Larry Bird
Larry Joe Bird, nado o 7 de decembro de 1956 en West Baden Springs, Indiana, é un ex xogador de baloncesto estadounidense da National Basketball Association (NBA). Drafteado no sexto posto da primeira rolda polos Boston Celtics en 1978, Bird xogou na franquía de Massachusetts como ala e ala-pivote durante trece tempadas, facendo equipo co lendario pivote Robert Parish e co ala Kevin McHale. Debido a problemas de costas, retirouse como xogador da NBA en 1992.
Bird foi votado como uns dos "cincuenta mellores xogadores da historia da NBA" en 1996 e admitido no Basketball Hall of Fame en 1998. Despois da súa retirada como xogador, e tras conseguir a medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Barcelona 1992 co lendario "Dream Team", continuou como adestrador dos Indiana Pacers, dende 1997 até 2000. Desde 2003 é o presidente de operacións de baloncesto para dos Indiana Pacers da NBA.
Comezos
[editar | editar a fonte]Bird naceu en West Baden Springs, Indiana, fillo de Georgia Kerns e Claude Joseph "Joe" Bird.[1] Creceu dacabalo do seu pobo natal e a veciña localidade de French Lick, polo que se gañou o alcume de "the Hick from French Lick" (do inglés: o paifoco de French Lick). Os problemas económicos sacudiron á familia Bird durante toda a súa infancia. Nunha entrevista concedida a Sports Illustrated en 1988 lembrou como a súa nai facía fronte a estes problemas:
Se tiña unha débeda co banco e nós necesitabamos zapatos, ela conseguía os zapatos, e entón negociaba cos tipos do banco. Non quero dicir que non pagase as súas débedas, pero os seus fillos eramos sempre o primeiro.[2]
En ocasións Larry era enviado a vivir cos seus avós debido ás dificultades familiares. O ser pobre na infancia, supón unha motivación hoxe en día, dixo á revista norteamericana.[2] As dificultades da familia Bird incrementáronse debido ao alcoholismo e as dificultades persoais de Joe Bird. En 1975, tras consumarse o divorcio, o seu pai suicidouse cun arma de fogo. Larry, de 18 anos, non soltou unha bágoa.[3] A pesar das desgrazas domésticas, no seu segundo ano no instituto Springs Valley, chegou a ser un dos mellores xogadores de French Lick, deixando o instituto sendo o máximo anotador da historia do centro. O seu retrato colga na escola, situada actualmente na rúa Larry Bird Boulevard da devandita localidade.
Traxectoria deportiva
[editar | editar a fonte]Universidade
[editar | editar a fonte]Os tres anos que foi universitario estiveron a piques de transcorrer na prestixiosa Universidade de Indiana, que naquel momento posuía o mellor programa de baloncesto do país, dirixido polo mítico Bobby Knight, mais a magnitude da institución atafegou tanto a Bird que regresou á súa vila natal, onde traballou en varios oficios ata que por fin se enrolou nas filas da máis pequena Universidade de Indiana State. A súa traxectoria foi espectacular: levou ao seu equipo á final da NCAA contra a Universidade de Michigan State, onde por aquel entón brillaba con luz propia un mozo chamado Magic Johnson.[4] A nivel individual, gañou varios premios, como o prestixioso "Naismith Award", é dicir mellor xogador da NCAA, tamén foi elixido Xogador do Ano pola coñecida revista deportiva Sporting News e formou parte en dúas ocasións do mellor quinteto nacional. Na súa etapa na universidade tivo unha media de 30,3 puntos (quinta mellor marca da historia da NCAA), 13,3 rebotes e 4,3 asistencias por partido.
Profesional
[editar | editar a fonte]1979-1981: Impacto inmediato
[editar | editar a fonte]Foi escollido polos Boston Celtics no Draft da NBA de 1978 en sexto lugar, no que foi unha nova xogada mestra de Red Auerbach ao aproveitar que o seu breve paso pola Universidade de Indiana facíao elixible un ano antes de terminar o seu periplo en Indiana State, e draftealo así adiantándose aos demais equipos. A cambio, Auerbach tivo que esperar un ano para contar co xogador, xa que os seus intentos de convencelo para deixar a universidade inmediatamente non tiveron froito. Bird asinou entón un contrato por 650.000 dólares anuais, cifra marca para un "rookie" (xogador novato). Pouco despois, as normas cambiarían para que os equipos non puidesen elixir a xogadores que non estivesen preparados para dar o salto á liga profesional.
