La Gomera
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Illas Canarias | ||||
Provincia | Provincia de Santa Cruz de Tenerife | ||||
Capital | San Sebastián de la Gomera | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 21.153 (57,17 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 370 km² | ||||
Bañado por | Océano Atlántico | ||||
Altitude | 1.484 m | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
Código NUTS | ES706 | ||||
Sitio web | lagomera.es |
La Gomera é unha das oito illas principais que forman o arquipélago de Canarias (España), situado no océano Atlántico fronte ás costas africanas. Pertence á provincia de Santa Cruz de Tenerife, o grupo máis occidental de illas. A súa capital é San Sebastián de la Gomera, onde se sitúa a sede do Cabido Insular. É Reserva da Biosfera desde o ano 2012.
Descrición
[editar | editar a fonte]La Gomera ten unha superficie de 369,76 km² e o seu punto máis alto é o Garajonay, con 1.487 m de altitude. Ten uns 12 millóns de anos de antigüidade. Tamén é coñecida La Gomera como a illa colombina, porque foi lugar de avituallamento de Cristovo Colón antes de partir ao Novo Mundo.
A poboación da illa é de 21.503 habitantes (INE, xaneiro de 2019). Nos anos 50 chegou a ter ao redor duns 30.000 habitantes.
A illa conta co Parque Nacional de Garajonay, creado en 1981 e posteriormente declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Alberga unha xoia natural propia do Terciario, o bosque de laurisilva. Está formado por unha gran variedade de árbores que conservan a súa follaxe durante todo o ano, de carácter subtropical, directamente relacionado cunha elevada humidade e temperaturas suaves. Nel pódense atopar faias, uces, loureiros, fentos etc. A zona vese afectada polos ventos alisios, que xeran o chamado mar de nubes, polo que a condensación do vapor de auga nas follas das árbores (choiva horizontal) eleva de xeito considerable a cantidade de auga no terreo. O Parque pode percorrerse facilmente grazas aos numerosos carreiros que o atravesan.
Outros espazos naturais protexidos son a Reserva Natural Integral de Benchijigua, a Reserva Natural Especial de Puntallana, o Parque Natural de Majona, o Parque Rural de Valle Gran Rey e a Paisaxe Protexida de Orone, entre outros.
A illa conta con centos de endemismos vexetais e animais, que fan que sexa rica en biodiversidade e natureza. Entre os endemismos animais de La Gomera destaca o lagarto xigante de La Gomera (Gallotia bravoana), posiblemente un dos vertebrados máis ameazados do mundo. Só se coñecen uns poucos exemplares nun penedo de difícil acceso. O goberno canario elaborou un plan para a súa recuperación.
La Gomera, igual có resto das Canarias, é unha illa volcánica, pero os episodios deste tipo poden considerarse extintos nela, xa que os últimos datan de hai uns dous millóns de anos. Debido a esta falta de erupcións en época recente, a erosión da auga trazou numerosos barrancos e prominentes cantís na costa. Exemplo diso é o espazo natural protexido de Los Órganos, no norte da illa.
A economía baseouse ao longo da historia na agricultura e no sector primario en xeral. A agricultura tivo unha dobre vertente: por unha banda, o autoabastecemento (as hortalizas), e pola outra, a exportación (o plátano). Cunha superficie a priori non propicia para esta actividade, o cultivo foi posible grazas ós socalcos construídos no terreo e á rede de canles e sistemas de rega.
Nos últimos anos o desenvolvemento económico orientouse cara ao turismo. Os núcleos turísticos emerxentes son Valle Gran Rey, Playa Santiago e San Sebastián de la Gomera.
O aeroporto de La Gomera está situado ao sur da illa no termo municipal de Alajeró.
Municipios
[editar | editar a fonte]A illa está dividida en 6 municipios:
Historia
[editar | editar a fonte]Primeiros poboadores
[editar | editar a fonte]Hai moitas teorías sobre a procedencia do nome "Gomera". Algunhas destas teorías non teñen ningún rigor nin fundamento, como a que di que o seu nome provén de Gomer, neto de Noé. A teoría máis avalada é que o nome está relacionado coas tribos homónimas do norte de Marrocos (en castelán tamén existe o Peñón de Vélez da Gomera e outros). Estas tribos eran agrícolas e descoñecían a navegación, ao igual que os oriúndos da illa, co cal pénsase que puideron ser levados xacando por algún pobo de navegantes.
