Nikolai Karamzin
Nome orixinal | (ru) Николай Михайлович Карамзин |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 1 de decembro de 1766 (Xuliano) Karamzinka, Rusia (en) |
Morte | 22 de maio de 1826 (Xuliano) (59 anos) San Petersburgo, Rusia |
Lugar de sepultura | Cemitério Tikhvin (pt) |
Educación | Imperial Moscow University (en) |
Actividade | |
Ocupación | lingüista, crítico, xornalista, prosista, tradutor, historiador, escritor, poeta, xornalista de opinión |
Período de actividade | 1781 - |
Membro de | |
Xénero artístico | Poesía |
Movemento | Sentimentalismo |
Pseudónimo literario | А. Б. В. |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Familia | House of Karamzin (en) |
Cónxuxe | Yekaterina Kolyvanova |
Fillos | Elizaveta Nikolaevna Karamzina, Sofya Karamzina, Yekaterina Meshcherskaya, Andrey Karamzin, Aleksandr Karamzin, Vladimir Karamzin |
Premios | |
Descrito pola fonte | Larousse Encyclopedia online (pt) , (sec:Nikolaï Mikhaïlovitch Karamzine) Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Карамзин Николай Михайлович) Nordisk familjebok |
Nikolai Mikhailovich Karamzin (en ruso: Никола́й Миха́йлович Карамзи́н), nado en Znamenskoie, provincia de Simbirsk o 1 de decembro de 1766 e finado en San Petersburgo ou 3 de xuño de 1826, foi un escritor, historiador e tradutor ruso do sentimentalismo ou prerromanticismo ruso.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu no seo dunha familia noble, procedente do príncipe tártaro converso Kara-Murza. O seu pai foi un oficial do exército ruso. Cursou estudos primarios con titores e profesores particulares; en San Petersburgo coñeceu o poeta Ivan Dmitriev e dende os catorce anos estudou no colexio alemán do profesor Schaden, en Moscova.
Iniciou a carreira militar, mais abandonouna apenas transcorrido un ano. Participou activamente na vida social e cultural de Moscova frecuentando as tertulias de Nikolai Novikov, erudito e masón que privaba entre a intelectualidade rusa de finais do XVIII. Viaxou en 1789 por Alemaña, Francia, Suíza e Inglaterra. Colaborou asiduamente en varias revistas literarias e editou outras como Xornal de Moscova e Vestnik Evropy.
Amigo persoal do tsar Alexandre I, foi admirado e respectado e recibiu honras e recompensas. Introduciu a sensibilidade prerromántica nas letras rusas con Cartas dun viaxeiro ruso (1791-1792), labradas sobre o modelo de Laurence Sterne e a súa A Sentimental Journey Through France and Italy; Bednaya Liza (1792) e Yuliya (1796). En 1802 e 1803 editou a revista Vestnik Evropy. Nomeado historiógrafo do tsar (1803), traballou ata a súa morte en Istoriya gosudarstva Rossiyskogo (“Historia do Estado Ruso”, 1816-1826).
Faleceu de tuberculose e os seus restos repousan no cemiterio do mosteiro de Alexandre Nevski, en San Petersburgo.
Obra
[editar | editar a fonte]Empezou a súa carreira literaria cunha serie de traducións entre as que destacan a súa versión de Xulio César de Shakespeare, Emilia Galotti de Lessing, obras de Albrecht von Haller e tratados de masonaría como Acerca das obras de Deus no reino natural. Alcanzou a fama cunha serie de novelas que se afastaba dos patróns habituais do xénero; en Bednaya Liza a trama aparentemente sentimental e amorosa encobre unha certa problemática social: é a historia dunha moza campesiña que, seducida e abandonada por un mozo aristócrata, se suicida. A vida rural idealizada e o sincero aínda que tardío arrepentimento do mozo pon as cousas no seu sitio e suavizan a conflitividade do argumento; considérase a súa obra mestra neste xénero. Outras novelas súas son Frol Silin, de ambiente rural tamén idealizado, e a novela histórica Natalya, boyarskaya doch, que conta unha historia amorosa na Rusia do século XVII. A máis interesante é quizais Marfa-posadnitsa (1803), que trata sobre a caída da cidade-república de Novgorod, último bastión das liberdades cívicas, baixo o poder totalitario de Iván o Terrible. A novela Un cabaleiro dos nosos tempos representa un intento de crear a novela psicolóxica e posúe certos visos autobiográficos. As novelas Ostrov Borngolm e Sierra Morena marcan un cambio de estilo decidido cara ao romanticismo a causa do exotismo dos ambientes e os países afastados, os lúgubres castelos, as personaxes misteriosos e as paixóns volcánicas, entre outros elementos típicos desta estética.
