Nirvana (grupo musical)
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2014.) |
Orixe | Aberdeen, Washington, Estados Unidos |
---|---|
Período | 1987 - 1994 |
Xénero(s) | grunge |
Selo(s) discográfico(s) | Sub Pop, Geffen |
Membros | Kurt Cobain Dave Grohl Krist Novoselic |
Antigos membros | Chad Channing Jason Everman Pat Smear |
Artistas relacionados | Foo Fighters, Sweet 75, Giants in the Trees |
Na rede | |
hereisnirvana.com | |
Nirvana foi un grupo estadounidense cun estilo musical que mesturaba a actitude punk e rock'n'roll, denominado posteriormente grunge, que tivo o seu mellor momento a comezos dos anos noventa. O grupo formouse en Aberdeen, Washington no ano 1987. O seu líder foi Kurt Cobain, acompañado de Krist Novoselic (baixo) e Dave Grohl (batería). Dave non formou parte da primeira formación do grupo, tempo no que se produciu o disco Bleach, no que aínda tocaba a batería Chad Channing, senón só a partir do segundo disco, Nevermind, o cal levounos á fama, co himno xeneracional "Smells Like Teen Spirit". O seu terceiro e derradeiro álbum de estudio foi In Utero, para moitos o seu mellor traballo. A banda foi formada no medio underground da cidade de Seattle, nos Estados Unidos. A historia da banda rematou coa polémica morte de Kurt Cobain en abril do ano 1994.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nirvana foi unha das bandas máis importantes da historia do rock, tendo contribuído de forma directa na redefinición do xénero a finais do século pasado. A súa carreira meteórica e o seu líder, Kurt Cobain, son parte importante da historia da música recente, e continúan hoxe en día despertando discusións e adoración, así como o seu reducido legado continua influenciando e sendo reverenciado por seareiros e artistas en todo o mundo.
A infancia de Kurt Cobain
[editar | editar a fonte]Kurt Donald Cobain naceu o 20 de febreiro de 1967 en Aberdeen, aproximadamente a 220 quilómetros ao sur de Seattle, no estado de Washington. Debido aos constantes problemas entre os seus pais (un mecánico e unha secretaria que se separarían cando Kurt tiña 7 anos), el viviu en varios lugares diferentes, e dende cedo amosouse un rapaz moi inquieto e con problemas de saúde, que o obrigaban a tomar sedantes e outros remedios para calmar a súa hiperactividade e facer que se concentrase na escola. Pero os esforzos con respecto aos seus estudos foron en van, e posteriormente desligouse da vida escolar.
Kurt pasaba gran parte do seu tempo só, escoitando música, pintando e escribindo nos seus diarios, a maioría das veces, na casa de parentes ou mesmo na dos seus amigos, que aceptaban coidar do rapaz. A súa difícil infancia veríase reflectida anos máis tarde en varias cancións que compuxo para a banda. Así, aínda moi noviño, tivo contacto co rock e escoitaba bandas como The Beatles, The Monkees, The Clash, Kiss, Black Sabbath, Sex Pistols e Led Zeppelin. Aos 14 anos regaláronlle unha guitarra polo seu aniversario.
Adolescencia
[editar | editar a fonte]Kurt foi medrando, e na súa adolescencia acabou envolvéndose no escenario musical underground da rexión, onde fixo varias amizades e chegou a traballar colaborando con algunhas bandas. Entre elas estaba The Melvins, un dos máis importantes nomes da zona e que serviu de inspiración para gran parte das bandas que máis tarde formarían a escena de Seattle, que se fixo coñecido mundialmente, e entre elas o propio Nirvana. Nesa época Kurt chegou a formar unha banda, chamada Fecal Matter, co baixista de The Melvins, Dale Crover, e gravou precariamente algún material.
Kurt e Krist coñécense
[editar | editar a fonte]Foi Buzz Osborne (vocalista de The Melvins) quen lle presentou en 1985 ao seu futuro mellor amigo, Krist Novoselic. Foi tamén Buzz quen lle amosou outras bandas que serían máis tarde a influencia principal de Nirvana, como The Stooges, Black Flag e Flipper. Kurt comezou a adquirir consciencia dos principios do punk rock e tamén a renegar e agochar o seu pasado de fan de bandas mainstream, conflito ese que perduraría e influenciaría boa parte da súa vida.