O nome de Gomera aparece por primeira vez no libro "O coñecemento dos Reinos do Mundo" (circa 1350), obra atribuída a un frade aragonés que se cre que castelanizou os topónimos que utilizaban os cartógrafos mallorquinos na designación das illas. O primeiro mapa no que aparece a illa e mailo seu topónimo é o Atlas de Cresques, de 1375.
En Mallorca, o castelo do Temple foi levantado sobre un xardín musulmán de nome Almunia Gumera. Cos anos recibiu o nome de Fortaleza Gomera e quedaba no límite nordés do call xudeu, de xeito que a muralla da Fortaleza Gomera era o límite do call. Nese límite, Abraham Cresques, coautor do devandito Atlas, tiña a súa vivenda. O Peñón de Vélez da Gomera foi conquistado por Castela para os seus dominios en 1508.
A illa estaba poboada polos gomeros ou gomeritas, indíxenas da illa. Deles consérvanse varias tradicións, pero a máis famosa é a linguaxe dos silbos (ou asubío gomero), unha forma de comunicación para superar as limitacións da accidentada orografía.
Ao comezar a conquista, a illa atopábase dividida en catro cantóns: Mulagua, Hipalan, Orone e Agana,que se corresponden cos grandes vales de Hermigua, San Sebastián, Valle Gran Rey e Vallehermoso, respectivamente.
A Conquista e o Señorío de La Gomera
[editar | editar a fonte]Dise que La Gomera nunca foi conquistada, senón que ao longo dos anos, cando os novos poboadores europeos foron establecéndose na illa, os aborixes recoñeceron a súa autoridade.
Os gomeros foron un pobo "inconformista" e "rebelde" que se levantaba cada vez que se cometía un atropelo ou unha inxustiza cara ao seu pobo. Esta illa, do mesmo xeito que El Hierro, Lanzarote e Fuerteventura, estaba baixo un señorío, que durou ata principios do século XIX, a diferenza do reguengo no que estaban as illas de La Palma, Tenerife e Gran Canaria. O señorío de La Gomera está relacionado coa familia Peraza e caracterizouse pola súa crueldade e pola súa tiranía.
Hernán Peraza "o Vello" establécese en La Gomera. Debido á morte do seu fillo Guillén Peraza nunha incursión en La Palma, sucédelle Diego de Herrera, marido de Inés Peraza. E á súa morte, o señorío foi repartido entre parte dos seus fillos. La Gomera e El Hierro corresponderon a Hernán Peraza "o Mozo". Iníciase entón un período de significativa violencia, tanto pola gran represión contra o pobo indíxena como as vinganzas cara a outros conquistadores.
A morte de Juan Rejón a mans de Hernán Peraza por vellas rifas fai que sexa chamado á Corte dos Reis Católicos. Finalmente sálvase de calquera xuízo, pero é obrigado a casar con Beatriz de Bobadilla. Debido a unha revolta dos gomeros, as elites refúxianse na Torre do Conde e piden axuda a Pedro de Vera, que con gran crueldade asasina a gran número de rebeldes e leva para Gran Canaria máis de douscentos gomeros como escravos.
Posteriormente Hernán Peraza namórase de Iballa, unha indíxena gomera, e nun dos seus encontros amorosos é asasinado por Hupalupo, pai de Iballa, e por Hautacuperche. Logo da súa morte o pobo levantouse de novo en contra do señorío. Pedro de Vera acudiu outra vez en axuda de Beatriz de Bobadilla e fuxiron os gomeros aos cumes. Pedro de Vera quixo vingarse arteiramente e publicou un bando polo que calquera gomero que non acudise ás honras fúnebres de Hernán Peraza, sería acusado de cómplice e traidor. Así mesmo indultaría a aqueles que acudisen. Os que acudiron ao funeral na Vila foron inmediatamente cativados, así como tamén se apresou algúns que permaneceron nos cumes. Ordenouse condenar á morte a tódolos indíxenas maiores de 15 anos, aínda que esta medida non se executou completamente. Non satisfeito cos asasinatos, á súa chegada a Gran Canaria, ordenou axustizar a tódolos gomeros que se atopaban naquela illa e exportou como escravos a gran parte de nenos e mulleres, cara á Península ou cara ás outras illas. Posteriormente, moitos dos que foran deportados como escravos regresaron á illa de La Gomera.
