Gota fría
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
A gota fría, tamén chamada depresión illada en niveis altos (DINA)[1] é un fenómeno meteorolóxico moi difícil de predicir, consistente en fortes choivas.
Nome
[editar | editar a fonte]Ó longo do tempo a referencia foi cambiando de gota fría[2] a DINA, adaptación en galego do acrónimo en lingua castelá DANA (depresión aislada en niveles altos), que unha homenaxe ao meteorólogo Francisco García Dana, finado en 1984.[3] As inundacións de Valencia nos anos 1990 levaban o nome de gota fría, mais as enchentes en España en 2024 difundíronse co nome de DANA.[4]
Características
[editar | editar a fonte]A espectacularidade destas precipitacións, os danos que poden chegar a provocar e o abuso que moitas veces realizan os medios de comunicación do termo, provocaron en máis dunha ocasión unha confusión entre o concepto de gota fría e o de choivas torrenciais. Os meteorólogos aclaran que non todos os casos de gota fría desencadean fortes precipitacións, pero cando o fan é difícil predicir con exactitude onde, cando e con que intensidade choverá.
Na Península Ibérica o fenómeno consiste en chuvascos e tormentas de extraordinaria violencia, aínda que de pouca duración e que afectan normalmente a zonas pouco extensas. Son frecuentes nas zonas costeiras do mar Mediterráneo, sobre todo entre os meses de setembro e outubro. Algúns producen grandes desastres, como o que provocou unha enorme crecida no río Xúcar que rompeu a presa de Tous, ou os que inundaron cidades como Valencia, Alacant, Almería ou Terrassa. As grandes riadas que causaron importantes danos en Bilbao e noutros lugares do País Vasco foron tamén producidas por unha gota fría. Os meteorólogos acostuman explicar que a causa destas choivas torrenciais son as denominadas "gotas frías".
O caso de maior cantidade de choiva caída en pouco tempo é o de Gandia, na Comunidade Valenciana, na que en novembro de 1987 caeron máis de 1.000 mm de choiva en 36 horas, dos cales 400 mm en menos de 6 horas.
Formación
[editar | editar a fonte]A gota fría fórmase cando coinciden tres acontecementos: mar quente, atmosfera inestable na superficie e aire frío en altura.
Cando o mar se atopa a temperaturas altas, como o Mediterráneo ao final do verán que pode chegar a estar a cerca de trinta graos en zonas próximas á costa, desprende moito vapor de auga, como a auga quente dun baño ou dunha ducha. Se nesta situación chega unha borrasca ou unha fronte fría e hai unha bolsa de aire frío en altura, prodúcese unha situación de inestabilidade do aire superficial que aumenta conforme ascende a altitude. O vapor de auga, que o mar libera en gran cantidade, ascende arrastrado pola inestabilidade e vaise condensando ao encontrarse coa zona fría, formándose unha nube.
Esta nube pode ir agrandándose a gran velocidade porque o vapor ascendente encontra moita facilidade para subir ao atoparse con zonas máis frías, e con este frío vai condensándose cada vez máis auga. En moi poucas horas pódense formar grandes nubes tormentosas, do tipo dos cumulonimbos, que aínda que non teñan unha grande extensión en horizontal, poden chegar a ter máis de dez quilómetros de altura. Estes cumulonimbos descargan unha forte chuvia, normalmente acompañada de grandes lóstregos e de sarabia.
Danos
[editar | editar a fonte]Os danos que causa unha tormenta non dependen só da intensidade da chuvia. Nunha ladeira con moita pendente, carente de vexetación, a auga corre moi rapidamente, arrastrando con forza o solo e provocando unha grande erosión. Se ademais esta ladeira remata nun val, pode formarse unha gran riada que arrastra con forza todo o que atopa. Na zona mediterránea española é frecuente que as canles dos ríos permanezan secas moitos meses ao ano e que sexan ocupadas por cultivos ou edificacións, o que fai que nas grandes crecidas os danos sexan maiores, por unha parte porque se destrúe o que estaba aí construído e, por outra, porque se impide a libre saída da auga e se fai maior a crecida.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Redacción (2 de novembro de 2024). "O Goberno confirma 211 vítimas mortais pola DINA en Valencia". CRTVG. Consultado o 2 de novembro de 2024.
- ↑ Francisco Martín León (15 de setembro de 2013). "La persona que dió nombre a la “Gota Fría”". MeteoRed (en castelán).
- ↑ Francisco Martín León (3 de outubro de 2012). "¿De dónde procede el nombre meteorológico de DANA?". MeteoRed (en castelán).
- ↑ "Valencia flood disaster". www.esa.int (en inglés). Consultado o 2024-11-04.