O impacto de Larry Bird nos Celtics foi inmediato. O equipo viña dunha marca negativa de 29 vitorias e 53 derrotas na tempada 1978-79, mentres que ao ano seguinte lograron 61 vitorias e 21 derrotas, acabando como o equipo con mellor porcentaxe de partidos gañados. O seu gran rival na universidade, Magic Johnson, pasou a profesionais ese mesmo ano con Los Angeles Lakers, co cal tivo unha tremenda rivalidade para facerse co premio de Rookie do Ano, que finalmente recibiría o de Indiana. Foi elixido tamén para o All-Star Game desa tempada, algo que se repetiría nos seus 12 anos como profesional. Ademais, liderou aos Celtics en anotación (21,3 puntos por partido), rebotes (10,4), número de roubos (143) e minutos xogados (2.955), sendo segundo en asistencias (4,5) e tiros de tres puntos (58).[5] Aínda que o seu equipo caeu nas finais da Conferencia Leste ante Philadelphia 76ers, confirmouse que o equipo de Boston tiña un espazo reservado para futuros días de gloria.
Ao ano seguinte os Celtics faríanse cos servizos do pivote Robert Parish e a terceira elección do draft de 1980, nunha transacción con Golden State Warriors, que a cambio recibiron a opción da primeira e a treceava elección do draft. Despois de que os Warriors elixisen a Joe Barry Carroll e os Utah Jazz a Darrell Griffith en segundo lugar, os Celtics elixiron o ala-pivote da Universidade de Minnesota Kevin McHale.[6] Con Bird como ala, as incorporacións de Parish e McHale déronlle a Boston unha das mellores frontcourts da liga. O tres formarían a base duns Celtics destinados a altas cotas. Na súa segunda tempada Bird levou ao seu equipo de novo aos playoffs, onde de novo se atoparían cos Philadelphia 76ers de Julius Erving na final de conferencia. Tras salvar un 3-1 en contra, os Celtics meteríanse na final, onde derrotarían aos Houston Rockets, sendo o primeiro título dos tres que Bird conseguiría ao longo da súa carreira.[7]
1982-1987: Bird vs Magic
[editar | editar a fonte]A chegada de Bird e Johnson rexuveneceu a NBA, unha liga en horas baixas debido aos seus preocupantes índices de audiencia nas televisións. A rivalidade entre ambos, a cal viña desde as súas épocas universitarias, prolongouse no ámbito profesional, levando aos seus equipos todo o máis alto. Así, mentres Bird conseguía o título en 1980, Magic facía o propio en 1980 e 1982. Ao longo das súas respectivas carreiras profesionais xuntáronse en tres finais máis. A rivalidade entre ambos os xogadores chegou a ser unha das máis relevantes da historia do deporte profesional estadounidense.[8] En 1984 os Celtics bateron aos Lakers no sétimo e definitivo partido da final, gañando 111-102.[9] Bird tivo unha media de 27 puntos e 14 rebotes durante as series, gañándose con suor o premio de MVP das finais. Foi tamén nomeado MVP da liga regular. En 1985 repetiuse a final, pero esta vez foron os Lakers os que levaron o gato á auga en seis partidos. De tódolos xeitos, Bird volveu ser nomeado MVP da tempada.[10]
Ao ano seguinte os Celtics volverían completar unha gran tempada, coa axuda doutro membro do Basketball Hall of Fame, Bill Walton. Tras ser rexeitado polos Lakers, e como última opción, chamou ao "general manager" de Boston Red Auerbach. Este en principio tivo reticencias para correr riscos fichando a Walton, cun amplo historial de lesións, pero Bird, que casualmente estaba na oficina de Auerbach no momento da chamada, pediu fichalo, argumentando que se "Walton sente que ten a suficiente saúde para xogar, é todo o que necesito oir".[11] Con Walton dando minutos de descanso a McHale e Parish, os Celtics regresarían ás Finais de 1986, aínda que esta vez non se enfrontarían aos Lakers, que foran derrotados na final da Conferencia Oeste por Houston Rockets. Os Celtics de 1986, que acabaron a tempada regular cun balance de 67 vitorias por tan só 15 derrotas, están considerados o mellor da Era Bird, e un dos "10 mellores da historia da NBA".[12] Bird foi novamente nomeado MVP das finais, tras ter unha media de triplo-dobre nas series: 24 puntos, 10 rebotes e 10 asistencias.[13] Conseguiu ademais o seu terceiro MVP da NBA consecutivo, igualando aos dous grandes pivotes dominantes dos anos 60, Bill Russell e Wilt Chamberlain, os únicos que conseguiran en tres ocasións consecutivas esta distinción.[14] En 1987 os Celtics farían a súa última aparición nas Finais da era Bird, pasando as series previas non sen dificultades ante Milwaukee Bucks e Detroit Pistons, pero alcanzando a rolda final. Cunha praga de lesións, caeron ante os Lakers, que dominaran a fase regular con 65 vitorias, en 6 partidos.[15] Ao ano seguinte os Celtics perderon ante os Pistons na final da Conferencia Leste.
