Incendio forestal
Un incendio forestal é un lume que se produce sen control en zonas naturais, soutos e lugares con abondosa vexetación. Pódense producir por alustros ou outras causas naturais, por descoidos humanos ou pola acción de maquinaria, se ben tamén poden ser obra de seres humanos que plantan lume á mantenta.
Mecanismo
[editar | editar a fonte]Cando as reservas de auga do solo se atopan por riba do 30%, a evaporación da auga das plantas vese compensada pola humidade da terra. Por baixo deste limiar do 30% a planta xa non se pode hidratar, e son daquela os zumes da planta os que se evaporan. En caso de seca prolongada xúntase que as plantas secas son altamente inflamábeis con que as substancias desa evaporación tamén o son.
Por outra parte, non todas as plantas arden igual de ben, é dicir, non todas son igual de inflamábeis. Polo que atinxe ao bosque galego, os piñeiros e os eucaliptos, e en xeral todas as especies resinosas, maioritarias nas masas arboradas costeiras, son máis inflamábeis cás especies autóctonas de caducifolias, coma o carballo ou o castiñeiro.
Ao que se declara o lume, este esténdese:
- por baixo: arrastrándose pola superficie do chan entre os diferentes vexetais e materiais orgánicos. É característico do monte cuberto de matogueira.
- polas copas: pasando da copa dunha árbore a outra. As copas en combustión producen labaradas moi intensas, o que lle permite ao lume saltar dunha árbore a outra a máis velocidade ca se se estendese unicamente polo chan. É característico do incendio de masas árboreas, e especialmente perigoso canto máis alta é a árbore, como no caso do eucalipto.
- por muxicas: un incendio sobre unha masa vexetal produce a separación de pequenos fragmentos (folliñas, polas, piñas etc.) que poden ser desprazados polo vento con moita velocidade e a unhas distancias relativamente grandes. A propagación por muxicas fai inútiles as devasas e as barreiras incombustíbeis coma os ríos e as autoestradas.
Nun terreo chan e cunha vexetación homoxénea, o lume propágase en forma de elipse sobre o eixo do vento.
Causas
[editar | editar a fonte]As causas dos incendios forestais son moi diversas, e varían dunha rexión a outra do planeta. Se ben hai zonas onde os incendios forestais debidos á acción da natureza, fundamentalmente as treboadas e os seus alustros, son os máis frecuentes, noutras, como en Galiza, a causa predominante é a acción intencionada do home.
- Causas naturais: o alustro. Nas áreas mediterráneas estímase que as treboadas poden producir ata un 2% dos incendios forestais. Porén, no Quebec esta cantidade calcúlase sobre o 30% dos lumes e afecta grandes superficies.
- Causas humanas involuntarias: queima imprudente de ramallada, lumes de lecer e barbacoas, liñas eléctricas, cabichas ao pé das estradas, faíscas desprendidas por maquinaria (fundamentalmente trens), queima incontrolada de lixo etc.
- Causas humanas intencionadas: queima de terreos para o seu aproveitamento para o cultivo ou para a expulsión dos habitantes dos bosques, vinganzas, incendios con fins políticos ou económicos diversos e, tamén, enfermidades mentais (os pirómanos); actualmente prefírese utilizar o termo "incendiarios" para quen inician lumes cun fin determinado e deixar o de "pirómanos" para quen padece esta enfermidade. Nos incendios que se producen durante os veráns en Galiza estas causas humanas intencionadas poden acadar entre o 80% e o 90% dos lumes.
- Causas estruturais: Un monte abandonado, con cambio de uso agrícola a forestal; unha poboación rural envellecida e depauperada, un monte inzado de especies pirófitas (eucalipto, mimosas...); unha política forestal favorecedora dos intereses das industrias de madeira de baixa calidade e sen xestión ambiental algunha.
Tipoloxía
[editar | editar a fonte]A nivel estatístico, en Galiza só se consideran incendios forestais aqueles que queiman máis dunha hectárea de superficie, ou ben se queiman máis de media hectárea de masa arborada. Os incendios por debaixo desa superficie denomínanse conatos.
Os incendios clasifícanse en activos e extinguidos. Os incendios están activos cando presentan labarada, e extinguidos cando unicamente fumegan e xa non existen materiais de ignición no seu perímetro nin é posible a súa reprodución. Aínda así, a temperatura das áreas recentemente extinguidas é moi alta, e a súa queima é irregular, polo que nalgunhas ocasións os incendios que se consideraban extinguidos reacenden por causas naturais (ademais das causas intencionadas que poidan estar actuando).
