Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Sonic Youth

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Kim Gordon e Thurston Moore nun concerto en Estocolmo en 2005.
OrixeNova York, Estados Unidos
Período1981 - 2011
Xénero(s)rock alternativo, noise rock, rock experimental
Selo(s) discográfico(s)Neutral Records, Ecstatic Peace!, Zensor, Blast First, Homestead, SST, Enigma, DGC, SYR, Interscope, Matador Records
MembrosKim Gordon
Thurston Moore
Lee Ranaldo
Steve Shelley
Antigos membrosJim O'Rourke
Bob Bert
Richard Edson
Jim Sclavunos
Mark Ibold
Na rede
http://www.sonicyouth.com/
IMDB: nm1019247 Facebook: sonicyouth Twitter: thesonicyouth Instagram: sonicyouth_official MySpace: sonicyouth Youtube: UCOWV89Ww70Uw4Jr8Rmc1GBA Bandcamp: sonicyouthSouncloud: sonicyouth Spotify: 5UqTO8smerMvxHYA5xsXb6 iTunes: 36034 Last fm: Sonic+Youth Musicbrainz: 5cbef01b-cc35-4f52-af7b-d0df0c4f61b9 Songkick: 496057 Discogs: 17199 Allmusic: mn0000755156 Deezer: 1302 Genius: Sonic-youth Editar o valor en Wikidata

Sonic Youth foi unha banda de rock alternativo estadounidense formada en Nova York no ano 1981. O grupo formárono os guitarristas Thurston Moore e Lee Ranaldo e a baixista Kim Gordon e os tres permaneceron na banda durante os seus 30 anos de carreira. A formación clásica completouna o batería Steve Shelley, que se uniu a eles en 1985. Ao longo da súa carreira Sonic Youth foi amplamente considerada como uns dos conxuntos máis importantes e influentes dentro da escena do rock alternativo.[1]

Ao contrario que outros contemporáneos dos inicios do rock alternativo como R.E.M. ou Hüsker Dü, que optaron por estruturas e melodía máis convencionais, Sonic Youth comezou a súa carreira abandonando calquera pretensión de facer rock tradicional e evitando convencionalismos. Inspirándose en gran parte na experimentación noise de The Velvet Underground e The Stooges, e mesturándoa cunha estética e unha posta en escena sacada da vangarda post-punk de Nova York, a banda redefiniu a música noise dentro do rock, sendo unha das principais impulsoras do noise rock.[2]

A finais do ano 2011, Lee Ranaldo anunciou que a banda pararía por un tempo tras a separación matrimonial dos seus compañeiros Thurston Moore e Kim Gordon. O grupo realizou os seus derradeiros concertos no Brasil[3][4] e dende entón os seus membros teñen expresado que a banda rematara e que non se volvería a reunir.[5]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

O nacemento da banda

[editar | editar a fonte]
Thurston Moore

Pouco despois de que o guitarrista Thurston Moore se mudase a Nova York a principios de 1977,formou o grupo Room Tone cos seus compañeiros de piso; posteriormente cambiarían o nome polo de The Coachmen.[6] Tras a disolución de The Coachmen, Moore comezou a tocar con Stanton Miranda, cuxa banda, CKM, contaba con Kim Gordon.[7] Moore e Gordon formaron unha banda, que apareceu con nomes como Male Bonding,[8] Red Milk[8] e The Arcadians[9] antes de quedarse con Sonic Youth[10] a mediados de 1981. O nome foi o resultado de combinar o alcume de Fred "Sonic" Smith de MC5 co artista de reggae Big Youth.[9] Gordon lembrou máis tarde que "en canto a Thurston se lle ocorreu o nome de Sonic Youth, xurdiu un certo son que era máis do que queriamos facer".[11] A banda tocou no Noise Fest en xuño de 1981 na galería de neoiorquina White Columns,[12] onde Lee Ranaldo estaba tocando como membro da orquestra de guitarras eléctricas de Glenn Branca. A súa actuación impresionou a Moore, quen os describiu como "a banda de guitarras máis feroz que vira na miña vida",[7] e invitou a Ranaldo a unirse a Sonic Youth.[13] O novo trío tocou tres cancións no festival a finais da semana sen batería. Cada membro da banda tocaba por quendas a batería, ata que coñeceron a Richard Edson.[14]

