Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Interdisciplinariedade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A interdisciplinariedade expresa a cualidade de ser "interdisciplinario" ou "interdisciplinar", e ten como concepto o común a dúas ou máis disciplinas científicas, técnicas, artísticas ou educativas. O concepto foi obxecto de debate e de estudo desde os primeiros anos do século XX [1] atribuíndose a súa invención ao sociólogo Louis Wirth. Foi popularizado por Jean Piaget na súa clasificación das relacións entre disciplinas na súa obra "L´equilibration des structures cognitives: Problème central du développement " distinguindo tamén multidisciplinariedade, pluridisciplinariedade e transdisciplinariedade, termos longamente debatidos durante todo o século XX, e popularizados nos anos 70s.

Co tempo, o propio desenvolvemento científico-técnico levou á aparición gradual de numerosas ramas do coñecemento. En xeral, comezaron a aparecer especialistas que non o eran noutras áreas, o que fixo preciso un esforzo para unir situacións e aspectos que a propia práctica científica e social separa. O coñecemento do obxecto de estudo de xeito integral require estimular e desenvolver novos enfoques metodolóxicos axeitados para resolver problemas, aínda que cada disciplina científica ten os seus propios métodos, estándares etc.

No ámbito educativo refírese á relación entre as disciplinas, onde a forma de ensinar ten en consideración a construción do coñecemento polo alumno. Isto non dilúe as materias no contexto escolar, senón que promove a aproximación e articulación das actividades docentes coordinadas para obxectivos definidos.

Definir un obxecto en construción é unha tarefa até certo punto parcial, unha vez que este obxecto se está a transformar; deste xeito a interdisciplinariedade pode ser guiada máis pola práctica do que pola teorí­a, á vez que se desenvolven novas teorías ou paradigmas.

Unha aproximación epistemolóxica pode definir o tema. Existen catro palabras particularmente relacionadas e todas delimitan unha abordaxe científica, artística ou educativa con puntos en común: pluridisciplinariedade, multidisciplinariedade, interdisciplinaridade e transdisciplinariedade. O que hai en común nestas palabras é a palabra disciplina, que ha ser entendida como aquelas "porcións" dos estudos e do coñecemento, das matemáticas, bioloxí­a, ciencias naturais, historia, disciplinas artísticas etc. e das formas nas que se supera o propio concepto de disciplina. Erich Jantsch no seminario da OCDE de 1979 engade o concepto de disciplinariedade cruzada, un achegamento ao obxecto de estudo baseado en posturas de forza, na que unha disciplina domina sobre as outras.

Orixe e conceptos

[editar | editar a fonte]

Principio dos estudos científicos

[editar | editar a fonte]

Desde o século XV, a ciencia pasou por unha gran mudanza en toda a súa estrutura, o que resultou nunha explosión de novos coñecementos, novas prácticas e técnicas de investigación; podemos situar o inicio no Renacemento, aínda que hai precursores claros en séculos anteriores. Mesmo sen perder o seu poder en Europa, a Igrexa pasou a ter menor influencia sobre a sociedade e xurdiron centros de promoción das artes e das ciencias independentes dela, coma Florencia. Investigacións até entón condenadas e censuradas comezaron a ser feitas, por exemplo sobre a anatomía humana a través da disección de cadáveres. Galileo, Leonardo da Vinci, Copérnico, entre outros, impulsaron grandes innovacións e ideas que alterarían o pensamento humano dando paso a unha Revolución Científica. Nese tempo podemos definir a aparición do método científico con Descartes, que tivo precursores moi directos que se remontan aos tempos de Alhazen ou Avicena, á escolástica medieval ou mesmo ao filósofos gregos da Antigüidade clásica.

Disciplinarización do coñecemento

[editar | editar a fonte]

Nun período moi curto, a ciencia desenvolve os seus fundamentos e formula a súa función de comprender as cousas partindo do macro, do todo, até chegar ao micro, as partes menores, coa fin de ter unha visión máis profunda da totalidade. Entón a ciencia parte da comprensión xa existente das cousas, por exemplo, das ideas sobre o que é o home, o funcionamento do corpo, os seus sistemas etc., en dirección á menor partícula que poida axudar a definir e comprender ese mesmo home. Así, as pescudas en anatomía ao longo dos séculos van levando a novas investigacións e novos campos como a microbioloxía, xenética etc.

Dese xeito co tempo o volume de estudos e de información foi aumentando ao punto de ser necesaria a creación de subcategorías para continuar as pescudas e dominar os coñecementos adquiridos, noutras palabras, a disciplina de ciencia pasa a ter unha nova disciplina específica que respondería entón por un coñecemento específico. Neste proceso, cando unha disciplina se desenvolve o suficiente, divídese e dá orixe a outra disciplina, distinta á primeira no seu obxecto de estudo e exixente en cando ao investigador que debe dominala, que é o especialista.