Os incendios activos clasifícanse en acoutados e non acoutados (ou controlados e non controlados). Os acoutados son aqueles lumes que, se ben están activos, non teñen xeito de progresar e, polo tanto, non necesitan máis medios humanos e técnicos para o seu control. É o que sucede, por exemplo, cando un lume avanza cara ao cumio dun monte ou cando as brigadas de extinción conseguiron crear unha fraxa de seguridade abondo cumprida.
Conforme a gravidade
[editar | editar a fonte]Os niveis de gravidade clasifícanse de acordo coa seguinte escala:
- Nivel 0: poden ser controlados cos medios de extinción previstos e, aínda na súa evolución máis desfavorable, non supoñen perigo para persoas non relacionadas cos labores de extinción, nin para bens non forestais.
- Nivel 1: poden ser controlados cos medios de extinción previstos no Plan Infoga e inclúen a previsión de medidas para a protección das persoas non relacionadas coa extinción e dos bens non forestais que se poidan ver ameazados polo lume.
- Nivel 2: na súa extinción está prevista a necesidade de que, a solicitude da consellería competente, sexan incorporados medios estatais non asignados ao Plan Infoga, ou poidan comportar situacións de emerxencia que deriven cara ao interese estatal. Para a declaración do nivel 2 considéranse dúas situacións:
- 2.R-0. Se nun nivel 0 son necesarios medios non previstos no plan, pero só están en perigo bens forestais, pásase directamente a nivel 2.
- 2.R-1. Estando no nivel 1, precísanse medios non previstos no plan.
- Nivel 3: Referido a aqueles incendios que pola súa especial gravidade así sexan declarados polo Ministerio do Interior.
Os incendios en Galiza
[editar | editar a fonte]A posición xeográfica de Galiza, na estrema entre dúas rexións climáticas, a complexa orografía, a gran cantidade de superficie boscosa e de matogueira, e a perda de aproveitamento económico do bosque fan que Galiza sexa, especialmente durante os veráns, un lugar habitual de incendios forestais. Esta circunstancia tamén a comparte, por exemplo, con Portugal, especialmente nas súas rexións setentrionais.
Algúns anos de especial virulencia dos incendios forestais:
- 1989: Nos 8.243 incendios declarados en Galiza nese ano arderon 205.392 hectáreas (93.116 delas de masa arborada). Estimáronse unhas perdas duns 15.000 millóns de pesetas (90 M €). Foron detidos 30 incendiarios.
- 1995: No mes de abril, entre o xoves e o sábado santo, Galiza viuse afectada en só tres días por uns 600 incendios forestais, cun saldo de 2.000 hectáreas queimadas. Foron detidos catro incendiarios. Ese mesmo ano, entre o 25 e o 30 de agosto, rexistráronse máis dun milleiro de sinistros. O 26 de agosto contabilizáronse 280 focos diferentes. O 29 de agosto, nos arredores de Pontevedra, ardían os montes en 20 puntos diferentes. O lume tamén afectaba a comarca de Santiago, O Morrazo, o Parque de Corrubedo ou Vimianzo e as labaradas rodearon O Courel. O 30 de agosto, 350 incendios mantiñan ocupados os servizos de extinción, onde loitaban 4.000 persoas. O fornezo de enerxía de Pontevedra quedou cortado durante varias horas, ao igual ca algunhas estradas e liñas telefónicas. Foron desaloxadas vivendas na Coruña e arderon casas no concello da Merca. O balance, unha vez terminada a vaga incendiaria, foi de 4.289 focos de lume, 46.669 hectáreas e 49 detencións.
- 2000: As intensas choivas de xullo retardaron ese ano a vaga de incendios ata a primeira quincena de setembro. As provincias Lugo e Ourense foron as máis afectadas. Dez aldeas de Lugo tiveron que ser desaloxadas o 17 de setembro por un incendio en Navia de Suarna. Os incendios foron especialmente intensos nos arredores de Ourense. A principios de agosto o lume queimaba montes de Santa Cruz de Arrabaldo, Quintela, Reza, Velle e Os Peares. Ata setembro arderan 30.000 hectáreas e ao final do ano 45.952 ha.
- 2006.
- Artigo principal: Vaga de incendios forestais de 2006.
- Unha vaga de incendios que comeza o 4 de agosto resulta especialmente prolongada e perigosa, con días que chegaron aos 200 focos activos. A época caracterizouse por altas temperaturas, sequidade ambiental e vento do nordés. Nos primeiros días os incendios afectaron fundamentalmente as Rías Baixas e as comarcas de Pontevedra e Santiago. Despois estendéronse á Costa da Morte e aos arredores da cidade de Ourense. Como consecuencia dos incendios faleceron dúas mulleres no antigo concello de Cerdedo, atrapadas polo lume na estrada N-541, un home no concello de Cotobade, mentres participaba en tarefas de extinción, e outro home na Cañiza, como consecuencia das queimaduras producidas durante os labores de apagado dun incendio.
