 de abril de 2021). "Filipe Luís: made in Jaraguá" (en portugués). Consultado o 6 de decembro de 2023. 
  5. "Filipe Luis". afc-ajax.info (en inglés). Consultado o 6 de decembro de 2023. 
  6. "Juan Figer, el agente de los mil traspasos: "En fútbol no hay operaciones imposibles"". Marca (en castelán). 1 de xuño de 2019. Consultado o 6 de decembro de 2023. 
  7. "Agents using ‘ghost clubs’ to defy rules over player ownership" (en inglés). 18 de maio de 2015. Consultado o 6 de decembro de 2023. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 "El adiós de un lateral que marcó una era en el Dépor: Filipe Luís se retira en Maracaná". La Voz de Galicia (en castelán). 4 de decembro de 2023. Consultado o 6 de decembro de 2023. 
  9. "Un golazo de Filipe Luis logra el 1-0 del Depor frente al Málaga". El País (en castelán). 14 de setembro de 2009. Consultado o 8 de decembro de 2023. 
  10. Yordi, Juan (25 de xaneiro de 2010). ""Filipe entró directo al quirófano por el riesgo de amputación"". Marca (en castelán). Consultado o 6 de decembro de 2023. 
  11. Filipe Luís entrará na convocatoria e podría ter algúns minutos
  12. "Holders Atlético strengthen with Filipe Luís". UEFA (en inglés). 16 de xullo de 2010. Consultado o 6 de decembro de 2023. 
  13. "Filipe finalises move" (en inglés). 24 de xullo de 2010. Consultado o 6 de decembro de 2023. 
  14. ""Internazionale 0 - 2 Atlético"". Arquivado dende o orixinal o 29 de agosto de 2010. Consultado o 17 de xaneiro de 2011. 
  15. "Los nuevos salvan la ilusión del Calderón". Marca (en castelán). 26 de setembro de 2010. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  16. "Sergio Ramos, 'Mejor Defensa de la Liga BBVA 2013-14'" (en castelán). 27 de outubro de 2014. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  17. "Final Champions League: Filipe Luis se retira con molestias musculares". Mundo Deportivo (en castelán). 24 de maio de 2014. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  18. "Filipe Luis, al Chelsea por 20 millones, y el Barça quiere a Mathieu" (en castelán). 17 de xullo de 2014. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  19. "Azpilicueta: "La competencia con Filipe Luis me ayuda a mejorar"". Sport (en castelán). 11 de febreiro de 2015. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  20. "Filipe Luis vuelve al Calderón". Marca (en castelán). 22 de agosto de 2015. Consultado o 8 de decembro de 2023. 
  21. "El Atlético cierra el regreso de Filipe Luis por 16 millones de euros" (en castelán). 20 de xullo de 2015. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  22. Picos, Sergio (28 de marzo de 2017). "Filipe Luis no pierde el ritmo, el lateral más influyente de la Liga". As (en castelán). Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  23. "Filipe Luis sufre una fractura en el peroné: adiós a la temporada y al Mundial". El Mundo (en castelán). 16 de marzo de 2018. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  24. "La milagrosa recuperación de Filipe Luis: entra en la lista para el Arsenal". El Mundo (en castelán). 2 de maio de 2018. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  25. "El Atlético de Madrid gana la Europa League de la mano de Griezmann (0-3)" (en castelán). 17 de maio de 2018. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  26. "Disfruta del golazo de Filipe Luis ante la Real Sociedad". As (en castelán). 28 de outubro de 2018. Consultado o 8 de decembro de 2023. 
  27. Escudero, Simón (30 de novembro de 2023). "Filipe Luis se retira a los 38 años". As (en castelán). Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  28. "Filipe Luis, leyenda del Atlético de Madrid" (en castelán). 7 de decembro de 2023. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  29. G. Medina, David (4 de xaneiro de 2020). "El Atlético homenajea a Filipe Luis: "Estoy más nervioso que cuando jugaba"". Marca (en castelán). Consultado o 8 de decembro de 2023. 
  30. Sánchez, Virtudes (20 de xullo de 2019). "Filipe Luis vuelve a Brasil para jugar en el Flamengo". Marca (en castelán). Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  31. "Bahia 3-0 Flamengo". Transfermarkt (en portugués). Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  32. "Filipe Luís comemora fase no Flamengo: "Talvez o momento mais especial da minha carreira"" (en portugués). 25 de outubro de 2019. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  33. "Flamengo se corona en la Libertadores tras vencer a River en los últimos minutos (2-1)". El País (en castelán). 24 de novembro de 2019. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  34. "1-0. El Liverpool, campeón del mundo ante un combativo Flamengo". Mundo Deportivo (en castelán). 22 de decembro de 2019. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  35. "Seleção do Carioca 2020". Federação de Futebol do Estado do Rio de Janeiro (en portugués). 20 de xullo de 2020. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  36. "Brasil 2-1 Marrocos". FIFA (en inglés). Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  37. "Marcelo é cortado, e Dunga convoca novato Filipe para a lateral esquerda" (en portugués). 7 de agosto de 2009. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  38. "Marcelo se retira lesionado y enciende las alarmas". Mundo Deportivo (en castelán). 27 de xuño de 2018. Consultado o 8 de decembro de 2023. 
  39. "O deportivista Filipe debutou onte como titular con Brasil". 15 de outubro de 2009. Consultado o 8 de decembro de 2023. 
  40. "Bélxica elimina o Brasil e métese nas semifinais do Mundial". CRTVG. 7 de xullo de 2018. Consultado o 8 de decembro de 2023. 
  41. "Filipe Luis no tiene rotura pero es duda para el Brasil-Argentina". Marca (en castelán). 29 de xuño de 2019. Consultado o 8 de decembro de 2023. 
  42. "¡Brasil ganó 3-1 a Perú y es campeón de la Copa América 2019!" (en castelán). 8 de xullo de 2019. Consultado o 8 de decembro de 2023. 
  43. "El debut como entrenador de Filipe Luís" (en castelán). 9 de marzo de 2024. Consultado o 26 de setembro de 2024. 
  44. Del Baño, Marcos (24 de agosto de 2024). "Filipe Luís se corona como entrenador". As (en castelán). Consultado o 26 de setembro de 2024. 
  45. "Filipe Luís assume o Flamengo: "Sei que alguns jogadores vão ficar bravos comigo"" (en portugués). 1 de outubro de 2024. Consultado o 25 de outubro de 2024. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]