Primeiros lanzamentos

[editar | editar a fonte]

Branca fichou a Sonic Youth como o principal artista do seu selo Neutral Records. En decembro de 1981 o grupo gravou cinco cancións no Radio City Music Hall de Nova Yotk. O material publicouse como o EP Sonic Youth que, aínda que en gran medida foi ignorado, foi enviado a algúns membros clave da prensa musical estadounidense, que lle deron críticas uniformemente favorables.[15] O disco presentaba un estilo post-punk relativamente convencional, en contraste cos seus lanzamentos posteriores. Edson deixou entón o grupo para seguir unha carreira de actor[16] e foi substituído por Bob Bert.[17]

Nos seus primeiros días como parte da escena musical de Nova York, Sonic Youth fixo amizade coa banda de noise rock Swans.[18] Os grupos compartían local de ensaio e Sonic Youth embarcouse na súa primeira xira en novembro de 1982 como abreconcertos de Swans.[19] Durante unha segunda xira con esta banda no mes seguinte, as tensións aumentaron e Moore criticou constantemente a forma de tocar a batería de Bert.[20] Bert foi despedido despois[21] e foi substituído por Jim Sclavunos,[22] quen tocou a batería no primeiro álbum de estudo da banda, Confusion Is Sex de 1983, que presentaba un son máis alto e disonante que o seu EP de estrea. Sonic Youth organizou unha xira por Europa para o verán de 1983 pero Sclavunos deixou o grupo poucos meses despois de unirse. o grupo pediu a Bert que se reincorporara, e este aceptou coa condición de que non volvese a ser despedido despois da conclusión da xira.[23] Bert tocaría posterormente no EP Kill Yr Idols máis tarde en 1983.

Sonic Youth foi ben recibida en Europa, pero a prensa de Nova York ignorou en gran medida á escena local de noise rock. Finalmente, cando a prensa comezou a falar do xénero, Sonic Youth foi agrupada con bandas como Big Black, Butthole Surfers, e Pussy Galore baixo a etiqueta "pigfucker" polo editor de Village Voice Robert Christgau.[24] Gordon escribiu unha carta desdeñosa ao xornal, criticándoo por non apoiar á escena musical local, ao que Christgau respondeu que o xornal non estaba obrigado a apoialos. Moore tomou represalias cambiando o nome da canción "Kill Yr Idols" a "I Killed Christgau with My Big Fucking Dick", antes de que os dous resolveran as súas diferenzas amigablemente.[25]

Pechando a súa segunda xira europea a finais de 1983, o desastroso debut de Sonic Youth en Londres (onde o equipo da banda funcionou mal e Moore esnaquizou parte del no escenario da frustración) en realidade resultou en boas críticas en Sounds e NME.[26][27] Cando regresaron a Nova York eran tan populares que podían reservar concertos locais con regularidade.[28] Ao ano seguinte Moore e Gordon casaron, e Sonic Youth gravou Bad Moon Rising, un álbum autodenominado de "Americana" que serviu como reacción ao estado da nación nese momento.[29] O álbum, gravado por Martin Bisi, foi construído en torno a pezas de transición que Moore e Ranaldo elaboraran para ocupar tempo no escenario durante a paradas para afinar os instrumentos;[28] como resultado, case non hai ocos entre as cancións do disco. Bad Moon Rising contou cunha aparición de Lydia Lunch en "Death Valley '69", que se inspirou nos asasinatos de The Family de Charles Manson.[30]

