Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Ornitorrinco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ornitorrinco
Ornithorhynchus anatinus

Rango fósil: mioceno - actualidade
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Subreino: Bilateria
Superfilo: Deuterostomia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Infrafilo: Gnathostomata
Superclase: Tetrapoda
Clase: Mammalia
Subclase: Prototheria
Orde: Monotremata
Suborde: Platypoda
Gill, 1872
Familia: Ornithorhynchidae
Gray, 1825
Xénero: Ornithorhynchus
Blumenbach, 1800
Especie: O. anatinus
Nome binomial
Ornithorhynchus anatinus
(Shaw, 1799)
Distribución do ornitorrinco (vermello — nativo, amarelo — introducido)
Distribución do ornitorrinco
(vermello — nativo, amarelo — introducido)

Distribución do ornitorrinco
(vermello — nativo, amarelo — introducido)
Primeiro plano dun ornitorrinco.

O ornitorrinco (Ornithorhynchus anatinus), do grego: ornitho, ave + rhynchus, bico; e do latín: anati, pato + inus, semellante a: "con bico de ave, semellante a pato") é un mamífero semi-acuático endémico da parte leste de Australia e a illa de Tasmania.

É o único representante vivo da familia dos ornitorrínquidos e a única especie do xénero Ornithorhynchus.

É un dos catro representantes, xunto coas equidnas, da arcaica orde dos monotremas, os únicos mamíferos que poñen ovos no canto de dar á luz crías vivas, a especie é monotípica. É o animal emblema do estado de Nova Gales do Sur.[2]

O ornitorrinco ten costumes crepusculares e/ou nocturnos. Carnívoro, aliméntase de insectos, vermes e crustáceos de auga doce. Posúe diversas adaptacións para a vida en ríos e lagoas, entre elas as membranas interdixitais, máis prominentes nas patas dianteiras. É un animal ovíparo, cuxa femia pon arredor de dous ovos, que incuba durante aproximadamente dez días nun niño especialmente construído. Os monotremados recentemente eclodidos presentan un dente similar ao das aves (un carúnculo), utilizado na apertura da casca; os adultos non posúen dentes. A femia non ten mamas e o leite é directamente lambido dos poros e sulco abdominais. Os machos teñen esporóns velenosos nas patas, que son empregados principalmente para a defensa territorial e contra os depredadores.

A estraña aparencia deste mamífero desconcertou os científicos cando se descubriu (mesmo se considerou unha falsificación dun taxidermista). O ornitorrinco é un símbolo de Australia, foi a mascota de varios eventos nacionais, e aparece no reverso da moeda australiana de 20 centavos. Recentes investigacións están a secuenciar o xenoma do ornitorrinco e investigadores xa descubriron varios xenes que son compartidos tanto con réptiles como coas aves. Pero preto dun 82% dos seus xenes son compartidos con outras especies de mamíferos xa secuenciadas, como o can, as ratas e o home.

Ata o principio do século XX cazábase pola súa pel, pero actualmente está protexido. O seu estado de conservación é pouco preocupante. Aínda que os programas de cría en catividade tiveron un éxito limitado e o ornitorrinco é moi vulnerable á contaminación, non corre un risco inmediato.

Taxonomía e nomenclatura

[editar | editar a fonte]

Cando o ornitorrinco foi descuberto por primeira vez polos europeos en 1789, o capitán John Hunter, o segundo gobernador de Nova Gales do Sur, enviou un debuxo e a pel dun exemplar para o Reino Unido.

Nun primeiro intre, os científicos ingleses pensaran que o animal descrito era un engano. No ano 1799, o zoólogo George Shaw fixo a primeira descrición do animal na revista Naturalist's Miscellany, onde chamou á nova especie Platypus anatinus, e chegou a afirmar que as dúbidas ao respecto da vericidade da especie eran comprensibles. Outro coñecido zoólogo, Robert Knox, creu que o exemplar ben podía ser a creación dun taxidermista asiático. Pensouse que alguén cosera un peteiro de parrulo sobre o corpo dun animal semellante a un castor.

Pintura de dous ornitorrincos do 1863.

No 1800, de xeito paralelo, Johann F. Blumenbach nomeu á especie Ornithorhyncus paradoxus despois do estudo dun exemplar entregado por Sir Joseph Banks. Xa que o xénero Platypus empregado previamente por George Shaw xa pertencía a uns escaravellos da madeira, finalmente nomeouse a esta especie como Ornithorhynchus anatinus.

O nome científico Ornithorhynchus deriva da palabra grega ornithorhynkhos (ὄρνις, -ιθος, paxaro, e ῥύγχος, bico, peteiro) e anatinus, do latín «semellante a un pato».

Estudos moleculares e fósiles suxiren que a liñaxe do ornitorrinco se separou das equidnas hai 19-48 millóns de anos. Hai rexistros fósiles da especie que datan do Plistoceno en diversos lugares da Australia e Tasmania, todos dentro dos límites actuais de distribución da especie, agás un rexistro no lago Tandou, no oeste do río Darling.

Características

[editar | editar a fonte]

Presenta unha lonxitude duns 40–60 cm, o rabo pode chegar ata os 15 cm e ten un peso entre 0,8 e 2,5 kg. O seu tempo de vida é duns 30 anos. As súas características singulares son o peteiro similar ao do parrulo, o seu andar como o dun réptil e o rabo plano, algo escamoso, parecido ó dun castor, polo que se converte nunha criatura moi recoñecible. A pelaxe cor ameixa ten unha textura semellante ao veludo, polo que recorda á dunha toupa. O pico furgador é moi sensible tanto ao tacto como aos sinais eléctricos transmitidos pola auga provenientes dos músculos da súas presas. Ten unha alta densidade de glóbulos vermellos no sangue, o que lle permite mergullarse profundamente para perseguir a súa presa. Aínda que son solitarios, en certas áreas comparten o medio con outros da súa mesma especie. Con todo, na época de apareamento, os machos defenden os seus territorios e teñen un esporón velenoso en cada pata traseira, co cal tratan de ferir aos seus rivais. Este veleno é case tan mortal como o das serpes máis velenosas. Isto transforma o ornitorrinco nun dos poucos animais con penuxe que son velenosos. O ornitorrinco vive nun tobo ás beiras da auga, xeralmente duns 5 metros de longo, pero pode chegar ata uns 30 metros.

Logo dun período de xestación dun mes, a femia incuba durante 10 días a súa niñada dun ou dous ovos de casca branda, similar ao coiro. Unha vez que as crías rompen a casca, aléitaas durante uns 3 ou 4 meses no tobo, deixándoas encerradas ata 38 horas mentres sae en busca de alimento. O ornitorrinco alimenta a súa cría con leite como un mamífero normal. Con todo, a diferenza doutros mamíferos, non ten mamas para alimentar as súas crías, senón que o leite sae duns poros do seu abdome.

  1. Lunney, D., Dickman, C., Copely, P., Grant, T., Munks, S., Carrick, F., Serena, M. & Ellis, M. (2008). "Ornithorhynchus anatinus". Lista Vermella da IUCN de Especies en Perigo (en inglés). IUCN 2008. Consultado o 9 de outubro de 2008.  D
  2. Government of New South Wales (2008). "Symbols & Emblems of NSW". Arquivado dende o orixinal o 23 de xullo de 2008. Consultado o 29 de decembro de 2008. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]