Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Final Fantasy XV

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Final Fantasy XV
Desenvolvedor(es)Square Enix
Distribuidora(s)Square Enix
Director(es)Hajime Tabata
Produtor(es)Shinji Hashimoto
Deseñador(es)Takatsugu Nakazawa
Escritor(es)Saori Itamuro

Akiko Ishibashi

Takumi Nishida

Kazushige Nojima
Artista(s)Tomohiro Hasegawa

Yusuke Naora

Isamu Kamikokuryo
Compositor(es)Yoko Shimomura
MotorLuminous Studio
LanzamentoPlayStation 4, Xbox One: 29 novembro do 2016
Microsoft Windows: 6 de marzo do 2018
XéneroRol de acción
Modos de xogoUn xogador / Multixogador
Clasificación PEGI
CERO
USK
Plataforma(s)PlayStation 4, Xbox One, Microsoft Windows
Lingua/sVoces en inglés e xaponés, textos en castelán
SerieFinal Fantasy (principal) Fabula Nova Crystallis (anteriormente)
Na rede
https://finalfantasyxv.square-enix-games.com/
IMDB: tt0960140 Facebook: finalfantasy15jp Twitter: ffxvjp Instagram: ffxv Youtube: UCQSuIHSbDFH6Enz3AXeUHaA Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Final Fantasy XV é un videoxogo de rol de acción desenvolvido e publicado por Square Enix como parte da serie de Final Fantasy. Foi estreado para a PlayStation 4 e a Xbox One no 2016, e para Microsoft Windows no 2018. O xogo desenvólvese nun mundo aberto cun sistema de batalla orientado cara á acción en tempo real, incorporando un sistema de cambio de armas rápido, así como maxias elementais e outras características como a utilización de vehículos para o transporte e acampada. A historia principal foi expandida con contidos descargables (DLC), engadindo mais opcións de xogo como a posibilidade de xogar con outras personaxes ou un modo multi-xogador cooperativo. O título foi anunciado inicialmente para a PlayStation 3 como Final Fantasy Versus XIII[1] no ano 2006, como parte do arco temático Fabula Nova Crystallis Final Fantasy, unha serie de xogos unidos por un mito común entre os que atopamos Final Fantasy XIII ou Final Fantasy Type-0; non obstante durante o desenvolvemento acabou afastándose dese arco, creando o seu propio mito independente e converténdose nun título da liña principal da saga no 2013[2]. Nese momento, o título pasou a ser desenvolvido para as consolas de oitava xeración.

Durante o seu longo e tortuoso desenvolvemento o xogo pasou por varios directores. Tetsuya Nomura foi o director orixinal e deseñador de personaxes. Pouco despois de converterse nun título da liña principal Nomura foi substituído como director por Hajime Tabata[3]. Nas etapas finais do desenvolvemento do xogo creouse unha serie de material multimedia adicional que se denominou Final Fantasy XV Universe[4], no que se inclúen varios xogos spin-offs, unha serie anime e un filme de animación a modo de precuela, transformando a entrega da saga nun proxecto transmedia. O xogo foi recibido con críticas moderadamente positivas, louvando principalmente o seu modo de xogo, o apartado artístico e a carga emocional. En setembro do 2018 o xogo xa vendera 8 millóns de copias arredor do mundo.

Argumento

[editar | editar a fonte]

Final Fantasy XV ten lugar nun mundo ficticio similar á Terra chamado Eos[5], que está dividido en catro nacións: Lucis, Accordo, Tenebrae and Niflheim. Lucis, que ocupa a maior parte do terreo, posúe un artefacto máxico coñecido como o cristal, agasallado á dinastía reinante dos Caelum polas deidades dese mundo na antigüidade e controlado grazas ao anel do Lucii, pasado de xeración en xeración. Accordo, situado na parte sur de Eos, é unha illa-nación formada pola unión de tres cidades comerciantes. O continente occidental é o fogar do imperio de Nifleheim, moi avanzado tecnoloxicamente. Por último atopamos a nación de Tenebrae, gobernada pola oráculo, unha sacerdotisa que se pode comunicar coas deidades. A principal tarefa do Oráculo é a de curar a Praga das Estrelas, unha praga que absorbe toda a luz natural e permite a proliferación dos monstros nocturnos coñecidos como cadentes.[6]