Debido a unha disputa con Branca polos pagos de regalías en disputa dos seus lanzamentos con Neutral, Sonic Youth asinou con Homestead Records nos Estados Unidos e Blast First no Reino Unido (que o fundador Paul Smith creou simplemente para poder distribuír os discos da banda en Europa).[31] Mentres a prensa de Nova York ignorou a Bad Moon Rising no seu lanzamento en 1985, agora considerando á banda demasiado artística e pretensiosa, Sonic Youth gañou a aclamación da crítica no Reino Unido, onde o novo álbum vendeu 5 000 copias.[32]

Afirmando que estaba aburrido de tocar Bad Moon Rising en directo na súa totalidade durante máis dun ano, Bert deixou o grupo e foi substituído por Steve Shelley, anteriormente no grupo punk The Crucifucks. Sonic Youth quedou tan impresionado coas habilidades de Shelley despois de velo tocar en directo que o contrataron sen unha audición.[33] Tanto Bert como Shelley apareceron no vídeo musical de "Death Valley '69", xa que Bert tocara a batería na gravación da canción, pero Shelley era xa o batería do grupo cando o vídeo foi filmado.

SST e Enigma

[editar | editar a fonte]
A banda en 1987 nunha imaxe promocional

Sonic Youth apreciaba dende había tempo SST Records; Ranaldo dixo: "Foi a primeira compañía discográfica na que estivemos na que realmente teríamos dado calquera cousa por estar".[34] Sonic Youth fichou polo selo a principios de 1986 e comezou a gravar EVOL con Martin Bisi. A banda pasou a ser coñecida a nivel nacional ao asinar con SST, converténdose na primeira banda do underground de Nova York en conseguir tal atención. Posteriormente, a prensa mainstream comezou a prestar atención ao grupo.[35] Robert Palmer de The New York Times declarou que Sonic Youth estaba "facendo a música baseada na guitarra máis sorprendentemente orixinal dende Jimi Hendrix" e mesmo People fixo unha recensión de EVOL, describindo o álbum como "o equivalente auditivo dun vertedoiro de residuos tóxicos".[36] Posteriormente Neil Young falou do álbum como un "un clásico".[37]

Nesa mesma éoca a banda colaborou con Mike Watt baixo o alias de Ciccone Youth, que xogaba cos nomes de Sonic Youth e Ciccone, o apelido da cantante pop Madonna.[38] Sonic Youth lanzou un sinxelo en 1986 e un álbum de estudo en 1988 baixo o nome de Ciccone Youth.[39] O sinxelo de 1986, "Into the Groove(y)", era unha versión de "Into the Groove" de Madonna e foi precedido por "Tuff Titty Rap". A outra cara do disco era a versión de Watt de "Burning Up" de Madonna, que tiña o título alterado de "Burnin' Up". O álbum The Whitey Album incluía as dúas cancións de Sonic Youth do sinxelo máis unha versión demo de "Burnin' Up". O álbum tamén contiña unha versión de "Addicted to Love" de Robert Palmer que fora gravada nunha cabina de karaoke.[40]

O álbum de Sonic Youth de 1987 Sister foi un álbum conceptual en parte inspirado na vida e nas obras do escritor de ciencia ficción Philip K. Dick. O "sister" (irmá en inglés) do título era a xemelga bivitelina de Dick, que morreu pouco despois do seu nacemento e cuxa memoria perseguiuno toda a súa vida.[41] Sister vendeu 60 000 copias e recibiu críticas moi positivas, converténdose no primeiro álbum de Sonic Youth en situarse no top 20 da enquisa de críticos Pazz & Jop de Village Voice.[42]