Bird e Johnson conseguiron oito títulos entre os dous nos anos 80, cinco Magic e tres Larry. En tódalas finais da década sempre apareceron os Celtics, os Lakers ou ambos. A súa rivalidade foi tal que se produciron unhas enormes audiencias de televisión nos seus enfrontamentos. Dende a rivalidade de Chamberlain e Russell nos anos 60, ningunha atraera máis ao público. O contraste de estilos de xogo entre ambos e os seus equipos parecía sacado dun guión de televisión: o mozo branco introvertido dunha pequena cidade xogando nun equipo rochoso e práctico ante o espectáculo do atleta de cor dirixindo a un equipo caracterizado polo Showtime. Un anuncio para a televisión da marca Converse reflectiu á perfección a dicotomía entre ambos os xogadores: mentres Bird aparecía xogando nunha pequena cancha rural, Johnson baixábase dunha limusina para enfrontarse nun un contra un. Ademais de neste, apareceron xuntos en varios anuncios máis da mesma marca.[16] A pesar da intensidade da rivalidade, Bird e Johnson chegaron a ser amigos fóra dos terreos de xogo. Magic apareceu na cerimonia de homenaxe a Bird na súa retirada, o 4 de febreiro de 1993, describindo con emoción ao de Boston como un amigo para toda a vida.[17] [18] [19]
1988-1992: Retirada no cumio
[editar | editar a fonte]Cadro de medallas | |||
---|---|---|---|
Baloncesto | |||
Xogos Olímpicos | |||
Barcelona 1992 | Estados Unidos | ||
Campionato FIBA Américas | |||
Portland 1992 | Estados Unidos |
En 1988, Bird tivo a súa mellor tempada estatisticamente falando, cunha media de 29,9 puntos, 9,3 rebotes e 6,7 asistencias por partido,[20] mais por primeira vez en catro anos os Celtics non conseguiron chegar á final, caendo en seis partidos ante Detroit Pistons nas Finais da Conferencia Leste.[21] Bird comezou a tempada 1988-89, mais terminouna tras disputar soamente seis partidos. Unha grave lesión nos seus talóns fíxolle pasar polo quirófano, perdéndose o resto da tempada.[22] Regresou ao ano seguinte, mais con problemas de costas, e cuns Celtics cun cadro cada vez máis envellecido. A pesar de todo iso, Bird mantivo o seu status de xogador de primeira liña. Nos seu tres últimos anos como profesional tivo unha media de 20 puntos, 9 rebotes e 7 asistencias por partido, anotando máis do 45% de tiros de campo e liderando ao seu equipo en todas as súas aparicións en playoffs.[20]
Bird participou tamén na selección nacional de Estados Unidos nos Xogos Olímpicos de Barcelona 92, equipo que foi máis coñecido como o Dream Team, por contar entre os seus xogadores, á parte do propio Bird con outros grandes xogadores da historia da NBA, como Charles Barkley, Michael Jordan, Scottie Pippen e Magic Johnson. Era a primeira vez que os Estados Unidos enviaba un equipo composto de xogadores profesionais. Tras eses Xogos Olímpicos Bird retirouse debido a unha lesión nos nervios das súas costas. Atrás deixou unhas estatísticas de máis de 24 puntos, 10 rebotes e 6 asistencias por partido. A súa camiseta co número 33 foi rapidamente retirada polo seu equipo como homenaxe a toda a súa carreira.