Meses despois de coñecerse, Kurt e Krist mudáronse para Olympia, atraídos polo escenario musical desa cidade. Formaron a súa primeira banda en 1986, chamada Stiff Woodies. Cobain tocaba a batería e Krist o baixo, e os outros instrumentos tocábanos diferentes amigos que entraban da banda para despois saír. Da mesma maneira que mudaban as formacións, mudaba o nome da banda: pasaron tamén por Skid Row e Sellouts. Durante esas mudanzas, as posicións entre os membros tamén cambiaban, e ao final de 1986, o grupo estaba composto por Cobain cantando e tocando a guitarra, Krist tocando o baixo e Aaron Burkhart na batería. Coa saída de Aaron, Chad Channing asumiu as baquetas, e a banda trocou o nome definitivamente para Nirvana.
O ano de 1986 tamén marcou a fundación de Sub Pop Records, discográfica creada polos amigos Jonathan Poneman e Bruce Pavitt. Este último viñera para Seattle xunto con Kim Thayil, quen máis tarde formaría Soundgarden. O obxectivo do selo era axudar a bandas independentes no inicio da súa carreira e sería a responsable de amosar a Nirvana ao mundo pouco tempo despois.
Os inicios da banda
[editar | editar a fonte]1987 marca o inicio da meteórica carreira de Nirvana, inicio non moi diferente ao de todas as bandas independentes: concertos e pequenas presentacións en bares, festas e universidades locais. O seu son xa se caracterizaba por ser unha mestura da agresividade e rebeldía do punk rock co peso e enerxía do metal/hard rock. Tamén comezaba a destacar a figura de Kurt Cobain, líder e principal compositor da banda. Aos poucos Nirvana foise facendo un oco no circuíto underground da rexión.
Foi a través desa relativa fama como o produtor Jack Endino coñeceu ao grupo. Despois de presentarse a eles e facerse amigos, axudounos na produción dalgunhas cintas demo coas cales convenceu ao seu amigo Jonathan Poneman, da Sub Pop, para asinar un contrato con Nirvana. O primeiro froito dese contrato foi un vinilo lanzado en novembro de 1988 a través do famoso The Singles Club, coas cancións "Love Buzz" (versión dunha banda neerlandesa chamada Socking Blue) e "Big Chesse".[1] O lanzamento final dese sinxelo estivo marcado por algúns problemas debido ás dificultades financeiras da discográfica. A pesar de facer un bo traballo de divulgación de varias bandas que non atopaban apoio nas grandes discográficas, a Sub Pop continuaba a ser un pequeno selo con escasos recursos, o que dificultaba levar a cabo algúns dos propósitos dos seus fundadores. Ese feito ocorreu tamén con Nirvana, que non só viu atrasado o lanzamento de "Love Buzz", senón que tamén tivo que aceptar un aumento no prezo final de venda, para tentar evitar unha posible perda de cartos investidos polo selo.
Finalmente non foi o que aconteceu. O sinxelo vendeuse ben (ademais dos 1 000 exemplares orixinais editáronse 200 máis), principalmente debido ao feito de que Nirvana xa posuía un pequeno público, nado das famosas e incendiarias presentacións da banda en Olympia e Seattle.
Debido ao éxito, a Sub Pop decidiu arriscar e investir nun álbum para a banda, á parte de promover un mellor esquema de divulgación para eles. Cos cartos gañados co The Singles Club (que despois de Nirvana lanzou tamén material de Mudhoney, The Flaming Lips, Afghan Whigs e Tad), a Sub Pop pagou a estadía en Seattle dun famoso editor inglés da revista New Music Express. O obxectivo era facerlle coñecer a fervente escena underground da rexión. O editor, chamado Everett True, ficou impresionado con bandas como Mudhoney, Nirvana e Soundgarden, e fíxoas noticia en Europa. O embrión do éxito do "grunge", termo que viña sendo utilizado (reza a lenda, acuñado por Mark Arm) para referirse á escena musical do nordeste dos Estados Unidos, comezou a se desenvolver aí. As bandas de Seattle pasaron a facer xiras maiores e comezaron a ver os seus nomes escritos e recoñecidos en varias revistas e publicacións dos Estados Unidos e de Europa.
Así, mentres Nirvana continuaba facendo concertos, o grupo comezou a pensar tamén na gravación do seu primeiro disco, ofrecido pola Sub Pop. A banda contou tamén co apoio financeiro de Jason Everman (que máis tarde tería unha rápida pasaxe como baixista de Soundgarden), que acabou sendo citado no libreto do álbum como guitarrista. Realmente el só tocou co grupo nunha ocasión: na gravación dunha versión de Kiss, a canción "Do You Love Me?", que entrou nun disco tributo á banda lanzado pouco antes da gravación do primeiro álbum de Nirvana.
