Oroxenia alleghaniana
A oroxenia alleghaniana ou oroxenia apalache é un dos episodios xeolóxicos de formación de montañas que formaron as montañas dos Apalaches e as montañas Allegheny (tamén escritas Alleghany). O termo e ortografía Alleghany orogeny foi proposto orixinalmente por H.P. Woodward en 1957.
A oroxenia alleghaniana ocorreu aproximadamente desde hai 325 a 260 millóns de anos [1] en polo menos cinco episodios de deformación [2] do Carbonífero ao Permiano. A oroxenia foi causada polo choque de África contra Norteamérica. Naquel momento, estes continentes non existían na súa forma actual: Norteamérica formaba parte do supercontinente de Laurusia (Euramérica), mentres que África formaba parte de Gondwana. Esta colisión formou o supercontinente Panxea, que contiña todas as principais masas continentais que había daquela. A colisión provocou a oroxenia: exerceu unha enorme tensión no que hoxe é a costa leste dos Estados Unidos de Norteamérica, formando unha ampla cadea montañosa.[3] As probas da oroxenia alleghaniana esténdense centos de quilómetros pola superficie desde Alabama a Nova Jersey e poden ser trazadas na subsuperficie cara ao suroeste. No norte, a derformación alleghaniana esténdese ao noroeste ata a illa de Terra Nova. A posterior erosión desgastou a cadea montañosa e os sedimentos se espallaron ao leste e oeste da cadea.
Choque continental
[editar | editar a fonte]A inmensa rexión implicada no choque continental, a ampla duración temporal da oroxenia e o grosor da pía de sedimentos e rochas ígneas son probas do proceso de creación de montañas, os Apalaches probablemente chegaron a alcanzar alturas similares ás dos Alpes e as Montañas Rochosas antes de que fosen erosionadas.[4][5]
A medida que chocaban os continentes, o material rochoso atrapado entre eles foi esmagado e forzado a elevarse. As rochas que estaban ao longo da beira leste de Norteamérica foron empurradas ao interior (o mesmo ocorreu na dirección oposta ao longo da beira africana, formando os montes Atlas de Marrocos e o oeste do Sáhara).[6] Preto da fronteira entre as placas en colisión, as tensións tectónicas contribuíron ao metamorfismo das rochas.
As rochas sedimentarias do leste da rexión da cunca dos Apalaches foron exprimidas orixinando grandes dobramentos que discorrían perpendicularmente á dirección das forzas. A maior cantidade de deformación asociada coa oroxenia alleghaniana tivo lugar nos Apalaches do sur (Carolina do Norte, Tennessee, Virxinia e Virxinia Occidental). Nesa rexión, orixináronse unha serie de grandes fallas ademais dos dobramentos. A medida que chocaban os dous continentes amoreábanse grandes cintos de rochas limitados por acabalgamentos uns sobre os outros, acurtando a codia ao longo do bordo leste de Norteamérica na rexión de Carolina do Norte e Tennessee nuns 320 km. A cantidade relativa de deformación diminúe gradualmente a medida que nos desprazamos cara ao norte. O cinto de dobramento esténdese cara ao norte a través de Pennsilvania e gradualmente vai desaparecendo na veciñanza da fronteira co estado de Nova York. As montañas Kittatinny no noroeste de Nova Jersey marcan a extensión máis ao nordeste dos altos cumes da Provincia de Valley and Ridge. A influencia da deformación alleghaniana sobre a rexión leste da Provincia de Valley and Ridge debeu de ter sido aínda máis intensa; porén, hai poucas probas que se conservasen. As rochas do Mississippiano, Pennsilvaniano e Permiano desapareceron na costa leste.[6]
Etapa erosiva
[editar | editar a fonte]As montañas formadas pola oroxenia alleghaniana foron orixinalmente moi altas e esgrevias,[7][8] pero na nosa época están xa moi erosionadas e só quedan uns poucos restos do que foron: os outeiros moi erosionados do Piedmont. Os sedimentos que foron transportados ao leste formaron a chaira costeira e parte da plataforma continental. Así, a chaira costeira e o Piedmont son en gran medida os subprodutos da erosión que tivo lugar desde hai uns 150 millóns de anos e que aínda continúa.
Os sedimentos que foron transportados ao oeste formaron a meseta de Allegheny e a meseta de Cumberland, que nalgunhas áreas son denominadas popularmente montañas, pero que realmente son simplemente mesetas erosionadas e elevadas.[9]
Unha porción do sistema de montañas alleghanianas quedou en África cando se fragmentou a Panxea e se empezou a formar o océano Atlántico. Hoxe, esta forma as montañas do Anti-Atlas de Marrocos. O Anti-Atlas foi elevado xeoloxicamente en tempos relativamente recentes, e as súas montañas están hoxe moito máis robustas e esgrevias que os seus parentes que quedaron en América.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Hatcher, R.D. "Tracking lower-to-mid-to-upper crustal deformation processes through time and space through three Paleozoic orogenies in the Southern Appalachians using dated metamorphic assemblages and faults". Geological Society of America Abstracts with Programs. Geological Society of America. Arquivado dende o orixinal o 06 de agosto de 2018. Consultado o 2012-01-23.
- ↑ Bartholomew, M.J., and Whitaker, A.E., 2010, The Alleghanian deformational sequence at the foreland junction of the Central and Southern Appalachians in Tollo, R.P., Bartholomew, M.J., Hibbard, J.P., and Karabinos, P.M., eds., From Rodinia to Pangea: The Lithotectonic Record of the Appalachian Region, GSA Memoir 206, p. 431-454.
- ↑ Este artigo incorpora material en dominio público do documento do National Park Service: "Geology of Manassas National Battlefield Park". [1] "Geology of Manassas National Battlefield Park"
- ↑ Berardelli, Phil (2009-11-02). "The Mountains That Froze the World". Science magazine. AAAS. Arquivado dende o orixinal o 09 de setembro de 2012. Consultado o 05 de agosto de 2018.
- ↑ "Geology of the Great Smoky Mountains". USGS. Arquivado dende o orixinal o 17 de xaneiro de 2013. Consultado o 2012-04-04.
- ↑ 6,0 6,1 Este artigo incorpora textos do USGS en dominio público do documento: "Regional Province: Valley and Ridge Province"
- ↑ "Mesozoic Basins". Geology of National Parks, 3D and Photographic Tours. USGS. 21 Aug 2013.
- ↑ Fichter, Lynn S. (1999). "Cross Section K, The Late Paleozoic Alleghanian Orogeny". The Geological Evolution of Virginia and the Mid-Atlantic Region. James Madison University. Arquivado dende o orixinal o 14 de decembro de 2014. Consultado o 05 de agosto de 2018.
- ↑ Manning, Russ (1999). The Historic Cumberland Plateau: An Explorer's Guide. University of Tennessee Press. p. 6.