Luís Alonso Pérez
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 22 de febreiro de 1922 Santos, Brasil |
Morte | 15 de xuño de 1972 (50 anos) São Paulo, Brasil |
Actividade | |
Ocupación | futbolista, adestrador de fútbol |
Deporte | fútbol |
Posición de xogo | Dianteiro |
Luís Alonso Pérez, máis coñecido como Lula, nado en Santos o 1 de marzo de 1922 e finado en São Paulo o 15 de xuño de 1972, foi un adestrador de fútbol brasileiro, de ascendencia galega. Está considerado como o mellor técnico da historia do Santos FC,[1][2] ao que dirixiu durante a época máis destacada do club, entre 1954 e 1966, gañando numerosos títulos estatais, nacionais e internacionais. É o técnico con máis partidos dirixidos na historia do Santos (945), así como un dos adestradores máis laureados da historia do fútbol brasileiro e do mundo, a pesar de ter falecido con só 50 anos de idade.[3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Inicios
[editar | editar a fonte]Naceu na cidade brasileira de Santos, sendo fillo de dous inmigrantes galegos con orixes en Xinzo de Limia.[4][2][5] Moi afeccionado ao fútbol, traballou como leiteiro, panadeiro e taxista, ao tempo que adestraba equipos de fútbol modestos da súa cidade, como o Palmeirinha ou o Americana.
Tras dirixir na canteira da Portuguesa Santista, en xaneiro de 1949 ingresou no Santos, como subdirector de fútbol afeccionado.[6] O 13 de maio de 1952, foi nomeado adestrador dos equipos xuvenís do club.[7]
Santos
[editar | editar a fonte]En xuño dese mesmo ano dirixiu dous encontros amigables do primeiro equipo, ambos fronte ao São Paulo, substituíndo temporalmente a Aymoré Moreira, que se encontraba dirixindo a selección paulista.[7] A continuación regresou á canteira, exercendo tamén como axudante de Moreira no primeiro equipo. O 2 de xuño de 1954 colleu as rendas do primeiro equipo trala marcha do italiano Giuseppe Ottina.[6]
O primeiro partido oficial de Lula á fronte do Santos disputouse tres días despois, na vitoria por 3-2 contra o Botafogo no Maracanã, correspondente ao Torneo Río-São Paulo.[8] Na seguinte campaña guiou ao Santos á conquista do Campeonato Paulista por segunda vez na historia do club, 20 anos despois da primeira.
Durante os seguintes anos converteu o Santos no mellor club do país e nun dos mellores do mundo. Fixo debutar a Pelé, fichou a xogadores como Coutinho, Dorval, Lima, Mengálvio e Zito, e subiu dende a canteira a outros como Pagão e Pepe.[1] Con este equipo, dominou de xeito case absoluto o Campionato Paulista, gañándoo oito veces, e trala creación do Campionato Brasileiro, converteuse no único adestrador en gañar cinco títulos consecutivos. Só Vanderlei Luxemburgo en 2004 conseguiu igualar a cifra de cinco campionatos brasileiros, aínda que non de xeito consecutivo.
En 1962 conquistou a súa primeira Copa Libertadores, vencendo na final ao Peñarol de Béla Guttman. Tras gañar na ida no estadio Centenario e perder na volta no Vila Belmiro, o título púxose en xogo nun encontro de desempate no estadio Monumental de Buenos Aires, decidíndose a favor do equipo brasileiro por 3-0, grazas a dous goles de Pelé e un en propia meta de Omar Caetano.[9][10] A continuación o equipo paulista disputou a Copa Intercontinental diante do campión de Europa, o Benfica, ao que dirixía Fernando Riera e que contaba con destacados futbolistas como Mário Coluna, José Águas ou Eusébio. Os tres principais atacantes do Santos (Pelé, Coutinho e Pepe) converteron un total de 8 goles, para un resultado global de 8-4, dándolle así ao equipo de Lula o seu primeiro cetro mundial.[10]
Ao ano seguinte o club santista revalidou o seu título da Libertadores, ao derrotar na final ao Boca Juniors, gañando tanto na ida no Maracanã como na volta na Bombonera. En novembro, Lula e o Santos disputaron a súa segunda Copa Intercontinental consecutiva contra o Milan de Luis Carniglia. O equipo italiano gañou por 4-2 na ida en San Siro, con goles de Trapattoni, Amarildo (2) e Mora, e adiantouse nos primeiros minutos do partido de volta, diante dos máis de 132.000 espectadores do Maracanã, con tantos de Altafini e Mora. Aínda así, dous goles de falta de Pepe e outros dous de Almir Pernambuquinho e de Lima déronlle a volta ao marcador, forzando un terceiro partido. Finalmente Dalmo Gaspar, cun solitario gol de penalti, converteu o Santos de Lula no primeiro club en gañar dous títulos intercontinentais.[10]
