Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Mil Mi-8

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mil Mi-8
Tipohelicóptero de transporte
Primeiro voo7 de xullo de 1961
Introducido1967
Produción1961-presente
Unidades construídasmáis de 17 000

O Mil Mi-8 (ruso: Ми-8, designación OTAN: Hip) é un helicóptero medio de dúas turbinas deseñado orixinalmente pola Unión Soviética e no presente producido por Rusia. Ademais do seu rol máis común como helicóptero de transporte, o Mi-8 tamén é usado como posto de mando aerotransportado, canoneiro e plataforma de recoñecemento. Xunto co relacionado e máis potente Mil Mi-17, o Mi-8 está entre os helicópteros máis fabricados do mundo,[1] usado por máis de 50 países. En 2015 era a terceira aeronave militar máis común do mundo.[2]

Deseño e desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

Mikhail Mil aproximouse orixinalmente ao goberno soviético coa proposta do deseño dun helicóptero bimotor de turbina totalmente novo despois do éxito do Mil Mi-4 e a aparición e eficacia das turbinas usadas no Mil Mi-6; pero os militares argumentaron en contra do novo helicóptero que estaban contento co Mil Mi-4.[3] Para convencelos, Mikhail Mil propuxo que o novo helicóptero fose máis unha actualización con novos motores de turbina en vez de ser un aparello completamente novo; isto persuadiu ao consello de ministros para comezar a súa produción. Debido á posición do motor Mikhail Mil puido xustificar o redeseño completo da metade dianteira do aparello ao redor do motor.

O prototipo, chamado V-8, foi deseñado en 1958[3] baseándose no Mil Mi-4 cunha cabina máis grande.[4] Impulsado por un motor turboeixo Soloviev AI-24 de 2 700 CV,[5] o prototipo monomotor do V-8 realizou o seu primeiro voo en xuño de 1961[6][7] e foi mostrado por primeira vez no desfile do Día da Aviación Soviética no mes de xullo.

Durante unha visita oficial aos Estados Unidos en setembro de 1959, Nikita Khrushchev voou no helicóptero presidencial Sikorsky S-58e quedou bastante impresionado.[8] Ao seu regreso ordenou a creación dun helicóptero semellante que debería estar listo para a visita do presidente estadounidense. Creouse rapidamente unha versión de luxo do Mi-4 e Khrushchev realizou un voo de inspección, durante o cal Mikhail Mil propuxo que o seu helicóptero sería máis axeitado. Porén, sería necesario un segundo motor para que fose máis fiable. Este feito deulle o poder a Mikhail Mil baixo as ordes de Khrushchev de construír o helicóptero orixinal bimotor, que por vez primeira na historia soviética necesitaría motores de turbina fabricados especificamente, en vez de adaptalos de aeronaves de á fixa (como no Mil Mi-6 e no primeiro prototipo V-8), e tamén tería que deseñarse unha caixa de cambios para o rotor principal totalmente nova. En maio de 1960 deuselle a orde a Mikhail Mil de crear un helicóptero bimotor. A oficina de deseño Sergei Isotov aceptou a tarefa de crear os motores.

O segundo prototipo (aínda equipado cun motor de turbina ao estar os motores Isotov sendo desenvolvidos) voou en setembro de 1961.

Dous meses despois de que Isotov completase os motores, o terceiro prototipo, designado V-8A e equipado con dous Isotov TV2 de 1 500 CV, realizou o seu primeiro voo pilotado por Nikolai Ilyushin o 2 de agosto de 1962, converténdose no primeiro helicóptero soviético en voar con motores de turbina de gas construídos especificamente.[4] O aparello completou as súas probas na fábrica en febreiro de 1963.

O cuarto prototipo foi deseñado como un transporte VIP, co rotor cambiado de catro a cinco palas en 1963 para reducir a vibración, as portas da cabina de mando substituídas por paneis de plexiglax corredizos e unha porta corrediza engadida á cabina.[4]

O quinto e derradeiro prototipo foi un prototipo para a fabricación en masa dun aparello destinado ao mercado do transporte de pasaxeiros. En novembro de 1964 completáronse todas as probas e o goberno soviético comezou a produción en masa. A fabricación comezou na planta de produción de Kazán, sendo o primeiro exemplar completado a finais de 1965.

Os militares soviéticos orixinalmente amosaron pouco interese no Mi-8 ata que a participación do Bell UH-1 na guerra de Vietnam foi amplamente publicitada como un gran activo dos Estados Unidos, permitindo ás tropas moverse rapidamente dentro e fóra do campo de batalla e por todo o país. Foi só entón cando os militares soviéticos apuraron a fabricación dunha variante de transporte de tropas do Mil Mi-8. En 1967 foi introducido na Forza Aérea Soviética como o Mi-8.

Hai numerosas variantes, como o Mi-8T, que, ademais de levar 24 soldados, está armado con foguetes e mísiles anti-carro guiados. A versión de exportación Mil Mi-17 está empregada por uns 20 países; o seu equivalente no servizo ruso é a serie Mi-8M. A única diferenza visible entre o Mi-8 e o Mi-17 é que o rotor de cola está a estribor no Mi-8 e a babor no Mi-17. O Mi-17 tamén ten algo de blindaxe para a súa tripulación. A versión naval Mil Mi-14 tamén deriva do Mi-8. O modelo está sendo mellorado constantemente e en 2018 aínda se fabricaban as variantes Mi-8AMT, Mi-8MTV-1, Mi-171, Mi-171A1 e Mi-172.[9]

  1. "Mi-8 - World-Wide Service". Global Security. Consultado o 30 de outubro de 2018. 
  2. "Strength in numbers: The World's Top 10 military aircraft types". FlightGlobal. Consultado o 30 de outubro de 2018. 
  3. 3,0 3,1 "Mi-8 Helicopter. Development History". Mil. Archived from the original on 14 de decembro de 2007. Consultado o 10 de novembro de 2018. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Donald, David (1997). The Complete Encyclopedia of World Aircraft. Barnes & Noble Books. ISBN 0-7607-0592-5. 
  5. Frawley, Gerald (2002). The International Directory of Military Aircraft, 2002/2003. Fishwick, Act: Aerospace Publications. ISBN 1-875671-55-2. 
  6. "Mil Mi-8 – NATO code: HIP". Army.cz. Consultado o 10 de novembro de 2018. 
  7. "Mil Mi-8". Flugzeuginfo. Consultado o 10 de novembro de 2018. 
  8. Sikorsky, Sergei (2007). The Sikorsky Legacy. Arcadia Publishing. ISBN 978-0-7385-4995-8. 
  9. "Мi-8/17". Russian Helicopters. Arquivado dende o orixinal o 10 de novembro de 2018. Consultado o 10 de novembro de 2018.