Estadísticas
[editar | editar a fonte]Temporada regular
[editar | editar a fonte]Temp. | Idade | Equipo | Liga | P | TIT | MIN | TC | TCA | %TC | 3P | 3PA | %3P | TL | TLA | %TL | R.OF. | R.DEF. | REB | ASIS | ROU | TAP | PER | FP | PTS |
1979-80 | 23 | Boston | NBA | 82 | 82 | 36,0 | 8,5 | 17,8 | ,474 | 0,7 | 1,7 | ,406 | 3,7 | 4,4 | ,836 | 2,6 | 7,8 | 10,4 | 4,5 | 1,7 | 0,6 | 3,2 | 3,4 | 21,3 |
1980-81 | 24 | Boston | NBA | 82 | 82 | 39,5 | 8,8 | 18,3 | ,478 | 0,2 | 0,9 | ,270 | 3,5 | 4,0 | ,863 | 2,3 | 8,6 | 10,9 | 5,5 | 2,0 | 0,8 | 3,5 | 2,9 | 21,2 |
1981-82 | 25 | Boston | NBA | 77 | 58 | 38,0 | 9,2 | 18,4 | ,503 | 0,1 | 0,7 | ,212 | 4,3 | 4,9 | ,863 | 2,6 | 8,3 | 10,9 | 5,8 | 1,9 | 0,9 | 3,3 | 3,2 | 22,9 |
1982-83 | 26 | Boston | NBA | 79 | 79 | 37,7 | 9,5 | 18,7 | ,504 | 0,3 | 1,0 | ,286 | 4,4 | 5,3 | ,840 | 2,4 | 8,6 | 11,0 | 5,8 | 1,9 | 0,9 | 3,0 | 2,5 | 23,6 |
1983-84 | 27 | Boston | NBA | 79 | 77 | 38,3 | 9,6 | 19,5 | ,492 | 0,2 | 0,9 | ,247 | 4,7 | 5,3 | ,888 | 2,3 | 7,8 | 10,1 | 6,6 | 1,8 | 0,9 | 3,0 | 2,5 | 24,2 |
1984-85 | 28 | Boston | NBA | 80 | 77 | 39,5 | 11,5 | 22,0 | ,522 | 0,7 | 1,6 | ,427 | 5,0 | 5,7 | ,882 | 2,1 | 8,5 | 10,5 | 6,6 | 1,6 | 1,2 | 3,1 | 2,6 | 28,7 |
1985-86 | 29 | Boston | NBA | 82 | 81 | 38,0 | 9,7 | 19,6 | ,496 | 1,0 | 2,4 | ,423 | 5,4 | 6,0 | ,896 | 2,3 | 7,5 | 9,8 | 6,8 | 2,0 | 0,6 | 3,2 | 2,2 | 25,8 |
1986-87 | 30 | Boston | NBA | 74 | 73 | 40,6 | 10,6 | 20,2 | ,525 | 1,2 | 3,0 | ,400 | 5,6 | 6,1 | ,910 | 1,7 | 7,5 | 9,2 | 7,6 | 1,8 | 0,9 | 3,2 | 2,5 | 28,1 |
1987-88 | 31 | Boston | NBA | 76 | 75 | 39,0 | 11,6 | 22,0 | ,527 | 1,3 | 3,1 | ,414 | 5,5 | 6,0 | ,916 | 1,4 | 7,8 | 9,3 | 6,1 | 1,6 | 0,8 | 2,8 | 2,1 | 29,9 |
1988-89 | 32 | Boston | NBA | 6 | 6 | 31,5 | 8,2 | 17,3 | ,471 | 0,0 | 0,0 | 3,0 | 3,2 | ,947 | 0,2 | 6,0 | 6,2 | 4,8 | 1,0 | 0,8 | 1,8 | 3,0 | 19,3 | |
1989-90 | 33 | Boston | NBA | 75 | 75 | 39,3 | 9,6 | 20,2 | ,473 | 0,9 | 2,6 | ,333 | 4,3 | 4,6 | ,930 | 1,2 | 8,3 | 9,5 | 7,5 | 1,4 | 0,8 | 3,2 | 2,3 | 24,3 |
1990-91 | 34 | Boston | NBA | 60 | 60 | 38,0 | 7,7 | 17,0 | ,454 | 1,3 | 3,3 | ,389 | 2,7 | 3,1 | ,891 | 0,9 | 7,6 | 8,5 | 7,2 | 1,8 | 1,0 | 3,1 | 2,0 | 19,4 |
1991-92 | 35 | Boston | NBA | 45 | 45 | 36,9 | 7,8 | 16,8 | ,466 | 1,2 | 2,8 | ,406 | 3,3 | 3,6 | ,926 | 1,0 | 8,6 | 9,6 | 6,8 | 0,9 | 0,7 | 2,8 | 1,8 | 20,2 |
Total | NBA | 897 | 870 | 38,4 | 9,6 | 19,3 | ,496 | 0,7 | 1,9 | ,376 | 4,4 | 5,0 | ,886 | 2,0 | 8,0 | 10,0 | 6,3 | 1,7 | 0,8 | 3,1 | 2,5 | 24,3 |
Playoffs
[editar | editar a fonte]Temp. | Idade | Equipo | Liga | P | MIN | TCA | TC | 3PA | 3P | TLA | TL | R.OF. | REB | ASIS | ROU | TAP | PER | FP | PTS | %TC | %3P | %FT | MIN | PTS | REB | AST |