Deixou o Peixe ao final da tempada de 1966 por motivos nunca aclarados. Co equipo subcampión do campionato brasileiro despois de cinco títulos consecutivos, algunhas fontes atribúen a súa marcha ás presións de Pelé sobre a directiva do club para que despedisen ao adestrador.[4][1] O balance final dos seus 12 anos á fronte do club foi de 945 partidos, con 619 vitorias, 144 empates e 182 derrotas.[8] É o adestrador con máis partidos dirixidos na historia do club, así como o que máis títulos oficiais gañou (21). Tamén conquistou numerosos trofeos en competicións non oficiais de diferentes partes do mundo como o Trofeo Teresa Herrera, o Trofeo Laranxa, o Torneo de París ou o Torneo de Nova York.[2]
Últimos anos
[editar | editar a fonte]En 1967 fíxose cargo da Portuguesa Santista antes de fichar polo Corinthians en novembro dese mesmo ano. Dirixiu 35 partidos do club paulista, un deles unha vitoria sobre o Santos o 6 de marzo de 1968, que poñía fin a 11 anos sen gañar o Clássico Alvinegro.[1]
Máis tarde adestrou a Portuguesa de São Paulo e o Santo André. Dirixiu este último equipo durante só tres partidos, un deles unha vitoria sobre o Santos. Os seus últimos anos de vida pasounos profundamente afectado pola súa saída do Santos, club ao que sempre quixo regresar.[4] En 1971 deixou o fútbol e pouco despois, o 15 de xuño de 1972, con só 50 anos de idade, faleceu debido a unha infección tras un transplante de ril, que empeorou debido á hipertensión que padecía.[4]
Palmarés
[editar | editar a fonte]- Santos
- Campionato Brasileiro (5): 1961, 1962, 1963, 1964, 1965.
- Campionato Paulista (8): 1955, 1956, 1958, 1960, 1961, 1962, 1964, 1965.
- Torneo Río-São Paulo (4): 1959, 1963, 1964, 1966.
- Copa Libertadores (2): 1962, 1963
- Copa Intercontinental (2): 1962, 1963.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 "Lula… o maior campeão do mundo" (en portugués). 6 de xaneiro de 2014. Consultado o 23 de setembro de 2022.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Santana, Gabriel (22 de febreiro de 2017). "Luiz Alonso Perez, o Lula" (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2022. Consultado o 23 de setembro de 2022.
- ↑ "Os treinadores brasileiros mais vencedores da história" (en portugués). 22 de setembro de 2021. Consultado o 23 de setembro de 2022.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Valente, Rafael (29 de xaneiro de 2021). "Sucesso do Santos na Libertadores começou com técnico forjado na várzea, criador dos 'Meninos da Vila' e que morreu de tristeza com o clube". ESPN (en portugués). Consultado o 23 de setembro de 2022.
- ↑ "Documentos diversos - TJSP - Ação Direito Civil - Procedimento Comum Cível". jusbrasil.com.br (en portugués). Consultado o 23 de setembro de 2022.
- ↑ 6,0 6,1 Guarche, Guilherme; Cunha, Odir (3 de xuño de 2019). "A estreia do insuperável Lula" (en portugués). Consultado o 23 de setembro de 2022.
- ↑ 7,0 7,1 Guarche, Guilherme (3 de xuño de 2017). "Memória: Lula comandava, pela primeira vez, a equipe titular do Santos FC" (en portugués). Consultado o 23 de setembro de 2022.
- ↑ 8,0 8,1 Guarche, Guilherme (5 de xuño de 2018). "Memória: Lula iniciava a gloriosa trajetória como técnico efetivo do Santos FC" (en portugués). Consultado o 23 de setembro de 2022.
- ↑ Guarche, Guilherme (30 de agosto de 2016). "Memória: Santos FC conquistava a Taça Libertadores pela primeira vez" (en portugués). Consultado o 23 de setembro de 2022.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 Guarche, Guilherme (27 de outubro de 2017). "Sem novidades: FIFA reconhece Santos FC como bicampeão do Mundo em 1962 e 1963" (en portugués). Consultado o 23 de setembro de 2022.