A través deste movemento, partindo do século XV, en que existía só a disciplina de Ciencia, e no que o home renacentista dominaba os distintos aspectos das artes e das ciencias (a pesar de ter un ou varios oficios concretos), chégase ao século XXI cunha infinidade de disciplinas especializadas nas máis diversas fracións científicas (ciencias da natureza e todas as súas ramas específicas como xeoloxía, microbioloxía, ecoloxía, biofísica, astronomía, astrofísica..., ciencias exactas, química, física..., ciencias sociais como a socioloxía, antropoloxí­a..., medicina cos seus diversos campos de estudo como son a anatomía, neuroloxía, cardioloxía, fisioloxía, e moitas outras, cada unha sendo responsábel dun pequeno ámbito e cada unha cun especialista distinto que domina basicamente a súa especialidade. Ver como exemplo as subdivisións da bioloxía.

Diferenza entre disciplina escolar e científica

[editar | editar a fonte]

Aínda que o termo "disciplina" sexa empregado como sinónimo de "materia" para mencionar tanto as áreas do coñecemento científico, como as partes dos estudos escolares, e en moitos casos teñan os mesmos nomes, tales como Historia, Matemáticas, Química etc. a disciplina escolar presenta uns coñecementos moi limitados da disciplina académica ou científica á que remite o seu nome (por exemplo a materia escolar de Xeografía, non contempla a cartografía e moitas outras ramas incluídas nela).

Transdisciplinaridade e multidisciplinaridade

[editar | editar a fonte]

Transdisciplinariedade

[editar | editar a fonte]

A transdisciplinariedade ou transdisciplinaridade é unha abordaxe científica que visa á unidade do coñecemento. Procura estimular unha nova compresión da realidade articulando elementos que pasan entre, a través, e máis aló das disciplinas, na busca da compresión da complexidade do mundo real. Alén diso, do punto de vista humano, a transdisciplinariedade é unha actitude empática de abertura ao outro e ao seu coñecemento. É un termo creado por Jean Piaget, quen, no Seminario de Niza, pediu aos participantes para pensar no tema.[2] Hoxe, tendo o Centre International de Recherches et d`Études Transdisciplinaires (CIRET) como un dos principais centros mundiais de estudos sobre os conceptos transdisciplinares, é un dos máis complexos, e por consecuencia un dos máis estudados conceptos, onde ao mesmo tempo procura unha interacción máxima entre as disciplinas pero respectando as súas individualidades, onde cada unha colabora para un saber común, o máis completo posíbel, sen transformalas nunha única disciplina.

E é na Carta da transdisciplinaridade, producida no I Congreso Mundial de Transdisciplinariedade en 1994, realizado na Arrábida, Portugal, coa fundamental colaboración do CIRET e apoio da UNESCO, onde temos unha definición do concepto transdisciplinar:

  • Artigo 3: "(...) A Transdisciplinaridade non procura a dominación de varias disciplinas, mais a abertura de todas as disciplinas ao que as atravesa e as supera." [3] (...) A Transdisciplinaridade é complementaria da aproximación disciplinar; fai emerxer da confrontación das disciplinas novos datos que as articulan entre si e que nos dan unha nova visión da natureza e da realidade."
  • Artigo 7: A transdisciplinaridade non constitúe nin unha nova relixión, nin unha nova filosofí­a, nin unha nova metafísica, nin unha ciencia das ciencias."

No ámbito académico, no século XX, coa intención de unir o mundo non-universitario ao universitario, cuxa separación se dá primordialmente pola hiperespecialización profesional, con gran número de disciplinas que non acompañan todo o desenvolvemento, principalmente na área tecnolóxica, temos un aprofundamento no uso deste concepto, visando formar profesionais cada vez máis completas, compatíbeis coas exixencias do mercado de traballo. Así­ tan complexo canto os problemas que tenta solucionar, tense a transdisciplinaridade, que por ser tan sutil, ser a liña tenue que une e serve de li­mite entre o compromiso e o individualismo de cada disciplina, que non posúe unha definición exacta, e ao mesmo tempo é un dos máis necesarios conceptos cando tratamos de formación e educación.

Diferenzas entre transdisciplinaridade e interdisciplinaridade

[editar | editar a fonte]

A transdisciplinaridade non significa só que as disciplinas colaboran entre si, senón tamén que existe un pensamento organizador que supera as propias disciplinas. É distinto de interdisciplinariedade, que facendo a analoxía, é basicamente como as Nacións Unidas que se une para discutir os problemas particulares de cada rexión do mundo. Nisto, a transdisciplinariedade é máis integradora, mais é preciso un pensamento organizador, chamado pensamento complexo, e a creación dun meta-punto de vista e non dun só punto de vista. O verdadeiro problema non é facer unha adición de coñecemento, é organizar todo o coñecemento.