Os seus criterios estéticos e literarios quedaron reflectidos en numerosos ensaios e tratados escritos ao longo da súa vida. Nun deles titulado Que precisa o autor?, maniféstase abertamente contra as regras formais e estéticas do neoclasicismo e contrapón á sublime necesidade e frío raciocinio deste a expresividade, a emotividade e o lirismo do autor.
Como poeta, Karamzin está representado por un curto número de pezas e algunhas baladas: "Raisa", "O conde Guerinos" e un poema épico inacabado, "Ilia de Murom". Porén, representan un claro avance en canto a que se separan dos xéneros literarios propios do neoclasicismo, como foron a oda e a sátira.
A súa faceta máis importante é a de historiador. Dende 1803 consagrouse á investigación histórica con método rigoroso e o tsar Alexandre I nomeouno historiógrafo oficial, concedeulle unha pensión de 2000 rublos ao ano e permitiulle o acceso directo a todos os arquivos. En 1818 presentou ao tsar os primeiros oito tomos da súa monumental historia do estado ruso, concibida segundo o modelo que ofrecía a obra do historiador británico Edward Gibbon.
Isto valeulle un recoñecemento enorme, títulos, honras, o nomeamento de cabaleiro de primeira clase da Orde de Santa Ana e 60 000 rublos. Catro anos despois publicou outros catro tomos, concluíndo desa maneira a súa obra capital.
Karamzin como filólogo
[editar | editar a fonte]Karamzin está recoñecido por introducir a letra Ë/ë no alfabeto ruso pouco despois de 1795, substituíndo a forma anticuada Ю/ю.[1] Ironicamente, o uso daquela forma adoita ser menospreciada, aparecendo habitualmente como E/e nos libros, á parte de nos dicionarios e nos libros escolares para nenos.[2][3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Hans Jensen, Sign, Symbol and Script (Londres: George Allen and Unwin Ltd, 1970), p. 499
- ↑ Еськова, Н. (2000). "ПРО БУКВУ Ё". Nauka i Zhizn (4).
- ↑ Еськова, Н. (2008). "И ЕЩЁ РАЗ О БУКВЕ Ё". Nauka i Zhizn (7).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Nikolai Karamzin |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Anderson, Roger B. N.M. Karamzin's Prose: The Teller and the Tale. Houston: Cordovan Press, 1974.
- Black, J.L. Nicholas Karamzin and Russian Society in the Nineteenth Century: A Study in Russian Political and Historical Thought. Toronto: University of Toronto Press, 1975 (hardcover, ISBN 0-8020-5335-1).
- Cross, A.G. N.M. Karamzin: A Study of His Literary Career, 1783–1803. Carbondale, IL: Southern Illinois University Press, 1971 (ISBN 0-8093-0452-X).
- Essays on Karamzin: Russian Man-of-Letters, Political Thinker, Historian, 1766–1826 (Slavistic Printings and Reprintings; 309). Edited by J.L. Black. The Hague; París: Mouton, 1975.
- Grudzinska Gross, Irena. "The Tangled Tradition: Custine, Herberstein, Karamzin, and the Critique of Russia", Slavic Review, Vol. 50, No. 4. (Winter, 1991), pp. 989–998.
- [Karamzin, N.M.] Selected Prose of N.M. Karamzin. Trans. and Intr. by Henry M. Nebel, Jr. Evanston, IL: Northwestern University Press, 1969.
- Nebel, Henry M., Jr. N.M. Karamzin: A Russian Sentimentalist. The Hague: Mouton & Co., 1967.
- Pipes, Richard. Karamzin's Memoir on Ancient and Modern Russia: A Translation and Analysis (Russian Research Center Studies; 33). Cambridge, MA: Harvard University Press, 1959.
- Fraanje, Maarten. Nikolai Karamzin and Christian Heinrich Spiess: "Poor Liza" in the Context of the Eighteenth-Century German Suicide Story. Study Group on Eighteenth-Century Russia Newsletter Volume 27 (1999).