1980 | 23 | Boston | NBA | 9 | 372 | 83 | 177 | 4 | 15 | 22 | 25 | 22 | 101 | 42 | 14 | 8 | 33 | 30 | 192 | ,469 | ,267 | ,880 | 41,3 | 21,3 | 11,2 | 4,7 |
1981 | 24 | Boston | NBA | 17 | 750 | 147 | 313 | 3 | 8 | 76 | 85 | 49 | 238 | 103 | 39 | 17 | 62 | 53 | 373 | ,470 | ,375 | ,894 | 44,1 | 21,9 | 14,0 | 6,1 |
1982 | 25 | Boston | NBA | 12 | 490 | 88 | 206 | 1 | 6 | 37 | 45 | 33 | 150 | 67 | 23 | 17 | 38 | 43 | 214 | ,427 | ,167 | ,822 | 40,8 | 17,8 | 12,5 | 5,6 |
1983 | 26 | Boston | NBA | 6 | 240 | 49 | 116 | 1 | 4 | 24 | 29 | 20 | 75 | 41 | 13 | 3 | 19 | 15 | 123 | ,422 | ,250 | ,828 | 40,0 | 20,5 | 12,5 | 6,8 |
1984 | 27 | Boston | NBA | 23 | 961 | 229 | 437 | 7 | 17 | 167 | 190 | 62 | 252 | 136 | 54 | 27 | 87 | 71 | 632 | ,524 | ,412 | ,879 | 41,8 | 27,5 | 11,0 | 5,9 |
1985 | 28 | Boston | NBA | 20 | 815 | 196 | 425 | 7 | 25 | 121 | 136 | 53 | 182 | 115 | 34 | 19 | 57 | 54 | 520 | ,461 | ,280 | ,890 | 40,8 | 26,0 | 9,1 | 5,8 |
1986 | 29 | Boston | NBA | 18 | 770 | 171 | 331 | 23 | 56 | 101 | 109 | 34 | 168 | 148 | 37 | 11 | 47 | 55 | 466 | ,517 | ,411 | ,927 | 42,8 | 25,9 | 9,3 | 8,2 |
1987 | 30 | Boston | NBA | 23 | 1015 | 216 | 454 | 14 | 41 | 176 | 193 | 41 | 231 | 165 | 27 | 19 | 71 | 55 | 622 | ,476 | ,341 | ,912 | 44,1 | 27,0 | 10,0 | 7,2 |
1988 | 31 | Boston | NBA | 17 | 763 | 152 | 338 | 12 | 32 | 101 | 113 | 29 | 150 | 115 | 36 | 14 | 49 | 45 | 417 | ,450 | ,375 | ,894 | 44,9 | 24,5 | 8,8 | 6,8 |
1990 | 33 | Boston | NBA | 5 | 207 | 44 | 99 | 5 | 19 | 29 | 32 | 7 | 46 | 44 | 5 | 5 | 18 | 10 | 122 | ,444 | ,263 | ,906 | 41,4 | 24,4 | 9,2 | 8,8 |
1991 | 34 | Boston | NBA | 10 | 396 | 62 | 152 | 3 | 21 | 44 | 51 | 8 | 72 | 65 | 13 | 3 | 19 | 28 | 171 | ,408 | ,143 | ,863 | 39,6 | 17,1 | 7,2 | 6,5 |
1992 | 35 | Boston | NBA | 4 | 107 | 21 | 42 | 0 | 5 | 3 | 4 | 2 | 18 | 21 | 1 | 2 | 6 | 7 | 45 | ,500 | ,000 | ,750 | 26,8 | 11,3 | 4,5 | 5,3 |
Total | NBA | 164 | 6886 | 1458 | 3090 | 80 | 249 | 901 | 1012 | 360 | 1683 | 1062 | 296 | 145 | 506 | 466 | 3897 | ,472 | ,321 | ,890 | 42,0 | 23,8 | 10,3 | 6,5 |
- Nota: En negra, mellor marca da competición.
- Nota: En fondo verde, ano no que gaña o anel de campión.
Carreira na NBA tras a súa retirada
[editar | editar a fonte]Nada máis finalizar a súa carreira como xogador, os Celtics contrataron a Bird como un asistente especial do equipo nas oficinas do club, cargo que mantivo entre 1992 e 1997. Ese ano aceptou o posto de adestrador de Indiana Pacers, a pesar de non ter experiencia previa. En tres tempadas como técnico tivo unha marca de 147 vitorias contra 67 derrotas. Na súa primeira tempada gañou o premio de Adestrador do Ano da NBA, chegando o ano 2000 ás finais da NBA.