A pesar do éxito da crítica, a banda quedou insatisfeita con SST debido ás preocupacións sobre os pagos e outras prácticas administrativas.[43] Sonic Youth decidiu lanzar o seu seguinte disco a través de Enigma Records, con distribución de Capitol Records e en parte propiedade de EMI. O dobre LP de 1988 Daydream Nation foi un éxito de crítica que conseguiu para Sonic Youth unha substancial aclamación. O álbum quedou segundo na enquisa de Village Voice Pazz & Jop e encabezou as listas de álbums de fin de ano en NME, CMJ e Melody Maker. En 2005, foi unha das 50 gravacións escollidas pola Biblioteca do Congreso para engadirse ao Rexistro Nacional de Gravacións.[44] O sinxelo principal do álbum, "Teen Age Riot", foi a súa primeira canción en aparecer de xeito significativo nas emisoras de radio de rock moderno e universitario, chegando ao número 20 na lista Billboard Modern Rock Tracks.[45] Varias destacadas publicacións musicais periódicas, incluíndo Rolling Stone, aclamaron a Daydream Nation como un dos mellores álbums da década e nomearon a Sonic Youth como a "Hot Band" no seu número "Hot".[46] Desafortunadamente, xurdiron problemas de distribución e Daydream Nation adoitaba ser difícil de atopar nas tendas. Moore considerou a Enigma como un "traxe de mafioso barato" e a banda comezou a buscar un acordo cunha discográfica major.[47]

Os anos 90

[editar | editar a fonte]

En 1990, Sonic Youth publicou Goo, o seu primeiro álbum para Geffen Records. O álbum incluía o sinxelo "Kool Thing" no que aparecía como invitado Chuck D de Public Enemy. O disco está considerado moito máis accesible que os seus anteriores traballos[48] e converteuse no álbum máis vendido da banda ata a data.

En 1992, a banda lanzou Dirty, producido por Butch Vig, a través do selo DGC. A súa influencia como tastemakers continuou co descubrimento do aclamado director de vídeos de skate Spike Jonze, a quen recrutaron para o vídeo de "100%", que tamén contou co patinador convertido en actor Jason Lee. Esa canción e "JC" falan do asasinato de Joe Cole, un amigo que traballou con Black Flag como roadie.[49] A arte do álbum presenta obras do artista Mike Kelley, afincado nos Ánxeles.[50] Dirty conta coa aparición de Ian MacKaye de Fugazi na canción "Youth Against Fascism". Tamén en 1992 estreouse o documental dirixido por Dave Markey 1991: The Year Punk Broke, onde se amosaba á banda na súa xira europea do ano anterior. No filme tamén aparecen grupos como Nirvana, Dinosaur Jr., Ramones, Babes in Toyland e Gumball.[51] En 1993, a banda contribuíu co tema "Burning Spear" ao álbum benéfico da SIDA No Alternative, producido pola Red Hot Organization.[52]

Sonic Youth volveu a a traballar con Butch Vig no disco Experimental Jet Set, Trash and No Star, lanzado en 1994. O álbum chegou a alcanzar a posición 34 na lista dos máis vendidos nos Estados Unidos, e a 10 en Inglaterra. Pero o traballo non tivo a mesma aceptación que Daydream Nation e Dirty, e desapareceu rapidamente das listas citadas, non chegando a ter o relativo éxito comercial dos últimos álbums. No novo disco a banda abusa das experimentacións e arranxos pouco convencionais, deixando un pouco de lado a fórmula equilibrada e de bastante éxito dos discos anteriores. Aínda en 1994, o grupo decidiu tomarse un descanso polo embarazo de Gordon, e mentres esperaba o nacemento do seu primeiro fillo, Coco Hayley Gordon Moore, Moore gravou un disco en solitario que foi lanzado en 1995 pola propia DGC, baixo o título de Psychic Hearts.

De volta aos escenarios en 1995, a banda foi a cabeza de cartel do festival alternativo Lollapalooza, e posteriormente lanzou un novo disco de estudio, Washing Machine. O disco recibiu boas críticas por parte da prensa e tivo máis éxito comercial que o seu antecesor.

En 1997, Sonic Youth inaugurou en Nova York un selo propio chamado Smells Like Records (ou SYR). A través dese selo, a banda atopou unha canle máis axeitada para lanzar discos unicamente experimentais e instrumentais, sen preocuparse pola aceptación deles por parte do público e dos medios, cousa que non podían facer na Geffen ou en calquera outro selo grande por motivos óbvios.

