Penalti
O penalti é o máximo castigo que se pode aplicar en diversos deportes de balón, consistente nun lanzamento sen barreira, dende unha distancia prefixada, coa clara oportunidade de obter un gol e coa única oposición do porteiro de equipo rival.
En tódolos deportes nos que existe o penalti, a pena indicarase no momento en que un xogador aborte unha ocasión de gol cunha acción non regulamentaria, como por exemplo tocar o balón coa man dentro da área propia en fútbol, interromper unha acción dentro da liña de 7 metros en balonmán ou, na maioría de deportes, cometer unha falta a un rival nas proximidades da liña de gol ou portería. Para a execución, tanto o lanzador da pena, como o porteiro, como o resto de xogadores de ámbolos dous equipos, teñen que situarse nunhas distancias prefixadas no terreo de xogo.
Nalgúns deportes, se ó final do tempo regulamentario os dous equipos están empatados, resólvese o encontro cunha quenda de penaltis.
Penaltis en diferentes deportes
[editar | editar a fonte]- Fútbol: Asubiarase penalti cando o balón este en xogo e un xogador cometa unha falta dentro da área propia.
Para o lanzamento o balón debe permanecer estático no punto penal, situado a 11 metros perpendicular á liña de gol. O porteiro rival debe permanecer na liña de gol e o resto de xogadores tanto rivais coma compañeiros tralo balón a 9,15 metros de distancia como mínimo.
- Fútbol sala: Concederase penalti cando un xogador reciba unha falta dentro da área rival.
Consiste nun lanzamento libre directo e realizarase dende un punto situado a 6 metros da liña de gol, tendo que ficar o resto de xogadores 5 metros por detrás de dito punto.
- Dobre penalti: Castígase con dobre penalti calquera falta técnica, a partir da quinta, cometida a máis de 12 metros da liña de meta.
- O lanzamento realizarase dende un punto situado a 12 metros da portería. Non pode haber ningún xogador entre o balón e a portería, agás o porteiro, que debe estar a lo menos a 5 metros de distancia do balón.
- Fútbol praia: Concederase o lanzamento dun penal cando se cometa unha falta dentro da área de penalti, delimitada pola primeira liña imaxinaria máis próxima á portería.
Para o lanzamento, o balón colocarase sobre dita liña imaxinaria, nun punto perpendicular ó centro da portería. Os xogadores que non interveñan no lanzamento deberán situarse por detrás do balón, a unha distancia mínima de 5 metros.
- Vaterpolo: Castigarase con penalti calquera falta cometida dentro da área de 5 metros para evitar un gol probábel, así como a intervención no xogo dun xogador expulsado ou a acción técnica dun membro do banquiño para evitar un gol probábel.
O lanzamento realizarase dende calquera punto da liña de 5 metros, por un xogador distinto ao porteiro. O resto de xogadores deben ficar detrás, a uns 1 metros de distancia mínima con respecto ó xogador que vai a realizar o lanzamento.
- Balonmán: Efectuarase un lanzamento dende a liña de 7 metros cando un xogador do outro equipo evite unha situación clara de gol mediante unha infracción, ou entre deliberadamente na súa propia área de portería para intervir no xogo.
O xogador que realice o tiro debe ficar detrás da liña de 7 metros, sen tocala, até que o balón saia da súa man, entrementres o porteiro non poderá superar a liña situada a 4 metros da súa meta. O resto de xogadores deben ficar fóra da liña de golpe franco a 3 metros como mínimo do lanzador.
- Hóckey sobre herba: Neste deporte existen dúas sancións co prefixo "penalti":
- Penalti-stroke: Asubíase cando un defensor comete unha falta dentro da área evitando a posíbel consecución dun gol, ou cando, o longo dun lanzamento de penalti-corner, algún defensor supera a liña de fondo denantes do permitido.
- Tódolos xogadores agás o porteiro e o executante do penal situaranse trala liña de 23 metros. O executante ten que tirar sen realizar ningunha finta.
- Penalti-corner: Concedese penalti-corner cando un defensor comete unha falta dentro da área sen impedir a consecución dun gol, a un xogador sen posesión da bola cando comete unha falta fóra da área pero dentro da zona de 23 metros que está a defender e cando a bola queda aloxada nos ropaxes ou equipamento dentro da área.
- Para a súa execución, sitúase a bola sobre a liña de fondo, a 10 metros de distancia da portería. Do equipo infractor, só 5 xogadores poderán situarse trala liña de fondo, baixo a portería, entrementres o resto do equipo debe permanecer máis alá da liña de centro. O xogador atacante debe pasar a bola a outro xogador que se encontre fóra da área para que este poida tirar á porta.
- Hóckey a patíns: Castíganse con penalti as faltas cometidas dentro da área da portería propia.
Durante a execución, o porteiro non pode superar a liña de 50 centímetros, entrementres o resto de xogadores permanecerán trala liña de metade da pista. O xogador que efectúa o lanzamento, situado na liña de área, pode lanzar directamente a portería, xogar a pelota até outro xogador ou buscando un rebote ou patinar coa pelota en dirección á portería co gallo de driblar ó porteiro e acadar gol.
- Hóckey sobre xeo: Márcase penalti cando un xogador, en posesión do disco, recibe unha falta polas costas, sen existir máis opoñentes entre el e o porteiro. O equipo ó que se lle pita o penalti en contra, non recibe máis sanción, é dicir, non acarrea inferioridade numérica.
O lanzamento realizarao o mesmo xogador que recibiu a falta. Este acércase patinando co disco dende o centro da pista e só ante o porteiro tentará marcar gol.
- Rugby: É unha sanción que concede o árbitro cando un try é inminente e o equipo defensor comete unha infracción coa evidente intención de impedilo.
O equipo favorecido ten dereito a tentar a conversión, que se executa dende unha posición equidistante dos paus da liña de gol.