Raposa do aire
A raposa do aire[1] é un ser imaxinario propio da mitoloxía galega.[2] Non ten case nunca forma visible. É un berro dunha alma en pena con forma de raposa que bota bafaradas de lume pola boca e polos ollos. Preséntase na porta dos defuntos de alma moura e agarda por eles para llos levar ao demo.[2] Cando berra, xa está morta a persoa de que se trate. Pode ter voz de diferentes animais, e mesmo de gargalladas ou laios de neno.[2]
Nomes
[editar | editar a fonte]Tamén se coñece como raposa facheira, raposa de Morás, das Mordazas, das mordanzas, do Morrazo, dos morganzos, dos mornacos, de morrazos,[3] de morillas, cabra ou zorra que canta coma un galo, entre outros.[2] A raposa facheira recibe o seu nome polo lume que bota pola boca.[2]
Na tradición oral
[editar | editar a fonte]Nos fondos documentais que forman o Mapa sonoro de Galicia atópase unha recollida de 1993 que fala sobre a "raposa dos morrazos".[3] A informante é unha labrega anciá de Soutullo (Erbecedo, Coristanco) que relata o seguinte:
Chamábanlle a raposa de morrazos. È víana moitos, eu nunca a vin. È nôs, ibamos ó muíño de noite, moito de noite. Se cadra inda ibamos durmir un anaco è levantabámonos è ibamos ó muíño. È por aquí abaixo, berraba un bicho. Pò nôs nunca vimos, unhas carpas si, que as sentimos, moitas veces. Pò disque bota lume pola boca, è nôs buè[no], tamên non miramos moito, pa riba.
ê coma un, nin ê animal nin ê cristiano, así da feghura dun... aghora que aí en Cereixa, estaban sentados ó, ó, no vran, así a, è víana todos, pasaba: Rrr, rrr! Ueee, ueee, ueee!
Vin quèn-as viu. Amais òíno, quèn-as viu; pò eu nunca as vin porque, nôs, sentíaamos esas ghritas de noite, aló ás tantas da noite cando ibamos ó muíño moitas veces, prò, non, nunca, non, o que èra n’o vimos. Aghora que, aseghún decía a xente, as ghritas èran coma as dèla. Bèrra ighual cá raposa.
Gravación e transcrición: A. X. Canosa Rodríguez. Compiladores: Francisco Fernández Rei e Carme Hermida Gulías.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Voces de aquí e acolá: Do golpe ao raposo". portaldaspalabras.gal. Consultado o 19 de febreiro de 2023.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 (Cuba, Miranda & Reigosa 2022, pp. 214-215)
- ↑ 3,0 3,1 "A raposa de morrazos". mapasonoro.consellodacultura.gal. Consultado o 19 de febreiro de 2023.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cuba, Xoán Ramiro; Miranda, Xosé; Reigosa, Antonio (2022). Dicionario dos seres míticos galegos. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-1110-072-4.
- Otero, Aníbal (1977). Universidade de Santiago de Compostela, ed. Vocabulario de San Jorge de Piquín.