Oda
A oda é un subxénero da lírica consistente nunha composición que se caracteriza porque o poeta, con linguaxe elevada, festiva e solemne, e cun ton exaltado e emocionado, desenvolve, e incluso dramatiza, sobre un tema. A miúdo dedícase a persoas, cidades e paisaxes, para salienta-las súas excelencias; con frecuencia preséntase en forma de reflexión contemplativa en torno a situacións existenciais.
Procede da imitatio dos Carmina do latino Horacio, e foi introducido en España pola "Ode ad Florem Gnidi" de Garcilaso de la Vega. Na Grecia clásica, Píndaro compuxo odas loando a atletas vencedores (odas epinicias), en series de estrofas iguais de dous en dous, e un peche (épodo: última estrofa da tríade grega) distinto. Alceo, Safo e Anacreonte inclináronse por unha métrica de estrofas iguais, que foi a recollida por Horacio, entre cuxos Carmina hai, porén, pegadas evidentes da influencia pindárica. O primeiro adaptador da oda clásica á poesía en lingua vulgar foi o italiano Bernardo Tasso (1493-1569). Ao lingo do século XVI cultivaron a oda autores españois como Francisco de la Torre, frei Luis de León ou Fernando de Herrera.
O vehículo máis frecuente na construción da oda é a lira, aínda que se utilizan tamén outras combinacións de hendecasílabos e heptasílabos, ou de hendecasílabos e pentasílabos (estanzas, silvas, estrofas aliradas, estrofas sáficas...), que sempre pretenden reproducir as estrofas de Horacio.
Este artigo sobre literatura é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |