Katherine Anne Porter
Katherine Anne Porter, nada en Indian Creek o 15 de maio de 1890 e finada en Silver Springs o 18 de setembro de 1980, foi unha xornalista, ensaísta, escritora e activista política estadounidense. A súa novela de 1962 Ship of Fools foi a máis vendida no país ese ano, mais os seus relatos curtos recibiron maior atención crítica.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Katherine Anne Porter naceu en Indian Creek, Texas como Callie Russel Porter, filla de Harrison Boone Porter e Mary Alice (Jones) Porter. Na súa árbore xenealóxica están o explorador Daniel Boone e o escritor O. Henry (William Sydney Porter), primo segundo do seu pai.[1]
En 1892, cando Porter tiña dous anos, a súa nai morreu dous meses despois de dar a luz o seu último fillo. O pai de Porter levou os seus catro fillos sobreviventes (un irmán máis vello morreu na infancia) a vivir coa súa nai, Catherine Ann Porter, en Kyle, Texas. A profundidade da influencia da súa avoa pode inferirse pola posterior adopción por parte de Porter do seu nome. A súa avoa morreu mentres levaba a Callie, que tiña once anos, a visitar uns parentes en Marfa, Texas.
Trala morte da súa avoa, a familia viviu en varios lugares de Texas e Louisiana, quedando con familiares ou vivindo en cuartos alugados. Estudou en varias escolas dependendo de onde vivía a súa familia e durante un ano, en 1904, estudou na Thomas School, escola privada metodista en San Antonio, Texas. Foi a súa única educación formal despois da escola de gramática.
En 1906, con dezaseis anos, Porter marchou da casa e casou con John Henry Koontz en Lufkin, Texas. Ela converteuse á súa relixión, o catolicismo.[2] Koontz, fillo dunha rica familia rancheira de Texas, abusou fisicamente dela. Unha vez, estando bébedo, tirouna polas escaleiras, rompéndolle o nocello. Divorciáronse oficialmente en 1915.[1]
En 1914 fuxiu a Chicago, onde traballou brevemente como extra de cinema. Volveu despois a Texas e traballou no circuíto do entretemento das pequenas vilas como actriz e cantante. En 1915, pediu que o seu nome fose cambiado a Katherine Anne Porter como parte da sentenza de divorcio. Ese mesmo ano diagnosticáronlle tuberculose e pasou os seguintes dous anos en sanatorios, onde decidiu converterse en escritora. Porén, durante esa época descubriuse que tiña bronquite, non tuberculose. En 1917 comezou a escribir para o Critic, de Fort Worth, facendo críticas de obras teatrais e escribindo rumores de sociedade. En 1918, escribiu para Rocky Mountain News en Denver, Colorado. O mesmo ano, estivo a piques de morrer durante a pandemia de gripe. Cando saíu do hospital meses máis tarde, estaba feble e completamente calva. Cando o seu pelo comezou a crecer de novo, era branco e permaneceu desa cor o resto da súa vida.[1] A súa experiencia reflectiuna na súa triloxía de contos Pale Horse, Pale Rider (1939) -en galego, Cabalo baio, xinete pálido-,[3] pola que recibiu a primeira medalla de ouro de literatura da Sociedade de Bibliotecas da Universidade de Nova York (1940).[4]
En 1919, Porter mudouse a Greenwich Village e comezou a escribir contos para nenos e traballos para publicidade dunha compañía cinematográfica. O ano en Nova York tivo nela un efecto de radicalización política e en 1920 marchou a traballar nunha editorial de México, onde se involucrou coa esquerda mexicana, incluído Diego Rivera. Porén, finalmente Porter desilusionouse co movemento revolucionario e os seus líderes. Na década de 1920, tamén se volveu intensamente crítica coa relixión, permanecendo así ata a última década da súa vida, en que volveu á Igrexa Católica.[5]
Entre 1920 e 1930, Porter viaxou entre México e Nova York e comezou a publicar relatos e artigos. O seu primeiro relato publicado foi "Maria Concepcion" en The Century Magazine. En 1930, publicou a súa primeira colección de contos, Flowering Judas and Other Stories. Unha edición expandida desta colección publicouse en 1935 e recibiu tal aclamación crítica que virtualmente lle asegurou un lugar na literatura estadounidense.
En 1926, Porter casou con Ernest Stock e viviu brevemente en Connecticut, do que se divorciou en 1927. Algúns biógrafos suxiren que Porter sufrira varios abortos entre 1910 e 1926, e que tras contraer gonorrea de Stock, fixéranlle unha histerectomía en 1927, rematando coas súas esperanzas de ter un fillo. Porén, as cartas de Porter aos seus amantes, suxiren que tiña menstruación tras esta suposta histerectomía. Como unha vez contou a un amigo, "eu perdín nenos de todas as formas posibles".[6]
Durante as décadas de 1930, 1940 e 1950, Porter gozou dunha destacada reputación como unha das máis distinguidas escritoras dos Estados Unidos, mais as súas limitadas vendas fixeron que vivise de subvencións e adiantos gran parte desta época.[7]
Nos anos trinta, Porter pasou varios anos en Europa durante os que continuou a publicar contos. En 1930 casou co escritor Eugene Pressly. En 1938, tras regresar de Europa, divorciouse de Pressly e casou con Albert Russel Erskine, Jr., estudante de grao. Divorciáronse despois de que el descubrise a verdadeira idade de Porter e vise que tiña vinte anos máis ca el.
Porter converteuse en membro do Instituto Nacional das Artes e as Letras en 1943 e foi residente en varias universidades, incluídas as de Chicago, Míchigan e Virxinia.[8] Entre 1948 e 1958, Porter deu clases na Universidade Stanford, Míchigan, Washington and Lee e Texas, onde a súa maneira pouco convencional de ensinar fíxoa popular entre os alumnos.
