Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Pecten jacobaeus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Pecten jacobaeus
Vieira

Rango fósil: plioceno - actualidade

Valva superior de Pecten jacobaeus
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Mollusca
Clase: Bivalvia
Subclase: Pteriomorphia
Orde: Ostreida
Suborde: Pectinina
Superfamilia: Pectinoidea
Familia: Pectinidae
Xénero: Pecten
Especie: P. jacobaeus
Nome binomial
Pecten jacobaeus
(Linnaeus, 1758)
Sinonimia
Véxase o texto

Pecten jacobaeus é unha especie de molusco bivalvo mariño da subclase dos pteriomorfios, orde dos ostreidos, superfamilia dos pectinoideos e familia dos pectínidos,[1] unha das 15 integradas actualmente (2020) no xénero Pecten.[2]

Moi semellante a Pecten maximus, é coñecida na bibliografía internacional como vieira do Mediterráneo, debido á súa área de distribución.

Moitas veces ambas as especies confúndense, porque nas partes comúns das súas distribucións, desenvolvéronse individuos híbridos.[3]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1758 por Linnaeus na 10ª edición do seu Systema Naturae,[4] baixo o nome de Ostrea jacobaea.[1]

Sinónimos

[editar | editar a fonte]

Ademais de polo seu nome actualmente válido, a especie coñceuse tamén polos seguintes sinónimos:[1]

  • Ostrea jacobaea Linnaeus, 1758 (protónimo)
  • Pecten intermedius Monterosato, 1899
  • Pecten jacobeus (Linnaeus, 1758) (erro ortogáfico)
  • Vola jacobea (Linnaeus, 1758)
  • Vola jacobea var. striatissima Foresti, 1876

Características

[editar | editar a fonte]

Pecten jacobaeus pode alcanzar un tamaño máximo de 15 cm. As dúas valvas son asimétricas. A inferior (a dereita), sobre a cal o animal descansa no fondo do substrato, é moi convexa e de cor clara, branca cremosa, mentres que a superior (a esquerda) é plana e de cor apardazada. Ambas as valvas mostran de 14 a 16 costelas radiais, cunha sección transversal máis ou menos rectangular. O interior das valvas é branco anacarado.

Este molusco ten no bordo do manto numerosos tentáculos curtos, que lles serven para decectaren estímulos químicos, entre os cales hai un total de 60 ollos diminutos sensíbeis á luz.[3]

Ao pechar rapidamente as dúas valvas, pode desprazarse varios metros en caso de perigo.

Hábitat e distribución

[editar | editar a fonte]

Pecten jacobaeus vive sobre substratos brandos (area, areas de cunchas ou fondos lamacentos), xeralmente entre os 15 e os 50 m de profundidade. O animal descansa sobre a súa valva convexa (a dereita).[3]

Distribución

[editar | editar a fonte]

Esta especie parece ser endémica de todo o mar Mediterráneo,[5] incluído o mar Negro, pero tamén se encontra no océano Atlántico, desde as costas de Portugal até as de Marrocos.

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

Nutrción

[editar | editar a fonte]

Esta vieira é un animal planctonófago e detritívoro, é dicir, aliméntase de organismos planctónicos e de partículas de materia orgánica en suspensión. É un molusco puramente filtrante, xa que atrapa o seu alimento filtrando a auga de mar coas súas branquias. O seu alimento principal son algas microscópicas.[3]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Pecten jacobaeus é un animal hermafrodita. Alcanza a madurez sexual entre os 2 e os 4 anos de vida. A glándula xenital única (ben coñecida polos gastrónomos co nome de coral), está formada por unha parte masculina branca e unha parte feminina alaranxada. Os gametos prodúcense sucesivamente para evitar a autofecundación. Despois da desova, a fecundación é externa e as larvas son transportadas no plancto e a metamorfose prodúcese entre as 3 e as 4 semanas. Cando alcanzan entre 20 e 30 mm, a pequena cuncha fíxase ao substrato mediante un biso que logo perde.[3]

  1. 1,0 1,1 1,2 Pecten jacobaeus (Linnaeus, 1758) no WoRMS. Consultado o 28 de xaneiro de 2020.
  2. Pecten O. F. Müller, 1776 no WoRMS. Consultado o 28 de xaneiro de 2020.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Coquille Saint-Jacques de Méditerranée. Pecten jacobaeus (Linnaeus, 1758) no DORIS (Données d'Observations pour la Reconnaissance et l'Identification de la faune et la flore Subaquatiques). Consultado o 28 de xaneiro de 2020.
  4. Linnaeus, C. 1758.
  5. Pecten jacobaeus (Linnaeus, 1758) en Pectensite.com

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]