Aplicación na ciencia

[editar | editar a fonte]

Como foi indicado anteriormente, a interdisciplinaridade xorde no século XX como un esforzo de superar o movemento de especialización da ciencia e superar a fragmentación do coñecemento en diversas áreas de estudo e investigación.

A ciencia, no século XX, tornouse especializada ao punto de non ser máis posíbel realizar o movemento pretendido ao inicio da especialización, que era chegar ao micro para conseguir ver a totalidade, de forma plena e completa, e tamén, chegouse ao punto en que, nalgunhas áreas, xa non se podía continuar afondando no coñecemento, chegando ao límite do que era posíbel a determinadas especialidades pescudar. Con iso, coa súa aplicación xorden novas disciplinas agregadoras, que unen áreas específicas do coñecemento a fin de comprender fenómenos que serían incomprensíbeis cos coñecementos de apenas unha soa área, como é o caso da bioenxeñaría, que une as áreas da bioloxía e a enxeñaría a fin de dar conta de estudos que unha ou outra disciplina soas non darían conta.

Novas prácticas de pescuda

[editar | editar a fonte]

Coa ampliación da aplicación da interdisciplinariedade téñense desenvolto novas práctica de investigación. Moitas disciplinas que, até entón, eran consideradas incomunicábeis, considerada a distancia entre os seus obxectos de estudo, están sendo reunidas para dar respostas a novos problemas de investigación e a cuestións que unha única disciplina non é capaz de responder.

Novas disciplinas científicas

[editar | editar a fonte]

Para Pompo houbo a aparición de novos tipos de formacións disciplinares[4] que organizou en tres grandes tipos:

a) Ciencia de fronteiras

Son disciplinas híbridas que se constitúen polo cruzamento de dúas disciplinas tradicionais, ben no ámbito das ciencias exactas e da natureza (por exemplo, a Biomatemática, a Bioquímica ou a Xeofísica), das ciencias sociais e humanas (psicolinguística ou historia da economía), ben entre unhas e outras (Sociobioloxía, etoloxía), ou ben entre ciencias naturais e disciplinas técnicas (Enxeñarí­a xenética ou Biónica).[4]

b) Interdisciplinas

Son novas disciplinas que xorden do cruzamento, tamén inédito, das disciplinas científicas co campo industrial e organizacional. Por exemplos: Relacións Internacionais e Organizacionais, socioloxí­a das organizacións, psicoloxía industrial, ou a investigación operacional que resultou dun conglomerado entre cientí­ficos, enxeñeiros e militares.[4]

c) Interciencias

Son varias, e non se pode establecer calquera tipo de xerarquí­a entre elas. Os exemplos máis pertinentes son a ecoloxí­a, as ciencias cognitivas, a cibernética e as ciencias da complexidade. Neste conxunto hai varias novidades epistemolóxicas, por exemplo en relación ás ciencias cognitivas.[4]

Aplicación na educación

[editar | editar a fonte]

A interdisciplinaridade está presente na educación desde que comezou a ser aplicada na ciencia.

No nivel básico

[editar | editar a fonte]

Moitos proxectos e prácticas teñen sido adoptadas, sobre todo no terceiro e cuarto ciclos e ensino medio, nunha tentativa de superar a fragmentación do coñecemento e crear unha relación entre o coñecemento e a realidade do alumno.

No nivel superior

[editar | editar a fonte]

Hai un destaque maior para a interdisciplinariedade no nivel superior, dadas as cuestións da reforma do ensino superior e o desafí­o de formar profesionais preparados para o mercado laboral.

Na práctica

[editar | editar a fonte]

A interdisciplinariedade é un esforzo de superar a fragmentación do coñecemento, tornar este relacionado coa realidade e os problemas da vida moderna. Moitos esforzo teñen sido feitos neste sentido na educación. Na ciencia, á súa vez, os esforzos están na busca de respostas, imposíbeis cos coñecementos fragmentados dunha única área especializada. A epidemioloxía da SIDA ou quecemento global requiren un enfoque interdisciplinar para resolver problemas complexos.

  1. "Interdisciplinarity: Meanings and consequences". Oxford Research Encyclopedia (en inglés). 
  2. ROCHA FILHO. 2007
  3. P. dos Santos (2014)
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Pombo, Olga (setembro-decembro 2013). "Epistemología de la interdisciplinariedad. La construcción de un nuevo modelo de comprensión" (PDF). Interdisciplina (Universidad Nacional Autónoma de México) I (1): 21–49. ISSN 2448-5705. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 16 de maio de 2012. Consultado o 21 de abril de 2021. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • P. dos Santos, Renato (12 de maio de 2014). "Transdisciplinaridade". fisica-interessante.com. Consultado o 21 de abril de 2021. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]