Location via proxy:   [ UP ]  
[Report a bug]   [Manage cookies]                
Saltar ao contido

Revolta de Haymarket

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A revolta de Haymarket foi un feito histórico que tivo lugar en Haymarket Square (Chicago, Estados Unidos) o 4 de maio de 1886, e que foi o punto álxido dunha serie de protestas que desde o 1 de maio se produciran en apoio ós obreiros en folga, para reivindicar a xornada laboral de oito horas. Durante unha manifestación pacífica un descoñecido lanzou unha bomba á policía, que intentaba disolver o acto de forma violenta. Isto desembocou nun xuízo, anos despois cualificado de ilexítimo e deliberadamente malintencionado, contra oito traballadores anarquistas, onde cinco deles foron condenados a morte (un deles suicidouse antes de ser executado) e tres foron recluídos. Foron denominados Mártires de Chicago polo movemento obreiro.

Posteriormente este feito deu lugar á conmemoración do 1 de maio, orixinalmente por parte do movemento obreiro, e actualmente considerado na gran maioría dos países democráticos (agás os Estados Unidos, o Reino Unido e o Principado de Andorra), o Día internacional dos traballadores.

Placa conmemorativa do goberno de Chicago dedicada ós traballadores involucrados no incidente de Haymarket, os mártires de Chicago

O contexto

[editar | editar a fonte]

Os feitos que deron lugar a esta revolta están contextualizados nos albores da revolución industrial nos Estados Unidos. A finais do século XIX Chicago era a segunda cidade dos Estados Unidos. Do oeste e do sueste chegaban cada ano por ferrocarril miles de gandeiros desocupados, creando as primeiras vilas humildes que albergarían a centos de miles de traballadores. Ademais, estes centros urbanos acolleron a emigrantes chegados de todo o mundo ó longo do século XIX.

A reivindicación da xornada laboral de oito horas

[editar | editar a fonte]
Conmemoración do centenario da revolta de Haymarket en maio de 1986, no camposanto Waldheim (Chicago)

Unha das reivindicacións básicas dos traballadores era a xornada de oito horas. O facer valer a máxima oito horas para o traballo, oito horas para o soño e oito horas para a casa. Nese contexto producíronse varios movementos. En 1829 formouse un movemento para solicitar á lexislatura do Estado de Nova York a xornada de oito horas.

Anteriormente existía unha lei que prohibía traballar máis de dezaoito horas, agás caso de necesidade. Se non había tal necesidade, calquera funcionario dunha compañía de ferrocarril que obrigase un maquinista ou fogueiro a traballar xornadas de dezaoito horas diarias debía pagar unha multa de vinte e cinco dólares. O movemento sindical no Canadá iniciou unha campaña similar a partir de 1872 a favor do día laboral limitado e dos dereitos sindicais, que se obtiveron nesa mesma década.

A maioría dos obreiros estaban afiliados ó Knights of Labor, de forte influencia anarquista, pero tiña máis preponderancia a Federation of Organized Trades and Labor Unions. No seu cuarto congreso, o 17 de outubro de 1884, resolveron que desde o 1 de maio de 1886 a duración legal da xornada de traballo debería ser de oito horas. En caso de non obter resposta a este reclamo, se iría á folga. Recomendaba a tódalas unións sindicais a tratar de facer promulgar leis con ese contido en tódalas súas xurisdicións. Esta resolución espertou o interese de tódalas organizacións, que vían que a xornada de oito horas posibilitaría obter maior cantidade de postos de traballo (menos desocupación). Eses dous anos acentuaron o sentimento de solidariedade e acrecentou a combatividade dos traballadores en xeral.

En 1886 o presidente dos Estados Unidos Andrew Johnson promulgou a chamada Lei Ingersoll, establecendo as oito horas de traballo diarias. Ó pouco tempo dezanove estados sancionaron leis que permitían traballar xornadas máximas de oito e dez horas (aínda que sempre con cláusulas que permitían facer traballar ós obreiros entre catorce e dezaoito horas). As condicións de traballo eran similares, e as condicións en que se vivía seguían sendo insoportables.

Como a Lei Ingersoll non se cumpría, as organizacións laborais e sindicais dos Estados Unidos se mobilizaron. A prensa cualificaba o movemento en demanda das oito horas de traballo como "indignante e irrespetuoso", "delirio de lunáticos pouco patriotas", e manifestando que era "o mesmo que pedir que se pague un salario sen cumprir ningunha hora de traballo".

Os feitos

[editar | editar a fonte]

A convocatoria da folga

[editar | editar a fonte]

A Knights of Labor (a principal organización de traballadores dos Estados Unidos) remitiu unha circular a tódalas organizacións adheridas, onde manifestaba: "Ningún traballador adherido a esta central debe facer folga o 1° de maio, xa que non dimos ningunha orde ó respecto". Este comunicado foi rexeitado de plano por tódolos traballadores dos Estados Unidos e o Canadá, que repudiaron ós dirixentes da Nobre Orde por traidores ó movemento obreiro.