Tres das historias de Porter foron adaptadas a dramas radiofónicos no programa do NBC University Theatre. "Noon Wine" converteuse nun drama dunha hora a principios de 1948 e dous anos despois "Flowering Judas" e "Pale Horse, Pale Rider" adaptáronse en dramas de media hora nun episodio dunha hora de duración. A propia Porter apareceu en dúas ocasións na serie facendo comentarios críticos sobre as obras de Rebecca West e Virginia Woolf. Nas décadas de 1950 e 1960 tamén apareceu ocasionalmente na televisión en programas sobre literatura.
Porter publicou a súa única novela, Ship of Fools en 1962, baseado nas súas lembranzas dun cruceiro oceánico que fixera en 1931 dende Vera Cruz, México, a Alemaña. O éxito da novela deulle finalmente seguridade financeira, e vendeu os dereitos para unha adaptación cinematográfica por 500000 dólares. O produtor David O. Selznick arelaba os dereitos, mais United Artists que era a dona, demandouno por 400000 dólares. A novela foi adaptada por Abby Mann, con Stanley Kramer como produtor e director e con Vivien Leigh na súa última interpretación.[N 1]
A pesar da afirmación de Porter de que trala publicación de Ship of Fools non gañaría ningún premio máis nos Estados Unidos, en 1966 recibiu o premio Pulitzer[10] e o U.S. National Book Award[11] por The Collected Stories of Katherine Anne Porter.
En 1977, Porter publicou The Never-Ending Wrong, historia do célebre xuízo e execución de Sacco e Vanzetti, que ela denunciara cincuenta anos antes.
Porter faleceu en Silver Spring, Maryland, o 18 de setembro de 1980, aos 90 anos, e as súas cinzas foron enterradas xunto á súa nai no Indian Creek Cemetery en Texas. En 1990, recoñeceuse o Recorded Texas Historic Landmark número 2905 en Brown County, Texas, para honrar a súa vida e carreira.[12]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ O elenco de Ship of Fools (1965) inclúe a Simone Signoret, José Ferrer, Lee Marvin, Oskar Werner, Michael Dunn Dunn, Elizabeth Ashley, George Segal, José Greco e Heinz Rühmann.[9]
- Referencias
- ↑ 1,0 1,1 1,2 Johnston, Laurie. "Katherine Anne Porter Dies at 90; Won a Pulitzer for Short Stories". The New York Times, 19 de setembro de 1980. Requírese subscrición
- ↑ Unrue 2005, páx. 45.
- ↑ Recarey Rendo, Celia. "Cabalo baio, xinete pálido". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2023-05-11.
- ↑ Lavers, Norman. "Katherine Anne Porter." Critical Survey Of Long Fiction, Fourth Edition (2010): 1. Biography Reference Center. Web. 4 de abril de 2014.
- ↑ Unrue 2005, pp.xv-xx (contains a Katherine Anne Porter chronology).
- ↑ Unrue 2005, pp. 14, 86.
- ↑ "Obituary: Katherine Anne Porter." Variety, 24 de setembro de 1980.
- ↑ Hathcock, Barrett. "Katherine Anne Porter." Katherine Anne Porter (2005): 1. Biography Reference Center. Web. 4 Apr. 2014.
- ↑ Steinberg, Jay. "Articles: Ship of Fools." Turner Classic Movies. Consultado o 11 de outubro de 2013.
- ↑ "Fiction." The Pulitzer Prizes: Past winners & finalists by category. Consultado o 30 de marzo de 2012.
- ↑ "National Book Awards, 1966." National Book Foundation. Consultado o 30 de marzo de 2012. With acceptance speech by Porter and essays by Mary Gaitskill and H.L. Hix from the Awards 60-year anniversary blog.
- ↑ "THC-Katherine Anne Porter". Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine. Recorded Texas Historic Landmark (Texas Historical Commission). Consultado o 22 de febreiro de 2011.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Katherine Anne Porter |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Givner, Joan. Katherine Anne Porter: A Life. Athens, Georgia: University of Georgia Press, 1991, First edition 1982. ISBN 978-0-8203-1340-5.
- Hardwick, Elisabeth. "What she was and what she felt like." The New York Times, 7 de novembro de 1982. Consultado o 18 de novembro de 2011.
- Nance, William L. Katherine Anne Porter and the Art of Rejection. Chapel Hill, North Carolina: University of North Carolina Press, 1963. OCLC 184906
- Tanner, James Thomas Fontenot, PhD. The Texas Legacy of Katherine Anne Porter Texas Writers Series (Book 3). Denton, Texas: University of North Texas Press, 1991. ISBN 978-0-929398-22-8.
- Unrue, Darlene Harbour. Katherine Anne Porter Remembered. Tuscaloosa, Alabama: University of Alabama Press, 2010. ISBN 978-0-8173-1667-9.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Papers of Katherine Anne Porter housed at Hornbake Library, University of Maryland Libraries
- Barbara Thompson Davis (inverno–primavera de 1963). "Katherine Anne Porter, The Art of Fiction No. 29". The Paris Review.
- Brief biography at Perspectives in American LiteratureArquivado 08 de febreiro de 2013 en Wayback Machine.
- Katherine Anne Porter at American Masters (PBS)
- Photos of the first edition of Porter's Pulitzer Prize winning book
- Official site of Porter's childhood home in Kyle, TX
- Stuart Wright Collection: Katherine Anne Porter Papers (#1169-009), East Carolina Manuscript Collection, J. Y. Joyner Library, East Carolina University