Aínda en 1997, a banda comezou a producir un novo disco para a Geffen, que saíu a finais de ano co título A Thousand Leaves. As guitarras de Moore e Lee e as voces de Gordon continúan sendo bastante creativas e espontáneas, e xunto a iso a banda volta a crear boas melodías e arranxos máis accesibles, facendo do disco un novo éxito comercial e consolidando máis aínda o estilo de Sonic Youth de facer rock alternativo.

Moonlander, Lee Ranaldo, Yuri Landman, 2007

O 4 de xullo de 1999 roubéronlles un camión da banda con instrumentos, amplificadores e equipo, á noite, mentres estaban de xira en Orange (California)[53]. Moitos dos instrumentos eran vellas guitarras que Lee e Thurston tiñan personalizadas ao seu gusto, polo que a perda foi un duro golpe para Sonic Youth.

Na metade de 1999 o grupo volveu aos estudios ao lado do produtor Jim O'Rourke para a gravación dun novo traballo, que foi unha especie de reacción creativa ao roubo do seu equipo. En febreiro de 2000 o disco estaba listo, sendo lanzado en maio baixo o título NYC Ghosts and Flowers a través do selo Geffen Records o día 16 de maio[54]. O disco tamén ten o equilibrio alcanzado pola banda en A Thousand Leaves, con boas melodías convivindo harmoniosamente con distorsións e experimentacións en xeral. Destaca tamén a arte gráfica do libreto, que ten fotos de Nova York sacadas por Lee Ranaldo, debuxos feitos por Kim Gordon e ilustracións do poeta beat William S. Burroughs. Parte do público e crítica consideraron o disco un pouco irregular, pero sen dúbida trátase dunha nova obra co selo da banda.

O día 15 de xullo do ano 2000 Sonic Youth realizou a súa primeira actuación (e única ata o de agora) en Galiza, encadrada dentro do festival Santirock, onde compartiu escenario con bandas como Yo La Tengo, Teenage Fanclub ou Ocean Colour Scene.[55]

Con Jim O'Rourke oficialmente integrado na banda, Sonic Youth lanzou en 2002 o álbum Murray Street, que se considera a volta de Sonic Youth á sonoridade que consagrou á banda. O'Rourke, convertido no terceiro guitarrista do grupo, e Thurston Moore admitiron en entrevistas que Murray Street reflicte influencias de rock máis clásico no son do grupo. O resultado son melodías máis convencionais en comparación coas do disco anterior o que lle reportou á banda os eloxios máis entusiastas da crítica dende Dirty, de 1992. O álbum posúe algúns trazos que fan lembrar a traxedia ocorrida en Nova York o día 11 de setembro de 2001, cos atentados terroristas que derrubaron o World Trade Center. A banda tivo que suspender a gravación do álbum debido este acontecemento, ocorrido a pouca distancia do seu estudio.

En 2003, o grupo comezou a planexar o lanzamento de edicións especiais dos LPs dos seus catálogos. O primeiro en ser relanzado foi Dirty, que estivo acompañado dun disco extra de 16 temas.

En 2004, a banda lanzou Sonic Nurse, pechando unha triloxía iniciada cos dous álbums anteriores. O disco foi ben recibido polos seareiros e pola crítica, funcionando case como unha continuación natural de Murray Street.

Mentres tanto os relanzamentos de discos non pararon, e despois da xira de divulgación de Sonic Nurse a banda volveu ao estudio para retomar os traballos do seguinte álbum. Neste xa non contarían con Jim O'Rourke, que decidiu concentrarse noutras actividades. O novo disco lanzouse en xuño de 2006 baixo o nome Rather Ripped. Desta vez a banda fixo un álbum de cancións máis directas e melodiosas, obtendo unha moi boa recepción por parte da crítica e dos fans. No mesmo ano, foron lanzadas edicións especiais para os álbums Psychic Hearts (disco en solitario de Thurston), The Whitey Album (do proxecto paralelo Ciccone Youth) e o EP de estrea da banda, de 1982.