Na prensa de días antes da folga, o 29 de abril de 1886, podíase ler: "Ademais das oito horas, os traballadores van esixir todo o que poidan suxerir os máis tolos anarco-socialistas". O New York Times dicía:

As folgas para obrigar ó cumprimento das oito horas poden facer moito para paralizar a nosa industria, diminuír o comercio e frear a renacente prosperidade da nosa nación, pero non lograrán o seu obxectivo.

O Filadelfia Telegram dicía:

O elemento laboral foi picado por unha especie de tarántula universal e se toleou de vez: pensa precisamente nestes momentos en iniciar unha folga polo logro do sistema das oito horas.

O Indianápolis Journal dicía:

Os desfiles nas rúas, as bandeiras vermellas, as fogosas arengas de truáns e demagogos que viven dos impostos de homes honestos pero enganados, as folgas e ameazas de violencia, sinalan a iniciación do movemento.

Do 1 ó 3 de maio

[editar | editar a fonte]

O 1 de maio de 1886 200.000 traballadores iniciaron a folga, mentres que outros 200.000 obtiñan esa conquista coa simple ameaza do paro.

En Chicago, onde as condicións de traballo eran moito peores que noutras cidades, as mobilizacións seguiron os días 2 e 3 de maio. A única fábrica que traballaba era a fábrica de maquinaria agrícola McCormick, que estaba en folga desde o 16 de febreiro porque querían descontar ós obreiros unha cantidade para a construción dunha igrexa. A produción mantíñase a base de crebafolgas. O día 2 a policía disolvera violentamente unha manifestación de máis de 50.000 persoas, e o día 3 tivo lugar unha concentración fronte ás súas portas. Cando estaba na tribuna o anarquista August Spies soou a sirena de saída dunha quenda de rompefolgas. Os concentrados lanzáronse sobre os scabs (amarelos), comezando unha pelexa campal. Unha compañía de policías, sen previo aviso, procedeu a disparar a queimarroupa sobre a xente, producindo seis mortos e varias ducias de feridos.

Adolph Fischer, redactor do periódico Arbeiter Zeitung, correu cara á imprenta do periódico para imprimir 25.000 folletos (feito que logo se utilizaría como principal proba acusatoria no xuízo que o levou á forca). O texto era:

Traballadores: a guerra de clases comezou. Onte, fronte á fábrica McCormick, fusilouse os obreiros. O seu sangue pide vinganza!

Quen poderá dubidar xa que os chacais que nos gobernan están ávidos de sangue traballador? Pero os traballadores non son un rabaño de carneiros. Ó terror branco respondamos co terror vermello! É preferible a morte cá miseria.
Se se fusila os traballadores, respondamos de tal xeito que os amos o recorden por moito tempo.
É a necesidade o que nos fai gritar: Ás armas!
Onte, as mulleres e os fillos dos pobres choraban ós seus maridos e ós seus pais fusilados, en tanto que nos pazos dos ricos se enchían vasos de viño custosos e se bebía á saúde dos bandidos da orde...
Secade as vosas bágoas, os que sufrides!

Tede coraxe, escravos! Erguédevos!

A proclama terminaba convocando un acto de protesta para o día seguinte, o 4 de maio, á catro da tarde, en Haymarket Square. Conseguiuse un permiso do alcalde Harrison para facer un acto ás 19.30.

4 de maio, día da revolta

[editar | editar a fonte]
Gravado coa explosión na Revolta de Haymarket

O 4 de maio ás 21.30 o alcalde, que estivera presente no acto de Haymarket Square para garantir a seguridade dos obreiros, deuno por terminado. Pero o mesmo seguiu con gran parte da concorrencia (máis de 20.000 persoas). O inspector da policía John Bonfield considerou que, rematado o acto, non debía permitir que os obreiros seguisen nese lugar, e xunto a 180 policías uniformados avanzou cara ao parque e empezou a reprimilos. De repente estalou entre os policías un artefacto explosivo que matou o oficial Degan e produciu feridas noutros. A policía abriu fogo sobre a multitude, matando e ferindo a un número descoñecido de obreiros. Declarouse o estado de sitio e o toque de queda, e nos días seguintes detívose a centenares de obreiros, que foron golpeados e torturados, acusados do asasinato do policía. Realizáronse gran cantidade de violacións de domicilios e inventáronse descubrimentos de arsenais de armas, municións, acochos secretos e mesmo "un molde para fabricar torpedos navais".

A campaña de prensa

[editar | editar a fonte]

A prensa en xeral pregouse á represión e realizou unha campaña apoiando e animando a esta con columnas como esta:

Que mellores sospeitosos que a plana maior dos anarquistas. Á forca os brutos asasinos, rufiáns roxos comunistas, monstros sanguinarios, fabricantes de bombas, xentalla que non son outra cousa que o detrito de Europa que buscou as nosas costas para abusar da nosa hospitalidade e desafiar a autoridade da nosa nación, e que en todos estes anos non fixeron outra cousa que proclamar doutrinas sediciosas e perigosas!

A prensa reclamaba un xuízo sumario por parte da Corte Suprema, e responsabilizaba a oito anarquistas e a tódalas figuras prominentes do movemento obreiro. Continuouse coa detención de centos de traballadores en calidade de sospeitosos.