Bird renunciou como adestrador despois dunha aparición nas Finais da NBA do ano 2000, aínda que en 2003 volveu asinar co equipo de Indianápolis para exercer como director deportivo. Actualmente, Bird é dono dun restaurante en Terre Haute, chamado o "Boston Connection".
Estatísticas como adestrador
[editar | editar a fonte]- 1998: 58-24, Finalista da Conferencia Leste
- 1999: 33-17, Finalista da Conferencia Leste*
- 2000: 56-26, Campión da Conferencia Leste[23]
- *Nota: tempada máis curta debido á folga
Momentos memorables
[editar | editar a fonte]- No sétimo partido das Finais da Conferencia Leste de 1981, a falta dun minuto o marcador estaba empatado a 89, e nun contraataque Bird lanzou un tiro inverosímil coa súa man esquerda que ao final lle valeu a vitoria (marcador final, 91-90), co que se meteron na final que posteriormente gañarían. Nos últimos minutos do partido Bird realizou tamén varias accións clave, como foron dous roubos de balón, dous tiros libres anotados, un rebote e un tapón.
- No sexto partido das Finais da NBA de 1986, Bird conseguiu un triplo-dobre (29 puntos, 11 rebotes e 12 asistencias), sendo fundamental para a consecución do anel por parte dos Celtics.[24]
- No quinto partido das Finais da Conferencia Leste contra Detroit Pistons, con cinco segundos por xogar e Detroit gañando de 1, roubou un balón a Isiah Thomas que ía destinado a Bill Laimbeer, virouse e pasouno ao seu compañeiro Dennis Johnson, que cortou pola zona deixando unha bandexa a un segundo do final. Esta xogada salvaría as series aos Celtics, pasando á Final.[25]
- Nun partido ante Washington Bullets en 1987, os Celtic perdían de 3 puntos a falta de 6 segundos para o final. Bird recibiu o balón e anotou de 3, empatando o partido, pero a xogada foi invalidada porque o seu adestrador, K.C. Jones pedira tempo morto con anterioridade. Ao renovarse o partido, Bird volveu recibir, e volveu anotar de 3 puntos, levando o partido á prórroga. A escasos segundos de acabar esta, Larry anotou dous tiros libres que fixeron que se xogase unha segunda prórroga. A dous segundos do final, Bird volveu anotar un tiro inverosímil que fixo que gañasen o partido 140-139.[26]
- No sétimo partido da Final da Conferencia Leste contra Atlanta Hawks, Bird anotou 9 de 10 lanzamentos no último cuarto, conseguindo 20 puntos nese período, e deixando a vitoria feita para os Celtics.