A banda editou o recompilatorio The Destroyed Room: B-Sides and Rarities en decembro do 2006. O disco conta con temas só dispoñibles en vinilo anteriormente, en recomplilacións con edicións limitadas, caras-b de sinxelos internacionais e material que nunca antes vira a luz. Este álbum marcou o seu fin co selo Geffen.

Independencia e contrato con Matador

[editar | editar a fonte]

No mes de abril de 2007 a banda converteuse nun dos primeiros grandes nomes do rock en tocar na China cando foron levados ao país pola compañía Split Works, baseada en Pequín e Shanghai.[56]

No ano 2008 a banda editou independentemente Master-Dik só dispoñible nun principio a través da súa tenda online. Tamén editaron máis gravacións da serie SYR, SYR7: J'Accuse Ted Hughes e SYR8: Andre Sider Af Sonic Youth. SYR7 apareceu o 22 de abril e SYR8 o 28 de xullo. O 10 de xuño lanzaron un recompilatorio a través de Starbucks Music, titulado Hits Are for Squares. Os primeiros 15 temas deste disco foron seleccionados por outros artistas, e o tema 16, "Slow Revolution", é unha nova gravación da banda.

Lee Ranaldo

Tamén en xuño, a banda foi obxecto dunha biografía, Goodbye 20th Century: A Biography of Sonic Youth, escrita polo xornalista musical David Browne. O libro conta con novas entrevistas coa banda así coma cuns 100 amigos, familiares e compañeiros. Foi publicado por Da Capo e inclúe unhas 60 fotos inéditas.

O 30 de agosto do 2008 a banda avanzou dúas novas cancións ao final dun concerto no McCarren Park Pool, en Nova York. Thurston Moore dixo en novembro dese ano que o grupo comezaría a gravar un novo álbum de estudio. Sonic Youth non renovou o seu contrato con Geffen, ao estar descontentos polo xeito que o selo manexou os seus últimos traballos.[57] O 3 de setembro do 2008 confirmouse que Matador Records lanzaría o seguinte traballo da banda na primavera do ano 2009. No mes de decembro anunciouse tamén que o grupo colaborara con John Paul Jones (baixista de Led Zeppelin) nun tema para a nova compañía de danza de Merce Cunningham. Este traballo representouno a compañía en abril do 2009 na Brooklyn Academy of Music para celebrar o 90 aniversario de Cunningham. O 12 de febreiro a banda revelou a portada para o seu novo álbum, The Eternal, a través da súa páxina en Internet e o seu blog. O álbum, producido por John Agnello, editouse o 9 de xuño. Co lanzamento de The Eternal, Matador Records tamén ofreceu un LP en directo en exclusiva para os clientes que pre-ordearan o disco.

Dende a edición de The Eternal a banda compuxo a banda sonora para a película francesa Simon Werner a Disparu, estreada en maio do 2010 como parte do Festival Internacional de Cine de Cannes. Esta será editada no ano 2011 como seguinte lanzamento das series SYR, SYR9: Simon Werner a Disparu.

O 14 de outubro do 2011 Kim Gordon e Thurston Moore anunciaban a súa separación despois de 27 anos de matrimonio a través de Matador[58]. O anuncio xerou dúbidas sobre o futuro de banda e o selo declarou que este é "incerto", a pesar de que o grupo tiña intención de rexistrar novo material cara finais de anos e de manterse as súas datas en varias cidades de América do Sur.

Estilo e influencias

[editar | editar a fonte]

Afinacións alternativas

[editar | editar a fonte]
Guitarras de Sonic Youth usadas en directo

O son de Sonic Youth baséase fortemente no uso de afinacións alternativas. A scordatura en instrumentos de corda leva usándose dende hai séculos, e as afinacións alternativas nas guitarras dende décadas na música blues, e dun xeito limitado no rock, pero Sonic Youth comezou a usar unha gran variedade de afinacións máis radicais, un feito nunca visto na historia do rock.

Estas afinacións foron desenvolvidas por Moore e Ranaldo durante os ensaios da banda. Na vez de volver a afinar en cada nova canción, Sonic Youth xeralmente usa unha determinada guitarra para un ou dous temas, e poden chegar a utilizar dúcias de instrumentos en cada xira.