O 21 de xuño de 1886 iniciouse a causa contra 31 responsables, sendo logo reducido o número a 8. Malia que o xuízo foi en todo momento unha farsa e se realizou sen respectar norma procesual algunha, a prensa amarela sostiña a culpabilidade de tódolos acusados, e a necesidade de aforcar os estranxeiros[Cómpre referencia]. Malia que nada se puido probar na súa contra, os oito de Chicago foron declarados culpables, acusados de seren inimigos da sociedade e a orde establecida. Tres deles foron condenados a prisión e cinco á forca.

Na actualidade considérase que o seu xuízo estivo motivado por razóns políticas e non por razóns xurídicas. Xulgouse a súa orientación política libertaria e a súa condición de obreiros rebeldes, non o incidente en si mesmo.

As condenas

[editar | editar a fonte]
Afiche en simpatía cos anarquistas de Chicago, por Walter Crane
Falarei pouco, e seguramente non despegaría os beizos se o meu silencio non se puidese interpretar como un covarde asentimento á comedia que se acaba de desenvolver. O que aquí se procesou é a anarquía, e a anarquía é unha doutrina hostil oposta á forza bruta, ó sistema de produción criminal e á distribución inxusta da riqueza. Vostedes e só vostedes son os axitadores e os conspiradores.
Michael Swabb

O 11 de novembro de 1887 consumouse a execución de:

Só teño que protestar contra a pena de morte que me impoñen porque non cometín ningún crime... pero se debo ser aforcado por profesar as miñas ideas anarquistas, polo meu amor á liberdade, á igualdade e á fraternidade, entón non teño inconveniente. Dígoo ben alto: dispoñan da miña vida
Adolf Fischer
  • Albert Parsons: xornalista estadounidense de 39 anos, esposo da mexicana Lucy González Parsons. Aínda que se probou que non estivo presente no lugar, entregouse para estar cos seus compañeiros e foi xulgado igualmente:
O principio fundamental da anarquía é a abolición do salario e a substitución do actual sistema industrial e autoritario por un sistema de libre cooperación universal, o único que pode resolver o conflito que se prepara. A sociedade actual só vive por medio da represión, e nós aconsellamos unha revolución social dos traballadores contra este sistema de forza. Se vou ser aforcado polas miñas ideas anarquistas, está ben: mátenme.
Albert Parsons
Honorable xuíz, a miña defensa é a súa propia acusación, os meus pretendidos crimes son a súa historia. [...] Pode sentenciarme, pero polo menos que se saiba que no estado de Illinois oito homes foron sentenciados por non perder a fe no último triunfo da liberdade e a xustiza
Hessois Auguste Spies
Non, non é por un crime polo que nos condenan a morte, é polo que aquí se dixo en tódolos tons: condénannos a morte pola anarquía, e xa que se nos condena polos nosos principios, eu grito ben forte: Son anarquista! Desprézoos, desprezo a súa orde, as súas leis, a súa forza, a súa autoridade. Afórquenme!
Louis Linng

Relato da execución por José Martí, correspondente en Chicago do periódico La Nación de Buenos Aires:

...salen de sus celdas. Se dan la mano, sonríen. Les leen la sentencia, les sujetan las manos por la espalda con esposas, les ciñen los brazos al cuerpo con una faja de cuero y les ponen una mortaja blanca como la túnica de los catecúmenos cristianos. Abajo está la concurrencia, sentada en hilera de sillas delante del cadalso como en un teatro... Firmeza en el rostro de Fischer, plegaria en el de Spies, orgullo en el del Parsons, Engel hace un chiste a propósito de su capucha, Spies grita: "la voz que vais a sofocar será más poderosa en el futuro que cuantas palabras pudiera yo decir ahora». Les bajan las capuchas, luego una seña, un ruido, la trampa cede, los cuatro cuerpos caen y se balancean en una danza espantable...
José Martí

O crime de Chicago custou a vida de moitos traballadores e dirixentes sindicais. Non existe un número exacto, pero foron miles os despedidos, detidos, procesados, feridos de bala ou torturados. A maioría eran inmigrantes: italianos, españois, alemáns, rusos, irlandeses, xudeus, polacos e eslovacos.

Consecución da xornada laboral de oito horas

[editar | editar a fonte]

A finais de maio de 1886 varios sectores patronais accederon a outorgar a xornada de oito horas a varios centenares de miles de obreiros. O éxito foi tal que a Federación de Gremios e Unións Organizadas expresou o seu xúbilo con estas palabras: "Xamais na historia deste país houbo un levantamento tan xeral entre as masas industriais. O desexo dunha diminución da xornada de traballo impulsou a millóns de traballadores a se afiliaren nas organizacións existentes, cando ata agora permaneceran indiferentes á axitación sindical".

Monumentos

[editar | editar a fonte]
Traballadores terminan de instalar un monumento á policía de Chicago, 1889
O pedestal sen estatua en 1986. Actualmente o pedestal foi retirado
Placa do pedestal da escultura do Haymarket Memorial. O nome do alcalde foi borrado e o selo da cidade cuberto cun a circulado

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]