A historia de Eos xira arredor dos Astrais —seis seres divinos que serven como os gardiáns do mundo natural e están baseados en seres traídos da serie Final Fantasy— e o "Rei Verdadeiro", unha figura lendaria que foi profetizada para aparecer cando a Praga das Estrelas ameaza levar a Eos a noite eterna. Unha parte importante do trasfondo Eos é a Gran Guerra dos Antigos, un conflito nacido cando a civilización humana antiga de Solheim abandonou os Astrais e mais o xefe destes, Ifrit. O intento de Ifrit de destruír a humanidade desafiou o deber dos Astrais de protexer Eos, forzándoos para matar Ifrit. A Gran Guerra dos Antigos é a causa da expasión da Praga das Estrelas a través do planeta, provocando a caída de Solheim.

Durante séculos, Lucis mantívose en guerra co imperio de Niflheim, quen busca emular a gloria de Solhein. Para ese fin Niflheim xa someteu a maioría de Eos, incluíndo Accordo e Tenebrae; Tenebrae retén autonomía política limitada debido á influencia do Oráculo. A única parte de Lucis que se mantén sen conquistar é a capital, Insomnia, grazas ao poder do cristal, o cal está minguando as forzas do rei. O xogo comeza cando se anuncia un armisticio entre as dúas nacións debido á saúde debilitada do rei; como parte dos acordos de paz, Niflheim gañará control de todos os territorios de Lucis menos Insomnia, e un matrimonio é amañado entre os herdeiros aparentes das familias reais de Lucis e Tenebrae. Durante a firma dos tratados do armisticio, Niflheim ataca a Insomnia e consegue roubar o cristal. Noctis Lucis Caelum, o principe herdeiro ao trono de Lucis, e mais os seus compañeiros embárcanse nunha aventura para recuperar o cristal e derrotar ao imperio de Niflheim.

Personaxes

[editar | editar a fonte]

Durante a trama acompañaremos os catro compañeiros na súa viaxe a bordo do Regalia, o coche real, a través de Eos que serán as personaxes principais[5]:

  • Noctis Lucis Caelum. Herdeiro lexítimo ao trono de Lucis. A súa aventura arrranca co ruxir do motor do coche de seu pai, no que parte de Insomnia xunto aos seus tres inseparables amigos para contraer matrimonio coa dama Lunafreya Nox Fleuret. Como vástago da casa Lucis posúe a habilidade de invocar a pracer as armas que brande na batalla.
  • Galdiolous Amicitia. Mozo primoxénito da casa Amicitia, familia de alta ascendencia sempre ao servizo e custodia da realeza de Lucis. O vínculo que une a Noctis vai máis alá dos seus votos com garda real. Sempre vixiante e sabedor da súa incrible forza, non dubida en poñer a súa vida en risco cando se trata de protexer os seus compañeiros de viaxe.
  • Ignis Scientia. Destinado dende o seu nacemento a servir como leal conselleiro real, foi educado na corte xunto aquel a quen debería servir, o príncipe Noctis. A súa estrita formación, á que se debe o seu carácter analítico e o enxeño necesarios para o seu cargo, convérteo na voz da razón do grupo.
  • Prompto Argentum. Compañeiro inseparable de Noctis dende que ambos se coñeceran sendo apenas uns adolescentes. Aínda que provén dunha orixe humilde, decide enfrontarse xunto a Noctis e os seus ao tráxico destino que os agarda. O seu carácter desenfadado e as súas numerosas bromas fan que a viaxe sexa máis levadeira e manteña a moral alta.