O primeiro álbum, Bleach
[editar | editar a fonte]A finais de 1988 Nirvana entrou no estudio para gravar o seu primeiro LP co produtor local Jack Endino.[2] Finalmente, o álbum titulado Bleach foi lanzado en xuño de 1989 (a Sub Pop aínda arrastraba os vellos problemas financeiros que atrasaron a súa chegada ás tendas, a pesar de que a situación estaba mellorando). O disco vendeu preto de 35 000 copias. Trátase dun pequeno clásico aínda que ten un son bastante rudo e primitivo. Despois da saída do álbum a banda iniciaría a súa primeira xira polos Estados Unidos.[3]
O batería Chad Channing saíu da banda en maio de 1990, alegando diferenzas musicais cos outros compañeiros,[4] e no seu lugar inicialmente foi chamado Dale Crover de The Melvins, antigo amigo de Kurt. Pero Dale non estivo moito tempo, e pouco despois asumiría as baquetas Dan Peters de Mudhoney. Estes baterías estiveron só mentres non atopaban un definitivo, xa que os dous tiñan as súas propias bandas. É con Peters na batería con quen Nirvana grava, aínda en 1990, o sinxelo "Sliver", e que á parte da canción-título posuía tamén o tema "Dive".
Gravaron tamén un EP chamado Blew ao lado de Butch Vig. Blew saíu nunha edición limitada, o que fai del unha rareza hoxe en día.
En setembro de 1990 Buzz Osborne, dos Melvins, presentoulles a Dave Grohl, que estaba buscando unha nova banda tras a disolución do seu anterior grupo, o conxunto de hardcore punk de Washington, D.C. Scream.[5] Poucos días despois de chegar a Seattle, Novoselic e Cobain fixéronlle unha audición, comentando Novoselic posteriormente, "Soubemos en dous minutos que era o batería axeitado". Grohl dixo despois para a revista Q "Lembro estar na mesma habitación con eles e pensar, 'Que? Iso é Nirvana? Estás de coña?' Porque na portada do seu disco parecían leñadores psicópatas... Pensei, 'Que, ese tipo pequeno e ese gran fillo de puta? Estás puteándome'. Rin. Estaba como, 'De ningún xeito'".[6]
Contrato cunha gran discográfica
[editar | editar a fonte]Nirvana continuaba saíndo do anonimato cada vez máis rapidamente, facendo incluso unha xira por Europa. Desencantados con Sub Pop e coas sesións nos Smart Studios xerando interese, Nirvana decidiu conseguir un acordo cunha grande discográfica xa que ningún selo independente podía mercar o seu contrato.[7] Despois de finalmente decidir negociar con varias grandes discográficas que asediaban á banda, foron aconsellados por Kim Gordon de Sonic Youth e decidiron asinar un contrato con DGC Records (unha división da Geffen Records) en 1990.[8] Sub Pop tamén gañou co cambio, xa que o pequeno selo sacou bastantes cartos pola rescisión do contrato con Nirvana.
Xa co novo selo, a banda entrou no estudo aínda en 1991 para gravar o seu segundo álbum. Novamente coa produción de Butch Vig, Nirvana fixo varias sesións de estudo, gravando e regravando varias veces o material a ser colocado no seu novo traballo.
Antes do lanzamento do novo disco, a banda participou do famoso Reading Festival, en Inglaterra, ao lado de nomes de peso como Iggy Pop e Sonic Youth, fornecendo aínda máis a súa fama. O resultado das sesións no famoso estudo Sound City, en California, sería lanzado finalmente o 24 de setembro de 1991, baixo o título de Nevermind.
Nevermind
[editar | editar a fonte]O disco contaba cunha extraordinaria produción que destacaba as excelentes melodías creadas por Cobain, e deixaba o barullo producido polo grupo máis accesible. Á parte diso, Nevermind é un clásico de principio a fin, citado constantemente como un dos mellores discos de rock de todos os tempos. Poucos discos na historia tiveron tantos hits reunidos: "Come as You Are", "Smells Like Teen Spirit" ou "Lithium", entre outros, convertéronse en himnos de toda unha xeración.