Influencias

[editar | editar a fonte]

Ademais de Glenn Branca, as súas principais influencias son o vangardista francés Brigitte Fontaine, Patti Smith, Public Image Ltd e The Stooges. Outra foi o hardcore punk dos anos 80; despois de ver unha actuación de Minor Threat en 1982, Moore dixo deles que eran "a mellor banda en directo que vira". Se ben recoñecen que a súa propia música é moi diferente do hardcore, Moore e Gordon, especialmente, quedaron impresionados pola súa intensidade e velocidade, e pola rede de músicos e fans tecida en toda a nación.

Thurston Moore e Lee Ranaldo expresaron en numerosas ocasións a súa admiración pola música de Joni Mitchell. Ademais, Mitchell sempre usou un bo número de afinacións alternativas, ao igual que fai Sonic Youth. A banda púxolle o nome a unha canción en homenaxe a ela, "Hey Joni".

Os membros da banda tamén mantiveron relación con outros artistas vangardistas doutros xéneros e doutras disciplinas, collendo influencias do traballo de John Cage e Henry Cowell. Para unha Peel Session realizada en 1988, Sonic Youth versionou tres temas de The Fall e "Victoria" de The Kinks, tamén versionada por The Fall. Sonic Youth contou con coñecidos artistas visuais para a realización das súas portadas, como Mike Kelley (Dirty) e Gerhard Richter (Daydream Nation).

Membros actuais

[editar | editar a fonte]

Antigos membros

[editar | editar a fonte]

Discografía

[editar | editar a fonte]

Álbums de estudio

[editar | editar a fonte]
Álbum Ano Selo
Confusion is Sex 1983 Neutral Records
Bad Moon Rising 1985 Homestead Records
EVOL 1986 SST Records
Sister 1987 SST Records
Daydream Nation 1988 Enigma Records
Goo 1990 Geffen Records
Dirty 1992 Geffen Records
Experimental Jet Set, Trash and No Star 1994 Geffen Records
Washing Machine 1996 Geffen Records
A Thousand Leaves 1998 Geffen Records
NYC Ghosts & Flowers 2000 Geffen Records
Murray Street 2002 Geffen Records
Sonic Nurse 2004 Geffen Records
Rather Ripped 2006 Geffen Records
The Eternal 2009 Matador Records

Serie SYR

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Sonic Youth Recordings.