Por outra banda outras personaxes que aparecen son[5]:

  • Lunafreya Nox Fleuret. Oráculo e serva dos deuses, sobre quen recae o arduo labor de purificar o mundo. A pesar de que Tenebrae, patria da súa nobre liñaxe, foi ocupada por Niflheim, a dama Lunafreya soubo labrarse o respecto e admiración non só dos seus compatriotas, senón de todo o mundo, grazas á súa devoción e a súa boa obra. Garda con especial cariño os momentos compartidos con Noctis cando aínda eran nenos.
  • Regis Lucis Caelum. Soberano do reino de Lucis e pai de Noctis, a quen criou en solitario. Do rei Regis pende a seguridade de Insomnia, a capital, pois sobre os seus ombreiros susténtase o muro máxico que a protexe. Tras a violación do alto na guerra por parte do Imperio de Niflheim, os medios apresuráronse a proclamar o seu falecemento.
  • Cor Leonis. Un valente guerreiro que acompañou a Regis durante a viaxe do monarca trinta anos atrás, e que dende entón segue estando ao seu servizo como xeral da Garda real de Lucis. As lendarias fazañas de Cor na batalla fan que resulte un aliado inestimable para Noctis e os seus amigos.
  • Cid Sophiar. Un vello amigo de Regis sen pelos na lingua e dono do taller de Hammerhead. Aínda que xa peitea canas, Cid segue a ser o mesmo experto mecánico de hai trinta anos, cando viaxou con Regis, e tras a súa faciana de iracundo escóndese un moi bo corazón.
  • Cindy Aurum. A beleza que se ocupa do día a día do negocio de Hammerhead mentres o seu malhumorado avó ensucia as mans no taller. Cindy tamén sabe o seu de mecánica e axuda a Noctis e os seus compañeiros co Regalia, o coche real.
  • Iedolas Aldercapt. Como emperador de Niflheim, Iedolas aproveitou a superioridade do Imperio en canto a naves e tecnoloxía Magitec para orquestrar unha violenta campaña de expansión territorial que, para sorpresa de todos, culmina cunha oferta de armisticio con Lucis.
  • Ardyn Izunia. Chanceler de Niflheim, conseguiu ese posto de poder ao introducir a infantería Magitec nas filas do exécito imperial, e dende entón actúa como conselleiro do emperador. Unha aura de misterio rodea esta peculiar personaxe.
  • Aranea Highwind. Aranea ten ás súas ordes unha brigada aeromóbil do exército imperial, ademais dunha banda de mercenarios, e adoita pilotar unha distintiva nave de cor vermella. Domina os ceos incluso en combates corpo a corpo, nos que nada escapa aos ataques aéreos da súa lanza dragontina.
  • Iris Amicitia. Irmá menor de Gladiolus, viuse obrigada a escapar a Lestallum tras a invasión de Insomnia por parte de Niflheim. Coñece a Noctis e a Ignis dende nena.
  • Ravus Nox Fleuret. Irmán maior de Lunafreya, a prometida de Noctis. Tras sufrir o ataque e sometemento da súa terra natal, Tenebrae, acabou uníndose ás filas do exército de Niflheim.
  1. "Final Fantasy Versus XIII (FFXV)". Vandal (en castelán). Consultado o 2018-10-30. 
  2. PlayStation (2013-06-12). "FINAL FANTASY XV - Announcement Trailer E3 2013". Consultado o 2018-11-12. 
  3. "Tetsuya Nomura deja la dirección de Final Fantasy XV" (en castelán). Consultado o 2018-10-30. 
  4. "‘Final Fantasy XV’ Isn’t Just a Video Game—It’s a Whole New Universe". Vice (en inglés). 2016-03-31. Consultado o 2018-10-30. 
  5. 5,0 5,1 5,2 "¿QUÉ ES FINAL FANTASY XV?". FINAL FANTASY XV (en castelán). Consultado o 2018-10-30. 
  6. Final fantasy xv. (Collector's ed ed.). [Place of publication not identified]: Piggyback Interactive. 2016. ISBN 1-9110-1500-1. OCLC 953885811.