Gustavo Gutiérrez Merino
Gustavo Gutiérrez Merino, nado en Lima o 8 de xuño de 1928 e finado na mesma cidade o 22 de outubro de 2024,[1] foi un teólogo peruano, un dos artífices da Teoloxía da liberación.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Aqueixado dende a infancia de osteomielite, tivo que pasar períodos en cadeira de rodas e gardar cama. Estudou Medicina e Letras na Universdade Mayor de San Marcos en Lima. Militante de Acción Católica, as súas conviccións cristiás levárono a unha decidida loita social a prol da xustiza.
Estudou teoloxía na Universidade Católica de Lovaina e na Universidade de Lión. Tivo como profesores a Henri de Lubac e Yves Congar e tomou contacto con Hans Küng e Karl Rahner. Ordenouse sacerdote en 1959. Entrou na Orde dos Predicadores buscando seguir o espírito de pobreza e formación intelectual de Domingos de Guzmán.
Foi doutor honoris causa pola Universidade de Yale e foi Premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades no ano 2003.
Pensamento
[editar | editar a fonte]Non pretendía realizar unha teoloxía universal e atemporal, senón un pensamento encarnado na realidade social de opresión dos desfavorecidos. Dende o Evanxeo, pero tamén dende o Antigo Testamento, fundou a opción preferencial polos pobres. A salvación cristiá é para o home íntegro tamén na súa dimensión sociopolítica. A súa teoloxía pretendía ser unha reflexión crítica e operativa enfrontada ás estruturas de dominación. O pecado tiña tamén unha dimensión social que debía ser combatida tal como fixo Xesús de Nazaret. Servíndose da análise económica e social do marxismo, diagnosticou unha situación e buscou unha resposta liberadora alimentada polo pulo moral que nacía da fe cristiá.
Aínda que unha parte da teoloxía da liberación foi censurada por Roma, Gustavo Gutiérrez, a diferenza de Leonardo Boff, nunca foi directamente condenado ou sancionado.
Premios e distincións
[editar | editar a fonte]En 2014 foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade San Paulo de Ottawa.[2]
Obras
[editar | editar a fonte]- Teología de la Liberación (1971)
- La fuerza histórica de los pobres (1979)
- Hablar de Dios desde el sufrimiento de los inocentes (1986)
- La verdad os hará libres (1989)
- Dios o el oro de las Indias (1989)
- El Dios de la vida (1989)
- En busca de los pobres de Jesucristo, el pensamiento de Bartolomé de Las Casas (1992)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Friskics-Warren, Bill (23 de outubro de 2024). "Gustavo Gutiérrez, Father of Liberation Theology, Dies at 96". The New York Times (en inglés) 174 (60318). p. A22. ISSN 0362-4331. Consultado o 23 de outubro de 2024.
- ↑ Universidade San Paulo de Ottawa (ed.). "Saint Paul University conferring a Doctorate Honoris Causa to Father Gustavo Gutiérrez" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 27 de outubro de 2014. Consultado o 27 de setembro de 2014.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gustavo Gutiérrez Merino |
- Teólogos católicos
- Premios Princesa de Asturias de Comunicación e Humanidades
- Nados en Lima
- Nados en 1928
- Finados en 2024
- Dominicanos do Perú
- Doutores honoris causa pola Universidade San Paulo de Ottawa
- Doutores honoris causa pola Universidade de Notre Dame
- Alumnos da Universidade Católica de Lovaina
- Alumnos da Universidade de Lión
- Activistas contra a pobreza