Recompilatorios

[editar | editar a fonte]
  1. Pitchfork (ed.). "Invisible Hits: Sonic Youth's Live Legacy". Consultado o 8 de marzo de 2016. 
  2. Allmusic (ed.). "Sonic Youth en Allmusic". Consultado o 8 de marzo de 2016. 
  3. "Watch: Sonic Youth's Final (?) Show". Pitchfork (en inglés). 2011-11-15. Consultado o 2022-06-30. 
  4. Signore, John Del (2015-02-24). "Kim Gordon Describes Sonic Youth's Depressing Final Show". Gothamist (en inglés). Consultado o 2022-06-30. 
  5. Jansen, Noud (2013-12-08). "Cultuur: Canvasconnectie: Lee Ranaldo". Humo (en neerlandés). Consultado o 2022-06-30. 
  6. Chick 2007, p. 42
  7. 7,0 7,1 Azerrad 2001, p. 234
  8. 8,0 8,1 Browne 2008, p. 45
  9. 9,0 9,1 Browne 2008, p. 46
  10. Browne 2008, p. 47
  11. Azerrad 2001, p. 236
  12. Browne 2008, p. 50-53
  13. Browne 2008, p. 66-67
  14. Azerrad 2001, p. 235
  15. Azerrad 2001, p. 237
  16. Edson, Richard (2015-11-29). "Growing up in Sonic Youth". Salon (en inglés). Consultado o 2024-09-26. 
  17. Volohov, Danil (6 de xullo de 2019). "One man's noise is another man's symphony!". www.peek-a-boo-magazine.be
  18. Browne 2008, p. 83-86
  19. Browne 2008, p. 86-89
  20. Azerrad 2001, p. 241
  21. Browne 2008, p. 89-90
  22. Quietus, The (2018-06-25). "At Leisure: Jim Sclavunos Of Nick Cave & The Bad Seeds On Tiki Cocktails". The Quietus (en inglés). Consultado o 2024-09-26. 
  23. Azerrad 2001, p. 245
  24. Christgau, Robert (3 de marzo de 1987). "Township Jive Conquers the World: The 13th (or 14th) Annual Pazz & Jop Critics Poll". Village Voice
  25. Azerrad 2001, p. 246
  26. "SONIC YOUTH: 12/01/83 - London, England @ The Venue". www.sonicyouth.com. Consultado o 2024-09-27. 
  27. Fox, Killian (2007-09-02). "No, you're not daydreaming...". The Observer (en inglés). ISSN 0029-7712. Consultado o 2024-09-27. 
  28. 28,0 28,1 Azerrad 2001, p. 248
  29. Azerrad 2001, p. 250
  30. NME (2019-07-30). "Intense Humming Of Evil - 10 tracks that reference Charles Manson". NME (en inglés). Consultado o 2024-09-27. 
  31. Azerrad 2001, p. 252
  32. Azerrad 2001, pp. 252-253
  33. Azerrad 2001, p. 258
  34. Azerrad 2001, p. 261
  35. Azerrad 2001, pp. 262-263
  36. Azerrad 2001, p. 265
  37. "Neil Young Guitars - Pt#2". thrasherswheat.org. Consultado o 2024-09-28. 
  38. "The Whitey Album". www.sonicyouth.com. Consultado o 2024-09-28. 
  39. "Ciccone Youth Songs, Albums, Reviews, Bio & Mo...". AllMusic (en inglés). Consultado o 2024-09-28. 
  40. "The Whitey Album - Ciccone Youth". AllMusic (en inglés). Consultado o 2024-09-28. 
  41. Azerrad 2001, p. 266
  42. "Robert Christgau: Pazz & Jop 1987: Critics Poll". www.robertchristgau.com. Consultado o 2024-09-28. 
  43. Azerrad 2001, p. 268
  44. "National Recording Preservation Board". Library of Congress, Washington, D.C. 20540 USA. Consultado o 2024-09-28. 
  45. "Daydream Nation - Sonic Youth". AllMusic (en inglés). Consultado o 2024-09-28. 
  46. Azerrad 2001, p. 270
  47. Azerrad 2001, p. 271
  48. "Sonic Youth: Join the club". The Independent (en inglés). 2002-06-07. Consultado o 2019-12-11. 
  49. Gordon, Kim (2015). Girl in a band (First edition ed.). New York: Dey St., an imprint of William Morrow Publishers. ISBN 978-0-06-229589-7. 
  50. Doss, Erika (2002). Twentieth-century American art. Oxford history of art. Oxford: Oxford University Press. p. 227. ISBN 978-0-19-284239-8. OCLC 48753863. 
  51. Markey, David (1992-11-20). "1991: The Year Punk Broke". Consultado o 2024-09-30. 
  52. Sinclair, Tom (1993-11-11). "No Alternative". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2024-09-30. 
  53. Post inicial de Lee en Usenet pedindo axuda para atopar o equipo
  54. http://sonicyouth.com/history/og-set.html
  55. "El festival Santirock reunió a 30.000 personas en Compostela - La Voz de Galicia" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2016. Consultado o 28 de xullo de 2011. 
  56. "Sonic Youth China Tour 2007_Split Works". web.archive.org. 2013-03-17. Archived from the original on 17 de marzo de 2013. Consultado o 2019-12-04. 
  57. "Sonic Youth Poised to Take Indie Label Plunge | Pitchfork". web.archive.org. 2008-08-28. Archived from the original on 28 de agosto de 2008. Consultado o 2019-12-04. 
  58. Spin - Kim Gordon and Thurston Moore Announce Split

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]