- Nun partido contra Atlanta Hawks en 1985, Larry Bird anotou 60 puntos, o seu máximo rexistro da súa carreira, con 22 de 36 tiros de campo anotados e 15 de 16 tiros libres.[27]
- O 1 de abril de 1987 Bird rexistrou un triplo-dobre (17 puntos, 11 rebotes e 10 asistencias)... ao descanso dun partido ante Washington Bullets. Acabou o mesmo con 30 puntos, 17 rebotes e 15 asistencias. O adestrador rival, Kevin Loughery, comentou ao final do mesmo: El está a xogar noutra liga. Poida que sexa unha liga que outros tipos non poidan nunca xogar.[28]
- O 11 de novembro de 1987 Bird completou o primeiro partido con máis de 40 puntos e 20 rebotes da historia dos Celtics contra Indiana Pacers.[28]
- Larry Bird gañou consecutivamente as tres primeiras edicións do concurso de triplas da NBA nos anos 1986, 1987 e 1988. Na edición do ano 1988 á que chegaba como gañador dos dous anos anteriores, antes de comezar a primeira rolda, entrou no vestiario no que quentaban os demais participantes e preguntou en voz alta: quen de vós vai quedar segundo?.[29] Momentos máis tarde na rolda final, cando necesitaba encestar o último tiro para gañar, lanzou o balón e inmediatamente levantou o brazo en sinal de vitoria e marchou cara ao centro da pista antes de que o balón chegase á canastra. Por suposto entrou.[30]
- O 10 de outubro de 1989 anotou 50 puntos contra Atlanta Hawks, rexistrando o seu cuarto e último partido con 50 ou máis puntos da súa carreira, récord histórico dos Celtics.[28]
- Ao longo da súa carreira, Larry Bird conseguiu 69 triplos-dobres (59 en tempada regular e 10 en playoffs), o que o sitúa por detrás de Oscar Robertson, Magic Johnson, Wilt Chamberlain e Jason Kidd como o quinto mellor de tódolos tempos.
Logros persoais
[editar | editar a fonte]- Premios Naismith College Player of the Year, Adolph Rupp, John R. Wooden e Oscar Robertson Trophy ao mellor universitario do ano 1979.
- Elixido Rookie do Ano en 1980.
- Doce veces All Star.
- Xogador máis Valioso da NBA en 3 ocasións (1984, 1985, e 1986).
- Elixido en dúas ocasións Xogador máis valioso das Finais.
- Elixido en 9 ocasións no Mellor quinteto da NBA.
- Mellor porcentaxe de tiros libres en catro ocasións.
- Elixido en tres ocasións no segundo mellor equipo defensivo da liga.
- Elixido un dos "cincuenta mellores xogadores da historia da NBA" en 1996.
- A súa camiseta co número 33 foi retirada polos Boston Celtics como homenaxe.
- Membro do Basketball Hall of Fame.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Árbore xenealóxica de Larry Bird
- ↑ 2,0 2,1 "33: Larry Bird enters the Hall of Fame". Arquivado dende o orixinal o 30 de setembro de 2013. Consultado o 30 de marzo de 2010.
- ↑ Plain and simple, Bird one of the best ESPN.com
- ↑ Último minuto da final da NCAA de 1979
- ↑ Estatísticas de Boston Celtics na tempada 1979-80
- ↑ "Draft de 1980". Arquivado dende o orixinal o 10 de setembro de 2010. Consultado o 30 de marzo de 2010.
- ↑ "1981 Playoff Results". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2009. Consultado o 30 de marzo de 2010.
