Meleagris ocellata
Pavo ocelado | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||
Case ameazada[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Distribución xeográfica
|
O pavo ocelado (Meleagris ocellata) é unha especie de ave que vive na península do Iucatán en México (estados de Quintana Roo, Campeche, Iucatán, Tabasco e Chiapas) e partes de Belize e Guatemala. A súa área de distribución abrangue uns 130.000 km². Parente do pavo salvaxe (Meleagris gallopavo) é unha ave grande de entre 70 e 122 cm. de largo con marcado dimorfismo sexual: os machos pesan de media 5 quilogramos, mentres que as femias pesan arredor de 3 kg. A especie foi considerada en perigo de extinción polo goberno mexicano en 2002 e como case ameazada pola IUCN dende 2009 (Kampichler et al. 2010). Crese que as causas primordiais da redución dos seus números son a perda de hábitat e a excesiva presión cinexética.
Descrición
[editar | editar a fonte]As plumas do corpo son mesturadas de bronce e verde. Aínda que a plumaxe das femias pode ser menos brillante, a diferenza non é suficiente para diferenciar os sexos. Os pavos ocelados non teñen a barba característica do pavo doméstico. As plumas da cola son gris-azuladas con manchas de cor bronce azulada en forma de ollo (ocelos) preto do final de cada pluma. As plumas cobertoiras das ás son cobrizas, as rémixes primarias e secundarias son barradas, semellantes as do pavo salvaxe norteamericano, pero con máis parte branca.
A cabeza é azul con nódulos laranxas ou vermellos, máis evidentes nos machos. Os machos teñen unha coroa carnosa cuberta de nódulos, que na época de reproducñin se volve máis brillante e dunnha cor laranxa máis intensa. Os ollos están rodeados dun anel carnoso vermello, máis visible nos machos na época de celo . As patas son de cor vermella escura, mais curtas e finas cás de Meleagris gallopavo. Os machos de máis de un ano teñen esporóns nas patas que miden de media 4 cm.
Son máis pequenos có pavo salvaxe norteamericano: as femias adultas pesan uns 4 kg. cando se preparan para poñer os ovos e uns tres quilos o resto do ano. Os machos adultos pesan entre 5 e 6 kg. durante a estación reprodutora.[2]
Conduta
[editar | editar a fonte]Os pavos ocelados, aínda que poden voar rápida e enerxicamente distancias curtas se é necesario, pasan máis do seu tempo no chan e prefiren fuxir á carreira en caso de perigo. Pola noite empoléiranse no máis alto posible nas árborss , en xeral en grupos familiares, para protexerse dos depredadores. Son omnívoros: a súa dieta inclue invertebrados, sementes, froitos secos e follas. Observacións da ave en liberdade amosan que os machos consomen máis cantidade de alimentos nas semanas que preceden á estación reprodutora (Sugihara e Heston 1981). Antes desta, os machos forman pequenos grupos de ata tres individuos, mentres que femias e inmaturos se agrupan en bandos de oito ou máis aves. (Sugihara e Heston 1981).
A época de reprodución comeza en febreiro e conclúe a finais de abril. Os machos fan elaboradas exhibicións para atraer ás femias (González et al. 1998): baten no chan rapidamente cos pés e, a seguir, moven a cola de lado a lado mentres fan vibrar as ás e arrastran as puntas destas polo chan. Mentres fan a danza de cortexo, móvense ao redor da femia asegurándose de amosarlle a superficie dorsal das plumas caudais (González et al. 1998). As femias poñen entre 8 e 15 ovos nun niño construído nun lugar agochado no chan. Chocan os ovos durante 28 días e os pitos nacen entre os meses de maio e xullo. Ao naceren están cubertos dunha penuxe mimética castaño-avermellada, e despois dunha noite xa son capaces de seguir a súa nai fora do niño. [2]
As vocalizacións dos machos, que adoitan comezar, poucos minutos antes da saída do sol, son moi características e diferentes das de Meleagris gallopavo. As das femias, porén, son semellantes ás das femias do pavo salvaxe norteamericano.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ BirdLife International (2016). "Meleagris ocellata". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza.
- ↑ 2,0 2,1 Maurice & Robert Burton (2002). The International Wildlife Encyclopedia. 3rd edition. Marshall Cavendish Corporation, p. 2786. ISBN 0-7614-7274-6.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Meleagris ocellata |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Meleagris ocellata |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Imaxes e películas de (Meleagris ocellata)—ARKive
- Videos, fotos e sons do pavo ocelado na Internet Bird Collection