Leandro Pita Romero
Leandro Pita Romero, nado en Ortigueira o 22 de novembro de 1898 e finado en Buenos Aires o 25 de xuño de 1985, foi un avogado, político, diplomático, xornalista e escritor galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo do avogado agrarista Leandro Pita Sánchez-Boado, fundador da Federación Agraria, estudou na Coruña a carreira de Maxisterio e, posteriormente, ingresou na facultade de Dereito de Santiago de Compostela, obtendo o título de avogado en 1917, con tan só 19 anos. Nese tempo, comezou a exercer o xornalismo, escribindo en prestixiosos diarios de Madrid e outras cidades, como Nuevo Heraldo, El Liberal, El Norte de Castilla, El Sol e Noticiero Sevillano.
Tamén por esa época formou parte das Irmandades da Fala da Coruña. A través do seu pai relacionouse con Manuel Portela Valladares, co que traballou durante unha tempada como secretario político. Ao producirse o golpe de estado do xeneral Miguel Primo de Rivera en 1923, Pita Romero regresou á Coruña onde comeza a escribir en El Noroeste e posteriormente en El Orzán, do que foi director dende o 1 de maio de 1924.[1]
En 1924 escribiu en castelán unha pequena novela, El anarquista, traducida por Leandro Carré Alvarellos ao galego como O anarquista.[2] Excelente orador, a súa elocuencia facía que o invitaran a impartir conferencias na Coruña sobre temas diversos.
En 1926, Leandro Pita fíxose cargo da presidencia da Federación Agraria de Ortigueira e en 1927 foi electo presidente da Asociación Provincial de Gandeiros e vogal da Asociación General de Ganaderos de España, formando parte do Partido Agrario Republicano Autonomista. A súa relación coa xente do agro converteuno nun home popular no medio rural da provincia da Coruña. Coa caída da monarquía e a instauración da República, o 14 de abril de 1931, Leandro Pita Romero formou parte da gran fronte electoral impulsada en Galicia por Santiago Casares Quiroga, que se denominou Federación Republicana Gallega. Por esta coalición presentouse nas eleccións a Cortes Constituíntes do 28 de xuño de 1931, logrando un acta de deputado con 43.181 votos. Nas eleccións de 1933, en representación do Partido Republicano Gallego, obtivo 82.916 votos.
Durante o chamado bienio negro (1933-1935) Pita Romero distanciouse de Casares e incorporouse ao goberno de centro dereita do Partido Republicano Radical encabezado por Diego Martínez Barrio e con Alejandro Lerroux como ministro de Mariña. O 8 de outubro de 1933, convértese no ministro máis novo da Segunda República ao ocupar a carteira de Mariña, á fronte da cal estivo apenas dous meses. Coa vitoria electoral da dereita, en novembro de 1933, Lerroux formou goberno o 16 de decembro dese ano, nomeando a Pita Romero ministro de Estado, equivalente a ministro de Relacións Exteriores.
En 1934 deixou este cargo para converterse en ministro sen carteira. Durante esta etapa representa a España en Europa, sendo nomeado ministro plenipotenciario e primeiro embaixador da República ante o Vaticano, onde estableceu relacións amigables co entón secretario de Estado, cardeal Pacelli, quen se convertería logo no papa Pío XII.
Nas eleccións de febreiro de 1936 presentouse polo Partido de Centro de Portela Valladres, pero non resultou elixido deputado. Co triunfo do Fronte Popular, deixou o seu cargo de embaixador, volvendo vivir na Coruña. Nesta cidade sorprendeuno o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936. A pesar de ser un político moderado e un católico practicante, foi ameazado polos golpistas. Marchou a Ortigueira e volveu a Coruña. Logo do fusilamento de José Antonio Primo de Rivera, as ameazas recrudécense e grazas á axuda de Pedro Barrié de la Maza marcha a Portugal, saíndo de Galicia pola fronteira de Tui, ata onde é escoltado pola Garda Civil en novembro de 1936. Logo dunha estancia de varios meses en Lisboa, exiliouse na Arxentina en marzo de 1937. Neste país, traballou como xornalista e avogado, escribindo nalgúns dos mellores diarios e revistas dese tempo, como La Prensa, El Mundo, Crítica, La Capital, La Atlántida e Leoplán.
Non regresou a España ata 1960, facéndoo regularmente a partir de entón, aínda que nunca de forma definitiva. Finou en Buenos Aires o 25 de xuño de 1985.[3]
Obras
[editar | editar a fonte]- O anarquista (1924), Lar.
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]O 22 de novembro de 2023, con motivo do 125 aniversario do seu nacemento, o concello da súa localidade natal promovería unha sinxela homenaxe consistente no descubrimento dunha placa na súa casa natal, situada no Cantón da vila santamartesa.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ La Voz de Galicia, 2-5-1924, p. 1.
- ↑ Escrita por Pita en castelán e traducida ao galego para a súa publicación na Colección Lar.
- ↑ La Voz de Galicia, 27-6-1985, p. 22.
- ↑ "Ortigueira honra al escritor y político Leandro Pita, en su 125 aniversario". La Voz de Galicia. 23-11-2023.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Leandro Pita Romero |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Dicionario biográfico de Galicia. Ir Indo Edicións. 2010-2011.
- Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Casares Mouriño, Carlos, ed. (1990). Antoloxía da novela curta. Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-746-5.
- Couceiro Freijomil, Antonio (1951-53). Diccionario bio-bibliográfico de escritores (en castelán). Bibliófilos Gallegos.
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. ISBN 84-7492-465-0.
- Rodríguez Lago, José Ramón (2011). Universidade Católica Portuguesa, ed. "Leandro Pita Romero y José María Taboada Lago. Dos católicos por la paz en la España de entreguerras (1917-1939)" (PDF). Estudos de História Religiosa 10: 355–373.
- Rosende, Anxel M. (1988). O agrarismo na comarca do Ortegal (1893/1936). Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-399-9.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1995). Diccionario da literatura galega. Autores I. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-019-5.
- Recensión biográfica en Revista "Arxentina 1930-1960".
- Bulletin of Spanish Studies. Volume 11. Núm 42 de 1934.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Biografía na Enciclopedia da emigración galega
- Ficha no Congreso Arquivado 11 de setembro de 2019 en Wayback Machine.
Predecesor: Vicente Iranzo Enguita |
Ministro de Mariña de España 1933 |
Sucesor: Juan José Rocha García |
Predecesor: Claudio Sánchez-Albornoz |
Ministro de Estado de España 1933 - 1934 |
Sucesor: Ricardo Samper |
Predecesor: Novo cargo |
Ministro sen carteira de España 1934 - 1935 |
Sucesor: Cargo suprimido |
- Personalidades da política de Galicia
- Personalidades do agrarismo
- Deputados de Galicia no Congreso dos Deputados
- Deputados nas Cortes da II República
- Ministros da Segunda República Española
- Embaixadores de España na Santa Sé
- Exilio galego
- Galegos da Arxentina
- Escritores de Galicia en lingua castelá
- Nados en Ortigueira
- Nados en 1898
- Finados en 1985
- Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela
- Membros correspondentes da Real Academia Galega
- Ministros de Asuntos Exteriores de España