Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Pigmalión

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pigmalión e Galatea, por Anne-Louis Girodet, 1819, óleo sobre tea, Museo do Louvre

Pigmalión foi, segundo a mitoloxía grega, un rei de Chipre que, ademais de ser sacerdote, era tamén un magnífico escultor. A súa obra superaba en habilidade incluso a de Dédalo, o célebre construtor do Labirinto. Salientaba sempre pola súa bondade e sabedoría á hora de gobernar.

Durante moito tempo Pigmalión tiña buscado esposa, cuxa fermosura debería corresponder coa súa idea da muller perfecta. Finalmente decidiu que non casaría, senón que dedicaría o seu tempo e o amor que sentía interiormente á creación das máis belas estatuas.

Deste xeito realizou a estatua dunha moza, á que chamou Galatea, tan perfecta e tan fermosa que acabou namorándose dela perdidamente. Mesmo soñou que a estatua cobraba vida.

Cando despertou, en lugar da estatua atopouse con Afrodita, que lle dixo: "Mereces a felicidade, unha felicidade que ti mesmo plasmaches. Aquí tes a raíña que estabas a buscar. Amaa e defendea do mal". Desta maneira Galatea ficou transformada nunha muller real.

Pigmalionismo

[editar | editar a fonte]

Esta narración deu nome ao pigmalionismo, atracción polas estatuas, motivo recorrente para explicar o nacemento da vida artificial e a fascinación dos artistas polas súas musas e obras. En Psicoloxía, co termo Efecto Pigmalión, indícase a adaptación ilusoria da realidade consonte as nosas propias expectativas.

Pygmalion de G.B.Shaw

[editar | editar a fonte]

George Bernard Shaw (1856-1950) creou unha comedia co título do rei mítico (Pygmalion, 1913). Nela un profesor de lingüística, Henry Higgins, educa unha fermosa moza, Eliza Doolittle, cuxa baixa extracción social se mostra a través da súa fala xergal, transformándoa nunha exquisita dona que pasa a dominar a lingua de rexistro culto. Higgins resulta un pigmalión pedagóxico, un descubridor de talentos ocultos. Mais Eliza, incontrolábel, acaba por prometerse cun personaxe insulso. Como na novela gótica, a criatura rebélase contra o seu creador, que acaba sendo un antiheroe.

Versións cinematográficas

[editar | editar a fonte]

A obra de Shaw foi levada ao cine máis dunha vez. Entre as adaptación máis coñecidas están a de Anthony Asquith e Leslie Howard de 1938 (Pygmalion) e a adaptación musical de George Cukor de 1956 (My Fair Lady), protagonizada por Audrey Hepburn e Rex Harrison.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Artigos relacionados

[editar | editar a fonte]