Uns anos máis tarde, La Gomera entra nos libros de historia como a última terra pisada por Cristovo Colón antes de chegar a América, na súa primeira viaxe. O lugar onde se aloxou é agora un museo. .
Clima
[editar | editar a fonte]O clima de La Gomera non difire en gran medida das condicións meteorolóxicas das demais illas occidentais. As zonas altas da illa reciben máis choivas cás zonas costeiras, o mesmo que ocorre na zona norte con respecto á zona sur. As temperaturas mantéñense estables durante todo o ano, cos rexistros máis altos durante o verán. O fenómeno da choiva horizontal ten moita importancia no Parque Nacional de Garajonay, onde se deposita a auga contida nas brumas creando un mesto bosque de laurisilva.
Táboa climatolóxica de La Gomera
Datos climáticos | Xaneiro | Febreiro | Marzo | Abril | Maio | Xuño | Xullo | Agosto | Setembro | Outubro | Novembro | Decembro |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Temperatura diúrna | 21 | 21 | 22 | 23 | 24 | 25 | 27 | 29 | 28 | 26 | 24 | 22 |
Temperatura nocturna | 15 | 15 | 15 | 16 | 17 | 18 | 20 | 21 | 20 | 19 | 18 | 16 |
Horas de sol ao día | 6 | 6 | 7 | 8 | 9 | 9 | 9 | 9 | 8 | 7 | 6 | 5 |
Días de choiva/mes | 6 | 4 | 3 | 2 | 2 | 1 | 0 | 0 | 2 | 5 | 6 | 7 |
Temperatura da auga | 19 | 18 | 18 | 18 | 19 | 20 | 21 | 22 | 23 | 23 | 21 | 20 |
Economía
[editar | editar a fonte]Nas zonas chairas contiguas á costa predomina o cultivo de plátanos, papaia, manga e aguacate. Porén, a produción é pequena, de tipo familiar, e dedícase ao autoabastecemento da illa. Nas abas das montañas e barrancos, os cultivos realízanse en socalcos. Basicamente plántanse patacas (chamadas localmente papas) e algunhas hortalizas. A gandaría da illa componse de cabras, polo que o queixo, fresco e curado, elaborado aínda de forma artesanal, é outro dos produtos gastronómicos típicos da illa.
A economía de La Gomera baséase no turismo, especialmente no rural. O sendeirismo, excursionismo, pesca e ciclismo de montaña son os deportes máis practicados polos turistas na illa. Malia carecer de grandes centros turísticos, desde o Cabido leváronse a cabo unha serie de programas para restaurar casas antigas e convertelas en pequenos hoteis rurais.
Infraestruturas
[editar | editar a fonte]En 1999 inaugurouse o aeroporto de La Gomera, preto da localidade de Playa Santiago, no municipio de Alajeró. A pista de aterraxe é demasiado pequena, polo que non poden operar voos chárter e é só utilizada para conexións insulares. A compañía Binter Canarias realiza diariamente dous voos desde os aeroportos de Tenerife Norte e Gran Canaria.
Xeralmente accédese a La Gomera por barco. Tres compañías realizan conexións regulares desde a illa ao Porto de Los Cristianos no sur de Tenerife. Fred Olsen Express realiza unha travesía duns 45 minutos de duración, desde San Sebastián de la Gomera. Pola súa banda, Naviera Armas actualizou a súa frota e opera cun barco de recente construción que tarda uns 50 minutos en cubrir o traxecto entre o Porto de Los Cristianos e o de San Sebastián. Ambas as compañías permiten o transporte de vehículos. Tamén existe conexión directa con La Palma.
A rede de estradas da illa conecta tódalas poboacións. Existe un servizo regular de guaguas que conecta San Sebastián de la Gomera con tódalas localidades. Con todo, a frecuencia é escasa e é difícil moverse dun núcleo a outro utilizando este medio de transporte.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: La Gomera |
- Turismo-Cabido de La Gomera Arquivado 14 de febreiro de 2020 en Wayback Machine. (en castelán)
- La Gomera - Web Oficial de Turismo de Canarias (en castelán)