O obxectivo inicial da discográfica era conseguir vender todas as copias fabricadas, unhas 250.000, pero hoxe en día o álbum leva vendidas máis de 10 millóns, e as súas vendas continúan despois de máis de 15 anos dende a súa edición. Nevermind foi todo un fenómeno dende o principio e estivo nas listas durante moito tempo, chegando á primeira posición nas listas estadounidenses en febreiro de 1992. Grazas ao traballo, Nirvana converteuse nunha banda coñecida mundialmente, e no referente de toda unha xeración de bandas xurdidas en Seattle, que grazas a Nevermind déronse tamén a coñecer. Kurt Cobain converteríase nunha icona e no portavoz do movemento grunge. Pero nese intre comezaron os problemas para o líder da banda. Kurt non foi capaz de asumir o éxito que lle chegara dunha maneira tan rápida.
No mes de febreiro de 1992 Kurt e Courtney Love casaron nunha cerimonia celebrada en Hawai, e anunciaron que estaban agardando unha filla para agosto. Citando cansazo, a banda decidiu non facer outra xira polos Estados Unidos para promocionar Nevermind e optaron por realizar só un feixe de concertos a finais de ano. Poucos días despois do nacemento de Frances Bean, Nirvana realizou un dos seus mellores concertos, encabezando o festival de Reading en Inglaterra. No medio de rumores sobre a saúde de Cobain e a posibilidade de que a banda se separase, Cobain chegou ao escenario nunha cadeira de rodas a xeito de broma, despois uniuse á banda facendo un concerto no que combinaron material vello e novo. A actuación resultou ser unha das máis memorables realizadas por Nirvana.
Semanas máis tarde a banda actuou no MTV Video Music Awards. Durante o primeiro ensaio do evento Cobain anunciou que tocarían un novo tema durante a emisión, e o grupo ensaiou "Rape Me". Os executivos da cadea de televisión horrorizáronse pola canción, e, segundo o produtor do programa Amy Finnerty, creron que o tema ía por eles. Insistiron en que a banda non podía tocar "Rape Me", incluso ameazándoos con non participar e con deixar de emitir os seus vídeos na MTV. Despois de intensas discusións, MTV e Nirvana acordaron que a banda tocaría "Lithium", o seu último sinxelo. Cando a banda comezou a súa actuación, Cobain tocou e cantou o principio de "Rape Me" antes de irromper con "Lithium". Preto do final da canción, frustrados por que o seu amplificador deixou de funcionar, Novoselic decidiu lanzar o baixo ao aire e na súa caída golpeouno na faciana mancándoo. Cobain comezou a esnaquizar o equipo e Grohl correu cara ao micrófono e comezou a berrar "Hi, Axl!" repetidamente, referíndose ao cantante de Guns N' Roses Axl Rose, co cal a banda e Courtney Love tiveran un enfrontamento antes da actuación.
DGC agardaba ter un novo álbum de Nirvana listo antes do final de 1992, para a tempada de Nadal, pero como o traballo ía a un ritmo moi lento decidiu lanzar o recompilatorio Incesticide no mes de decembro. O álbum foi un traballo conxunto da DGC e de Sub Pop, e contiña gravacións pouco comúns da banda.
In Utero
[editar | editar a fonte]Para o terceiro álbum de Nirvana, In Utero, a banda contactou co produtor Steve Albini, coñecido polo seu traballo no álbum Surfer Rosa dos Pixies. Como Nevermind atraera a un público con pouca experiencia en bandas máis alternativas, escuras ou experimentais que Nirvana consideraba os seus antepasados, querían que Albini lles dese un cambio cara a un son máis cru e menos puído. Porén, Cobain insistiu en que o son de Albini era o que sempre quixeron para a banda: unha gravación "natural" sen capas de trucos de estudio.[9] As sesións con Albini foron produtivas e rápidas, e o álbum gravouse e mesturouse en só dúas semanas cun custo de 25 000 dólares.[10]
Varias semanas despois do remate das sesións de gravación, apareceron historias publicadas no xornal Chicago Tribune e na revista Newsweek citando fontes da DGC que consideraban ao álbum "non editable".[11] Como resultado, os seareiros comezaron a crer que a creatividade da banda podía verse comprometida polo selo.[12] A pesar de que estas historias eran falsas, a banda realmente non estaba contenta con certos aspectos das mesturas de Albini. Concretamente, pensaban que os niveis dos baixos deberían ser máis altos,[13] e Cobain sentía que "Heart-Shaped Box" e "All Apologies" non soaban "perfectas".[14] Chamouse ao produtor Scott Litt para axudar a remesturar eses dous temas, engadindo Cobain instrumentación adicional e coros.[15]
In Utero lanzouse o 13 de setembro de 1993, e estreouse no número 1 da lista Billboard 200. A pesar de ser un éxito comercial, non acadou os mesmos niveis que Nevermind. O álbum chegaría a vender 5 millóns de copias nos Estados Unidos.[16] Nese outono Nirvana comezou unha grande xira polos Estados Unidos e contrataron a Pat Smear, da banda The Germs, como segundo guitarrista para os directos.[17] Na xira estiveron acompañados por Half Japanese e The Breeders.[18]
Fin da banda
[editar | editar a fonte]No mes de novembro Nirvana realizou, xunto a Smear e a chelista Lori Goldston, un concerto acústico para a MTV. A banda preferiu deixar de lado as súas cancións máis coñecidas, tocando só dous dos seus hits, "All Apologies" e "Come as You Are". O setlist incluía tamén un feixe versións relativamente escuras, uníndoselles os membros de Meat Puppets Cris e Curt Kirkwood para tocar tres dos seus temas versionados.[19] A pesar de que os ensaios para a actuación foran problemáticos, o produtor dos MTV Unplugged Alex Coletti sinalou que a gravación saíu excepcionalmente ben, gravandose cada canción nunha única toma e durando toda a actuación menos dunha hora, algo raro nas sesións dos Unplugged. A actuación da banda emitiuse por vez primeira o 14 de decembro de 1993.