- Segundo os datos oficiais [1], as hectáreas de superficie arborada queimadas ata esa data distribuída por especies e segundo o seu posible uso comercial era:
Especie | Superficie total |
Superficie aproveitable |
Superficie non aproveitable |
%Sna/Sa |
---|---|---|---|---|
Eucalyptus globulus | 18433 | 16195 | 2238 | 13.8% |
Pinus pinaster | 16353 | 13502 | 2851 | 21.1% |
Pinus radiata | 1255 | 828 | 427 | 51.6% |
Frondosas e caducifolias | 2662 | 2538 | 124 | 4.9% |
Rexistráronse 6.997 incendios forestais, que queimaron un total de 93.887 hectáreas, das cales 54.022 corresponden a superficie arborada. Os incendios afectaron especialmente ás comarcas do oeste (80% do total).[2]
Loita contra o lume
[editar | editar a fonte]Prevención
[editar | editar a fonte]A prevención dos incendios forestais pasa por:
- a coidado das masas arboradas: a eliminación das árbores excedentes, a creación de claros e devasas que permitan a entrada de maquinaria, a roza, as queimas controladas...
- a prohibición de facer lume, tanto de lecer no propio monte, como de foguetería nas súas proximidades.
- a vixilancia do monte
- o fornecemento de medios de extinción
- a planificación da extinción
Os organismos de vixilancia meteorolóxica, como Meteogalicia, desempeñan un papel capital no estabelecemento de mapas e calendarios de risco.
Extinción
[editar | editar a fonte]O combate do lume emprega tres tipos de axentes:
- os gardas forestais, que se ocupan do coidado do monte durante todo o ano
- os bombeiros, que se encargan da extinción sobre o terreo
- os pilotos, tanto de hidroavións como de helicópteros.
É imposíbel extinguir un lume unicamente cos medios hidráulicos. A técnica máis común consiste en atacar as frontes dereita e esquerda para apreixar a cabeza e canalizar a propagación. O ataque das frontes emprega tanto o persoal en terra coma os medios aéreos. Porén, os medios aéreos e os terrestres non poden actuar asemade sobre o mesmo espazo, porque o desprendemento dunha ducia de toneladas de auga é moi perigoso, tanto pola forza do impacto como pola posibilidade de que arrastre na caída pólas, diversos obxectos ou cabos de alta tensión. Por iso é indispensábel que exista unha coordinación por radio entre un e outro equipo.
A auga expulsada polos hidroavións pode ser ser unicamente auga ou estar mesturada con aditivos retardantes que reducen a posibilidade de que o lume se estenda ás masas vexetais veciñas. O máis común destes aditivos é o polifosfato de amonio, que mesturado con óxido de ferro adquire unha característica cor vermella. Esta substancia inhibe as reaccións de oxidación, de xeito que a combustión produce menos enerxía e acaba por propagarse máis lentamente. Tamén se empregan tensioactivos, ou axentes molladores, que reducen a tensión superficial da auga e permiten que esta enchoupe máis, mellor e un maior número de vexetais.
Evacuación
[editar | editar a fonte]Por outra parte, cómpre protexer as poboacións próximas dos incendios forestais, en moitos casos recorrendo á súa evacuación.
Para protexer as vivendas do lume forestal, débese:
- gardar os automóbiles nos garaxes ou, no seu defecto, colocalos na fachada oposta á dirección do vento.
- pechar fiestras e xanelas.
- regar as vivendas para evitar o quecemento por radiación
- fixar unha fronte de auga fronte ao lume para que este arrodee a vivenda.
A protección dunha vivenda necesita normalmente catro vehículos, polo que defender vivendas illadas no monte é custoso e laborioso.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]- Vexa o artigo principal en Galería de imaxes de incendios en Galicia
-
Bombardier 415 de extinción.
-
O Grove.
-
O Grove (media hora despois).
Notas
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Incendio forestal |
- ↑ La Voz de Galicia, 5 de setembro de 2006 baseándose en fontes da Xunta de Galicia
- ↑ Datos estatísticos básicos de Galicia 2007. Xunta de Galicia, 2007 (ISSN: 1669-2997)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Alba Vázquez Carpentier (2007). Laisser Faire. Os incendios en Galiza. Testemuños. 2004-2006. Ourense: Difusora de letras, artes e ideas. ISBN 978-84-93522-39-6. Difusora de Letras, artes e ideas