- ↑ The Great Rivalries: Russell vs. Wilt; Bird vs. Magic
- ↑ "Celtics Win First Bird-Magic Finals Showdown". Arquivado dende o orixinal o 21 de febreiro de 2012. Consultado o 30 de marzo de 2010.
- ↑ "Postseason Awards - 1984-85". Arquivado dende o orixinal o 15 de xaneiro de 2009. Consultado o 30 de marzo de 2010.
- ↑ "Bill Walton". ArmchairGM Wiki (en inglés). Consultado o 2021-02-20.
- ↑ "Top 10 Teams in NBA History". Arquivado dende o orixinal o 29 de xaneiro de 2013. Consultado o 30 de marzo de 2010.
- ↑ "1986 NBA Finals: Boston 4, Houston 2. Frontcourt Vaults Celtics to Front of the Pack". Arquivado dende o orixinal o 23 de xuño de 2012. Consultado o 30 de marzo de 2010.
- ↑ NBA Most Valuable Player
- ↑ "1987 Playoff Results". Arquivado dende o orixinal o 23 de maio de 2010. Consultado o 30 de marzo de 2010.
- ↑ Anuncio de Converse Weapon
- ↑ Larry Bird's retirement with Magic Johnson (1)
- ↑ Larry Bird's retirement with Magic Johnson (2)
- ↑ Larry Bird's retirement with Magic Johnson (3)
- ↑ 20,0 20,1 "Estatísticas de Larry Bird". Arquivado dende o orixinal o 03 de abril de 2013. Consultado o 29 de marzo de 2010.
- ↑ "1987-88 NBA Season Summary". Arquivado dende o orixinal o 04 de outubro de 2012. Consultado o 30 de marzo de 2010.
- ↑ "Bird Watching. By Larry Bird and Jackie MacMullan. Chapter 1". Arquivado dende o orixinal o 24 de novembro de 2007. Consultado o 30 de marzo de 2010.
- ↑ "Estatísticas de Bird como adestrador". Arquivado dende o orixinal o 05 de setembro de 2015. Consultado o 29 de marzo de 2010.
- ↑ NBA 1986 finals Game 6 "Celtics - Rockets" (part 3 of 3)
- ↑ A xogada do roubo de balón de Bird a Thomas YouTube.com
- ↑ Larry Bird vs. Washington Bullets. As xogadas definitivas
- ↑ NBA 1985 Celtics/Hawks - Larry Bird Career High 60 Pts
- ↑ 28,0 28,1 28,2 "Larry Bird Time Line". Arquivado dende o orixinal o 14 de maio de 2006. Consultado o 30 de marzo de 2010.
- ↑ "Larry Bird 1988 Legendary Move". Arquivado dende o orixinal o 31 de xaneiro de 2010. Consultado o 30 de marzo de 2010.
- ↑ Larry Bird 1988 3-Point Champ
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Perfil histórico en nba.com
- Biografía de Larry Bird
- NBA.com: Where Legends Are Born
- NBA History
- Oscar Robertson Trophy 1979
- Estatísticas da súa carreira como xogador Arquivado 03 de abril de 2013 en Wayback Machine.
- Estatísticas da súa carreira como adestrador Arquivado 05 de setembro de 2015 en Wayback Machine.
- Vídeos de Larry Bird
- Estatísticas de Larry BirdArquivado 17 de abril de 2009 en Wayback Machine.
- Xogadores de baloncesto da NBA
- Xogadores de baloncesto olímpicos dos Estados Unidos de América
- Xogadores dos Boston Celtics
- Eleccións no Draft da NBA dos Boston Celtics
- Adestradores dos Indiana Pacers
- Alas de baloncesto
- Adestradores da NBA
- Adestradores de baloncesto dos Estados Unidos de América
- Rookie do Ano da NBA
- MVP da Tempada da NBA
- MVP das Finais da NBA
- Membros do Salón da Fama da NBA
- Medallistas olímpicos en baloncesto
- Nados en 1956
- Nados no condado de Orange, Indiana
- Medallistas olímpicos de ouro polos Estados Unidos de América
- Medallistas nos Xogos Olímpicos de 1992
- Xogadores de baloncesto nos Xogos Olímpicos de 1992
- Directores deportivos