A principios de 1994 o grupo comezou unha xira europea. O 1 de marzo diagnosticóuselle a Cobain unha bronquite e unha larinxite grave, e o seguinte concerto foi cancelado. En Roma, na maña do 4 de marzo, Love atopou a Kurt inconsciente na habitación do hotel e foi levado de urxencia ao hospital. Un médico dixo en rolda de prensa que Cobain reaccionara a unha combinación de Rohypnol e alcol. O resto da xira foi cancelada.[20]
Nas semanas seguintes, a adición á heroína de Cobain reapareceu. A familia e os amigos convocaron unha reunión e convencérono para comezar a rehabilitarse. Despois de menos dunha semana de comezado o proceso, Cobain fuxiu da clínica de rehabilitación e colleu un avión para regresar a Seattle. Unha semana despois, o venres 8 de abril de 1994, Kurt foi atopado morto cun disparo na cabeza realizado por el mesmo na súa casa de Seattle.[21]
Discografía
[editar | editar a fonte]Álbums de estudio
[editar | editar a fonte]Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Bleach | 1989 | Sub Pop |
Nevermind | 1991 | DGC Records |
In Utero | 1993 | DGC Records |
Álbums en directo
[editar | editar a fonte]- MTV Unplugged in New York - 1994 (DGC Records)
- From the Muddy Banks of the Wishkah - 1996 (DGC Records)
Recompilatorios
[editar | editar a fonte]- Incesticide - 1992 (DGC Records)
- Nirvana - 2002 (DGC Records)
- Sliver: The Best of the Box - 2005 (DGC Records)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Azerrad, 1994. p. 85
- ↑ Azerrad, 1994. p. 90-1
- ↑ Azerrad, 1994. p. 111
- ↑ Azerrad, 1994. p. 138-39
- ↑ Azerrad, 1994. p. 151
- ↑ Q, outubro de 2010
- ↑ Azerrad, 1994. p. 136-37
- ↑ Azerrad, 1994. p. 162
- ↑ Azerrad, 1994. p. 317
- ↑ DeRogatis, 2003. p. 4
- ↑ DeRogatis, 2003. p. 17
- ↑ Azerrad, 1994. p. 332
- ↑ Fricke, David. "Kurt Cobain: The Rolling Stone Interview". Rolling Stone. 27 de xaneiro de 1994.
- ↑ Azerrad, 1994. p. 336-37
- ↑ Azerrad, 1994. p. 338
- ↑ Archive-David-Basham. "Got Charts? No Doubt's Christmas Gift; Nirvana Ain't No Beatles". MTV News (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de marzo de 2009. Consultado o 2019-10-31.
- ↑ Azerrad, 1994. p. 352
- ↑ "Jad Fair: The Half Japanese interview – Caught in the Crossfire" (en inglés). Consultado o 2019-10-31.
- ↑ Di Perna, Alan. "Behind Unplugged". Guitar World. Marzo de 1995.
- ↑ "Hardly Nirvana". PEOPLE.com (en inglés). Consultado o 2019-10-31.
- ↑ "Torment of rock hero Cobain" (en inglés). 2004-04-06. Consultado o 2019-10-31.
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Azerrad, Michael. Come as You Are: The Story of Nirvana. Doubleday, 1994. ISBN 0-385-47199-8
- DeRogatis, Jim. Milk It!: Collected Musings on the Alternative Music Explosion of the 90's. Da Capo, 2003. ISBN 0-306-81271-1
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Nirvana |